quinta-feira, 5 de novembro de 2009
Prosegue a persecución
quarta-feira, 4 de novembro de 2009
Eloxio da estulticia
Loanza da inxustiza
Xa logo se cumprirá o quinto centenario da edición dunha obra senlleira, malia a súa escuridade: o Morias Enkomion -Μωρίας Εγκώμιον- seu Stultitiae Laus do humanista e crente crítico Erasmo de Rotterdam. Será en 2011. Louvemos tamén nós a parvice, a estulticia e a inxustiza, aínda que sexa ao xeito dunha dorida ironía.
Louvemos a xustiza inmensa dos paraísos fiscais. Agora os grandes economistas alternativos -un tal Montoro, do PP español, poño por caso-discorren coma así: os impostos deben someterse ao principio da concorrencia económica internacional, polo que está moi mal subírllelos aos grandes futbolistas estranxeiros en España, xa que porá en perigo a concorrencia da actividade económico-futbolística do país. De onde se propugna seguir coa ata aquí vixente Lei Beckham, que lles permite tributar unha porcentaxe dos seus ingresos inferior á que se nos aplica a aqueles que ingresamos máis de trinta mil euros ao ano. Que importa a inxustiza se aseguramos a concorrencia? É que, se non, vánsenos domiciliar en Andorra -argumentaba outro sabio moralista. Ou en Portugal, digo eu. Ou en Malta, en Marrocos... Así que louvemos a excepción e a inxustiza, a prol da conveniencia dos comenenciudos!
Louvemos a lei xustísima do silencio. Agora está prohibido denunciar a corrupción dun conmilitón político, no nome da lealdade será, supoño eu. Ou no nome, máis ben, do grande obxectivo de enganar e levar ao rego toda a auga que corra, quere dicir, os ánimos e os votos dos incautos cidadáns e cidadás! Para que? Para seguir gobernando a cousa pública de forma escura e segreda, por medio de tramas corruptas coma a do Gürtel se for preciso, polo menos mentres se mantiveren ocultas, que é o que importa. Onde desapareza unha, outra aparecerá; xa se verá. Ao tempo nos encomendo! Non é preciso ter o don de profecía para tal cousa agoirar.
Louvemos a estulticia, o segredo, o silencio, a inconsciencia, a ignorancia, a inxustiza... Eis os grandes valores sobre os que asenta o valor supremo e cúspide, isto é, a concorrencia internacional e interna, ou o que vén sendo o mesmo, o enriquecemento dos que máis teñen e o empobrecemento dos menos afortunados. Eis a verea recta contra un porvir glorioso.
terça-feira, 3 de novembro de 2009
Viva Cruña la, la, la
segunda-feira, 2 de novembro de 2009
Hai que oír cada cousa!
Xaquín Campo Freire. 01-11-2009.
Que o Sr. Feijoo se sinta a gusto cos insultos persoais da Señora Rosa Díez, é un problema persoal del.
Que lle chame traidor e outras lindezas, el saberá en que tratos andaron mesturados. Pero que nos utilice a todo o colectivo desta terra como termo noxento de desprezo, indica o baixo que caeron ámbolos dous nas súas infidelidades mutuas e nas ansias de vender a toda a colectividade galega. E iso xa é fariña doutros saquiños.
De momento sérvenos para declaralos aos dous como persoas non gratas. A el por andar vendendo ás agachadas a todo un pobo do que é Presidente, a súa lingua propia, que tamén é a dos seus antepasados, e a todos nós que somos galegos, supoño que dos dese senso pexorativo. Eu polo menos inclúome nese grupo e a moita honra. Cando ela fala así en público del, será porque algo el lle dixo.
Vexan a parte literal do artigo, que vai entre aspas:
“Rosa Díez: “Feijóo es muy gallego en el sentido peyorativo de la palabra”.
“La competitividad de Galicia depende de ello. El Gobierno de Feijóo ha hecho muchas promesas pero no ha concretado. No se puede ser cobarde, hay que hacer lo que se prometió. Sin embargo, Feijóo está ahí, en el medio. Para mí está siendo demasiado gallego, en el sentido peyorativo del término”, (O resalte en negriña, é meu).
“Feijóo tendría que hacer lo que prometió. Lo cierto es que, a veces, observo un cierto complejo; es como si se les hubiera pegado todo, y cuando digo todo, hablo de esa cierta cobardía de querer contentar a todo el mundo. En el tema de la política lingüística se trata de algo tan sencillo como darle a todos los ciudadanos de Galicia el derecho a ser educados en cualquiera de las dos lenguas oficiales. Eso se debe hacer sin ningún tipo de prejuicio”,
(Xornal.com . Domingo, 01 de noviembre de 2009 - 15:18 h.- Cristina Díaz Pardo. “
Nunca ninguén ousou vir falar tan mal de nós na propia terra. Fai falta ser atrevidos. Ámbolos dous. Nin o cabalo de Santiago. E os corifeos da tal dama, comparsas deses tratos, idem, eadem, idem.
Como iso foi en L’A Coruña, estaría por alí o Sr. Negrera entre os que tanto celebraron as lindezas? A dialéctica que usa el a cotío é coincidente coa da tal dona Rosa. Quen é o envés de quen? Segundo iso, dicir Negreira debe ser pexorativo, porque é galego.
Señora Díez, Dona Rosa. Se empezamos a xogar con pexorativos, pensa que non se lle poden buscar tamén a vostede, ao Sr. Feijoo e aos tratos e liortas en que andan metidos?
Vostede ten unha vida que sae a diario nos medios, e xa ve que evito a palabra pública, porque non quero caer nos seus enredos. Pero non é menos pexorativa a súa traxectoria do que nós os galegos. Pregúntello ao PSOE.
Debe lavar un pouquiño a boca e pedirnos perdón a toda unha colectividade, que a recibiu, que non a insultou e que ese día lle deu de comer.
Se non fose polo seu proveito propio aquí non chegaría vostede. Antes nunca se ocupou de nós, nin en Bruxelas para defender os nosos intereses.
E saiba que rogamos ao Santo dos Croques para que nunca se cheguen a cumprir os tratos seus e do señor Feijoo, que por ser noso, temos de aguantalo aínda un tempiño, porque nós si somos demócratas e non andamos ás agachadas vendendo a pele do oso. Que Deus os mellore a ambos. E a nós que non nos desasista, que nos vai ser boa hora.
sexta-feira, 30 de outubro de 2009
Coruñesismo de la
Millán Astray: “Coruñés de pro, de toda la vida” (Carlos Negreira, presidente provincial do PP da Coruña). Carlos Negreira defende con entusiasmo a figura de Millán Astray, “coruñés de pro”, segundo di. Comunmente considérase home de pro ou de proveito a un home de ben, sabio ou útil ao público.En principio non parece que José Millán Astray encaixe nesta definición, en todo caso, poderíamos quedarnos só co xentilicio: coruñés. Non pretendo facer unha biografía deste home, máis coñecido pola irracionalidade dos seus slogans e arroutadas que por algunha achega ao campo da ciencia ou do humanismo. A sona de Millán Astray vén das crueis guerras de colonias, en Filipinas e en África, e non como estratego ou por un labor humanitario, máis ben, polo contrario: por temerario, imprudente e mesmo sanguinario. Se desafortunadas son as manifestacións de Carlos Negreira, máis cómicas e esperpénticas son as que fai o seu correlixionario e deputado Pedro Arias, seica profesor asociado da Universidade da Coruña, que propón colocar na praza dúas estatuas: a de Millán Astray e a de don Miguel de Unamuno, para “ofrecer las dos versiones de la historia”. As lecturas da Historia que fan algúns membros do PP, son de sobra coñecidas, ben se sabe de que lado están, abonda con escoitar ao parlamentario Agustín Baamonde, que entende que “la culpa de la guerra y del franquismo la tienen todos: los de un lado y los del otro lado y lógicamente entre todos debemos hacer un completo afán de superación. No se puede reescribir la historia” (respecto a literalidade da cita e a lingua, porque esta sempre foi compañeira do imperio), aínda que isto é precisamente o que parece que intentan Carlos Negreira, Pedro Arias e Agustín Baamonde. Versións da historia pode haber tantas como escribidores de historias, pero unha versión non é a historia, porque a realidade é moi teimuda. Tanto a oferta das dúas versións da historia de Pedro Arias como a sentenza que formula Agustín Baamonde -¿ de verdade, cre vostede que Azaña é culpable do franquismo?-, no fondo coincidentes, ambas tan extravagantes como carentes do máis mínimo rigor e seriedade, deforman a realidade. Unamuno manifestou que non estaba nin con “los hunos” ni con “los hotros”, en consecuencia, a visión que ten o señor Baamonde é tan pobre como indocumentada. Mire, señor Baamonde, en xullo de 1936 España era un República, con moitísimos problemas, pero cun goberno lexítimo froito dunhas eleccións, quen rompe a situación lexítima son os militares sublevados. Non se pode equiparar o agredido co agresor, o criminal, o faccioso é o bando sublevado apoiado por aquela dereita reaccionaria que se opuxo a calquera das urxentísimas reformas que a República intentou, coma a Reforma agraria, reformas educativas, superación de formas feudais, xa daquela se “rompía” España co matrimonio civil, co divorcio, cos cemiterios civís, coa educación mixta, coas autonomías, algo que aínda vostedes non esqueceron de todo. Detrás de toda a montaxe da estatua de Millán Astray e dos símbolos franquistas, tan queridos polo PP, agóchase unha fonda nostalxia do réxime ditatorial, como levan demostrado dende hai máis de trinta anos. Un gran contributo a esta superación, que pide o señor Baamonde, será poñer a cadaquén no seu sitio e no seu papel. Entre golpistas e gobernos lexítimos non hai equilibrio posible. Non para reescribir o que está escrito por feitos innegables, vou recordar un dos episodios máis tristes e mesmo macabros que lle deron sona a José Millán Astray. Aconteceu o 12 de outubro de 1936 no Paraninfo da Universidade de Salamanca. Celebrábase a denominada daquela Festa da Raza con asistencia de diversas personalidades, como Carmen Polo, muller de Franco, o bispo Enrique Plá y Deniel e o Rector Perpetuo da Universidade, don Miguel de Unamuno. Discursos apaixonados do dominico Vicente Beltrán de Heredia e de José María Pemán que don Miguel considerou totalmente improcedentes. Para Maldonado o nacionalismo catalán e vasco eran cancros que o fascismo “sanador” sabería cómo exterminar ”cortando na carne viva coma un cirurxián decidido, libre de falsos sentimentalismo”. Dende o fondo da sala saíu un berro de “viva la muerte” facendo os falanxistas o saúdo fascista diante da fotografía de Franco. Unamuno sentiuse obrigado a tomar a palabra, deixa de lado que el sexa vasco, o bispo catalán, pero o que realmente o subleva, segundo as súas palabras é o “necrófilo e insensato grito de :” Viva la muerte”. Continúa dicindo que Millán Astray é un inválido, tamén o foi Cervantes, pero un mutilado que careza da grandeza espiritual de Cervantes, é de esperar que encontre un terrible alivio vendo cómo se multiplican os mutilados ao seu arredor. Millán non puido conterse máis e berrou: “¡Mueran los intelectuales, viva la muerte!”. Pero Unamuno continúa: “Este é o templo da intelixencia. E eu son o seu sumo sacerdote. Estades profanando o seu sagrado recinto. Venceredes, porque tedes sobrada forza bruta. Pero non convenceredes. Para convencer hai que persuadir. E para persuadir necesitades algo que vos falta: razón e dereito na loita. Paréceme inútil pedirvos que pensedes en España”. A brutalidade de Millán Astray e dos seus lexionarios ameazou a don Miguel que encontrou protección na muller de Franco, dona Carmen Polo. Ao remate daquel ano morreu Unamuno e ao seu enterro asistiu un numeroso grupo de falanxistas, entre outras cousas, seguramente porque Falanxe odiaba a Millán Astray. O Glorioso Movemento Nacional, denominación que aínda parece válida para Negreira, Arias e Baamonde, desencadea a Guerra Civil considerada por Unamuno como “algo realmente horrible, debido a unha enfermidade mental colectiva, a unha epidemia de tolemia, cun substrato patolóxico”. Os símbolos teñen un valor pedagóxico, exemplarizante e educativo. Neste sentido foron sempre utilizados para enxalzar valores, tanto na igrexa como nas prazas públicas. Cando o señor Arias fala de versións históricas, confunde historia con apropiación e manipulación da historia, algo, por outra parte, moi frecuente, xa que logo, os vencedores escriben a “súa” historia, mesmo, para xustificar o inxustificable. Porque queremos pechar todas as feridas, selar a reconciliación, que vai moito máis alá dun “afán de superación” baseado na equiparación do reparto de culpas, pois o franquismo e a sublevación militar teñen autores identificados e coñecidos. autores identificados e coñecidos. Tamén é certo, que ao longo da guerra se cometeron barbaridades por ambos bandos, pero non é menos certo que soamente un bando homenaxeou, e moito, aos seus “caídos por Díos y por España”. Non por vinganza, senón como recoñecemento da dignidade de todas aquelas persoas ignominiosamente asasinadas, e a homenaxe dunha democracia e moito máis valiosa cá dunha ditadura, queremos que se lles restitúa a dignidade que como persoas lles corresponde e que non se enxalce como modélicas condutas ou persoas que daban vivas á morte.
Xosé María Pin Millares Vigo, outubro de 2009.
terça-feira, 27 de outubro de 2009
Ai lalala
Ai lalala, lacoruña,
ai lavedra e labañou,
ai labaca e lavacolla
e lavedro en avión.
Xente de lala que sente
noxo do que cheire a algo
que nin nomear se debe
a Galicia referente.
Largan lonxe o xentilicio,
polo que, se for preciso
diciren de onde son,
din de si que os naceron
ou residen en Galicia,
non "nazón", senón rexión
ou comunidade autónoma
e xa é moita concesión.
E para máis risa
enrolan o rulo
os do non mais si,
os do si mais non,
os da cerimonia
de la confusión.
Ai lalala, lacoruña,
ai lavedra e labañou,
ai labaca e lavacolla
e lavedro en avión.
Ai lalelo, meu amor,
a estulticia é o mellor.
sábado, 24 de outubro de 2009
A laboura continúa
Prezada amiga.
Prezado amigo.
Quero agradecer, no nome da plataforma cívica QUEREMOS GALEGO de Ferrolterra, a inestimábel colaboración da vosa asociación na preparación e desenvolvemento da mobilización nacional en defensa do noso idioma propio o pasado domingo.
O rotundo éxito de participación reforza a nosa intención de continuar co traballo de dignificación do noso principal sinal de identificación como pobo. Somos galegos pola existencia do idioma galego!
A nosa sociedade dotouse duns acordos como o Plan Xeral de Normalización, o decreto que regula a presenza do galego no ensino ou a Carta Europea de linguas, apoiados en consensos moi amplos no eido político, sindical, educativo e social en xeral, que se pretenden rebentar para limitar a presenza pública do galego. Non por ser elevada esta presenza, se non por amosar que era posíbel avanzarmos no proceso de normalización da nosa lingua.
Do mesmo xeito que respectamos o dereito a ser o castelán a lingua normal en Castela, defendemos que no noso país é o galego a nosa lingua propia, sen opoñernos en ningún caso a que o castelán goce dunha regulación que garanta a súa cooficialidade no conxunto do estado español.
Continuaremos, tamén, defendendo que se garanta de novo que o funcionariado galego coñeza a nosa lingua (o dereito á ignorancia non é defendíbel) e, en definitiva, saírmos desta detestábel volta ao franquismo lingüístico.
Lembramos que é posíbel manifestar o teu apoio persoal á plataforma cívica QUEREMOS GALEGO e tamén o da asociación da que fas parte a través da páxina web: www.queremosgalego.org A lexitimidade social da plataforma baséase nas máis de 500 entidades de todo tipo que xa se sumaron.
Remato insistindo no noso agradecemento.
Vai a continuación o documento-carta que concordamos en enviar asinado por todos.
Un saúdo.
Xaquin Campo Frreire
QUEREMOS GALEGO AGRADECE A PRESENZA EN COMPOSTELA.
A Coordinadora da Plataforma QUEREMOS GALEGO de Ferrolterra agradece a todos o esforzo manifestado o día 18 de outubro en Compostela a prol da lingua galega. Desta bisbarra estivemos máis de cinco mil.
QUEREMOS GALEGO somos todos. Pero QUEREMOS GALEGO tamén é unha plataforma plural, suprapartidaria e independente que levou o peso da convocatoria e da organizazón da magna MANIFESTAZÓN.
Mesmo por iso QUEREMOS GALEGO diríxese a ti, persoa ou institución, para darche as grazas pola túa participazón, xa que axudaches a facer posíbel esta grande e fermosa homenaxe de defensa da nosa lingua que está sendo inxustamente perseguida, ata tal punto, que tentan facela desaparecer, como demostra polos feitos e a cotío a Xunta da Galiza, quen ten a obriga constitucional e estatutaria de promovela e defendela.
A nosa lingua e a nosa cultura van ser defendidas polos seus fillos e fillas de todas as idades e condicións. Niso vainos a vida e a supervivencia como pobo e como Comunidade Histórica con todas as consecuencias.
A lingua somos todos nós, pobo común. Por iso cómpre animarnos a seguir. A loita vai para lonxe. Todos temos de estar agradecidos.
Ferrol, 24-10-2009.