quinta-feira, 30 de abril de 2009

Van apagar o lume

A que vén tanta présa,
ou encírranos por detrás con aguillón?
Está alguén -o castelán, se cadra;
os dereitos civís de non sei quen,
o proído incivil dos que teñen noxo do galego-,
está a morrer alguén?
U-lo lume, que imos nós tamén.
Ou que outra urxencia os preme
para saltaren por riba
dunha normativa legal democrática?

http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=2009042900_4_321512__Vigo-Xunta-ordena-centros-permitan-alumnos-elegir-idioma-clases

Os do anterior goberno tiveron máis pacencia
e sabencia.
Tardaron vinte e catro meses
en sacar un novo decreto e, entrementres,
non modificaron nada da situación herdada.
E en que vai quedar, logo, o Plan
de Normalización da Lingua Galega,
aprobado por unanimidade por un Parlamento con maioría do PP?
Xa non vale nada o que hai tan poucos anos se viu e decidiu?

Necesítanse respostas valentes
de protesta, denuncia e resistencia,
de intelixencia e sentidiño, que dicía o outro.
E rápidas.
Dentro de pouco pode ser tarde.

Ante a gravidade desta decisión, que derroga de facto o Decreto 124/2007, a Coordinadora Galega de ENDL vén de dar a coñecer hoxe a través dunha nota á prensa o seu posicionamento públlico, que pasamos a reproducir:

A COORDINADORA GALEGA DE ENDL CONSIDERA INADMISIBLE QUE O PRESIDENTE INCITE A IMCUMPRIR A LEXISLACIÓN EDUCATIVA.

Diante das noticias publicadas hoxe na prensa onde se recolle que o Presidente da Xunta de Galicia, o sr. don Alberto Núñez Feijoo, vai enviar unha circular aos centros educativos dando instrucións a respecto da distribución curricular das linguas oficiais nos centros educativos segundo a vontade do alumnado e o profesorado, a Coordinadora galega de ENDL considera inadmisible que un presidente dun goberno incite a incumprir a lexislación educativa mediante unha circular, documento este que ten como finalidade “aclarar” aspectos da lexislación, nunca para ir en contra dela, xa que non é un instrumento normativo.

Neste momento está en vigor o Decreto 124/2007, que regula o uso e promoción do galego no sistema educativo e que procura que o alumnado reciba un 50% de clases en lingua galega, para así poder garantir que sexa competente nas dúas linguas da comunidade, algo que só se pode conseguir se o alumnado aprende galego pero tamén “en galego”.

Coas medidas postas en práctica no Decreto, non se atentou contra ningún “dereito civil”, polo tanto o noso colectivo non entende porque se fala de “repoñer os dereitos civís nas aulas”. A Coordinadora non dá creto a esta chamada á “insumisión” baixo o discurso da liberdade que deixa na elección do alumnado e do profesorado a lingua das clases, cando está lexislado mediante un Decreto que se estaba comezando a aplicar e que aínda non foran avaliado.

Os integrantes da Coordinadora Galega de ENDL tamén mostran a súa sorpresa polo momento e a forma en que sae esta noticia. Tras un discurso de investidura no que se repetiu ata a saciedade a palabra consenso, promove esta medida sen contar coas persoas e entidades que están implicadas directamente no proceso educativo e/ou con todos aqueles que participaron na redacción do Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento. Dá así a impresión de que os “votos prestados” dos que falaba neste días o Conselleiro de Educación, o sr. don Jesús Vázquez, pesan máis ca calquera intención real de consenso.

Sem comentários:

Enviar um comentário