Copio e encolo sen outro comento ca o de chamar a pensar o que nos acontece, agora precisamente, cando aquilo polo que tanto se loitou nos derradeiros tempos do franquismo e na transición, se está e derrubar con volta á témera situación daquela en vigor.
O TEMPO PERDIDO
XAQUÍN CAMPO
FREIRE.- FONTE DA CRUZ, 10-03-2013
Aquel profesor, D.
Simplicio, era malo, malo a rabiar. A alumna, Sofía (Sabedoría), lista coma un
pemento, un pouco inqueda e un moito, un moito reivindicativa. Por iso xa nin
lle preguntaba. Mantíñaa en ‘offside’, fóra de xogo.
Diga vostede, alumno Rústico, cantos son os tempos
verbais. Pasado, presente e futuro, dixo de cor. Moi boa a resposta, aprobou D.
Simplicio.
Moi mala, retrucou Sofía, sometida ao silencio.
Fáltalle un, o máis importante. O tempo do que fala a tía Sabina de Agramonte,
a nosa costureira. O tempo perdido,
que con vostede á fronte vén ser o máis del.
Nin que dicir ten que aquilo non rematou así.
Porén, se meditamos na
sociedade actual, nos seus dirixentes e nas distintas institucións, non hai hoxe
unha sensación xeneralizada de que o único tempo imperante é precisamente o “tempo
perdido”? Vexamos.
Ollando cara ao pasado.
Cantas loitas, cantas mortes, cantas causas ficaron en puros intentos fronte
aos ‘rodillos’ esmagantes do poder e dos intereses dominantes, que mesmo parece
que sempre saen coa súa? Aí está o “10 de Marzo”, de FERROL 1972. Terá sido todo
un tempo perdido?
Tampouco o presente “dá
moito máis de yes” como afirman, moi “orondos”, os bilingüístas harmónicos,
mostrándose gozosos dos fracasos do informe Pisa. A culpa
é sempre do galego na escola.
Non dá máis de si! Que atrasados estamos! Non si?
Falando así, non pasamos máis alá dos páramos do Courel. Hai que modernizarse.
Que se note que xa comezamos a falar correctamente inglés. Agora dise “dar de
yes”. Que é máis fino e distinguido,
verdade?
Mas, descúbranse! Chegou o tempo do futuro
perfecto. O de desasnaren as incultas masas, os pobres Calibans de A Tempestade de Shakespeare, e xa está
aquí. Xa chegaron os novos profetas. Xa se está a notar. Collidas das mans e
cantando triunfantes cara ao sol, chegan as leis Wert e o decreto antigalego de
D. Feijoo e un tal Sr. Vázquez, que, para darlle maior timbre de honra, vanlle encamiñar
agora cara ao Supremo un merecido recurso. E lembro aquilo: “Yo tenía un
camarada”. Para iso, para gañar tempo, adiantándose, xa queimaron os libros de
texto en galego. Para non contaminárense. “Limpia,
fija y da esplendor”. Porque,
con eses libros nefastos, xa “non se daba máis de yes”. E todos os outros avances
de axuda social xa os pasaron pola incineradora de moda.
Ben mirado, estes, coma aquel profesor de Sofía,
malo a rabiar, fannos descubrir agora o cuarto tempo verbal, o da costureira,
a tía Sabina de Agramonte: O tempo perdido. Pois con estes
persoeiriños, certamente, xa “non se dá
máis de yes”.
Esperta do teu sono, Fogar de Breogán, porque os teus
tempos son chegados. Non te deixes engaiolar. Aprende da tía Sabina. Volve en
serio ao pasado, traballa o presente desde a verdadeira realidade túa e prepara
un futuro que sexa de verdade ‘un futuro’ para todos. Sae dunha vez do tempo
perdido!
E Sofía, como aprendera da tía Sabina de
Agramonte, ergueu a súa voz de muller nova
berrando con rabia: Amén!