domingo, 31 de maio de 2009

Baixo ordes e consignas externas

A Feijoo seica non lle gusta segregar; mais debe segregar se pode.
É a nova política lingüística unitaria do PP
para toda España. Onde gobernan, débena pór en práctica
ata onde se poida. Onde non gobernan, enredar e leala
ata que a situación rebente e lles veña caer nas mans:

http://www.xornal.com/artigo/2009/05/31/polItica/feijoo-non-pecha-porta-segregar-lingua-malia-non-gustarlle/2009053113234095238.html

http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=86&idNoticia=432727

É a estratexia "nacional" do PP,
na que, de por parte, coinciden e se asocian
coa UPyD de Rosa Díaz e con Ciutadans.
Ollade as coincidencias -de partidos, persoas, lemas, consignas-
entre a manifestación do sábado pasado en Palma de Mallorca
contra a política lingüística do goberno balear
e aqueloutra que celebraron hai uns meses en Compostela
a carón de GB -o seu cabalo de madeira en Galicia-
contra a política lingüística do goberno galego de Touriño.
Os lemas e consignas son idénticos: "liberdade lingüística", "non á imposición".
A exixencia e propostas, as mesmas: "derrogación do decreto de normalización lingüística".
O motivo e fundamentación, o mesmo, de carácter ideolóxico: "somos españois, non x".

http://www.xornal.com/artigo/2009/05/31/espana/pp-upyd-marchan-palma-catalan/2009053100164617253.html

Este é guieiro ao que debe axeitar Feijoo a súa política lingüística na medida do posíbel
seguindo, de por parte, un modelo patentado e experimentado polo goberno autonómico valencián, entre cuxas medidas figura a segregación dos alumnos segundo a lingua "libremente"- ideoloxicamente- elixida polos pais para o ensino-aprendizaxe dos seus fillos.

Non nos deixemos enganar con esas posíbeis correccións que o propio Feijoo suxire: a da conveniencia pedagóxica e a dos recursos económicos. Cando estas se aplicaren, será xeralmente -e, se non, xa se verá- en contra dos que elixan o galego. Voltaremos a unha situación semellante ou máis ben inferior á existente cos decretos anteriores ao de 2007. O de 1995, por exemplo, establecía que nas unidades de E. Infantil o ensino-aprendizaxe empregaría a lingua materna dos alumnos como vehicular. Imaxinade un grupo de vinte alumnos dos que once tiñan como lingua materna o castelán e os outros nove, o galego. A docencia e a aprendizaxe, incluída a lecto-escritura, realizábanse entón en castelán. Propoñíase que, sobre todo oralmente, a mestra ou mestre tivese certas pequenas atencións cos galegofalantes na súa lingua materna. Resultados: a) a suposta liberdade aplicábase á metade máis un e negábase á metade menos un, contra o principio tan "liberal" de que os dereitos cívicos son individuais e sagrados, b) os que chegaban falando galego á escola, á volta de menos dun ano pasaban a falar no ámbito escolar, e fóra da escola no grupo de iguais, só ou case que só en castelán. Isto último aínda sucede agora, a dous anos -escasos- da aplicación do decreto de 2007, a pesar do teórico 50 %.

Quero rematar xa, non sen facer unha chamada de atención á RAG, que parece esperar algo de Feijoo no tocante a non desprotexer grande cousa o galego. Reparen no que o presidente da Xunta declara sobre a lingua en que os nenos van aprender a ler e escribir. En que queda, señores académicos, a necesidade, ben recollida por vostedes no seu manifesto, dunha normal exposición dos nenos á lingua galega desde as idades máis temperás? Ollen o caso que se lles fai! Coma quen oe chover. Natural! Antes de Galicia e da RAG -e por riba tamén- puxeron e porán o partido.

sábado, 30 de maio de 2009

O cristo das linguas

Sendo o cristo das linguas a nosa,
compréndese que na cabeciña dalgúns engaravatados nin a gatas entre a idea
de que as ciencias das ciencias se poidan impartir en galego.
Sendo eles o que son e como son,
compréndese tamén que non lles dea vergoña pensaren como pensan,
dicirin o que din e por riba chamáranlle a iso sentido común
e ao contrario do seu pensamento, retroceso.
Ben lles está, por atrevidos, que os que máis saben do que eles falan sen saberen,
lles afeasen a conduta. A ver se aprenden, pobres!
A ver se aprenden tan sequera a estar calados!
E logo tamén cumpriría que lles deixasen aos que saben
decidir o que máis lles convén saber aos seus fillos,
cuxa amplitude mental
se empeñan en xibarizar.

Unha achega ao debate sobre o galego desde o CERN

Somos un conxunto de físicos e enxeñeiros galegos vencellados ao Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra, a día de hoxe uns dos laboratorios científicos máis importantes do mundo. Desde a distancia, levamos meses asistindo ao debate que se está a xerar sobre a posición que debe ocupar a lingua galega no noso sistema educativo. Esta cuestión está a provocar unha confrontación continua de posturas e opinións que se estende a distintos ámbitos da nosa sociedade. Se ben consideramos este debate lexítimo tamén coidamos que as posturas deben ser mantidas e defendidas desde a máis absoluta rigorosidade, a mesma pola que nós estamos rexidos nas nosas actividades científicas. E vémonos na obriga de intervir cando determinados argumentos que non seguen esta máxima aparecen por parte de persoas cunha opinión que non se restrinxe ao ámbito privado. En declaracións ao “Faro de Vigo”, o voceiro da “Confederación das Asociacións de Pais de Alumnos de Colexios Concertados” (Congapa), José Ramón Hermida, dicía: “Utilicemos el sentido común. Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego. No podemos retroceder”. Ben, for desde a ignorancia, for intencionadamente, declaracións deste tipo resultan totalmente inadmisíbeis. E dicimos isto con coñecemento de causa, pois no noso ámbito de traballo estamos acostumados a ter conversas de alto nivel científico de temas moi diversos en galego. Nun entorno no que temos a sorte de traballar con algúns dos mellores físicos e enxeñeiros do mundo, o galego está, modestamente a través de nós, presente como vehículo de comunicación científica. E para isto é un idioma exactamente igual de válido que o francés, o alemán ou, desde logo, o castelán. Ben é certo que o galego non é empregado para as comunicacións nin publicacións científicas a grande escala, pero é necesario que se saiba que tampouco o é o castelán. A lingua franca da ciencia desde hai moitos anos é o inglés, e desde logo se algunha lle discutíu no pasado tal condición esa non foi o castelán.O noso obxectivo con esta carta é simplemente evitar que se empreguen argumentos falsos (ou falseados) na discusión dun tema tan delicado e importante coma este. E tamén reivindicar o galego como lingua que nos identifica sen excluírnos estando como estamos lonxe da casa.

No CERN en Xenebra, a 26 de Maio de 2009

Xabier Cid Vidal, Licenciado en Física e estudante de Doutoramento - USC, experimento LHCb.
Patricia Conde Muíño, Doutora en Física de Partículas, Investigadora do LIP (Laboratório de Física e Instrumentação de Física de Partículas) - Lisboa (Portugal), experimento Atlas.
Daniel Esperante Pereira, Enxeñeiro de Telecomunicacións e estudante de Doutoramento na USC, experimento LHCb.
Teresa Fonseca Martín, Doutora en Física de Partículas, investigadora asociada da Royal Holloway University - Londres (Reino Unido), experimento Atlas.
Abraham Gallas Torreira, Doutor en Física de Partículas, investigador Ramón y Cajal na USC, experimento LHCb.
Manuel Gallas Torreira, Doutor en Física de Partículas, antigo staff do CERN no departamento de Física Experimental.
Marcos Mariño Beiras, Doutor en Física de Partículas, Catedratico de Física Matemática na Universidade de Xenebra (Suíza).
Diego Martínez Santos, Licenciado en Física e estudante de Doutoramento - USC, experimento LHCb.
Cibrán Santamarina Ríos, Doutor en Física de Partículas, investigador asociado na McGill University - Montreal (Canadá), experimento Atlas.

http://www.vieiros.com/nova/74351/cientificos-galegos-no-exterior-fan-publico-un-manifesto-en-defensa-da-lingua

sexta-feira, 29 de maio de 2009

Aos dous igual!

Fagan os valenciáns, se quixeren, do seu saio un saco.
Salven ou perdan a súa lingua, cóidena ou abandónena, alá eles.
E elas. Nós pouco temos ou nada que aprender da súa política lingüística
e non estamos dispostos a sufrir que o goberno da Xunta
adopte para nós o seu modelo. Como imos reaxir?

Entre as moitas posíbeis accións e medidas de resitencia,
unha sería semellante á levada a cabo por esas familias valenciás
que piden para os seus fillos a docencia na lingua orixinaria da comunidade
cunha demanda que excede en moito a oferta da administración.
Isto, claro está, se aquí se impuxer a elección de prazas escolares
en función da lingua vehicular do ensino-aprendizaxe;
o que debemos é antes de nada evitar tal situación;
nunha clara opción por dividiren a sociedade galega entre galegófobos e galegófilos,
quizais coa esperanza de que a parte dos primeiros, que é a deles, resulte maioritaria,
semellan dispoñérense a nola impor.
Se llelo deixarmos levar a cabo,
farán, xa o veredes, coma en Valencia: ofrecerán moitas máis prazas de ensino
en castelán do que en galego. Buscarán a maneira de que os consultados
respondan o que eles queren. Ou interpretarán os datos á súa maneira,
a máis conveniente para os seus intereses.
Como imos impedilo?

Teremos de lanzar entre as clases populares
e no sector ilustrado das clases máis acomodadas
unha campaña tendente a frustrar os fins
da consulta que se proxecta propor ás familias sobre as súas preferencias lingüísticas no ensino.
Teremos que facer chegar aos pais e nais unha chamada de alerta
para que non piquen no engado.
Haberá que lles suxerir varias artes efectivas a ese fin.
A de deixar en branco ou con raia os items referentes á lingua é unha.
Outra, a de respondelas todas favorábeis á lingua galega.
Outra, a de responderen como fan os meniños pequenos
cando lles preguntan a quen queren máis: a papá ou a mamá?
Os máis espelidos deles logo aprenden a dicir,
sinceros ou mentireiros, moi prudentes: "Aos dous igual!".

Nós tamén. Non lles entremos no xogo. Deixémolos sós
coas súas teimas monolingües so a aparencia mentida de bilingüismo.
O bilingüismo déixano para nós, mentres non morramos,
e para os poucos descendentes nosos que manterán a súa fidelidade á lingua dos devanceiros
mentres esta exista, é dicir, no entanto non desaparece esluída ou esmagada
baixo a marea enchente da lingua castelá sobre a terra e o pobo de Galicia.

Ou quen sabe se entre uns e outros non faremos o milagre
de inverter o proceso agora en marcha e volveremos ver a nosa lingua
nun posto cando menos parello en aprezo, coñecemento e uso
ao da lingua castelá.

Mais iso non se fará sen nós,
sen estudo e sen o traballo de moitos.

http://www.elpais.com/articulo/Comunidad/Valenciana/demanda/clase/valenciano/desborda/oferta/Generalitat/elpepusocedu/20090528elpval_14/Tes

quinta-feira, 28 de maio de 2009

Agora chámase cordial

Harmónico chamábase antes, haberá vinte anos,
nos tempos do tripartito -lembras, Xaquín?
Agora chámase cordial, é dicir,
"que conforta o corazón",
seica enfermo, da lingua castelá;
ou ben, "que sae do corazón" ou real gana
de só falar e escoitar falar castelán;
ou tamén "afectuoso, agarimoso, amistoso"
coa lingua castelá e os seu falantes,
perdoándolles a vida como moito aos derradeiros
falantes dese galego palurdo e aldeán
-non aprenderon máis os pobres, que se lle vai facer,
e realmente non hai dereito a alpurnalos porque,
o que máis e o que menos, case todos/as temos entre eles
un avó, un tío, un caseiro, unha ama de cría a quen quixemos tanto,
mais ao cabo, sexamos francos, todos con certificado de caducidade
coma o carro de bois e o arado de pau-;
ou tamén "franco, verdadeiro, sincero"
coa franqueza de quen lle canta ao luceiro matutino
a verdade de que linguas coma a galega están chamadas a morrer
e faríalles Deus mil favores se as levar canto antes mellor,
fin para o que ningún receo amosan en colaborar,
porque morto o can acabouse a rabia, é dicir, remata
a maldita imposición da lingua galega aos benfalantes,
atranco para o desenvolvemento da razón, a ciencia,
a humanización, a xustiza, a irmandade universal e, se me apuras,
a paz escatolóxica e o reino dos ceos.


EIS O BILINGÜISMO HARMÓNICO

XAQUÍN CAMPO FREIRE

Como me semella vostede, Señor Presidente da Xunta, aquel home da xanela da Empresa Ribadeo en Lugo.

Un neno orfo ten que aprender prematuramente a facer de home e asumir responsabilidades de adulto que lle exceden.
Tería eu daquela uns dez anos escasos, ―1947―, e xa había tres que finara a nosa naiciña. Pola enfermidade que seguía habendo na casa, o noso pai non podía ausentarse e mandoume a min facer unha xestión a Lugo. Todo foi ben, porque hai xente moi boa no mundo que se doe dos picariños cando intúen neles a necesidade. No meu caso era ben patente, pois cando me preguntaron porque non arranxaba eses asuntos o meu pai, non houbo máis que facilidades cando dei explicacións.
O problema xurdiu ao ir pillar o billete de volta na xanela da Empresa Ribadeo. Alí estaba aquel home da convivencia harmónica de linguas. O diálogo foi así:

― ¿Que deseas?
― Por favor, un billete para O Alto de Roca na liña que vai á Coruña ás cinco da tarde.
― Oye, muchachito, eso no existe en el mapa y además se dice “El Alto de Roca”. No te das cuenta que estás en una ventanilla de una Administración. Tienes que aprender a hablar bien.
A verdade é que non mo dixo enfadado. Non.

Eu non sei se está ben xurar, porque cando se xura sempre é cara para arriba, para gardar fidelidade ao poderoso. Cara abaixo, non importa. Pois eu aquel día xurei cara dentro por partida dupla:
1º. Non sei se Roca estaba ou non no mapa daquel señor. Pero si que existía no territorio da Galiza. 2º. Que meu pai e miña nai me aprendera a dicir: “O Alto de Roca”. E eles non nos falaban mal.

Non sei se está ben, pero eu hoxe volvo facer un dúplice xuramento: 1º. Que non minto no relato do sucedido. 2º. Que desde aquel día eu souben que era Xaquín, fillo de Xaquín de Roca, que me querían moito e eu tiña fachenda deles.

O que xa non me atrevo a xurar é se aquilo foi bilingüismo harmónico, con permiso do Excmo. Sr. Núñez Feijoo, o Presidente, que coma aquel home tamén ten unha xanela grande, inmensa, na Administración.

Tampouco podería xurar se este relato terá o “placet” desa preciosidade aromatizante, Dona Rosa Díez.
Porque bilingüe, bilingüe, só somos os de abaixo. O débil, o pobre, o pobo non ten dereitos. Só obrigas. O de arriba escolle, impera e fai saber. E que Deus nos libre das súas iras.

Síntome outra vez orfo de nai. Non podo falar no que ela me aprendeu. Síntoo ben. Paradoxos da vida: Estraños na propia terra.

Sempre seu, Xaquinderoca. De nada.

quarta-feira, 27 de maio de 2009

Vivan a mentira e o sofisma!

Imposición, témero palabro,
foxe de ti todo o mundo coma da cruz o demo.
Imposición se hai algunha nestas partes,
ningunha como a imposición do galego
en contra do castelán.
Ti vas, un supoñer, a un xulgado e,
agás contadas e tímidas excepcións,
fálanche e obrígante a falar en galego!
Ti vas a unha igrexa, un supoñer, e, como non andes con coidado,
predícanche, confésante, cásante en galego
e, o que é peor, obrígante a rezar en galego.
Ti vas a unha mesa -agora non hai xanelas-
ou a un mostrador calquera da administración autonómica
e non oirás funcionario que che fale en castelán,
peor aínda, non te atenden se o non fixeres en galego.
Ti vas a un colexio de primaria ou a un instituto e,
tanto dá que sexas alumno, pai, avó, tía ou criada
da familia do alumno, perdes o tempo se non falas galego;
sobre todo, pobre de ti como o fagas en castelán,
pois oirás a reconvención severa do cancerbeiro,
que con voz magnificada e altofalante berrará:
"Non sexa bárbaro, fale en galego!"

Polo que, para liberar de tal imposición e escravitude os cidadáns,
chegou hai pouco o goberno do "non á imposición".
E, entre as medidas liberadoras, vaise facilitar o ingreso na administración autonómica
de persoas que non saben responder un test escrito en galego.
Tales funcionarios traerán a liberdade e o remate da imposición do galego;
ao non o saberen, pódese esperar que non cho impoñan.
E deste xeito, milagreiramente, veraste libre
de toda imposición idiomática, agás dunha: a imposición omnímoda do castelán.
Mais esta é, desde Nebrixa, a LINGUA DO IMPERIO
e as linguas imperiais nunca se impoñen,
son libremente elixidas polos cidadáns!

Viva o rigor e a ciencia
baseados na mentira e no sofisma.
Os sofistas aprenderían destas persoas
o que nunca puideron sospeitar.


http://www.xornal.com/artigo/2009/05/27/galicia/valedor-non-detecta-problemas-co-galego-observa/2009052623303044054.html

http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=86&idNoticia=430856

http://www.vieiros.com/columnas/opinion/822/slavoj-i-ek-e-nos-ou-por-que-estamos-a-perder-a-batalla-do-idioma

domingo, 24 de maio de 2009

Manifestacións preventivas

Carta aberta ao secretario xeral de Política Lingüística

"Respeto el derecho a manifestarse. Pero fue una manifestación preventiva. El gobierno no había tomado ni una sola medida. Las manifestaciones preventivas nos meten en una dinámica peligrosa." (Anxo Lorenzo, El País 23-05-2009, "Galicia", p. 3)

Meu señor:

Da media ducia escasa de manifestacións en que participei en toda a miña vida, dúas foron "preventivas" como vostede di. Quere saber cal foi a outra? Aquela en que nos mobilizamos contra unha "guerra preventiva", lémbrase? Daquela, Bush e os seus compadres "no había(n) tomado ni una sola medida", aínda.

Que significa iso de que "las manifestaciones preventivas nos meten en una dinámica peligrosa"? Por onde venta o perigo? Non quererá dicir que as masivas manifestacións ("preventivas") celebradas en todo o mundo escontra o propósito de encetar a guerra ("preventiva") de Iraque foron a causa principal ou desencadeante de todas as mentiras, morte, sufrimento, gastos e inxustizas que traería consigo, a maior desvergoña da humanidade nos últimos trinta anos? Seguro que non. Apenas o coñezo, señor; mais por referencias, mesmo anteriores á actual lea en que se/nos meteu, teño entendido que é vostede máis intelixente. Porén, en confianza llo digo, por máis que eu quixese aplicarme a sentenza "Intelligenti pauca", sabe vostede que non dou cachado o que quixo dicir co seu aserto? Nin comprendo en que datos basea, por indución supoño, a formulación desa suposta verdade universal. Nin de que premisas a deduce se foi por dedución como chegou a ela. Deixoume parvo, sabe? Dun xeito semellante desaprobaban aquelas manifestacións os partidarios da guerra, aquí en Galicia xustamente os dirixentes dese partido cuxa política lingüística se dispón vostede a secundar. Aínda hoxe non foron achadas tan témeras armas de destrución masiva, ou xa lles esqueceu? E aínda hoxe é o día en que o pobo que padeceu a negra guerra, leva no fondo da alma gravados a morte, o sufrimento e tantas dores, que endexamais lles esquecerán!

Agora voulle dicir por que estiven nesa manifestación "preventiva". Brevemente: porque lles teño medo, a vostedes! E, se por breve non o entende, explícollo, amplifícollo, glósollo... Por iso non ha ser a falta. Así como a escusa da guerra de Iraque non era máis do que unha cesta de mentiras, no noso caso a guerra que vostedes anuncian contra a protección e promoción da lingua galega, toma como pretexto dúas inmensas falsidades. Unha, que se dá a imposición do galego nos centros educativos e noutros ámbitos onde se desenvolve a vida social. A única lingua que nesta terra se impuxo e impón, non só secularmente senón tamén no momento presente, é a castelá. Non terei que lle dar datos ou que? Ben os coñece, como sociolingüista. Ou quizais non, quero dicir os datos do día a día nos colexios, institutos, etc. Investigue, investigue, que achará precisamente o contrario do que lle di o seu goberno. Se quere guías, doado lle será achalos.

A outra falsidade é esa especie que anda por aí correndo, inxenuamente crida por algunhas persoas das que non cabía esperalo, de que a presenza do castelán en Galicia está ameazada. Mi madriña! Seica xa non hai vergoña? Se polo menos dixesen a verdade eses promotores e asinantes do manifesto famoso...! Que cal é a verdade? Que o que se busca é, como propugna abertamente a FAES, substituír o galego polo castelán canto antes; que tal obxectivo responde a unha idea de España rixidamente unitaria; que, por iso mesmo, toda a súa fundamentación é ideolóxica sen máis. Pura ideoloxía nacionalista española e conservadora! A primeira falsidade, por certo, asenta no mesmo fundamento ideolóxico. E, igualmente, busca a substitución do galego polo castelán.

Entón, eu téñolles medo sabendo que, ás claras ou disimulando, vostedes vanlle facer á lingua galega un dano irreversíbel. Deica tal punto se resisten a ver o pobre e enferma que está, que endealí lle van negar o dereito a alimento e medicinas ao cincuenta por cento co castelán. E non veñan con escusas de que as linguas non teñen dereitos, con iso de que só os teñen os individuos. As linguas teñen moitos máis dereitos do que as ideoloxías, no nome das cales unhas linguas son fornecidas e outras desfornecidas. O primeiro dereito dos individuos, cidadáns que son e xa non súbditos, é o de non seren enganados e conducidos polas ideoloxías a unha visión falseada da realidade social.

E, finalmente, nós tamén temos dereitos, os que aprendemos a falar en galego e levamos unha vida afeitos á imposición do castelán en todas partes: ao primeiro na igrexa e na escola, onde non se usaba outra; despois en todas partes que non fose a familia, a fala informal na aldea ou no barrio...; é dicir, nos xornais, na radio, na televisión, na publicidade, na administración... A excepción, mesmo despois das medidas normalizadoras, é tan ridícula! Hoxe, ata nos comercios das vilas; xa case en ningures che falan galego. E eu mesmo, que son desde hai corenta e cinco anos galeguista, estudoso autodidacta da lingua galega, mestre e promotor do seu uso e coñecemento en ambientes diversos, confésolle que me paso ao castelán máis veces, pois véxome obrigado a facelo -por respecto ou por algo semellante-, moito máis adoito do que logro, falando eu galego, atraer os meus interlocutores á miña lingua. Mesmo na aula, onde se supón que o mestre tería de impor a súa autoridade noutro senso, nos casos maioritarios en que os alumnos se expresan espontaneamente en castelán impartíndose a materia en galego, os máis exixentes non pasamos de lles suxerir "Mellor en galego!". Os galegofalantes tamén temos dereito, enténdeme? O de falar e o de que nos falen en galego, que esta é outra, sabe? Desde que comezou esa ofensiva escontra nós, xa hai máis dun ano, aumentou o número de funcionarios públicos que non nos falan galego, non o sabía? Non imos ter medo!?

Sobre todo tememos, ventámola xa acontecida á volta dun tempo non longo, a morte da nosa lingua por desuso e consunción! Vostede que aínda é novo, chegará a ver as vésperas se non o día.

Atentamente,

sábado, 23 de maio de 2009

Que os leven á privada!

Todo ten a súa lóxica.
Os obxectivos están claros.

Manter as diferenzas sociais é un deles,
inconfesado e porén realísimo nas políticas de dereitas.
Daquela, se para mellorar a educación dos privilexiados
hai que empeorar a dos desfavorecidos, faise baixo un pretexto calquera,
o da austeridade e o aforro, por exemplo.
Ao tempo!, non deixedes de pór atención.
Veredes como, no asunto das subvencións aos colexios privados,
non van ter receo en facelas crecer.

O agrupamento de alumnos de distintos niveis e ciclos
era xa un proxecto nos tempos do último goberno presidido por Fraga Iribarne.
O bipartito aparcauno. O máis profano no asunto ben pode entender que esa medida
repercutirá necesariamente nunha desigualdade de oportunidades de formación
entre os alumnos que a sufran e a maioría dos que se libren dela,
ou, o que vén sendo o mesmo, entre os de ámbito rural e os de ámbito urbano,
sendo destes últimos os máis favorecidos, teoricamente polo menos,
os escolarizados nos colexios privados. Os dos colexios públicos sofren outros males,
principalmente o da masificación das aulas e a integración nelas
dunha grande proporción de fillos de inmigrantes e de alumnado con necesidades
educativas especiais, é dicir, con especiais dificultades para a aprendizaxe,
contribuíndo todo isto, quéirase ou non, a baixar o nivel formativo do conxunto do alumnado.
Os que nos gobernan non teñen problema en todo isto.
Para iso está a privada e, no medio desta, os colexios de elite.
O que teña problemas que os resolva.
Das aldeas máis remotas e profundas do país
non saíron sempre os rapaces -fillos dos ricos fidalgos
e dos que, sen o seren, tiñan pais con fumes-
para os colexios privados asentados nas cidades,
para os institutos ou para os seminarios e conventos?
Vello e sabio proceder! Recupérese!
Porque o máis importante é que coa xeneralización da educación
os mellores -os ricos, os intelixentes, os aplicados-
non sufran menoscabo; os outros que se amañen como poidan,
bo é ofrecerlles a oportunidade de estudar coma a todos,
o da calidade xa é outro cantar, desde cando somos iguais?
Se non lles abondar o que teñan,
lévenos á privada. Que, maioritariamente, está bastante peor
ca a pública; porén, iso logo se amaña, como?
Mimando aquela e para iso chuchando recursos da segunda.

http://www.vieiros.com/nova/74259/o-ensino-no-rural-resentirase-se-prospera-unha-nova-circular-de-educacion

sexta-feira, 22 de maio de 2009

Son uns mandadiños

Se se meten nun fregado e ao cabo teñen que encoller e encartar,
que máis ten?
Quen manda, manda. Eles son uns mandadiños.
Despois ao mellor laiando escúsanse:
"Foi aquel, que mo mandou!"
Mais non haberá misericordia;
non son merecentes.

Non é necesario ser moi espelido para entender
que os pais e nais non teñen ningún dereito a decidir
sobre os obxectivos, contidos e procedementos da educación pública.
Todo o dereito que sobre isto poidan ter,
vehicúlase a través das leis que as cámaras lexislativas competentes elaborasen.
Endealí, se é lexítimo aspirar a cambiar aqueles obxectivos, contidos, procedementos e valores,
pérdese tal lexitimidade en democracia cando se tenta facer á marxe
da normal actividade democrática pola que, coa única responsabilidade dos lexisladores libremente elixidos polo pobo, se elaboran ou modifican as leis.
Unha das leis, non a única, polas que se rexe a educación entre nós,
é a Lei de Normalización Lingüística de Galicia,
defendida no parlamento por Ramón Piñeiro, por certo,
e aprobada por unanimidade da cámara autonómica.

O actual goberno da Xunta semella dispoñerse a trampear esta lei.
Do que aínda non falan é de derrogala e substituíla por outra.
Mais non nos enganemos, GB xa o pediu hai tempo, antes das eleccións.
Estaban ben asesorados: o seu obxectivo de asoballar e fechar o galego
no cuarto onde se esconde os parvos -hai anos, hoxe xa non-,
non é legal nesta altura,
prohíbeo a Lei de Normalización Lingüística.

Vendo que hoxe por hoxe lles é imposíbel arrombala,
o que se lles ocorre é trampeala mediante unhas estrataxemas
que quizais lles veñan de volta,
lles batan na testa.
Se é o que queren, alá eles.
Por falta de denuncias, que non sexa.

http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=86&idNoticia=429331

Algún día aprenderán

De momento mantéñense moi rufos.
Advertirán un día que nisto o pobo non está con eles,
nin sequera a metade dos que os votaron.
Entón encartarán, esperemos:
Aínda así, non podemos esperar:
non é tempo de agardar,
senón o de imprimir conciencia clara e forza
á sensación incómoda en que se acha xa
a meirande parte da cidadanía galega, a ese desacougo
que os chamados a o sandar contribuíron a facer rebulir.

É o tempo de "plantarse" e denunciar
desde todas as setas da rosa do ventos,
-desde os sindicatos, as asociacións culturais,
os clubes, as vilas, os rueiros, as igrexas...-,
é tempo de dicirlles alto e claro que por esas non pasamos,
é tempo de espallar e alargar entre a poboación
a consciencia de como enganan e menten ao predicaren
o bilingüismo en galego e castelán cando
todas as reformas que están promovendo
van en contra da escasísima presenza do galego
na vida pública da Galicia de hoxe, van a prol
dunha maior diminución aínda. Iso é para eles
promover o bilingüismo: encher a admistración autonómica
de funcionarios que non son quen de entender unha proba en galego
ou, se non, que lle teñen tanto odio, noxo ou carraxe á nosa lingua
que nin en pintura -impresa- a queren ver diante.
Nestas andamos.

Cando se decataren todos os que, inxenuamente,
se pasan por respecto ao castelán, mal como poden,
ante os que non lles falan galego, cando se decataren
de que son estes os que odian o galego e non o queren,
e de que o seu goberno está con estes escontra deles;
cando consecuentemente os abandonen ou lles afeen a conduta,
daquela é de esperar que aprenderán.
Mais, se cadra, xa tarde de máis.
Pois logo, non é tempo de agardar.

http://www.xornal.com/artigo/2009/05/22/galicia/sindicatos-plantan-xunta-defensa-gallego/2009052214091028153.html

http://www.xornal.com/artigo/2009/05/22/galicia/cig-ugt-ccoo-rechazan-elimine-prueba-gallego/2009052214021161809.html

http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=86&idNoticia=429657

http://www.vieiros.com/nova/74269/ten-que-entender-un-medico-a-lingua-dos-pacientes

quinta-feira, 21 de maio de 2009

O brainstorming

A iso, á simple transcrición dun brainstorming,
redúcese o Plan de Normalización da Lingua Galega
-disque o dixo o conselleiro de Educación.

Ese é o respecto que lle merecen
as persoas que o elaboraron tras longa e sabia experiencia,
tras unha análise obxectiva da realidade sociolingüística e educativa,
tras a constatación non menos obxectiva de que,
cos recursos postos en práctica para a aplicación dos decretos precedentes,
se estaba moi lonxe de acadar o obxectivo principal
proposto na Lei de Normalización Lingüística:
que ao final de cada etapa educativa o alumnado
consiga iguais competencias nas dúas linguas oficiais!

Ese é tamén o respecto que lle merecen
os parlamentarios galegos daquela,
entre eles o fundador do seu partido, ex-embaixador,
ex-presidente da Xunta, profesor Fraga Iribarne;
todos eles debían ser uns don ninguéns de ningures.
uns parruliños, para caeren na parva inxeleza de aprobaren
a toque de bombo e timbais a mera transcrición dun brainstorming,
dun simple remuíño ou chuva de ideas!

Os estudos e análises serias, xa se sabe,
agora fainos a FAES! E os principios serios de delineación
dunha política lingüística galega, quen?
Os asinantes do Manifesto por la Lengua Común,
Jiménez Losantos e a Cope,
GB e mais un "profesor arrepentido"
da mala vida pasada xogando ao brainstorming?

http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=86&idNoticia=428909

Que teremos de facer?
Denunciar a mentira e a senrazón,
única maneira de determos ese enxurro
que nos pode asolagar a sindérese,
a razón, a convivencia, a todos nós!
Porque, á verdade, isto xa non ten nome!

http://www.xornal.com/opinions/2009/05/20/Opinion/estados-opinion/2009052019183783616.html

quarta-feira, 20 de maio de 2009

Festina lente

"Vísteme despacio que tengo prisa",
reza o refrán castelán.
Miña nai expresaba o mesmo dicindo:
"Canta máis présa, máis vagar!".

Agora a mellorarmos o galego.
So este título convidábanos Miguel Anxo onte
-convidaba sobre todo algúns políticos sedicentes
defensores da nosa lingua-
a usala con pureza e propiedade.
Con razón o facía, pois dá mágoa ás veces
oírmos os políticos e outros falala enchéndoa
de castelanismos brutos de toda especie.

No teor daquel convite percibíase
un sentimento explicábel de satisfacción
polo bo suceso da manifestación a prol da lingua
do pasado 17 de maio en Compostela.
Satisfacción razoábel, non o dubide ninguén.
Unha verdadeira festa! Mais unha festa triste porque
o triunfo final non está, nin moito menos, asegurado.
Somos os mellores; os máis fortes non.
Non imos desistir de coidar a identidade,
integridade, pureza, enxebreza mesmo da lingua galega.
Porén, de momento o urxente é evitar
a morte deste enfermo ou, se a morte aínda non,
os graves danos cos que o ameazan e que poden
trazar camiños irreversíbeis descontra a súa morte.

Xa o vedes. Seguen coa súa e non exclúen
a posibilidade de segregar os alumnos segundo a lingua
elixida polos pais -de cando para acá
teñen ese dereito verbo da educación?
Tal segregación foi cualificada desde varias instancias
como unha barbaridade: que se é un despilfarro económico,
que se é ilegal dada a lexislación actual -mais as leis cambian
e hai expertos en facerlles a trampa-,
que se é unha aberración pedagóxica,
que se supón instaurar un appartheid lingüístico...

É todo iso e moito máis. É unha tolería, unha irresponsabilidade.
Por camiños coma eses comezaron as guerras étnicas
en moitas partes e en terras e tempos ben próximos tamén.
É, digámolo sen medo, eticamente inmoral.
E vede quen está a propugnar e bendicir a idea:
a confederación de asociacións de pais dos colexios privados...
Dúas notas. Primeira:
"Mira quen fala!; os que nunca tiveron problemas, pois
nos seus colexios, na maioría para sermos xustos,
o galego non se aprende, só se cheira polos forros!"
Segunda:
"A maioría deses colexios son da Igrexa católica, non é?
Vai esta facerse cómplice dunha barbaridade tal?
Non sería estraño. Desde hai cinco séculos vén actuando como tal
cando non como axente principal,
sacando pequenas e moi honrosas -e valiosas- excepcións!"

Así que, amigo Miguel Anxo, enfeitar a lingua está moi ben,
é xusto, é necesario; porén o urxente arestora
é salvala, pobre e enferma como a temos.
Logo dedicaremos moito tempo
ao enfortecemento do seu "corpus".
E desde agora xa
comezaremos a militancia a prol
da recuperación dos seus falantes. É preciso!!

http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=149&idNoticia=428483

No camposanto

No camposanto como estaremos todos
dentro máis ben de pouco os poucos
galegofalantes de hoxe e os pouquísimos
que quedan por nacer.
Alí estaban, precursores.
Deus lles/nos axude
e valla. Amén.

http://www.xornal.com/opinions/2009/05/19/Opinion/onde-estaba-psdeg/2009051922223788043.html

http://www.xornal.com/opinions/2009/05/19/Opinion/defenda-do-galego/2009051923333952960.html

terça-feira, 19 de maio de 2009

Con orelleiras

Non son quen de ver máis alá
diante hai un fito que lles sinalaron
contra el van mandadísimos coma os máis
absolutos dos mandados
hai que o cumprir e acabouse
e non se diga máis e punto ¡
como
dicía o outro.
Se se producir unha freita social
un apartheid lingüístico, unha fenda
que atravese familias, ámbitos de traballo,
asociacións, rueiros, vilas e cidades
a eles que lles importa?
Non son conscientes da súa responsabilidade
ou que demo lles pasa?
Cando se decataren do torto,
pode ser tarde para recuaren.
Non é o que desexamos;
mais estaralles ben.

http://www.xornal.com/artigo/2009/05/19/galicia/oposicion-denuncia-pp-busca-apartheid-linguistico/2009051913530435173.html

Mentres seguen eles coa súa teima,
nós coa razón.
Se desisten do xuízo e da intelixencia,
nós nunca, non!
Quen quixer colaborar con eles,
el saberá por que e para que.
A nós non nos importa;
cónteo na súa casa, se quixer.

http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=149&idNoticia=428092

segunda-feira, 18 de maio de 2009

O conflito lingüístico existe

Así o expresei aquí hai uns días. Escribín-pódese ler embaixo textualmente- que existe un conflito lingüístico en Galicia desde hai tempo; só que estivo en boa parte latente debido á paciente prudencia de uns e á renarte simulación dos outros. Uns e outros coidabamos, quizais, que todas as guerras son inxustas porque en principio non resolven os problemas, senón que os agravan, e sobre todo causan moito sufrimento. As incruentas tamén.

Mais o conflito lingüístico existe en todo lugar onde os obxectivos e logros da planificación lingüística dunha parte da sociedade son contrarios e incompatíbeis cos obxectivos e efectos da planificación doutra parte dela. Desde o comezo do proceso de normalización da lingua galega, sempre houbo resistencias á mesma no seo da sociedade, sen falarmos xa das que se exercían desde fóra. Serían elas máis ou menos numerosas, organizadas e fortes. Mais habelas hóuboas sen pausa. Refirámonos, por exemplo, ao ensino. Cantos mestres e profesores de instituto, aberta ou disimuladamente, non incumpriron ou cumpriron só a medias as disposicións legais referentes á docencia da lingua galega e ao seu emprego como lingua vehicular do ensino! Ou na administración, cantos funcionarios non fixeron outro tanto, maiormente no referente ao uso oral! E logo están aqueles ámbitos que se amosaron tan impermeábeis á corrente normalizadora, que nin case a cheiraron: igrexa, administración de xustiza, comercio, industria, medios de comunicación... A maior parte da sociedade seguiu reforzando a substitución lingüística e a minorización do galego. Eis a realidade. Que, disimulándomos, non queriamos ver.

Que aconteceu ultimamente para que cambiase a situación? De todos é sabido. Apurrados desde fóra de Galicia por persoas e sectores do máis rancio nacionalismo español, os partidarios do proceso de substitución lingüística do galego polo castelán reclaman con nula vergoña e ningún receo o seu dereito a só empregaren en todos os ámbitos estoutra lingua tanto eles coma os seus fillos, sen lles importar nin miga se iso vai supoñer, máis cedo do que tarde, a ruína e perda da lingua galega. Tal reivindicación non ten moito de novidade. AGLI facía o mesmo hai anos. Mais daquela, entre os gobernantes que definían a política lingüística oficial en Galicia, ninguén chegou aparentemente a lles facer caso; aínda que máis de un quizais se achase próximo a eles. Hoxe sucede o contrario. Os membros do consello da Xunta, comezando polo seu presidente, séntense obrigados a lles satisfaceren tan ruíns desexos e están decididos a cumprir con eles.

Isto o que fixo foi agudizar o conflito; ou destapalo se estaba latente. Non o creou, como se está a dicir por aí. Un exemplo de hoxe mesmo, cando no editorial de Xornal de Galicia se dá por feito que a partir da protesta de Galicia Bilingüe "prendeu un conflito lingüístico inexistente, pero que algúns se empeñaron en facer real" (Unha lección, en Xornal de Galicia 18-05-2009, p.3). Se cadra é necesario saber un pouco de sociolingüística para poder ver as cousas como son e expresalas cos nomes que lles corresponden exactamente. Unha voz autorizada pode ser a de María do Cebreiro, doutora en filoloxía:

A partir do fenómeno Galicia Bilingüe, as manifestacións e os resultados das eleccións, escenificouse un conflito que ao mellor noutras ocasións aparecía moito máis oculto. Agora pasa ao primeiro plano, e para min non é negativo. Véndesenos ás veces unha imaxe do espazo social harmonizada, normalizadora, cando por definición o espazo social é un espazo de conflitos. Se cadra é unha oportunidade para que as cousas se movan nun sentido real (Café con letras, en "Contexto", Suplemento dominical de Xornal de Galicia 17-05-2009, p.6).

Outros temas se introducen na cita, entre eles o de se é positivo ou negativo o feito da visibilización manifesta dun conflito que ata hai pouco permanecía en boa parte oculto. María do Cebreiro coida que ao final é positivo porque deixa ver o mal en toda a súa crueza e posibilitará accións máis eficaces para acorrerlle. Porén o tema requeriría un tratamento aparte.

A idea que agora quero salientar é a de que a realidade conflitiva non era moitas veces manifesta debido á paciencia de nós e á simulación renarte deles, e aquí non penso en incluir, nin moito menos, todos os militantes de certo partido político, nin sequera todos os seus dirixentes de hai uns anos. A liña divisoria non coincidía coas opcións partidarias, coido eu. Mais poida que desta chegue a acontecer. Será unha grave responsabilidade dos seus máximos dirixentes galegos, moito máis grave polo feito de seren asemade as máximas autoridades de Galicia.

Tamén nós, os que nos sentimos doídos e ofendidos con só as súas proclamas, teremos de conducirnos con tino. Sen deixarmos de militar a prol dos nosos obxectivos, que ao fínal se reducen unicamente ao de salvar a lingua de noso para nós e os nosos fillos, debemos facelo con moito xeito. O do respecto ao "outro" é un principio ético irrenunciábel. Respecto, pois logo, tamén para as persoas dos nosos adversarios, que o son, non lle hai que ter medo ao nome: adversarios dialécticos, en todo caso; os que só aspiramos a convencer, non a vencer. Adoptando como armas as da palabra, a razón e o diálogo. Afirmando o valor da convivencia ao mesmo nivel ca o da preservación da nosa lingua na súa integridade e vitalidade. Fuxindo da confrontación pura e dura. Exixindo sen covardía, porén. E promovendo intelixentemente, entre os máis vellos e os máis novos, a extensión da militancia activa, consciente e eficiente en procura dos nosos belos e bos obxectivos.


sexta-feira, 15 de maio de 2009

Con quen falas!

"Con quen falas!"
-dicía miña nai cando nos reñía e razoaba
sen que lle fixésemos caso.
Con quen falas, Xabier?
Connosco, non si? Con el non,
que maldito caso che fará, é seguro.
Con nós que contigo
estamos abraiados
pois endexamais
tras as nosas prudentes accións regaleguizadoras
realizadas desde hai máis de trinta anos
-lembras os 75-77 en Santa Margarida?,
lembras Preescolar na Casa, ou despois
tanto labor feito aquí e acolá, con respecto e humildade,
cada un de nós onde e como mellor puido ou soubo?-,
nunca puidemos sospeitar que un día iamos ver
este colmo da desvergoña e a senrazón.
Os seus autores, como te van oír?
Xa poden soar os rumorosos,
xa poden os anxos cantar paz,
que aqueloutros
non os entenden, non.
Non te amilagre que non saiban distinguir
entre unha praia e unha cámara lexislativa,
entre unha caixa de correos e o burato dunha toupeira,
entre a economía centralizada e a economía de mercado,
entre a ideoloxía totalitaria comunista
e a ideoloxía neoconservadora.
Unha cousa e o seu contrario,
todo é un, segundo a lei
da "coincidentia oppositorum".

http://www.vieiros.com/columnas/opinion/804/carta-aberta-a-don-pedro-arias

quinta-feira, 14 de maio de 2009

Nunca choveu que non...

Será certo ou non será?
Se tiver liberdade de acción
e for consecuente coa súa carreira antecedente,
será cousa de deixar renacer a esperanza;
canté!
se así for! Sexa, sexa!
Se, pola contra, vai ter que pór os medios
para a consecución dos obscenos obxectivos de nin sequera
repartir a medias as oportunidades entre
o irmán rico e o irmán pobre e enfermo
-castelán e galego , enténdase-,
causadas a enfermidade e pobreza do segundo
por comeren, coma dous ranchos na mesma pía,
un a comida do outro...;
se así for,
para quen non quer nada, ten miña nai moito.

Nunca choveu que non escampase?
Ou desta non hai quen te salve?
Deixádeme o dereito á perplexidade!

Aínda así, a esperanza é o último que se perde
-dise cando xa se está nas últimas.
Mais ao final sairemos coa nosa:
xa que temos a razón, levaremos o proveito.

NOMEAMENTO DO NOVO DIRECTOR XERAL DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA
VALORACIÓN DA COORDINADORA GALEGA DE ENDL
A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística valora positivamente o nomeamento como novo Director Xeral de Política Lingüística do goberno galego dunha persoa con coñecementos acreditados nesta materia e que foi, ademais, secretario da Comisión Sectorial de Educación no Plan xeral de normalización da lingua Galega de 2004. Cómpre lembrar que este plan apunta as medidas incluídas no Decreto 124/2007, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, que o propio director xeral se encargou de promover entre a comunidade educativa.
Dado que o goberno de Núñez Feijoo declarou que ía derrogar o devandito decreto, esperamos que o novo director xeral sexa coherente coa liña de traballo de promoción da lingua que tivo ata o momento e manteña os compromisos acordados pola comunidade educativa e o Parlamento galego no Plan xeral de normalización da lingua galega.
A CGENDL reitera a súa vontade de participar no diálogo prometido por Núñez Feijoo con todos os sectores implicados na educación para facermos achegas importantes como colectivo de docentes que levamos moitos anos a traballar neste eido e como axentes fundamentais no deseño, posta en práctica e revisión dos programas de normalización lingüística nos centros educativos. Por todo isto, solicitaremos unha entrevista con don Anxo Lorenzo para lle trasladar as propostas dos equipos de normalización e os docentes de centros educativos públicos e privados que apoian o noso manifesto, aos que animamos a participar en todas as iniciativas de promoción do noso idioma que se celebran nestas datas.

Non caiamos na trampa

Ben se ve que queren guerra.
Un día tras outro lanzan
ao ar arroutadas de ameaza.
Non lles importa se a lei vixente
llelo permite ou llelo veda.
Eles sitúanse por riba da lei
e da ofensa e sufrimento que causan.
Son a involución. E os do "aquí mando eu".
Non lles importa sementar os ventos
que poden aducir tras si témeros trebóns
nun conflito lingüístico que din por aí moitos
que ata agora non existiu.
Existir existiu, só que estaba un pouquiño latente
debido a paciencia de nós e á simulación prudente deles.
Agora que eles se destaparon,
teñamos máis paciencia aínda:
NON PIQUEMOS NO ENGADO,
NON CAIAMOS NA TRAMPA!
Quen sabe se non é iso o que andan buscando.
Sexamos máis intelixentes ca eles.
Militemos no noso campo con tino e prudencia.
We shall overcome!!
Xa chegará o tempo...!

http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=86&idNoticia=426586

Se queren tolear, que toleen;
nós manteñamos a cordura.
Coa razón e a verdade da nosa parte,
manteñamos a calma. Que por riba somos
os mellores!!

http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=149&idNoticia=426477

Tamén a nós nos doe

Tanto nos doe a alma, amigo,
que xa non nos deixa ser bos como es ti
aínda, perdoa que cho diga.
Tanto nos doe e tan ofendida a temos
que non podemos, coma ti, chamarlle
"querido presidente" e darlle as grazas, de que?
Non sei se por unha atávica convicción
de que as persoas constituídas nos degraus
máis altos da autoridade pública
están consagradas dalgún xeito
-"pola graza de Deus" ou "polo pobo soberano"-,
algúns aínda tendemos a ver esas persoas
facendo abstracción do partido, a ideoloxía e os intereses,
tantas veces obscenos, que representan e defenden.
Porén, xa imos comprendendo que
os que ofenden tan gravemente o máis sagrado
da alma dun pobo como é a súa lingua enferma e pobre,
e con ela as nosas, pobres, de utentes desprezados,
non merece aquel respecto e consideración.
Abonda con non o ofendermos
e perdoarlle as súas ofensas.
Nin, por sermos cristiáns,
se nos pide máis, benquerido Xaquín.
Secomasí, coido que as túas achegas
son merecentes de se coñeceren polos visitantes deste blogue.
Por iso as copio e encolo aquí:

"Doeuche algunha vez a alma?
Eu podo confesarche que desta vez si que sei o que é iso.
E como se trata dunha alma colectiva non teño máis remedio
que comunicalo cos que eu considero amigos da alma,
que forman comigo esa alma colectiva e entrañábel,
que afunde no máis profundo das entrañas.
Non podo entender que se nos teña tanto odio, auto-odio,
simplesmente por falar no de nós.
Non podo entender esa persecución e afán de aniquilación.
Non podo entendelo e non me dá a gana de entendelo.
Agora entendo a Celso Emilio.
Nunca pensei que volvería ser verdade canto el deixou en profecía,
cumpríndose á letra cada verso, cada sentimento expresado:


Lingua proletaria do meu pobo
eu fáloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garavata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos avós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente miña
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingua.

Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós baleiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de bolboretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño...

"Non podo entender que esta inxustiza poida ir e estar nun programa electoral
dun partido que se di civilizado.
Non podo entender que media Galiza soubera o que votaba.
Si. Dóeme a alma.
E por iso así llo escribín ao Presidente,
e coméntoo contigo, porque sei que tamén sofres.
Pero collidos das mans, faremos un camiño na noite,
e dime o corazón
que VENCEREMOS NÓS!
Unha aperta e grande amizade.


Xaquín C. F. "


“Só se ve ben cos ollos do corazón”, Sr. Presidente.

XAQUIN CAMPO FREIRE. (Narón, 13-05-2009).

Son galego falante desde neno. Tiven a sorte de nacer galego de aldea, e no noso rural. Aí aprendín unha cultura multimilenaria que xa case desapareceu. Son fillo de labregos e nunca nos avergoñamos de selo. Témolo por moita honra, porque honrados nos aprenderon a ser.
Algunha vez fun votante dalgún candidato do seu partido, porque vin nel un home honrado na defensa do común.
Comprendo de Rosa Díez e dos dela que se apunten ao reparto da tarta. Xa sabemos da súa procedencia o dos seus procederes. Son os seus pouco claros intereses.
Non debera ser así no seu caso. Pois non comprendo en vostede, nin no Sr. Rajoy, ese odio. Gardei o seu discurso inaugural. E estudieino polo miúdo. E neste particular non me resulta san nin para min, nin para nós, nin para a nosa Comunidade Galega, nin para España. Ou polo menos dá esa impresión polos ataques e pola xenreira que manifesta contra de que os nosos nenos aprendan galego e mesmo de que os maiores o sigamos a falar.
Vólvome sentir perseguido. Pero desta vez polo meu Presidente. Polo Presidente da miña querida Autonomía Galega.
Non. De vostede nunca o facía. Trabuqueime. Trabuqueime gravemente.
Tamén son castelán falante e que ninguén mo ataque. É idioma meu. É idioma de inmensa cultura. Pero que ninguén me veña vendendo o favor de dicirme que se leva mal coa miña lingua nai. Non se estorban. Entre eles enriquécense. Apoiánse. Compleméntanse. Porque tamén o galego e lingua de cultura. E coma que non o fora. Un idioma é tan cultura coma o que máis.
Aos meus antergos, algúns analfabetos por falta de medios, porque fomos pobres, a eles débolles a vida e o ser, o sentido común por arrobas e tamén saber perdoar tantos abusos e afrontas daqueles que os humillaron e enganaron co: Hable usted en cristiano”. Ben. Pois nunca deles escoitei tantas tropelías como vostede nos colga. Nunca deles renegarei. Nunca.
Nótase que viviu moito tempo fóra e fíxolle mal. Eu tamén vivín fóra por varias veces. Nunca tal indixestión contra do meu e dos meus padecín. Todo o contrario. Aprendín canto valía ser galego. Canto valía ter unha fala compartida con cento trinta millóns dos da galaico-lusofonía. E canto estimei saber a cultura e a lingua castelá. E tamén o inglés.
Nunca me contrapuxeron ningunha lingua. Pero si que sempre me avisaron daqueles que prevaléndose da lingua nos quixeron asoballar e enganar. Anque por unha vez sexa faltar á modestia debo confesar que gosto dos idiomas e sonme familiares un grupiño deles, para lelos e con eles entenderme. Tamén para axudar a moitos irmáns que, coma nós, andan en terra estraña.
Manéxome pasablemente ben nas linguas clásicas e teño certos coñecementos da lingua hebraica. Nunca o galego me estorbou. Todo o contrario. Favoreceume moito a súa fonética, máis ampla ca do castelán, e mesmo o seu léxico e estrutura sintáctica. Tamén para o inglés e o alemán.
E o galego non foi dos que menos me serviu. Pero ademais e que é o dos meus, o que me “domesticou”, coma a rosa do Principiño ou coma o Raposo cando lle dixo: “Só se ve ben cos ollos do corazón, porque o esencial e invisíbel para os ollos da cara.”
E advertiulle: “Os homes esqueceron esta verdade. Pero ti non a debes esquecer.” “Es responsábel para sempre daquilo que domesticaches. Es responsábel da túa rosa.”
Si querido Sr. Presidente. Vostede tamén é responsábel do coidado esmerado da lingua que recibiu en custodia agarimosa e crecente.
Percátase da orixe común etimolóxica da rosa do Principiño e do nome da nosa Rosalía? “ Ti es e vas ser responsábel da túa rosa.” E a historia vaille pedir contas.
As outras rosas non estaban domesticadas. Tal vez á Rosa Díez si lle vaia mellor como vostede está a facer.
Graciñas, Sr. Presidente.

quarta-feira, 13 de maio de 2009

Se cadra aínda se atreven

Ou poida que non. Quen sabe?
Para empezar, olla para os lados
coma dicindo "Eu que fixen?"
Se non fixo máis aínda, será porque non puido.
Pregunte tamén "Eu que dixen?"
Dicir dixo o que puido
ou o que lle ditaron ben ditado
de Madrid, da Coruña, de Vigo,
en ámbitos partidarios, mediáticos, mentireiros...
Os mesmos que hoxe silencian ou esconden
o comunicado do plenario da RAG!
Que merece a pena ler enteiro.
Por unha vez a RAG dá a talla
e di a pura verdade,
con exactitude e claridade.
Agora cómpre sermos consecuentemente militantes.
As xeracións futuras de galegos
non nos perdoarán se o non fixermos.

http://www.xornal.com/artigo/2009/05/12/galicia/rag-plantalle-cara-medidas-feijoo-desprotexer-galego/2009051223405894990.html

http://www.xornal.com/artigo/2009/05/13/galicia/pp-dividido-polo-perfil-do-responsable-politica-linguistica/2009051301022493229.html

http://www.realacademiagalega.org/PlainRAG/notices/files/Unha%20lingua%20para%20todos.pdf

terça-feira, 12 de maio de 2009

Aínda hai dúbidas?

Xa ata a RAG,
máis afeita a se manter "au-dessus de la mêlée",
se decide a baixar á area.
E, aínda que o pareza,
non se ha ter por bo sinal.
Significa, polo contrario, que o mal é grave.
Como, de por parte,
moitos coñecemos desde hai tempo.
Todos agás Núñez Feijoo e mais...
que vos direi eu que vós non saibades?

http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=86&idNoticia=425954

domingo, 10 de maio de 2009

O país dos ananos III

O primeiro coñeceuno Celso Emilio
entre emigrantes galegos en América:
persoas de pobre calidade humana,
dos que o país de orixe nada tiña de esperar.
O terceiro podémolo achar hoxe e aquí
entre persoas residentes en Galicia
de múltiples orixes e condicións.
Nunha nota todas elas coinciden:
no odio, noxo e desprezo perante a lingua galega
e na vontade de que os seus cativos
non se contaminen empregándoa,
co que tampouco a aprenderán.
Xa se pode supoñer canto, deste xeito,
contribúen á liberdade lingüística dos rapaces!
Belén Regueira, que coñece ben o segundo país
dos ananos -estoutros, por si mesmos adorábeis-,
prevennos para que non cometamos con eles
tan gran falcatruada
os ananos do terceiro país.

http://www.galiciaconfidencial.com/?p=3217

segunda-feira, 4 de maio de 2009

Os pais e nais tamén

Seguimos sumando resistencia.
Os pais e nais tamén se opoñen
á ruín idea de deixar desasistida a nosa lingua
e exposta ás embestidas dos seus feros inimigos.
Cómpren máis protestas e denuncias
seguindo o ronsel desta:

http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=149&idNoticia=423060

sexta-feira, 1 de maio de 2009

Velaí a raíz do mal

A raíz do mal que padecemos no referente á lingua
está nunha flagrante desigualdade consagrada pola mesma Constitución Española.
Non ten volta de folla!
Leamos:

http://www.xornal.com/opinions/2009/04/30/Opinion/autobus-galicia-bilingue/2009043017335313159.html

Non ten máis ca un camiño

A verdade!
Non ten máis ca un camiño.
Pode semellar radical o dito
"A verdade non ten máis ca un camiño"
nestes tempos de relativismo.
Mais, sequera en certo tipo de asertos,
como os relativos á presenza dos corpos físicos,
ao seu peso, tamaño, cor so certa luz...
a verdade non ten máis ca un camiño.
No referente á situación lingüística galega,
a única verdade é a nosa.
Afirmémola sen receo,
pregoémola aos catro ventos da busola,
digámola nos eirados, desde as fiestras, no rueiro.
Quede patente a mentira dolosa
dos que din o contrario.
¡O DÍA 17 EN COMPOSTELA!

Se aínda alguén non o ve claro,
lea e considere:

NOVA ESCOLA GALEGA CHAMA Á PARTICIPACIÓN ACTIVA NA MANIFESTACIÓN DO 17 DE MAIO EN DEFENSA DO IDIOMA

· NOVA ESCOLA GALEGA realiza este chamamento porque, sen dúbida, o momento que vive o idioma de Galicia na actualidade é o máis transcendente desde a propia aprobación da Lei de Normalización no ano 1983.
· Entende NOVA ESCOLA GALEGA que a sociedade debe darlles resposta, serena pero contundente, tanto aos grupúsculos minoritarios que día tras día difunden datos falseados sobre a situación do idioma, como ao goberno autónomo, que reiteradamente se ten manifestado predisposto a agarrarse a tales difamacións para poñer en marcha medidas que fagan dar pasos atrás no proceso de normalización do idioma.
· Lamenta NOVA ESCOLA GALEGA que a convocatoria sexa asinada exclusivamente por unha única entidade, sen ter contado para iso con toda a armazón social disposta a saír á rúa neste momento, pero son precisamente os acontecementos que se están a vivir os que deben facer que a participación sexa masiva, sen máis.
· Segundo se desprende do último número do boletín NOVA ESCOLA GALEGA-OPINA, no que se ofrecen os datos máis recentes sobre a saúde do galego, pode concluírse que son só as persoas galego-falantes as que teñen auténticas opcións de ser bilingües.
· NOVA ESCOLA GALEGA reclama do novo goberno galego responsabilidade e sentido de país na acción política sobre a lingua e a cultura.


Comunicado de Prensa

NOVA ESCOLA GALEGA, movemento de renovación pedagóxica con 25 anos de vida e pioneiro na formulación de propostas para a normalización do galego no ensino –esta organización é a autora do único Modelo presentado ata o momento para facer normal o uso do idioma no sistema educativo- fai un chamamento, tanto á súa propia afiliación como a todo o tecido social do país, á participación na manifestación que o 17 de maio se celebrará en Santiago en defensa do idioma galego e contra calquera tipo de retroceso no seu proceso de normalización.
Os últimos datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia editado recentemente demostran que a situación do idioma galego é, sinxelamente, crítica, pois apenas o 38% da poboación –a terceira parte, como quen di- declara usalo dun xeito habitual. Isto quere dicir, na práctica e sobre todo en ambientes urbanos, que hoxe por hoxe é posible vivir en Galicia sen ter contacto ningún co galego na vida ordinaria. Quere dicir tamén que as persoas que desenvolven as súas actividades nesta situación corren grave risco de non chegar a acadar o limiar mínimo no dominio do idioma galego ou, doutra maneira, de non chegar a ser bilingües. Non ocorre o mesmo, pola contra, coas persoas galego-falantes pois, segundo demostran os mesmos datos, é imposible vivir en Galicia e non ter contacto co castelán.
A actual normativa referida ao emprego do galego como lingua vehicular no ensino persegue, en certa medida, contribuír á corrección desta situación de entrada, tratando de garantir que o alumnado teña contacto co galego cando menos no 50% das actividades lectivas. Esta normativa, non sendo óptima desde a perspectiva de NOVA ESCOLA GALEGA –segundo se poñía de manifesto na análise que dela se realizaba no Boletín NEG-Opina de abril de 2007- significou cando menos un mínimo paso de cara a conseguir que o alumnado galego domine os dous idiomas ao final da súa escolarización obrigatoria.
É radicalmente falso, á vista da situación actual e segundo se reflicte no NEG-Opina editado neste mesmo mes de abril, afirmar que o castelán corre perigo en Galicia. Tamén o é, absolutamente, manifestar de xeito demagóxico que o español está sendo desterrado das aulas galegas. Antes ao contrario, só o 17% das clases de Primaria e o 30% das de Secundaria son dispensadas “practicamente en galego” ou “máis en galego” segundo o Mapa Sociolingüístico de Galicia. Pero non só iso, senón que máis do 80% dos galegos e galegas declaramos que usamos preferentemente o castelán na escrita, porcentaxe que se eleva ata o 85% se nos referimos á lectura. Á vista destes datos, obtidos co debido rigor científico, semella evidente que o único idioma que corre perigo en Galicia –e nas súas aulas- é o galego.
Á vista destes datos tamén, non é tampouco certo que sexan as persoas castelán-falantes as que están vendo coutados os seus dereitos como falantes na actualidade, pois en Galicia queda demostrado que se pode vivir sen estar en contacto co galego. Pola contra e como queda dito, si está coutado o seu dereito a unha formación que lles garanta precisamente o dominio real dos dous idiomas presentes en Galicia. E, pola contra tamén, son os galego-falantes os que, independentemente da necesaria formación lingüística, non teñen garantido que a súa vida poida desenvolverse en galego.
Á vista da situación descrita, considera NOVA ESCOLA GALEGA que o transo que está a sufrir o idioma galego é, talvez, o máis transcendente desde a propia aprobación da Lei de Normalización Lingüística no ano 1983, precisamente porque a mensaxe de grupos minoritarios amplificada por determinados medios de comunicación está provocando, a partir do falseamento dos datos de que se dispón, unha pretendida guerra lingüística con escuros intereses. Paralelamente, o partido que accedeu nestes días ao poder en Galicia manifestou reiteradamente que daba por boa tal maneira de interpretar a situación –sen ningún substrato científico- e que unha das súas primeiras medidas sería derrogar parte da lexislación existente, dando un paso atrás, en extremo perigoso, no proceso de normalización do idioma
Tanto por unha razón como por outra, NOVA ESCOLA GALEGA entende que a manifestación do próximo 17 de maio debe ser unha mostra inequívoca, serena pero contundente, do sentir do conxunto da sociedade galega sobre a cuestión lingüística. E iso a pesar de lamentar que tal convocatoria sexa realizada por unha única entidade, sen contar co conxunto dos axentes sociais claramente predispostos a apoiala nun momento no que semella claro que o esforzo pola normalización do idioma debe ser unha tarefa que, ou atopa un consenso moi xeneralizado e maioritario ou non terá éxito. Neste sentido, NEG quere tamén, e nomeadamente, reclamar da Real Academia Galega e do conxunto de institucións dedicadas ao estudo e protección da lingua e da cultura galegas o seu posicionamento inequívoco sobre a realidade que vive o idioma.

En Compostela, a 30 de abril de 2009.



Nova Escola Galega, Movemento Galego de Renovación Pedagóxica
Rúa de Betanzos, 1 – 1º Esda.
15703 Santiago de Compostela
Tfno/Fax: 981 56 25 77
www.nova-escola-galega.org
neg@mundo-r.com