quarta-feira, 27 de maio de 2009

Vivan a mentira e o sofisma!

Imposición, témero palabro,
foxe de ti todo o mundo coma da cruz o demo.
Imposición se hai algunha nestas partes,
ningunha como a imposición do galego
en contra do castelán.
Ti vas, un supoñer, a un xulgado e,
agás contadas e tímidas excepcións,
fálanche e obrígante a falar en galego!
Ti vas a unha igrexa, un supoñer, e, como non andes con coidado,
predícanche, confésante, cásante en galego
e, o que é peor, obrígante a rezar en galego.
Ti vas a unha mesa -agora non hai xanelas-
ou a un mostrador calquera da administración autonómica
e non oirás funcionario que che fale en castelán,
peor aínda, non te atenden se o non fixeres en galego.
Ti vas a un colexio de primaria ou a un instituto e,
tanto dá que sexas alumno, pai, avó, tía ou criada
da familia do alumno, perdes o tempo se non falas galego;
sobre todo, pobre de ti como o fagas en castelán,
pois oirás a reconvención severa do cancerbeiro,
que con voz magnificada e altofalante berrará:
"Non sexa bárbaro, fale en galego!"

Polo que, para liberar de tal imposición e escravitude os cidadáns,
chegou hai pouco o goberno do "non á imposición".
E, entre as medidas liberadoras, vaise facilitar o ingreso na administración autonómica
de persoas que non saben responder un test escrito en galego.
Tales funcionarios traerán a liberdade e o remate da imposición do galego;
ao non o saberen, pódese esperar que non cho impoñan.
E deste xeito, milagreiramente, veraste libre
de toda imposición idiomática, agás dunha: a imposición omnímoda do castelán.
Mais esta é, desde Nebrixa, a LINGUA DO IMPERIO
e as linguas imperiais nunca se impoñen,
son libremente elixidas polos cidadáns!

Viva o rigor e a ciencia
baseados na mentira e no sofisma.
Os sofistas aprenderían destas persoas
o que nunca puideron sospeitar.


http://www.xornal.com/artigo/2009/05/27/galicia/valedor-non-detecta-problemas-co-galego-observa/2009052623303044054.html

http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=86&idNoticia=430856

http://www.vieiros.com/columnas/opinion/822/slavoj-i-ek-e-nos-ou-por-que-estamos-a-perder-a-batalla-do-idioma

Sem comentários:

Enviar um comentário