sexta-feira, 1 de maio de 2009

Non ten máis ca un camiño

A verdade!
Non ten máis ca un camiño.
Pode semellar radical o dito
"A verdade non ten máis ca un camiño"
nestes tempos de relativismo.
Mais, sequera en certo tipo de asertos,
como os relativos á presenza dos corpos físicos,
ao seu peso, tamaño, cor so certa luz...
a verdade non ten máis ca un camiño.
No referente á situación lingüística galega,
a única verdade é a nosa.
Afirmémola sen receo,
pregoémola aos catro ventos da busola,
digámola nos eirados, desde as fiestras, no rueiro.
Quede patente a mentira dolosa
dos que din o contrario.
¡O DÍA 17 EN COMPOSTELA!

Se aínda alguén non o ve claro,
lea e considere:

NOVA ESCOLA GALEGA CHAMA Á PARTICIPACIÓN ACTIVA NA MANIFESTACIÓN DO 17 DE MAIO EN DEFENSA DO IDIOMA

· NOVA ESCOLA GALEGA realiza este chamamento porque, sen dúbida, o momento que vive o idioma de Galicia na actualidade é o máis transcendente desde a propia aprobación da Lei de Normalización no ano 1983.
· Entende NOVA ESCOLA GALEGA que a sociedade debe darlles resposta, serena pero contundente, tanto aos grupúsculos minoritarios que día tras día difunden datos falseados sobre a situación do idioma, como ao goberno autónomo, que reiteradamente se ten manifestado predisposto a agarrarse a tales difamacións para poñer en marcha medidas que fagan dar pasos atrás no proceso de normalización do idioma.
· Lamenta NOVA ESCOLA GALEGA que a convocatoria sexa asinada exclusivamente por unha única entidade, sen ter contado para iso con toda a armazón social disposta a saír á rúa neste momento, pero son precisamente os acontecementos que se están a vivir os que deben facer que a participación sexa masiva, sen máis.
· Segundo se desprende do último número do boletín NOVA ESCOLA GALEGA-OPINA, no que se ofrecen os datos máis recentes sobre a saúde do galego, pode concluírse que son só as persoas galego-falantes as que teñen auténticas opcións de ser bilingües.
· NOVA ESCOLA GALEGA reclama do novo goberno galego responsabilidade e sentido de país na acción política sobre a lingua e a cultura.


Comunicado de Prensa

NOVA ESCOLA GALEGA, movemento de renovación pedagóxica con 25 anos de vida e pioneiro na formulación de propostas para a normalización do galego no ensino –esta organización é a autora do único Modelo presentado ata o momento para facer normal o uso do idioma no sistema educativo- fai un chamamento, tanto á súa propia afiliación como a todo o tecido social do país, á participación na manifestación que o 17 de maio se celebrará en Santiago en defensa do idioma galego e contra calquera tipo de retroceso no seu proceso de normalización.
Os últimos datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia editado recentemente demostran que a situación do idioma galego é, sinxelamente, crítica, pois apenas o 38% da poboación –a terceira parte, como quen di- declara usalo dun xeito habitual. Isto quere dicir, na práctica e sobre todo en ambientes urbanos, que hoxe por hoxe é posible vivir en Galicia sen ter contacto ningún co galego na vida ordinaria. Quere dicir tamén que as persoas que desenvolven as súas actividades nesta situación corren grave risco de non chegar a acadar o limiar mínimo no dominio do idioma galego ou, doutra maneira, de non chegar a ser bilingües. Non ocorre o mesmo, pola contra, coas persoas galego-falantes pois, segundo demostran os mesmos datos, é imposible vivir en Galicia e non ter contacto co castelán.
A actual normativa referida ao emprego do galego como lingua vehicular no ensino persegue, en certa medida, contribuír á corrección desta situación de entrada, tratando de garantir que o alumnado teña contacto co galego cando menos no 50% das actividades lectivas. Esta normativa, non sendo óptima desde a perspectiva de NOVA ESCOLA GALEGA –segundo se poñía de manifesto na análise que dela se realizaba no Boletín NEG-Opina de abril de 2007- significou cando menos un mínimo paso de cara a conseguir que o alumnado galego domine os dous idiomas ao final da súa escolarización obrigatoria.
É radicalmente falso, á vista da situación actual e segundo se reflicte no NEG-Opina editado neste mesmo mes de abril, afirmar que o castelán corre perigo en Galicia. Tamén o é, absolutamente, manifestar de xeito demagóxico que o español está sendo desterrado das aulas galegas. Antes ao contrario, só o 17% das clases de Primaria e o 30% das de Secundaria son dispensadas “practicamente en galego” ou “máis en galego” segundo o Mapa Sociolingüístico de Galicia. Pero non só iso, senón que máis do 80% dos galegos e galegas declaramos que usamos preferentemente o castelán na escrita, porcentaxe que se eleva ata o 85% se nos referimos á lectura. Á vista destes datos, obtidos co debido rigor científico, semella evidente que o único idioma que corre perigo en Galicia –e nas súas aulas- é o galego.
Á vista destes datos tamén, non é tampouco certo que sexan as persoas castelán-falantes as que están vendo coutados os seus dereitos como falantes na actualidade, pois en Galicia queda demostrado que se pode vivir sen estar en contacto co galego. Pola contra e como queda dito, si está coutado o seu dereito a unha formación que lles garanta precisamente o dominio real dos dous idiomas presentes en Galicia. E, pola contra tamén, son os galego-falantes os que, independentemente da necesaria formación lingüística, non teñen garantido que a súa vida poida desenvolverse en galego.
Á vista da situación descrita, considera NOVA ESCOLA GALEGA que o transo que está a sufrir o idioma galego é, talvez, o máis transcendente desde a propia aprobación da Lei de Normalización Lingüística no ano 1983, precisamente porque a mensaxe de grupos minoritarios amplificada por determinados medios de comunicación está provocando, a partir do falseamento dos datos de que se dispón, unha pretendida guerra lingüística con escuros intereses. Paralelamente, o partido que accedeu nestes días ao poder en Galicia manifestou reiteradamente que daba por boa tal maneira de interpretar a situación –sen ningún substrato científico- e que unha das súas primeiras medidas sería derrogar parte da lexislación existente, dando un paso atrás, en extremo perigoso, no proceso de normalización do idioma
Tanto por unha razón como por outra, NOVA ESCOLA GALEGA entende que a manifestación do próximo 17 de maio debe ser unha mostra inequívoca, serena pero contundente, do sentir do conxunto da sociedade galega sobre a cuestión lingüística. E iso a pesar de lamentar que tal convocatoria sexa realizada por unha única entidade, sen contar co conxunto dos axentes sociais claramente predispostos a apoiala nun momento no que semella claro que o esforzo pola normalización do idioma debe ser unha tarefa que, ou atopa un consenso moi xeneralizado e maioritario ou non terá éxito. Neste sentido, NEG quere tamén, e nomeadamente, reclamar da Real Academia Galega e do conxunto de institucións dedicadas ao estudo e protección da lingua e da cultura galegas o seu posicionamento inequívoco sobre a realidade que vive o idioma.

En Compostela, a 30 de abril de 2009.



Nova Escola Galega, Movemento Galego de Renovación Pedagóxica
Rúa de Betanzos, 1 – 1º Esda.
15703 Santiago de Compostela
Tfno/Fax: 981 56 25 77
www.nova-escola-galega.org
neg@mundo-r.com

Sem comentários:

Enviar um comentário