quinta-feira, 18 de março de 2010

Tres tabús do goberniño

Quérovos falar de tres tabús do goberniño que temos desde hai un ano na Xunta de Galicia. Refírome agora aos relacionados co tratamento que lle dá á lingua galega, pois outros tabús terá; aínda que neles eu non pensase deica agora. Onde hai cativeza e curtidade, os tabús inzan coma ratos. Buscade tales propiedades e outras semellantes onde quixerdes. Aposto o que for a que non achades en ningures a antonomásica realización que velaí: neste noso goberniño frívolo, superficial, ridículo e ideoloxizado ata as cachas.

A palabra normalización constitúe o primeiro e principal tabú do goberniño. Se lerdes o anteproxecto do seu desventurado decreto de plurilingüismo, comprobaredes que foxen dela coma o demo da cruz. Non se entende ben por que. De grao ou por forza, o tal decreto téñeno que referir, como á súa fonte, á Lei de Normalización Lingüística. Sendo así, o decreto debería tender, como un medio ao seu fin, á consecución do único grande obxectivo da devandita lei, isto é, á normalización social da lingua galega. E isto significa, segundo o teor da lei, converter a lingua propia deste país no que debía ser e non é: coñecida, querida e empregada para todos os usos e en todos os ámbitos.

Mais, neste goberniño, a súa pecha e roma ideoloxía pasa por riba de todo. Eles seguen os que, xa desde hai anos, veñen criticando o uso e o concepto de "normalización lingüística", pois seica é cousa dos lingüistas cataláns, que tanto lles cheira a catalanismo, un nacionalismo para eles vitando. Aínda que a este noso goberniño se lle podería recoñecer o dereito a soster unha ideoloxía oposta a esoutra suposta que eles denigran, en nome do principio de legalidade hai que lles negar o dereito a renartemente socavaren unha lei vixente, pois ao tal faceren traballan xustamente en contra da consecución do obxecto da mesma e impiden o seu cumprimento.

Os outros seus tabús, verbo da mesma materia, estes son: inmersión lingüística e mais discriminación positiva.

Para eles a inmersión lingüística é rexeitábel. Referida ao galego, claro está. Referida ao castelán, pola contra, ou a unha lingua estranxeira, resúltalles un método pedagóxico eficaz e xeitosísimo. Mais para o galego...! Como se pode explicar tamaña incoherencia? Non a hai! Na súa lóxica, claro está. Unha cousa é mergullarse na gloria e outra moi distinta mergullarse na merda. E xa se sabe onde calquera preferiría mergullarse se lle deren a escoller entre esas dúas. Para eles o galego é noxento, unha lingua esmorecente, moribunda; e non porque alguén lle fixese dano e causase a enfermidade, senón porque na loita pola vida lle cadrou ser a máis débil, o peixe pequeno comesto polo grande, o pobre camarón engulipado pola lura caganegro.

Discriminación positiva deste becho, para que? Pobre desgrazadiño, malpocado...! Para que? Para alongarlle unha vida miserenta e digna de mágoa? Non, claro! O natural é deixalo morrer. Agora ben, non por iso lles hai que amargar moito a vida aos pobres falantes que non tiveron a sorte de aprenderen a desenvolverse con toda facilidade en castelán. Xa eles fixeron abondo con traspasaren os seus fillos, e estes coa súa colaboración os seus, á banda dos castelanfalantes renegantes da lingua dos avós! É cousa de os deixar morrer canda a súa lingua materna e entrementres ir falándolles, ademais do castelán e como piedosa concesión, un galego "cordial", empobrecido en si e enriquecedor para a nova lingua "propia" de Galicia, o castelán arrecastado nestas terras, que é xa para moitos "tan gallego como el gallego".

Alguén pensará que eses tabús non teñen lóxica. Claro que a teñen! A da ideoloxía dominante. E sobre todo a deste goberniño, que reforza esa mesma ideoloxía, alleo á racionalidade e á verdadeira condescendencia coa xente do pobo. Non é estraño. Son herdeiros e representantes dos que desde hai séculos se impuxeron nos núcleos urbanos de Galicia dispostos a levar sempre, con razón ou sen ela, a auga ao seu rego. Agora é cando se aproximan á vitoria total e definitiva. É o máis triste do conto. Ese final previsíbel.