sábado, 23 de maio de 2009

Que os leven á privada!

Todo ten a súa lóxica.
Os obxectivos están claros.

Manter as diferenzas sociais é un deles,
inconfesado e porén realísimo nas políticas de dereitas.
Daquela, se para mellorar a educación dos privilexiados
hai que empeorar a dos desfavorecidos, faise baixo un pretexto calquera,
o da austeridade e o aforro, por exemplo.
Ao tempo!, non deixedes de pór atención.
Veredes como, no asunto das subvencións aos colexios privados,
non van ter receo en facelas crecer.

O agrupamento de alumnos de distintos niveis e ciclos
era xa un proxecto nos tempos do último goberno presidido por Fraga Iribarne.
O bipartito aparcauno. O máis profano no asunto ben pode entender que esa medida
repercutirá necesariamente nunha desigualdade de oportunidades de formación
entre os alumnos que a sufran e a maioría dos que se libren dela,
ou, o que vén sendo o mesmo, entre os de ámbito rural e os de ámbito urbano,
sendo destes últimos os máis favorecidos, teoricamente polo menos,
os escolarizados nos colexios privados. Os dos colexios públicos sofren outros males,
principalmente o da masificación das aulas e a integración nelas
dunha grande proporción de fillos de inmigrantes e de alumnado con necesidades
educativas especiais, é dicir, con especiais dificultades para a aprendizaxe,
contribuíndo todo isto, quéirase ou non, a baixar o nivel formativo do conxunto do alumnado.
Os que nos gobernan non teñen problema en todo isto.
Para iso está a privada e, no medio desta, os colexios de elite.
O que teña problemas que os resolva.
Das aldeas máis remotas e profundas do país
non saíron sempre os rapaces -fillos dos ricos fidalgos
e dos que, sen o seren, tiñan pais con fumes-
para os colexios privados asentados nas cidades,
para os institutos ou para os seminarios e conventos?
Vello e sabio proceder! Recupérese!
Porque o máis importante é que coa xeneralización da educación
os mellores -os ricos, os intelixentes, os aplicados-
non sufran menoscabo; os outros que se amañen como poidan,
bo é ofrecerlles a oportunidade de estudar coma a todos,
o da calidade xa é outro cantar, desde cando somos iguais?
Se non lles abondar o que teñan,
lévenos á privada. Que, maioritariamente, está bastante peor
ca a pública; porén, iso logo se amaña, como?
Mimando aquela e para iso chuchando recursos da segunda.

http://www.vieiros.com/nova/74259/o-ensino-no-rural-resentirase-se-prospera-unha-nova-circular-de-educacion

Sem comentários:

Enviar um comentário