sexta-feira, 20 de novembro de 2009

Paciencia é resistencia


Seica andan na Xunta a lle dar ao novo decreto do galego a última man. Disque van deixar a presenza da nosa lingua no ensino a un nivel máis baixo do que estaba antes do Plan de Normalización da Lingua Galega. Non se podía esperar nada mellor, dada a condición dos que mandan e os tronos e lóstregos cos que accederon ao seu posto. Xa o dicían os vellos: os ditos e os feitos hai que tomalos coma de quen veñen. Imponse pola nosa parte a paciencia, para comezar.

Agora ben, paciencia non é o mesmo ca resignación; a paciencia verdadeira consiste en saber agantar os golpes, en resistir aínda así para escorrentar o mal padecido e cambiar a situación. Que nos queren seguir impoñendo máis aínda o castelán! Que hai de novo no intento e nos feitos? Nada!, pois nada cambiara, malia o deostado decreto do 2007! Nada cambiara, senón na tona, nas aparencias, con algunha excepción que xa viña de antes.

Porén o novo decreto suporá un enorme recú, se non no eido dos feitos, si no eido do dereito, no das expectativas máis ben. Situados na cota do Plan de Normalización da Lingua Galega, preparado e aprobado -non o esquezamos- por un parlamento galego con maioría absoluta do PP, podíase desde alí albiscar un día no que unha longa historia de apouvigamento se invertese a prol da recuperación do enorme terreo que a lingua e cultura galegas levan, secularmente, perdido, entregado, cedido... querendo ou sen querer cedelo. Ata esa cativa e incerta esperanza se nos tira agora. Unha esperanza ben ilusa, seguramente; pois está claro que contra ela había, hai, atrancos e ataques, que agora se evidenciaron con toda desvergoña e senrazón. Cómprenos a paciencia. Resistamos!

quarta-feira, 18 de novembro de 2009

Unha reflexión moi atinada

Hai veces que o que un quixese dicir, o le escrito por outro con sensatez. Na forma e en certos recantos do razoamento, poida que un diferise un pouco. Porén cadra un consonte con todo o esencial. E o esencial deste artigo é algo moi serio e razoábel. No medio da senrazón que nos envolve, agradécese. E un chama a pensar sobre o asunto. Non é unha broma! A diferenza principal co teor do artigo de Diego Taboada é que me semella innecesariamente equidistante entre os "uns" e os outros, o que resulta abondo inxenuo; non sempre, nunha relación de rivalidade, a razón se reparte a partes iguais, e neste caso hai claramente asoballadores e asoballados, por moito que algúns asoballados se excedan, ocasionalmente, na reacción. Non é o mesmo ofender ca defenderse. Con iso e con todo, leamos primeiro e deixemos que o lido nos faga pensar. Será despois cando poida ter senso a expresión do noso pensamento. A ocasión hai que lla agradecer a:


Diego Taboada

Galegofilias, galegofobias e exilios


O noso pensamento sobre o tema:


Como adiantei enriba, non é o máis común que, nunha situación obxectiva de conflito, as dúas partes teñan a mesma forza e a mesma razón. Moi adoito acontece que a que ten máis forza, é precisamente a que menos razón ten, a máis inxusta tamén. Situarse por riba do conflito e nunha posición de equidistancia entre as dúas partes, semella á primeira impresión unha actitude xusta e razoábel. Aparencia enganosa é. A xustiza salomónica é sorprendente, fainos escatalar os ollos e apampar o seso; porén, por moi cativos que eramos cando nos presentaron o caso como admirábel, aos que xa de pequenos sentiamos rebulir por dentro o becho do sentido crítico, sen sabermos moito nin por que, aquilo non nos convencía. Como ía ser xusto partir polo medio e repartir a partes iguais o que, a simple vista, non pertencía senón a unha das partes do litixio? E, maiormente, que xustiza é esa que, para ser tal, antes de o devolver ao seu dono destrúe o ben reivindicado! Unha falsa xustiza. Por iso mesmo, a parte que estaba na senrazón se amosou conforme. Secomasí, Salomón soubo reaxir e darlle o neno á verdadeira nai. Pois, no caso do noso conflito, ben pode suceder o contrario. A equidistancia, en principio, non é bo comezo.


O conflito lingüístico e cultural que vivimos en Galicia, ten xa case seis séculos de duración. O momento actual do mesmo é especialmente grave, pois a parte máis podente do mesmo reforzouse e disponse a darlle á parte máis débil o golpe fatal. Propor algo así como que a síntese entre ambas as posicións se resolva ao cincuenta por cen a prol e en contra de cada unha, cadraría moi lonxe da equidade. Suporía dar por boas as conquistas logradas deica aquí, desde unha inxusta posición de forza, pola parte máis forte. Sería ademais unha ilusión, toda vez que as causas -tamén as pretensións- dunha e doutra parte son inversamente desiguais: unha reclámao todo sen concesión ningunha para a outra parte, entrementres que esta reivindica case unicamente o dereito a ser respectada e non invadida no seu ser máis íntimo e irrenunciábel.

segunda-feira, 16 de novembro de 2009

Virá un día en que nós


Virá un día en que todos,
ao erguermos a vista,
veremos unha terra
que poña liberdade.

Así comezaba unha canción de Labordeta, non lembrades?
Agora está mal visto albiscar, imaxinar e desexar calquera mundo mellor.
Está prohibido o paraíso!
Non sei quen dicia, ou seino, que é perigoso
porque seica os que tal fixeron, o que crearon foi
un inferno, no canto dun paraíso, na terra.

O inferno están a nolo crear, coma demoníacos demiurgos,
os causantes dunha crise económica que non vai ter fácil saída,
á mundial me refiro, por moito que digan que xa se está superando.
O inferno están a nolo traer, se non a nós, aos nosos netos
os causantes da ruína climática, chamada eufemisticamente cambio.
Uns e outros causantes colaboran, coinciden, conveñen e conxúntanse.
Tal fixeron ao causaren, tal fan agora ao reincidiren,
tal ao negárense a pór remedio
e corrección ao moito mal que desataron.

Nós, incansábeis e calmos,
seguiremos coma daquela cantando:

Virá un día en que todos,
ao erguermos a vista,
veremos unha terra
que poña liberdade.

E será aquí, nunha Galiza
coidadosa do ambiente natural,
da paz e a xustiza social,
da limpeza das rías e a floresta,
do chorir, non chorar, da súa lingua
e do orgullo sinxelo de sermos
nós, sempre nós, en todo nós.


quinta-feira, 5 de novembro de 2009

Prosegue a persecución


Semellaba que acougaran un chisco, ultimamente, na súa teima persecutoria escontra a lingua e cultura galegas. Non che é así. Espacian algo máis do que antes a caída do pau, sempre mantido en alto, poida que co fin de que, aos ais daqueles sobre os que baten, non se levanten as denuncias e reprobacións da intelixencia. Non é que cedesen para non ouviren os laios de dor; mesmo cabe pensar que, renarte e malvadamente, ben quixesen ouvilos máis doentes e roucos. A piedade non é o deles. A loia que carpe pola lingua que morre, non lles quita a paz nin o sono.

Asemade, a promoción da cultura impórtalles ben pouco, toda vez que a elevación do nivel cultural do pobo arrequecería a liberdade e capacidade crítica das persoas e os grupos; se tal suceder, a onde irían eles buscar o que buscan? De por parte, razoan, a cultura galega couta, empobrece... Se algunha cultura prezan, é a cultura de masas globalizada, a de expresión inglesa (cine, canción, axencias de noticias, macdonalds...) pobre e servilmente vertida noutras linguas mentres os seus utentes non accederen á nacente lingua franca universal. Toda manifestación cultural que supere ese nivel..., non é que non lles importe, é que lles importa positivamente que decaia. Ou, como moito, que remaneza fechada baixo sete chaves nas academias e nas casas dos seus cultivadores.


“Mentres lle dea réditos electorais, o

PP utilizará a lingua para dividir”

‘Galego, patrimonio da humanidade’, advirte que “a pelota está no tellado da xunta” logo do 18-O


Traemos de Xornal.com (http://www.xornal.com/artigo/2009/11/04/politica/pp-hostiga-consello-da-cultura-na-camara-logo-recortarlle-fondos/2009110422390562997.html):


O PP fustriga o Consello

da Cultura logo de

recortarlle fondos

Ramón Villares lamenta o recorte do orzamento nun 6,3%,
que para PSOE e BNG supón “un ataque”
Da

quarta-feira, 4 de novembro de 2009

Eloxio da estulticia

Por falta de tempo para desenvolver aquí este tema, traio de http://blogdemeu.blogspot.com esta

Loanza da inxustiza

Xa logo se cumprirá o quinto centenario da edición dunha obra senlleira, malia a súa escuridade: o Morias Enkomion -Μωρίας Εγκώμιον- seu Stultitiae Laus do humanista e crente crítico Erasmo de Rotterdam. Será en 2011. Louvemos tamén nós a parvice, a estulticia e a inxustiza, aínda que sexa ao xeito dunha dorida ironía.

Louvemos a xustiza inmensa dos paraísos fiscais. Agora os grandes economistas alternativos -un tal Montoro, do PP español, poño por caso-discorren coma así: os impostos deben someterse ao principio da concorrencia económica internacional, polo que está moi mal subírllelos aos grandes futbolistas estranxeiros en España, xa que porá en perigo a concorrencia da actividade económico-futbolística do país. De onde se propugna seguir coa ata aquí vixente Lei Beckham, que lles permite tributar unha porcentaxe dos seus ingresos inferior á que se nos aplica a aqueles que ingresamos máis de trinta mil euros ao ano. Que importa a inxustiza se aseguramos a concorrencia? É que, se non, vánsenos domiciliar en Andorra -argumentaba outro sabio moralista. Ou en Portugal, digo eu. Ou en Malta, en Marrocos... Así que louvemos a excepción e a inxustiza, a prol da conveniencia dos comenenciudos!

Louvemos a lei xustísima do silencio. Agora está prohibido denunciar a corrupción dun conmilitón político, no nome da lealdade será, supoño eu. Ou no nome, máis ben, do grande obxectivo de enganar e levar ao rego toda a auga que corra, quere dicir, os ánimos e os votos dos incautos cidadáns e cidadás! Para que? Para seguir gobernando a cousa pública de forma escura e segreda, por medio de tramas corruptas coma a do Gürtel se for preciso, polo menos mentres se mantiveren ocultas, que é o que importa. Onde desapareza unha, outra aparecerá; xa se verá. Ao tempo nos encomendo! Non é preciso ter o don de profecía para tal cousa agoirar.

Louvemos a estulticia, o segredo, o silencio, a inconsciencia, a ignorancia, a inxustiza... Eis os grandes valores sobre os que asenta o valor supremo e cúspide, isto é, a concorrencia internacional e interna, ou o que vén sendo o mesmo, o enriquecemento dos que máis teñen e o empobrecemento dos menos afortunados. Eis a verea recta contra un porvir glorioso.

http://blogdemeu.blogspot.com/

A lóxica e a ética de fondo son as mesmas que se están aplicando en Galicia ás cuestións lingüísticas e culturais. Nesas leas andamos!

terça-feira, 3 de novembro de 2009

Viva Cruña la, la, la

http://www.xornal.com/artigo/2009/11/02/politica/pp-festexa-javier-losada-caera-na-trampa/2009110221541043871.html

E despois cantemos como himno este pout-pourri:

Viva Cruña, viva Lugo,
viva Ourense e Pontevedraaa.
Viva Cruña, viva Lugo,
viva Ourense e Pontevedraaa,
viva o viño do Ribeiro,
viva o viño do Ribeiro,
viva o viño do Ribeiro,
que é o pai da nosa terraaa.

Vivir na Coruña
que bonito é!,
andar de parranda
e durmir de pé,
e durmir de pé,
e durmir de pé,
vivir na Coruña
que bonito é!

Coruña non es Coruñaaa,
qu'es un segundo Madrííí,
cuando paso por Coruñaaa,
siempre m'acuerdo de tiii,
simpre m'acuerdo de tiii,
ailalalá, ailalalá ailalalaaa.

Vivir na Coruña
que bonito é!,
andar de parranda
e durmir de pé,
e durmir de pé,
e durmir de pé,
vivir na Coruña
que bonito é!

Viva Cruña, viva Lugo,
viva Ourense e Pontevedraaa.
Viva Cruña, viva Lugo,
viva Ourense e Pontevedraaa,
viva a gaitiña gallega,
viva a gaitiña gallega,
viva a gaitiña gallega,
qu'é a nai da nosa terraaa.

Vivir na Coruña
que bonito é!,
andar de parranda
e durmir de pé,
e durmir de pé,
e durmir de pé,
vivir na Coruña
que bonito é!

segunda-feira, 2 de novembro de 2009

Hai que oír cada cousa!


Encolo aquí a achega de Xaquín Campo Freire, referente desta vez á ousada e inoportuna intervención dunha salvapatrias hispana en asuntos que, se lle importan, non deberían importarlle. Non terá lixo que varrer na súa casa?

EU SON UN GALEGO DESES DO SENSO PEXORATIVO

Xaquín Campo Freire. 01-11-2009.

Que o Sr. Feijoo se sinta a gusto cos insultos persoais da Señora Rosa Díez, é un problema persoal del.

Que lle chame traidor e outras lindezas, el saberá en que tratos andaron mesturados. Pero que nos utilice a todo o colectivo desta terra como termo noxento de desprezo, indica o baixo que caeron ámbolos dous nas súas infidelidades mutuas e nas ansias de vender a toda a colectividade galega. E iso xa é fariña doutros saquiños.

De momento sérvenos para declaralos aos dous como persoas non gratas. A el por andar vendendo ás agachadas a todo un pobo do que é Presidente, a súa lingua propia, que tamén é a dos seus antepasados, e a todos nós que somos galegos, supoño que dos dese senso pexorativo. Eu polo menos inclúome nese grupo e a moita honra. Cando ela fala así en público del, será porque algo el lle dixo.

Vexan a parte literal do artigo, que vai entre aspas:

“Rosa Díez: “Feijóo es muy gallego en el sentido peyorativo de la palabra”.

“La competitividad de Galicia depende de ello. El Gobierno de Feijóo ha hecho muchas promesas pero no ha concretado. No se puede ser cobarde, hay que hacer lo que se prometió. Sin embargo, Feijóo está ahí, en el medio. Para mí está siendo demasiado gallego, en el sentido peyorativo del término”, (O resalte en negriña, é meu).

“Feijóo tendría que hacer lo que prometió. Lo cierto es que, a veces, observo un cierto complejo; es como si se les hubiera pegado todo, y cuando digo todo, hablo de esa cierta cobardía de querer contentar a todo el mundo. En el tema de la política lingüística se trata de algo tan sencillo como darle a todos los ciudadanos de Galicia el derecho a ser educados en cualquiera de las dos lenguas oficiales. Eso se debe hacer sin ningún tipo de prejuicio”,

(Xornal.com . Domingo, 01 de noviembre de 2009 - 15:18 h.- Cristina Díaz Pardo. “

Nunca ninguén ousou vir falar tan mal de nós na propia terra. Fai falta ser atrevidos. Ámbolos dous. Nin o cabalo de Santiago. E os corifeos da tal dama, comparsas deses tratos, idem, eadem, idem.

Como iso foi en L’A Coruña, estaría por alí o Sr. Negrera entre os que tanto celebraron as lindezas? A dialéctica que usa el a cotío é coincidente coa da tal dona Rosa. Quen é o envés de quen? Segundo iso, dicir Negreira debe ser pexorativo, porque é galego.

Señora Díez, Dona Rosa. Se empezamos a xogar con pexorativos, pensa que non se lle poden buscar tamén a vostede, ao Sr. Feijoo e aos tratos e liortas en que andan metidos?

Vostede ten unha vida que sae a diario nos medios, e xa ve que evito a palabra pública, porque non quero caer nos seus enredos. Pero non é menos pexorativa a súa traxectoria do que nós os galegos. Pregúntello ao PSOE.

Debe lavar un pouquiño a boca e pedirnos perdón a toda unha colectividade, que a recibiu, que non a insultou e que ese día lle deu de comer.

Se non fose polo seu proveito propio aquí non chegaría vostede. Antes nunca se ocupou de nós, nin en Bruxelas para defender os nosos intereses.

E saiba que rogamos ao Santo dos Croques para que nunca se cheguen a cumprir os tratos seus e do señor Feijoo, que por ser noso, temos de aguantalo aínda un tempiño, porque nós si somos demócratas e non andamos ás agachadas vendendo a pele do oso. Que Deus os mellore a ambos. E a nós que non nos desasista, que nos vai ser boa hora.