sábado, 30 de janeiro de 2010

The amablingua

Remítemo un amigo, que o recibira de outro:

The amablingua

Xa viña sendo time de que el new president descubrise the magic solution to the cosa de la lengua no Galician Country.

The solution é o chamado “castrapo enriquecido”, al que también chaman “eurocastrapo”, “triglosia feijooooana”, amablingua , “galcasinglish” ou, na Galicia Sur, simplemente “feixoada”.

Basically consiste en ser amables. You are moi amable, in such a way que no ofendas a nobody arround. Because the cosa es no imponer, e se ti escolles one language –only one, ollo!- ti andas imponiéndote que nin a milk! So, first asunto: amabilidade, gentleness e, especially, never, never, never, mesmo nunca, fales only in the regional idioma.

The second cosa vén sendo a closing down das galescolas, que finally serán substituídas by “trilingüelas” (not “bi”, but “tri”), to properly enseñar the new lengua.

This is, efectivamente, the solution to the cuadratura of the circle: combinar a “soberanía lingüística” dos pais, with the deber of promoting e facer normal o galego, sin ofender a la lengua de Rosa Díaz, and also co obxectivo de trilingüizar aos nenos and little girls.
So, a nai escolle, e choose o que choose, sempre ficará happy, ya que a súa escolla is included in the eurocastrapo. In fact, this feixoada is the “tres in one”, very inclusive and amabilismo.

At the same time, the Xunta resolverá o “problem” educativo, sen que such a thing lle supoña un quebranto presupuestario. Efectivamente, as a matter of fact, o novo language non ten a very precise normas, and predomina a única and conocida only norma do “tanto ten, ti vai disimulando”, que se complementa coa de “never rained que non escampara”. Así, the teachers training is going to ser very barrato, barrato, cal carpet of magrebí.

And, by the way, if non caíches na conta, este artículo is the first one written in the new idioma. Buena luck and remember o que di the song: non te warrees, be happy, tra,la,la,la,la,la,la,la….




Xacobeo 2010


sexta-feira, 29 de janeiro de 2010

Igrexa e lingua galega

Copio e encolo. É a verdade.

Igrexa e lingua galega.

PIN MILLARES, XOSÉ MARÍA.-

GALICIA DIXITAL.- venres, 08 de xaneiro de 2010.

Como pode deducirse do encabezado a seguinte reflexión tenta analizar a aceptación e o uso que da Lingua galega ten feito a Igrexa Católica en Galicia na educación e na pastoral, é dicir, na súa parte máis visible.

A Igrexa, como todas as sociedades con estruturas xerárquicas ríxidas, é moi conservadora e, incluso, “conservadura”, as súas actuacións non se encadran en procedementos e métodos democráticos, a comunidade non participa nin ten peso nas grandes decisións. Cando dicimos Igrexa pensamos case exclusivamente en bispos, frades e cregos ás ordes do Papa e da Curia de Roma.A función dos fieis parece reducirse a escoitar caladiños, despois de quitar o pucho e, en todo caso, contribuír con algunha moeda.

En Galicia a Igrexa, ao longo da historia , comportouse coma o resto das institucións aquí instaladas, coma a Xustiza, a Escola, a Administración, o Exército e as clases dirixentes que foron instrumentos de desgaleguización e de esnaquizamento da lingua e da identidade galega, no seu seo a lingua e a cultura galega tiñan pouca cabida.

Resulta difícil explicar e mesmo comprender cómo se puido chegar a esta situación, pero aínda é máis incomprensible e inexplicable como se pode soster. Soamente prexuízos e inercias poden estar na base deste comportamento, xa que logo, o cristianismo dende as súas orixes asume a lingua e a cultura dos novos adeptos. Xesús era galileo, falaba o arameo, na variante galilea, aínda que a lingua da Sinagoga era o hebreo, é dicir, a lingua do poder.

Dende o momento no que o latín deixa de ser lingua comprensible a Igrexa manda predicar e catequizar na lingua propia de cada comunidade, así o Concilio de Tours (813) manda que se predique na lingua popular. Por certo que moitas linguas son o que son hoxe porque a Igrexa as tomou de uso normal. O mesmo Concilio de Trento (século XVI), tamén manda que a doutrina cristiá se ensine na lingua realmente falada polos fieis, pero Galicia era xa daquela diferente, viña sometida dende finais da Idade Media a unha intensa colonización cultural e económica. Ata finais do século XV o 94% da documentación eclesiástica estaba redactada en galego, pero a mediados do século XVI a proporción xa está no 56% en galego e o 43 en castelán. Cando aparecen os catecismos (século XVII) non se edita ningún en galego; en euskera fanse 30 edicións do catecismo do P. Astete e 20 de Moguel, única lectura en lingua vasca.

É sabido que os reis de Castela, ademais de espoliar conventos e mosteiros adxudicando as rendas ás casas centrais situadas fóra de Galicia e de suprimir as súas escolas, colocaron á fronte dos mosteiros e das dioceses galegas abades e bispos foráneos en completo divorcio co baixo clero e co pobo. Nos últimos cincocentos anos os bispos de orixe galega que rexeron as dioceses galegas anda por uns 35, e deles, soamente tres exerceron realmente de galegos, (Lago González, Araúxo e frei Xosé Gómez).

Na actualidade, tres das cinco dioceses galegas, están ocupadas por bispos nados en Galicia e ningún deles mostra compromiso, nin sensibilidade cara á lingua, malia que o Concilio Galego falou con bastante claridade. Unha situación especialmente dramática dáse na diocese de Astorga que abrangue unha parte importante da provincia de Ourense, cun bispo galego, pero cunha presenza nula da lingua galega na actividade pastoral.

Tivemos que chegar ao século XVIII co P. Sarmiento para escoitar as primeiras voces en defensa da lingua galega e a rebelarse contra esta colonización. É famosa a anécdota do freire castelán que identificaba traballar con “trebellar” e animaba a un mozo a “trebellar” todos os días da semana, domingos incluídos.

Por todas estas circunstancias a Igrexa en Galicia non foi galega, non se encarnou na Terra nin defendeu os intereses dos pobres campesiños e mariñeiros, comportouse máis ben coma un instrumento desgaleguizador e de desclasamento ao servizo do uniformismo central. Todo isto pode explicar os frecuentes enfrontamentos do mundo clerical co pobo e o anticlericalismo expresado nos ditos populares e na literatura escrita. É certo que un sector importante do clero rural, non precisamente o máis estimado polo poder eclesiástico, compartiu e comparte vida e sufrimentos co pobo, pero coa xerarquía houbo conflictos de moita sona, xa fose polos chamados “dereitos de estola e pé de altar” xa pola posesión de terras, obxectos relixiosos ou costumes moi enraizadas. Como mostra podemos recordar o violento enfrontamento na parroquia de Oseira en 1909 polo baldaquino con varios mortos, as liortas polas festas populares e bandas de música e máis recentemente os preitos pola carballeira de San Xusto ou na parroquia de Rivadulla, pola casa reitoral e polo campo da festa. Hai que ter en conta que antes da desamortización, a mediados do século XIX,máis do 60% das terras pertencían aos mosteiros e á igrexa polos que percibían e esixían rendas e outros servizos.

Unha Igrexa de Galicia, que non falaba, nin pensaba en galego non podía ser sentida como propia, era vista e considerada como allea, coma unha prolongación do poder civil que tamén esixía e cobraba trabucos, e mesmo, controlaba a vida social e familiar dende o bautismo deica a morte.
Ata a Desamortización dos bens eclesiásticos, segunda metade do século XIX, a maioría do clero procedía de familias fidalgas máis ou menos acomodadas, a partir desa época nos curatos encontramos fillos de labregos de certa propiedade, casas ricas, que encontran no sacerdocio un modo de promoción social para eles e para toda a familia, chegar a ser “ser xente” como di o Catecismo do Labrego e integrarse nun novo grupo social. Os seminaristas tiñan prohibido falar galego, infrinxir esta norma supoñía penalización na avaliación mensual, polo menos en tres apartados: comportamento, deberes relixiosos (desobediencia) e urbanidade, “porque el acento gallego era repugnante y fastidioso” e o acento resultaba de mal gusto, dicía Martínez Pazos na súa obra Oratoria (pp.390-1).

Situación atípica representa o seminario de Mondoñedo que produciu destacados escritores galegos

Tanto o alumnado coma o profesorado estaba sometido a un ríxido control do bispo. Os estudos centrábanse en Humanidades, sobre todo en Latín, Dereito Canónico e Teoloxía Moral. O resultado da formación era moi estraño, un seminarista estudaba todas aquelas cousas polas que ninguén preguntaba nin se interesaba, era case un extraterrestre. Con frecuencia o profesor de matemáticas era licenciado en Dereito Canónico con coñecementos elementais da materia.

Na actualidade, o compromiso coa lingua galega é moi desigual, hai cregos exemplares que viven en galego e para os galegos e galegas, radicalmente fieis á súa terra, son de aquí, son “os bos e xenerosos de hoxe”. Na maioría das parroquias de cidades e vilas a presenza do galego é moi reducida. Moitas veces baixo o pretexto que os fieis non demandan liturxia en galego, cómo se houbese un tempo que se permitise demandar algo: déronlla, en latín ou en castelán, e mesmo algúns queren volver ao latín coma se existisen linguas máis sagradas. Sobre todo, nos clérigos pertencentes a movementos conservadores e integristas como Opus, Quicos, Lexionarios, Comuñón e Liberación que tenden a identificar lingua galega con subversión e independentismo ou algo propio da esquerda (BNG), esquecen o máis elemental: que a lingua é o maior patrimonio dun pobo e que somos seres humanos porque falamos e que se se reduce ou imposibilita a capacidade de falar aniquílase a persoa e pode producirse un fondo desequilibrio psicolóxico e mental.

Incorporar a lingua galega á liturxia e á actividade pastoral dunha maneira coherente suporía unha fonda revisión da actuación pastoral, un paso importantísimo no proceso normalizador da lingua galega neste momento tan conflitivo e pagar parte da débeda que ten pendente co país.

En definitiva, para un galego poder expresarse soamente galego sería unha limitación importante, pero non saber galego resultaría unha catástrofe, pasaría a ser un alienado ou quizabes un renegado.

quarta-feira, 20 de janeiro de 2010

Coidado con este PP!!

É hora de o dicir claramente. O causante da maior aldraxe sufrida recentemente polo pobo galego, a do intento de radicalizar a imposición do castelán á conta dos tímidos progresos da reintrodución mínima do galego, a causa desa inmensa aldraxe é o novo PP de Mariano Rajoy, Cospedal, Bárcenas... De alá e da FAES veñen, con case total seguridade, esas estratexias.

A mesma orixe deben traer aqueloutras pola que se intenta negar o pan e o sal aos inmigrantes despois de os rapar ben rapados, tirando deles canto proveito se puido sen receo nin dó. Se non, reparade no que berraba hai menos de corenta e oito horas a maior representante dese partido político en Cataluña: "En Cataluña non caben todos! En España non cabemos todos!" E non lles importa un pemento. Se é inxusto, mesmo ilegal, que máis dá? A lei cámbiase, á comenencia dos poderosos, que son eles! Se é inmoral, que máis dá? Cal é o criterio da moralidade, senón o proveito dos que máis poden? Non foi adoito así, ao longo da historia?

Total...? Pobre dos pobres se nos deixamos enganar por esta xentiña! Coidado coas súas falacias. Cando falan de protexer os dereitos dos máis débiles, da súa preocupación polos parados, de liberdade para elixir...

Mirade cal é a súa idea da liberdade! Os pais deben poder elixir a lingua vehicular do ensino dos seus fillos, proclaman. Moi ben! Pois, no mesmo texto, sen ningunha advertencia proclaman a obriga de estudar o castelán e en castelán en toda España. Pois logo non temos liberdade de excluír o castelán como lingua vehicular do ensino! Non, diranche, porque a Constitución... Pois que promovan a modificación da Constitución neste punto, de tal xeito que non estableza ningún deber lingüístico para os cidadáns! Que se limite a establecer o deber dos poderes públicos de ofrecer aos cidadadáns a posibilidade de se formaren no coñecemento de varias linguas, nomeadamente das máis presentes na sociedade de que forman parte de xeito próximo, como serían o castelán e as linguas propias de cada territorio... Sen máis ideoloxías nin andrómenas! As linguas son cualitativamente iguais! Tamén as minoritarias!

Coidado con este PP, señores do goberno español!! Non saben facer máis ca abrir a caixa de Pandora e ceibar as serpes malignas entre o medio do tecido social, producindo freitas e conflitos!
Vannos facer moito dano! Eles son a causa do grande conflito lingüístico desatado en Galicia. Velaquí un extracto dunha noticia dada por Xornal de Galicia sobre a súa posición nestes temas! Un pacto pola educación sobre estas premisas sería unha grave inconveniencia, polo menos! Mariano Rajoy, hai poucos días, poñía esta como unha das súas condicións básicas para ese pacto. Véxase en:


A secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal, erixiu hoxe ao PP en defensor do "bilingüismo integrador" e do dereito dos pais a "elixir" a lingua vehicular para a educación dos seus fillos, dous principios que recolle o documento educativo que os 'populares' presentaron o luns en Toledo e que, ao seu xuízo, non entra "en contradición" co novo borrador do decreto do plurilingüismo no ensino deseñado polaXunta.

Nunha entrevista en TVE, recollida por Europa Press, a dirixente 'popular' resaltou que este documento educativo --no que se recolle "deber de garantir o ensino do castelán e en castelán en toda España"-- "foi consensuado" non só entre os que se encargaron da súa elaboración, senón "con todas as comunidades nas que goberna o PP, incluído o Goberno galego".

"Non hai ningunha contradición", insistiu Cospedal e sinalou, ao tempo, que o que "plasman" as bases do decreto presentado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dá a posibilidade aos pais de elixir a lingua vehicular e garante, ademais, "que existan sistemas bilingües ou trilingües". "Esa é a postura do PP, un bilingüismo integrador nas comunidades con dúas linguas oficiais, tanto en Galicia coma en Valencia", resolveu.

O documento presentado polo PP para aplicar no ámbito nacional aposta por "garantir o ensino do castelán e en castelán en toda España e a liberdade dos pais para elixir a lingua vehicular na que educar os seus fillos", e sitúa o dereito a estudar en castelán como "un dereito básico e irrenunciable".

A maiores, para as comunidades con dúas linguas oficiais, defende o dereito de todos os alumnos "a ser escolarizados na lingua oficial que empreguen de forma habitual, no marco dun modelo de bilingüismo integrador".


segunda-feira, 18 de janeiro de 2010

Declaración da RAG sobre o borrador


Paga a pena ler a declaración emitida pola RAG tras a súa análise das Bases para o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, por outro nome, "borrador" para un novo decreto. Véxase en:



sábado, 16 de janeiro de 2010

Somos todos galegos no día 21?


Somos todos galegos no día día 21? Eis o título dun artigo de Costa Guimarães no xornal portugués Correio do Minho promovendo a solidariedade dos portugueses con Galiza perante a ruda ameaza do borrador de Feijoo contra a nosa lingua. Recomendo a súa lectura en:

http://www.correiodominho.com/cronicas.php?id=1195#

Os habitantes de Galiza deberiamos facernos esa mesma pregunta. Máis de catro, en alto ou en voz baixa, habían responder que eles non. Máis de catro! Estaban aí agochados, ou adormecidos. Coma o tigre, á espera do paso da prea. Agora que o goberno de Feijoo levantou a veda, velaí como espertou, e corre e brúa. Cómpre ou fuxirmos ou defendérmonos. Aconteza o que for o día 21 -foi pouco o tempo de preparación, moitos aínda non entendemos o porqué da pancada recibida, etc.-, a loita continuará. As lides hai que as preparar ben preparadas. Subordinadas a unha grande estratexia e a unhas tácticas axeitadas. Por ventura, aínda hai tempo. E, se nós nos imos, outros virán continuar no empeño. Ante todo, isto é o que temos que asegurar: o recrutamento da nova militancia a prol do de nós.

Entrementres, ficamos obrigados a cantos nos apoien desde fóra. Eses apoios debemos procuralos. Facer que a nosa razón se espalle e escoite canto máis se poida nos foros internacionais. Non se pode aturar tanto abuso!

domingo, 10 de janeiro de 2010

Para desenmascarar o "borrador"


LEAMOS CON ATENCIÓN EN


A deriva inconstitucional

do neocentralismo


Ninguén deixe de ler esta rigorosa e moi acaída análise, da autoría do profesor Xavier Vence. Cómpre despois espallala, convidando moitas persoas a lérena. Só así a poboación irá tomando conciencia do engano no que moitas persoas están sendo levadas a caer, desde esa témera cerimonia de mentiras e ideoloxización que a desgraza nos trouxo.

Véxase tamén en

O nacionalismo español

Velaquí un artigo, do avogado X. A. Pérez Lema, no que se incide sobre o mesmo tema, aínda que máis brevemente e desde outra perspectiva.

sábado, 9 de janeiro de 2010

O borrador enfermo


Copio e encolo o artigo do amigo Xaquín, sen máis comento ca o testemuño de que o louvo e son conforme:

GHANDI E O BORRADOR DO DECRETO DO GALEGO

Xaquín Campo Freire. Narón, 09-01.2010.

A palabra enfermo vén do latín IN-FIRMUS, o que non é firme, o falto de firmeza ou de equilibrio e de consistencia, o débil. Este homiño noso non lle quer a Galiza. Non se pode ter tanto odio. Por certo, nunca se ri e endexamais sorrí. Este homiño noso non é feliz. Sempre se presenta en ton agresivo, coma se lle deberamos cartos. É coma o cativo malcriado que se volve a patadas contra da súa propia nai, aquela que o coida e agarima, e faina culpábel das súas zunadas. Porque un pouco azuado mesmo parece. E el será ben de todo? Psiquicamente aquí falla algo.

Séntese fundador e constituínte. Parece Franco. Nada lle val do feito antes. Nin sequera dos seus propios. Nin o do Sr. Fraga, o seu pai político. E logo insulta. Así empezaron todos os totalitarios.

Isto reflíctese ben en todo este malfadado proceso de ataque á lingua e no afán de desfacer todo canto hai feito anteriormente.

O borrador é un brodio ou galdrumada indixesta que só xera problemas e non aproveita para nada a ninguén. Cando iso pasa, a fisioloxía reacciona coa náusea, co noxo e co vómito.

Porén o problema non é só o decreto, que o é e ben grande por certo. O problema tamén está en nós, pobo galego con pouco entusiasmo polo nós e o de nós, na identidade colectiva: Terra, lingua, economía, saúde, cultura, apertura ao universal, pobo, Estatuto, conservación do territorio, medio ambiente, contaminación ambiental, etc.

“Galiza quere pobo”, escribiu non hai moito Xosé Luís Barreiro. O problema está no “in-país”, que tanto desespera a Xabier Alcalá. Na “vontade de nación”, que pedía Anxo Quintana. Etc.

Ora ben, non hai mal que por ben non veña, se hai vontade de sacar bens dos males que nos ameazan: o Prestige, o 18 de outubro do 2009 erguendo unha voz común de pobo a prol da lingua polas rúas de Compostela, as plataformas que están a funcionar -Queremos Galego, Pro Lingua, Galego Patrimonio da Humanidade, a Mesa, etc.- son un signo reactivo fronte á enfermidade de autoagresión e autolesión do Sr. Feijoo e do seu sistema.

Non son partidario das formas violentas que se volven sempre contra de quen as adopta.

Agora ben, esta pode ser a gran oportunidade de sermos nós. Non se trata de queixarse.Non convén chorar máis. Ela chorou por todos e para sempre”, dixo Luís Pimentel.

“O idioma somos nós, pobo común”. O idioma hai que falalo, normalizalo, esixilo con firmeza onde esteamos. Cos vellos e sobre todo cos novos. Na rúa, na casa e na Administración. Reclamalo por activa e por pasiva, por palabra e por escrito. Temos de volver a ser militantes da lingua. Civilizados si, pero firmes tamén. Sen agresividade, con paciencia, mas con firmeza. Non nos moverán, dicía o cantar. Aquí é onde está o problema máis grande da lingua. Decatémonos de que, coma o Sr. Feijoo, por complexo, convertemos a lingua galega nunha “frijolidade” común.

Militantes a prol da lingua. Por iso cómpre falala, esixila, escribila. Libros galegos, escola galega e en lingua galega, música galega, internet e medios en galego, xornais e revistas en galego. Xa sabemos que algo nos van custar. Mas non hai outra. Escola en galego, igrexas en galego, xustiza en galego, sanidade en galego. Non permitirlle a ninguén que non acepte o galego.

Non colaborar en accións, colectas, axudas, folletos, cartaces, etc., que non veñan en galego. A propaganda comercial devolverlla publicamente ás grandes firmas con actos colectivos ante a prensa e os medios. Dos xornais que non defendan o galego, ir correndo a voz de que non son ben acaídos e que, por moi fortes que sexan, dependen de nós. O que paga, pode esixir. E, se así non se fai, non colaboro.

“Denantes donos, agora escravos?” A resposta está no noso himno: "Denantes mortos que escravos".

Non teñamos medo. Son débiles, porque débil é a súa razón. Son IN-FIRMI, débiles, inconsistentes, sen equilibrio.

Son coma nenos. Puxéronse a xogar e non atoparon outro brinquedo senón meter medo: lingua, pobo, Estatuto, economía, conservación do territorio, contaminación ambiental, etc. Non saben facer outra cousa. Só mentir coma cos Audis.

Son débiles. Falou a rúa, a RAG, o CCG, as agrupacións e colectivos, as Plataformas, e para o vindeiro ano hai eleccións.

Temos que agradecerlles que deran o berro: Desperta do teu sono, Fogar de Breogán!

Feijoo ten o DOGA, por un tempo. Mal goberna e desgoberna. Provoca e destrúe. Mas ten os pés de barro e o rabo de palla coma todos os espantallos. É in-firme.

Nós temos a resistencia activa, pacífica. Coma Ghandi. Sen violencias e mirando cara adiante. Non somos uns nostálxicos. Sabemos onde está o noso futuro. Un futuro construído coa afirmación do nós colectivo galego, en galego e abertos como sempre fomos. Os únicos políglotas e abertos somos precisamente os galego falantes. Non temos que arrepentirnos porque veña alguén acomplexado, sen autoestima.

Non esperemos a Godot. Non vai vir nin se espera por el. Si. Espertemos. Vivamos como galegos. Falemos galego. É o noso.

domingo, 3 de janeiro de 2010

Comunicado de Nova Escola Galega


Copio e encolo aquí o Comunicado que o movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega publicou tras a presentación do rascuño dun novo decreto sobre a redución da presenza da lingua galega no ensino non universitario de Galiza.

O NOVO DECRETO IMPOSIBILITA A ADQUISICIÓN DAS COMPETENCIAS LINGÜÍSTICAS

• Segundo o Movemento de Renovación Pedagóxica NOVA ESCOLA GALEGA, o novo Decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia fará imposible, desde un punto de vista estritamente pedagóxico, dar cumprimento ao previsto na lexislación educativa sobre competencia lingüística.
• A normativa proposta este pasado 30 de decembro polo Consello da Xunta despreza absolutamente todo a armazón lexislativa construída ao longo de tres décadas, en especial o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade polo Parlamento Galego en 2004.
• O tratamento aparentemente “igualitario” diante de realidades lingüísticas moi desiguais no seu carácter, desenvolvemento, presenza social e problemática, só pode traer como consecuencia un maior retroceso para a lingua galega.
• O borrador presentado falsea os elementos de debate sobre a situación da lingua, como xa ocorreu coa controvertida consulta ás familias.
• NOVA ESCOLA GALEGA fai un chamamento ás familias galegas para que eviten que os seus fillos e fillas se vexan privados da oportunidade de acadar a debida competencia lingüística, tamén en galego.
• Fai un chamamento tamén NOVA ESCOLA GALEGA a toda a sociedade galega para que se manifeste dun xeito inequívoco ante unha das maiores agresións que ten sufrido o idioma de Galicia ao longo de toda a súa historia.

Santiago, 1 de xaneiro

O Movemento de Renovación Pedagóxica NOVA ESCOLA GALEGA, colectivo con vinte e cinco anos de vida e autor do único proxecto global existente ata o momento sobre a normalización lingüística no ensino (www.nova-escola-galega.org), diante da presentación do Borrador para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia realizada o pasado día 30 polo Presidente da Xunta de Galicia, quere facer públicas as seguintes reflexións sobre o mesmo.

A nova normativa proposta prescinde do acordo acadado por consenso en torno ao mínimo do 50% no Plan Xeral de Normalización de 2004 e das recomendacións entre outras institucións da Real Academia Galega (Unha lingua para todos: Comunicado do 12 de maio de 2009), do Consello da Cultura Galega (Proposta institucional sobre a lingua galega ao Parlamento de Galicia), das Universidades, do Instituto da Lingua Galega (http://www.vieiros.com/nova/74939/o-ilg-advirtelle-afeijoo- do-dano-gravisimo-ao-prestixio-social-da-lingua) e do informe realizado no seu día polo Consello Escolar de Galicia (Informe sobre o estado e a situación sobre o sistema educativo en Galicia 2002-2005, no capítulo dedicado á lingua galega no sistema educativo) dado a coñecer antes da promulgación do decreto 124/2007.

Desconsidera os preocupantes datos sobre a saúde do idioma ao renunciar á adopción de medidas realmente efectivas de protección e promoción do galego, e, ademais, pretender desamparar as accións realizadas ao abeiro dos avances propiciados pola normativa aínda vixente.

Insiste en distorsionar e falsear os elementos do debate, como xa ocorreu á conta da controvertida consulta ás familias, pois pretende poñer no foco de atención os efectos da toma en consideración do inglés como lingua vehicular para o ensino, a sabendas da súa inviabilidade, e distorsionando fortemente os verdadeiros elementos do debate, que non son outros que as condicións e o papel do idioma propio no ámbito do ensino, tendo en conta as especiais características que, no caso galego, o condicionan. Na nova proposta normativa o galego queda relegado e, na práctica, confrontado a atopar espazos de uso formal no ensino nos “caladoiros” que as outras linguas (castelán ou inglés) non poidan encher.

Nas condicións actuais esta é, na súa tradución real ás aulas e aos centros, a proposta presentada para o noso idioma por parte de quen ten a obriga de protexelo e promocionalo. Consonte con isto, velaí a imposibilidade de dar cumprimento ao previsto nas leis educativas sobre competencia lingüística por parte do sistema educativo. O tratamento aparentemente “igualitario” diante de realidades lingüísticas moi desiguais no seu carácter, desenvolvemento, presenza social e problemática, só pode traer como consecuencia un maior retroceso para a lingua galega. A nova normativa pon ao mesmo nivel a lingua propia, minorada, a outra lingua oficial e unha lingua estranxeira, sen que existan nin condicións reais nin razóns legais para que isto sexa posible. O Decreto contravén o sentido da necesaria protección para a lingua propia establecida no Estatuto de Autonomía, a Lei de Normalización Lingüística de 1983 (Artigo 13.2. As Autoridades educativas da Comunidade Autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino) ou mesmo da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias.

Pon igualmente en perigo a planificación lingüística, compoñente substantiva dos proxectos educativos dos centros escolares, e os avances conseguidos en moitos centros de ensino iniciados desde hai varias décadas, socavando un proceso que as propias leis demandan e amparan, e, encamíñase, cando menos, a ralentizar futuras actuacións normalizadoras, xusto nun momento no que os datos sociolingüísticos sobre a saúde do idioma reclaman accións nunha liña absolutamente contraria. Neste sentido, é particularmente significativo que a normativa proposta abra a posibilidade de que na Formación Profesional e nas Ensinanzas de Persoas Adultas o galego poida non ser usado como lingua vehicular nin tan sequera nunha hora lectiva semanal.

O anuncio realizado polo Presidente da Xunta pon en evidencia unha actitude prepotente do partido no goberno, previsible desde a súa chegada ao poder, por moito que en ocasións aparentase modular o seu discurso, ao desconsiderar absolutamente as recomendacións de todas as voces autorizadas na materia e ao desmarcarse da súa propia posición cando non só apoiou senón que promoveu, desde o propio goberno, o PXPL (2004). Cúmprense desta maneira os peores agoiros, aqueles sobre os que de maneira “preventiva” a cidadanía, as institucións e os movementos sociais e educativos foron alertando e denunciando.

Esta estratexia sobre o idioma é máis grave aínda se consideramos que se asenta na asunción por parte dos actuais gobernantes de que existe un proceso de imposición que discrimina os castelanfalantes e de que a liberdade lingüística é o ben supremo a considerar, malia que se asente na defensa dun paradoxal “dereito á ignorancia” e no ataque constante ao prestixio social da lingua galega. Neste sentido, lembra NOVA ESCOLA GALEGA que non lles corresponde ás familias senón aos poderes públicos a toma de decisións sobre aspectos curriculares e organizativos do ensino, incluída a lingua vehicular a utilizar nas aulas, e pregúntase ao tempo se, ademais de lles consultar aos pais e nais pola lingua a usar nas clases e pola pertinencia ou non de materias como Educación para a Cidadanía, quedará de vez aberta a opción de pedir a súa opinión sobre calquera outro aspecto referido ao ensino (se é pertinente o ensino das
Matemáticas ou non, por exemplo).

Nestes 26 anos de desenvolvemento das accións normalizadoras, logo da aprobación da Lei de Normalización Lingüística en 1983, asistimos ao peor episodio da involución lingüística que os galegos e galegas poderiamos ter imaxinado cando pensabamos que as leis e as aspiracións colectivas da cidadanía retratadas nos consensos acadados polos representantes políticos nos situaban nun camiño certo para a recuperación progresiva do noso idioma.

Ante esta situación NOVA ESCOLA GALEGA entende que só é posible o entendemento e o establecemento de acordos restablecendo o consenso a partir do previsto no Plan Xeral de Normalización Lingüística (2004) como folla de ruta cuxos obxectivos cómpre poñer en valor.

NOVA ESCOLA GALEGA fai un chamamento á comunidade educativa e á sociedade en xeral para evitar o retroceso e a involución de dereitos da cidadanía, así como de oportunidades para o desenvolvemento do galego como idioma propio de Galicia. Particularmente, realiza este chamamento ás familias para evitar que aos seus fillos e fillas se lles impida acadar a debida competencia lingüística, tamén en galego.

NOVA ESCOLA GALEGA
Movemento Galego de Renovación Pedagóxica
www.nova-escola-galega.org
neg@mundo-r.com
Tfno/Fax 981 562 577

sábado, 2 de janeiro de 2010

Manifesto de Blogues pola Lingua


Este blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego

MANIFESTO “BLOGUES POLA LINGUA”

As persoas asinantes da presente declaración, somos autoras e autores de blogues galegos, que nos adherimos voluntaria e libremente á Rede de Blogueiras/os en Defensa do Galego – Blogues pola Lingua e publicamente manifestamos:

  1. O noso completo e activo compromiso coa lingua galega, como principal alicerce da nosa identidade colectiva como pobo, así como a nosa preocupación perante a situación que esta vive na actualidade. A lingua é un vehículo de cultura, pero tamén de identidade, e é unha ferramenta óptima para a comunicación. Por ela somos como somos e sen ela non seriamos senón outra cousa da que somos.
  2. Entendemos a Rede como unha canle con importantes potencialidades para a expansión en usos do noso idioma que deben ser aproveitadas, e avogamos por que o galego sexa tamén a lingua vehicular das/os galegas/os en Internet. Apoiamos tamén a reivindicación dun dominio propio en internet para Galiza.
  3. Expresamos o noso total rexeitamento perante todo ataque contra o galego, independentemente de quen proveña, e adherímonos igualmente a toda iniciativa en defensa do noso idioma, independentemente de quen a promova.
  4. Reclamamos o noso dereito a vivir con completa normalidade na lingua que é propia de Galiza, tendo garantido plenamente o noso dereito a empregala en todos os eidos da nosa vida.
  5. Somos conscientes do poder da información na Internet e do papel que os blogues teñen nela. Pero esta repercusión non será efectiva se non acha o seu eco no mundo non-virtual, na sociedade do real. Polo que o noso obxectivo é tamén o de incidir de xeito máis ou menos directo no conxunto do pobo galego, promovendo a súa implicación no proceso de defensa da lingua galega, para o que manifestamos a nosa disposición a colaborar coas entidades/plataformas/iniciativas en favor do idioma existentes ou as que xurdiren.
  6. Blogues pola Lingua, como iniciativa plural e aberta, desenvolverá a súa actividade en base aos principios de independencia, participación e democracia. Para a integración na Rede esíxese como único compromiso e condición a adhesión coherente ao presente manifesto.

Carta aberta de Xaquín Campo Freire


CARTA ABERTA AO DIRECTOR DE BREVE-RIAS NO ANINOVO

Narón, 01-01.2010.

Benquerido Sr. Portas Ferro, Don Xesús:

Un saúdo e felicitacións de Aninovo, de Ano Novo 2010 e polo seu onomástico, que mesmo está a caer, neste ano día 3 de xaneiro.

Vaian tamén os parabéns polo seu medio de comunicación BREVE-RIAS. Modesto, se se quer, mas endexamais “insignificante” e moito menos inútil. Todo o contrario.

Dicía o Catecismo do P. Astete, que para os antigos, coma min, é un punto de referencia habitual, obrigado e mesmo criterio de autoridade moral:

-. “E se alguén xura algunha vez facer unha cousa mala, que lle cómpre facer?

-. “R.- Debe arrepentirse seriamente de ter xurado e non cumprir endexamais o que xurou.”

Nos intres actuais e coa que está a caer, ningunha axuda, ningún medio de expresión, ningunha canle de opinión civilizada e plural é inútil e moito menos “insignificante”.

Reconsidere a decisión de pechar BREVE-RÍAS e deixe aberta esa fiestra a quen queira colaborar.

Por outra parte, que siga nas hemerotecas, pode ser unha fonte de consulta, de información e mesmo de criterio de cita autorizada. Se non existe, non hai tal posibilidade.

Espero que lle dea publicidade a esta misiva interesada, non só por min, que tamén, pero principalmente por Galiza e a súa lingua, á que lle temos de procurar con toda clase de loitas e esforzos lexítimos, as prometidas “mil primaveras máis”

“Deus fratresque Galleciae: Os bos e xenerosos a nosa voz entenden e con arroubo atenden o noso ronco son.”.

Dese rexo e ronco son BREVE-RIAS é un eco saliente e senlleiro. Parabéns!

Sempre seu.

Xaquín Campo Freire