quarta-feira, 17 de junho de 2015

Hominum est errare e juvenum praesertim


      Dá noxo escoitar -quizais tamén vergoña- a maioría das reaccións de políticos e  opinadores mediáticos ante os twits de humor escuro e demostracións de protesta irreverente duns poucos concelleiros actuais da "villa y corte",  de cando estes eran rapaces novos; que aínda, algo menos, hoxe o son.

      Acho que esas reaccións se verten non co fin de informar, senón co de (de)formar a opinión pública, de a converter a prol dos intereses da xente satisfeita, autosatisfeita, non atinxida pola dura crise económica e social, ou apenas atinxida. Tan pouco os atinxiu, que mesmo os beneficiou; pois, se é verdade que tras a crise a desigualdade creceu e con esta o número de individuos e familias ricas, nalgures estarán estas e dalgunha maneira defenderán os seus logros como lexítimos.

      Os twits de humor escuro e as demostracións de protesta irreverente véxoas como actuacións -sobreactuacións se se quere-  dunha mocidade desilusionada, cando non aterrorizada, ante o porvir que prevían para eles mesmos e a súa xeración. Eran os do 15-M. Un futuro negrísimo verían se cadra; máis negro, seguramente, ca o humor atroz dos twits zapatistas; máis sacrílego, certamente, do que o xesto de espirse da chambra feminina unha estudante incrédula no espazo sagro dun templo católico universitario, se aínda ten sentido hoxe en día manter un templo público católico-universitario e, no caso de o manter, considerar sacrilexio e delito, ambas as dúas cualificacións, o feito de uns rapaces novos entraren nel a berros e xestos de protesta, máis ou menos irrespectuosos non se sabe ben con quen. Con Deus? Seguro que non, Cos crentes católicos? Con moitos de nós, comigo polo menos, non.