Será certo ou non será?
Se tiver liberdade de acción
e for consecuente coa súa carreira antecedente,
será cousa de deixar renacer a esperanza;
canté!
se así for! Sexa, sexa!
Se, pola contra, vai ter que pór os medios
para a consecución dos obscenos obxectivos de nin sequera
repartir a medias as oportunidades entre
o irmán rico e o irmán pobre e enfermo
-castelán e galego , enténdase-,
causadas a enfermidade e pobreza do segundo
por comeren, coma dous ranchos na mesma pía,
un a comida do outro...;
se así for,
para quen non quer nada, ten miña nai moito.
Nunca choveu que non escampase?
Ou desta non hai quen te salve?
Deixádeme o dereito á perplexidade!
Aínda así, a esperanza é o último que se perde
-dise cando xa se está nas últimas.
Mais ao final sairemos coa nosa:
xa que temos a razón, levaremos o proveito.
NOMEAMENTO DO NOVO DIRECTOR XERAL DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA
VALORACIÓN DA COORDINADORA GALEGA DE ENDL
A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística valora positivamente o nomeamento como novo Director Xeral de Política Lingüística do goberno galego dunha persoa con coñecementos acreditados nesta materia e que foi, ademais, secretario da Comisión Sectorial de Educación no Plan xeral de normalización da lingua Galega de 2004. Cómpre lembrar que este plan apunta as medidas incluídas no Decreto 124/2007, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, que o propio director xeral se encargou de promover entre a comunidade educativa.
Dado que o goberno de Núñez Feijoo declarou que ía derrogar o devandito decreto, esperamos que o novo director xeral sexa coherente coa liña de traballo de promoción da lingua que tivo ata o momento e manteña os compromisos acordados pola comunidade educativa e o Parlamento galego no Plan xeral de normalización da lingua galega.
A CGENDL reitera a súa vontade de participar no diálogo prometido por Núñez Feijoo con todos os sectores implicados na educación para facermos achegas importantes como colectivo de docentes que levamos moitos anos a traballar neste eido e como axentes fundamentais no deseño, posta en práctica e revisión dos programas de normalización lingüística nos centros educativos. Por todo isto, solicitaremos unha entrevista con don Anxo Lorenzo para lle trasladar as propostas dos equipos de normalización e os docentes de centros educativos públicos e privados que apoian o noso manifesto, aos que animamos a participar en todas as iniciativas de promoción do noso idioma que se celebran nestas datas.
Sem comentários:
Enviar um comentário