sexta-feira, 22 de maio de 2009

Son uns mandadiños

Se se meten nun fregado e ao cabo teñen que encoller e encartar,
que máis ten?
Quen manda, manda. Eles son uns mandadiños.
Despois ao mellor laiando escúsanse:
"Foi aquel, que mo mandou!"
Mais non haberá misericordia;
non son merecentes.

Non é necesario ser moi espelido para entender
que os pais e nais non teñen ningún dereito a decidir
sobre os obxectivos, contidos e procedementos da educación pública.
Todo o dereito que sobre isto poidan ter,
vehicúlase a través das leis que as cámaras lexislativas competentes elaborasen.
Endealí, se é lexítimo aspirar a cambiar aqueles obxectivos, contidos, procedementos e valores,
pérdese tal lexitimidade en democracia cando se tenta facer á marxe
da normal actividade democrática pola que, coa única responsabilidade dos lexisladores libremente elixidos polo pobo, se elaboran ou modifican as leis.
Unha das leis, non a única, polas que se rexe a educación entre nós,
é a Lei de Normalización Lingüística de Galicia,
defendida no parlamento por Ramón Piñeiro, por certo,
e aprobada por unanimidade da cámara autonómica.

O actual goberno da Xunta semella dispoñerse a trampear esta lei.
Do que aínda non falan é de derrogala e substituíla por outra.
Mais non nos enganemos, GB xa o pediu hai tempo, antes das eleccións.
Estaban ben asesorados: o seu obxectivo de asoballar e fechar o galego
no cuarto onde se esconde os parvos -hai anos, hoxe xa non-,
non é legal nesta altura,
prohíbeo a Lei de Normalización Lingüística.

Vendo que hoxe por hoxe lles é imposíbel arrombala,
o que se lles ocorre é trampeala mediante unhas estrataxemas
que quizais lles veñan de volta,
lles batan na testa.
Se é o que queren, alá eles.
Por falta de denuncias, que non sexa.

http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=86&idNoticia=429331

Sem comentários:

Enviar um comentário