segunda-feira, 22 de outubro de 2012

Eleccións galegas 2012

Que foi! Que foi o que pasou?

Hai quen non o entende. Polo que, con pena e sorpresa, xorde en moitos esta pregunta. Vou tentar de entender, e explicar quizais a outros, que foi o que pasou.

As vellas herdanzas

Para comezar, nada se pode explicar se non o referirmos a uns pousos ou antecedentes que aí están, vellos, seculares. Galicia vén sendo material e mentalmente sometida desde hai séculos á economía, a política e a ideoloxía españolistas. Non hai volta de folla. Os de alá entraron acá desde o século XIV e foron paulatinamente facéndose cos bens, coas ideas e coas persoas, principalmente coa pequena parte de poboación urbana autóctona, pois esta, por interese ou por engano, mesturouse –mestizouse– e consolidouse, fíxose unha, cos que viñeran de fóra mandar en nós e aproveitarse. A maior parte da “pobre” burguesía galega é herdeira desa vella herdanza.
En segundo lugar, esta mestiza poboación urbana e a súa mentalidade, incluídas a lingua e ideoloxía, acadaron a admiración e o desexo de imitación e conquista por parte das camadas suburbanas e rurais de Galicia. Aínda hoxe, fágase  a proba de preguntar: Quen, pertencente a esas clases baixas, rexeita a súa asimilación ou inclusión na sociedade chic dos vilegos e vilegas e dos a eles asimilados en diñeiro, modos de vida, poder e lingua –a lingua castelá, claro está?
Alguén se encontrará, sen dúbida. Unha minoría, porén. Persoas con boa capacidade de análise social, asunción de valores igualitarios e vontade de crítica e cambio das vellas estruturas de dominación. Esas persoas, as conscientes e humanitarias, en primeiro lugar. Tales condicións, de seu, non poden ser senón escasas, minoritarias.
Logo, alguén se encontrará tamén que non se deixe levar daqueles desexos de asimilación,  por algunha outra razón, como podería ser unha ideoloxía esquerdista inducida sen demasiada conciencia ou, se cadra, tamén un negativismo radical máis ou menos fundamentado.
O caso é que tanto a burguesía brevemente descrita enriba como a grande masa dos admiradores dos seus valores e ideoloxía tenden, por coherencia de uns co seu status e de outros  coas súas aspiracións, a se sentiren protexidos só ou moi preferentemente polos partidos españolistas de dereitas ou de centro esquerda. E tal tendencia é de raíz ideolóxica principalmente. 
Secundariamente hai motivos doutro tipo. Entre estes están os de relación clientelar e caciquil, que se manifesta na consecución por vías irregulares de: asfaltado de camiños e campos de festa, subvencións das deputacións a asociacións veciñais ou culturais e ás comisións de festas, colocacións dos fillos en postos de traballo, recomendacións en oposicións, etc. A rede así tecida é constrinxente e influente. Aínda que isto poida soar a que describimos unha situación pretérita e predemocrática, cómpre recoñecer con máis ou menos vergoña que é real e podente hoxe en día, e sobre todo aquela que depende ou se nuclea arredor do Partido Popular. O carrexo de votos, fenómeno evidente e innegábel, opera no interior desta rede; aínda que na eficacia da rede en canto á atracción de votos, a atribuíbel ao carrexo supón soamente unha pequena parte. 
Finalmente, debe entenderse que os medios de comunicación e os demais instrumentos de creación de opinión están, e desde hai uns anos moito máis, nas mans daquela burguesía. Así que, por estoutra banda, ben se ve que influencias se pode esperar deles en canto a orientar o voto popular. E logo, a igrexa galega institucional. Pois xa se sabe con quen está, cos que non a contradín; aínda que logo fagan o contrario do que din. É dicir, en Galicia, co PP.

A mala experiencia do bipartito

A verdade completa é que non foi unha experiencia tan mala como pareceu nin, moito menos, como pregoou daquela, e aínda onte, o PP. Mais non foi boa, hai que o recoñecer. 
As diferenzas entre o sector do PSOE e o do BNG no goberno bipartito non foron tantas nin tan obtusas como a lectura interesada do PP lle fixo ver á xente. Algunhas certamente foron soadas, por culpa dos propios conselleiros, secretarios e subsecretarios. Despois os medios de comunicación encargáronse de as airear e avultar.
Unha delas, a máis prexudicial polo ruído e pola proximidade ás eleccións de 2009, foi a referente ao concurso eólico. O candidato do PSOE a estas do 2012 rexía a consellería que máis receos e atrancos opuxo, e isto sen ningún disimulo, ás decisións do seu propio goberno referentes a aquel concurso eólico convocado desde a de Industria rexida polo BNG.  Tal concurso, segundo as posteriores avaliacións económicas, ía ser moi beneficioso para Galicia e, segundo as sentencias xudiciais que recaeron tras a súa denuncia e anulación polo goberno de Feixoo, resulta que as súas adxudicacións eran plenamente legais. Por aquel PSOE e este PP, Galicia deixou de ser dianteira na produción de enerxía eólica e por riba aínda vai haber que pagar indemnizacións millonarias ás empresas que gañaran o concurso.
As diferenzas e contradicións do bipartito foran gravemente esaxeradas pola propaganda do PP. Sobre todo na campaña pouco limpa e moi mentireira que este partido fixo para o 2009, con grande éxito, xa se viu. Desta vez non fixo falta tanta mentira. Mais a vella vacina aínda era activa no corpo de moita xente. A simple suxestión de que a alternativa ao PP sería outro goberno bipartito, mesmo multipartito –falaron a eito de un formado por cinco partidos, aínda que como moito seríao de tres candidaturas– foi eficaz. Así conseguiron que moitísimos votantes potenciais do PSOE se abstivesen ou votasen por Alternativa Galega de Esquerdas.
O relativo éxito desta nova candidatura é facilmente explicábel. Recibiu varias achegas ou contribucións de grupos de votantes. Un deses grupos é o de votantes anteriores do PSOE, de tendencia máis esquerdista do que centrista e que, na súa maioría, irían a Esquerda Unida se esta non formase parte da Alternativa Galega de Esquerdas.  O dos fieis tradicionais de EU tamén os conto, claro está; aínda que coido que a súa achega foi a máis feble. Outro grande grupo, coido que o continxente maioritario, foi de antigos votantes do BNG,  persoas que cambiaron o seu voto ou por seren partidarios de Beiras e os Irmandiños na liorta pola que estes deixaran o Bloque, ou porque entenden que Beiras fará unha oposición moi efectiva e potente, ou porque –estes serían os menos– desconfiaban, ou ata renegaban, dun posíbel bipartito.
Referente a esta última razón, fun hai unha semana testemuña e ata partícipe de certa conversa entre varias persoas que, segundo sei ou confesan, adoitan votar BNG. Discorría a leria entre eles sobre as previsións do que podería pasar se o PP perdese a maioría absoluta. Dábase por suposto que Beiras acadaría un bo resultado, uns seis ou sete escanos segundo lle atribuían as últimas enquisas. Consideráronse todas as posibilidades. Excluíuse case con seguridade a de Beiras entrar no goberno, prevendo que o multipartito resultante sería disfuncional. Temíase un bipartito PSOE-BNG porque, á marxe das diferenzas entre eles, dificilmente poderían aturar unha dura oposición pola dereita e outra forte e intelixente pola esquerda. Conclusión que se tirou daquela conversa e hoxe vexo máis clara: que un goberno de esquerdas nestas circunstancias podía resultar moito peor para Galicia do que a repetición do goberniño de Feixoo, e faría excelente o suposto bigoberno de Touriño. Así o dixo de forma expresa un dos participantes na conversa, e os demais, con maior ou menor convencemento, asentimos ou pouco menos.

A solución menos mala, que pode ser terríbel

Segundo vimos discorrendo, podemos dar por feito que o resultado foi finalmente a solución menos ruín de todas as que podían saír. Isto de ser a menos mala, aínda que mala, dío o mesmo pobo e dino particularmente os propios votantes potenciais do PP, pois unha parte importante deles preferiu absterse antes ca revalidar o seu triunfo. Se aínda así venceu, foi porque moitos máis votantes do PSOE tamén se abstiveron, quizais levados da mesma convicción, a de que a solución PP era a menos mala nas actuais circunstancias. Aquí está con seguridade o quid da explicación. A abstención dos votantes oscilantes, centristas, do PSOE fixo posíbel a vitoria do PP, a solución menos mala para eles e poida que para moitos outros cidadáns.
O peor do caso é que esta solución pode ademais ser terríbel. Se non, convido o lector a moi rapidamente avaliar os danos padecidos por Galicia nos tres anos e medio de goberno de Feixoo. Desde a súa chegada aumentou o paro en maior porcentaxe do que a media do Estado e cada mes están emigrando uns 2000 mozos galegos relativamente ben formados. Nestes tres anos a débeda pública de Galicia case se triplicou e os beneficios non se viron. Nestes tres anos desapareceron unha chea de subvencións culturais ou diminuíron moitísimo, non así outras relacionadas co mantemento da rede clientelar do PP. Nestes tres anos desapareceron a maioría dos poucos, aínda que necesarios, medios de comunicación en galego; se os medios en castelán nunca deixaran de ser asoballantes en dominio, agora son practicamente os únicos, como o eran antes da transición democrática. Nestes tres anos coutouse a promoción pública da lingua galega, aínda que nunca fora grande, contra o que se mentiu desde o goberno de Feixoo e desde a súa base urbana burguesa e empresarial. Durante este goberno e baixo a súa supervisión perdemos as caixas de aforros, e o banco resultante da súa evolución ou dexeneración ten moi malas perspectivas. Nestes tres anos e pico tomáronse graves decisións gobernativas referentes á sanidade e tendentes á súa privatización e empeoramento.
E cando estes e outros moitos males se incrementaren, de quen se queixarán os que os viren? De nós, seguramente, que non o soubemos facer mellor. Porén, como enriba se expuxo, as causas profundas remiten a tempos máis antigos, aqueles en que os nosos devanceiros se deixaron levar á horta sen apenas resistencia. Aínda que nós temos a nosa parte na lea e cada vez está máis claro que non acertamos a desenleala. Pobre de nós e dos que veñan tras nós!