quarta-feira, 20 de maio de 2009

Festina lente

"Vísteme despacio que tengo prisa",
reza o refrán castelán.
Miña nai expresaba o mesmo dicindo:
"Canta máis présa, máis vagar!".

Agora a mellorarmos o galego.
So este título convidábanos Miguel Anxo onte
-convidaba sobre todo algúns políticos sedicentes
defensores da nosa lingua-
a usala con pureza e propiedade.
Con razón o facía, pois dá mágoa ás veces
oírmos os políticos e outros falala enchéndoa
de castelanismos brutos de toda especie.

No teor daquel convite percibíase
un sentimento explicábel de satisfacción
polo bo suceso da manifestación a prol da lingua
do pasado 17 de maio en Compostela.
Satisfacción razoábel, non o dubide ninguén.
Unha verdadeira festa! Mais unha festa triste porque
o triunfo final non está, nin moito menos, asegurado.
Somos os mellores; os máis fortes non.
Non imos desistir de coidar a identidade,
integridade, pureza, enxebreza mesmo da lingua galega.
Porén, de momento o urxente é evitar
a morte deste enfermo ou, se a morte aínda non,
os graves danos cos que o ameazan e que poden
trazar camiños irreversíbeis descontra a súa morte.

Xa o vedes. Seguen coa súa e non exclúen
a posibilidade de segregar os alumnos segundo a lingua
elixida polos pais -de cando para acá
teñen ese dereito verbo da educación?
Tal segregación foi cualificada desde varias instancias
como unha barbaridade: que se é un despilfarro económico,
que se é ilegal dada a lexislación actual -mais as leis cambian
e hai expertos en facerlles a trampa-,
que se é unha aberración pedagóxica,
que se supón instaurar un appartheid lingüístico...

É todo iso e moito máis. É unha tolería, unha irresponsabilidade.
Por camiños coma eses comezaron as guerras étnicas
en moitas partes e en terras e tempos ben próximos tamén.
É, digámolo sen medo, eticamente inmoral.
E vede quen está a propugnar e bendicir a idea:
a confederación de asociacións de pais dos colexios privados...
Dúas notas. Primeira:
"Mira quen fala!; os que nunca tiveron problemas, pois
nos seus colexios, na maioría para sermos xustos,
o galego non se aprende, só se cheira polos forros!"
Segunda:
"A maioría deses colexios son da Igrexa católica, non é?
Vai esta facerse cómplice dunha barbaridade tal?
Non sería estraño. Desde hai cinco séculos vén actuando como tal
cando non como axente principal,
sacando pequenas e moi honrosas -e valiosas- excepcións!"

Así que, amigo Miguel Anxo, enfeitar a lingua está moi ben,
é xusto, é necesario; porén o urxente arestora
é salvala, pobre e enferma como a temos.
Logo dedicaremos moito tempo
ao enfortecemento do seu "corpus".
E desde agora xa
comezaremos a militancia a prol
da recuperación dos seus falantes. É preciso!!

http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=149&idNoticia=428483

Sem comentários:

Enviar um comentário