sábado, 9 de janeiro de 2010

O borrador enfermo


Copio e encolo o artigo do amigo Xaquín, sen máis comento ca o testemuño de que o louvo e son conforme:

GHANDI E O BORRADOR DO DECRETO DO GALEGO

Xaquín Campo Freire. Narón, 09-01.2010.

A palabra enfermo vén do latín IN-FIRMUS, o que non é firme, o falto de firmeza ou de equilibrio e de consistencia, o débil. Este homiño noso non lle quer a Galiza. Non se pode ter tanto odio. Por certo, nunca se ri e endexamais sorrí. Este homiño noso non é feliz. Sempre se presenta en ton agresivo, coma se lle deberamos cartos. É coma o cativo malcriado que se volve a patadas contra da súa propia nai, aquela que o coida e agarima, e faina culpábel das súas zunadas. Porque un pouco azuado mesmo parece. E el será ben de todo? Psiquicamente aquí falla algo.

Séntese fundador e constituínte. Parece Franco. Nada lle val do feito antes. Nin sequera dos seus propios. Nin o do Sr. Fraga, o seu pai político. E logo insulta. Así empezaron todos os totalitarios.

Isto reflíctese ben en todo este malfadado proceso de ataque á lingua e no afán de desfacer todo canto hai feito anteriormente.

O borrador é un brodio ou galdrumada indixesta que só xera problemas e non aproveita para nada a ninguén. Cando iso pasa, a fisioloxía reacciona coa náusea, co noxo e co vómito.

Porén o problema non é só o decreto, que o é e ben grande por certo. O problema tamén está en nós, pobo galego con pouco entusiasmo polo nós e o de nós, na identidade colectiva: Terra, lingua, economía, saúde, cultura, apertura ao universal, pobo, Estatuto, conservación do territorio, medio ambiente, contaminación ambiental, etc.

“Galiza quere pobo”, escribiu non hai moito Xosé Luís Barreiro. O problema está no “in-país”, que tanto desespera a Xabier Alcalá. Na “vontade de nación”, que pedía Anxo Quintana. Etc.

Ora ben, non hai mal que por ben non veña, se hai vontade de sacar bens dos males que nos ameazan: o Prestige, o 18 de outubro do 2009 erguendo unha voz común de pobo a prol da lingua polas rúas de Compostela, as plataformas que están a funcionar -Queremos Galego, Pro Lingua, Galego Patrimonio da Humanidade, a Mesa, etc.- son un signo reactivo fronte á enfermidade de autoagresión e autolesión do Sr. Feijoo e do seu sistema.

Non son partidario das formas violentas que se volven sempre contra de quen as adopta.

Agora ben, esta pode ser a gran oportunidade de sermos nós. Non se trata de queixarse.Non convén chorar máis. Ela chorou por todos e para sempre”, dixo Luís Pimentel.

“O idioma somos nós, pobo común”. O idioma hai que falalo, normalizalo, esixilo con firmeza onde esteamos. Cos vellos e sobre todo cos novos. Na rúa, na casa e na Administración. Reclamalo por activa e por pasiva, por palabra e por escrito. Temos de volver a ser militantes da lingua. Civilizados si, pero firmes tamén. Sen agresividade, con paciencia, mas con firmeza. Non nos moverán, dicía o cantar. Aquí é onde está o problema máis grande da lingua. Decatémonos de que, coma o Sr. Feijoo, por complexo, convertemos a lingua galega nunha “frijolidade” común.

Militantes a prol da lingua. Por iso cómpre falala, esixila, escribila. Libros galegos, escola galega e en lingua galega, música galega, internet e medios en galego, xornais e revistas en galego. Xa sabemos que algo nos van custar. Mas non hai outra. Escola en galego, igrexas en galego, xustiza en galego, sanidade en galego. Non permitirlle a ninguén que non acepte o galego.

Non colaborar en accións, colectas, axudas, folletos, cartaces, etc., que non veñan en galego. A propaganda comercial devolverlla publicamente ás grandes firmas con actos colectivos ante a prensa e os medios. Dos xornais que non defendan o galego, ir correndo a voz de que non son ben acaídos e que, por moi fortes que sexan, dependen de nós. O que paga, pode esixir. E, se así non se fai, non colaboro.

“Denantes donos, agora escravos?” A resposta está no noso himno: "Denantes mortos que escravos".

Non teñamos medo. Son débiles, porque débil é a súa razón. Son IN-FIRMI, débiles, inconsistentes, sen equilibrio.

Son coma nenos. Puxéronse a xogar e non atoparon outro brinquedo senón meter medo: lingua, pobo, Estatuto, economía, conservación do territorio, contaminación ambiental, etc. Non saben facer outra cousa. Só mentir coma cos Audis.

Son débiles. Falou a rúa, a RAG, o CCG, as agrupacións e colectivos, as Plataformas, e para o vindeiro ano hai eleccións.

Temos que agradecerlles que deran o berro: Desperta do teu sono, Fogar de Breogán!

Feijoo ten o DOGA, por un tempo. Mal goberna e desgoberna. Provoca e destrúe. Mas ten os pés de barro e o rabo de palla coma todos os espantallos. É in-firme.

Nós temos a resistencia activa, pacífica. Coma Ghandi. Sen violencias e mirando cara adiante. Non somos uns nostálxicos. Sabemos onde está o noso futuro. Un futuro construído coa afirmación do nós colectivo galego, en galego e abertos como sempre fomos. Os únicos políglotas e abertos somos precisamente os galego falantes. Non temos que arrepentirnos porque veña alguén acomplexado, sen autoestima.

Non esperemos a Godot. Non vai vir nin se espera por el. Si. Espertemos. Vivamos como galegos. Falemos galego. É o noso.

domingo, 3 de janeiro de 2010

Comunicado de Nova Escola Galega


Copio e encolo aquí o Comunicado que o movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega publicou tras a presentación do rascuño dun novo decreto sobre a redución da presenza da lingua galega no ensino non universitario de Galiza.

O NOVO DECRETO IMPOSIBILITA A ADQUISICIÓN DAS COMPETENCIAS LINGÜÍSTICAS

• Segundo o Movemento de Renovación Pedagóxica NOVA ESCOLA GALEGA, o novo Decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia fará imposible, desde un punto de vista estritamente pedagóxico, dar cumprimento ao previsto na lexislación educativa sobre competencia lingüística.
• A normativa proposta este pasado 30 de decembro polo Consello da Xunta despreza absolutamente todo a armazón lexislativa construída ao longo de tres décadas, en especial o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade polo Parlamento Galego en 2004.
• O tratamento aparentemente “igualitario” diante de realidades lingüísticas moi desiguais no seu carácter, desenvolvemento, presenza social e problemática, só pode traer como consecuencia un maior retroceso para a lingua galega.
• O borrador presentado falsea os elementos de debate sobre a situación da lingua, como xa ocorreu coa controvertida consulta ás familias.
• NOVA ESCOLA GALEGA fai un chamamento ás familias galegas para que eviten que os seus fillos e fillas se vexan privados da oportunidade de acadar a debida competencia lingüística, tamén en galego.
• Fai un chamamento tamén NOVA ESCOLA GALEGA a toda a sociedade galega para que se manifeste dun xeito inequívoco ante unha das maiores agresións que ten sufrido o idioma de Galicia ao longo de toda a súa historia.

Santiago, 1 de xaneiro

O Movemento de Renovación Pedagóxica NOVA ESCOLA GALEGA, colectivo con vinte e cinco anos de vida e autor do único proxecto global existente ata o momento sobre a normalización lingüística no ensino (www.nova-escola-galega.org), diante da presentación do Borrador para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia realizada o pasado día 30 polo Presidente da Xunta de Galicia, quere facer públicas as seguintes reflexións sobre o mesmo.

A nova normativa proposta prescinde do acordo acadado por consenso en torno ao mínimo do 50% no Plan Xeral de Normalización de 2004 e das recomendacións entre outras institucións da Real Academia Galega (Unha lingua para todos: Comunicado do 12 de maio de 2009), do Consello da Cultura Galega (Proposta institucional sobre a lingua galega ao Parlamento de Galicia), das Universidades, do Instituto da Lingua Galega (http://www.vieiros.com/nova/74939/o-ilg-advirtelle-afeijoo- do-dano-gravisimo-ao-prestixio-social-da-lingua) e do informe realizado no seu día polo Consello Escolar de Galicia (Informe sobre o estado e a situación sobre o sistema educativo en Galicia 2002-2005, no capítulo dedicado á lingua galega no sistema educativo) dado a coñecer antes da promulgación do decreto 124/2007.

Desconsidera os preocupantes datos sobre a saúde do idioma ao renunciar á adopción de medidas realmente efectivas de protección e promoción do galego, e, ademais, pretender desamparar as accións realizadas ao abeiro dos avances propiciados pola normativa aínda vixente.

Insiste en distorsionar e falsear os elementos do debate, como xa ocorreu á conta da controvertida consulta ás familias, pois pretende poñer no foco de atención os efectos da toma en consideración do inglés como lingua vehicular para o ensino, a sabendas da súa inviabilidade, e distorsionando fortemente os verdadeiros elementos do debate, que non son outros que as condicións e o papel do idioma propio no ámbito do ensino, tendo en conta as especiais características que, no caso galego, o condicionan. Na nova proposta normativa o galego queda relegado e, na práctica, confrontado a atopar espazos de uso formal no ensino nos “caladoiros” que as outras linguas (castelán ou inglés) non poidan encher.

Nas condicións actuais esta é, na súa tradución real ás aulas e aos centros, a proposta presentada para o noso idioma por parte de quen ten a obriga de protexelo e promocionalo. Consonte con isto, velaí a imposibilidade de dar cumprimento ao previsto nas leis educativas sobre competencia lingüística por parte do sistema educativo. O tratamento aparentemente “igualitario” diante de realidades lingüísticas moi desiguais no seu carácter, desenvolvemento, presenza social e problemática, só pode traer como consecuencia un maior retroceso para a lingua galega. A nova normativa pon ao mesmo nivel a lingua propia, minorada, a outra lingua oficial e unha lingua estranxeira, sen que existan nin condicións reais nin razóns legais para que isto sexa posible. O Decreto contravén o sentido da necesaria protección para a lingua propia establecida no Estatuto de Autonomía, a Lei de Normalización Lingüística de 1983 (Artigo 13.2. As Autoridades educativas da Comunidade Autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino) ou mesmo da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias.

Pon igualmente en perigo a planificación lingüística, compoñente substantiva dos proxectos educativos dos centros escolares, e os avances conseguidos en moitos centros de ensino iniciados desde hai varias décadas, socavando un proceso que as propias leis demandan e amparan, e, encamíñase, cando menos, a ralentizar futuras actuacións normalizadoras, xusto nun momento no que os datos sociolingüísticos sobre a saúde do idioma reclaman accións nunha liña absolutamente contraria. Neste sentido, é particularmente significativo que a normativa proposta abra a posibilidade de que na Formación Profesional e nas Ensinanzas de Persoas Adultas o galego poida non ser usado como lingua vehicular nin tan sequera nunha hora lectiva semanal.

O anuncio realizado polo Presidente da Xunta pon en evidencia unha actitude prepotente do partido no goberno, previsible desde a súa chegada ao poder, por moito que en ocasións aparentase modular o seu discurso, ao desconsiderar absolutamente as recomendacións de todas as voces autorizadas na materia e ao desmarcarse da súa propia posición cando non só apoiou senón que promoveu, desde o propio goberno, o PXPL (2004). Cúmprense desta maneira os peores agoiros, aqueles sobre os que de maneira “preventiva” a cidadanía, as institucións e os movementos sociais e educativos foron alertando e denunciando.

Esta estratexia sobre o idioma é máis grave aínda se consideramos que se asenta na asunción por parte dos actuais gobernantes de que existe un proceso de imposición que discrimina os castelanfalantes e de que a liberdade lingüística é o ben supremo a considerar, malia que se asente na defensa dun paradoxal “dereito á ignorancia” e no ataque constante ao prestixio social da lingua galega. Neste sentido, lembra NOVA ESCOLA GALEGA que non lles corresponde ás familias senón aos poderes públicos a toma de decisións sobre aspectos curriculares e organizativos do ensino, incluída a lingua vehicular a utilizar nas aulas, e pregúntase ao tempo se, ademais de lles consultar aos pais e nais pola lingua a usar nas clases e pola pertinencia ou non de materias como Educación para a Cidadanía, quedará de vez aberta a opción de pedir a súa opinión sobre calquera outro aspecto referido ao ensino (se é pertinente o ensino das
Matemáticas ou non, por exemplo).

Nestes 26 anos de desenvolvemento das accións normalizadoras, logo da aprobación da Lei de Normalización Lingüística en 1983, asistimos ao peor episodio da involución lingüística que os galegos e galegas poderiamos ter imaxinado cando pensabamos que as leis e as aspiracións colectivas da cidadanía retratadas nos consensos acadados polos representantes políticos nos situaban nun camiño certo para a recuperación progresiva do noso idioma.

Ante esta situación NOVA ESCOLA GALEGA entende que só é posible o entendemento e o establecemento de acordos restablecendo o consenso a partir do previsto no Plan Xeral de Normalización Lingüística (2004) como folla de ruta cuxos obxectivos cómpre poñer en valor.

NOVA ESCOLA GALEGA fai un chamamento á comunidade educativa e á sociedade en xeral para evitar o retroceso e a involución de dereitos da cidadanía, así como de oportunidades para o desenvolvemento do galego como idioma propio de Galicia. Particularmente, realiza este chamamento ás familias para evitar que aos seus fillos e fillas se lles impida acadar a debida competencia lingüística, tamén en galego.

NOVA ESCOLA GALEGA
Movemento Galego de Renovación Pedagóxica
www.nova-escola-galega.org
neg@mundo-r.com
Tfno/Fax 981 562 577

sábado, 2 de janeiro de 2010

Manifesto de Blogues pola Lingua


Este blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego

MANIFESTO “BLOGUES POLA LINGUA”

As persoas asinantes da presente declaración, somos autoras e autores de blogues galegos, que nos adherimos voluntaria e libremente á Rede de Blogueiras/os en Defensa do Galego – Blogues pola Lingua e publicamente manifestamos:

  1. O noso completo e activo compromiso coa lingua galega, como principal alicerce da nosa identidade colectiva como pobo, así como a nosa preocupación perante a situación que esta vive na actualidade. A lingua é un vehículo de cultura, pero tamén de identidade, e é unha ferramenta óptima para a comunicación. Por ela somos como somos e sen ela non seriamos senón outra cousa da que somos.
  2. Entendemos a Rede como unha canle con importantes potencialidades para a expansión en usos do noso idioma que deben ser aproveitadas, e avogamos por que o galego sexa tamén a lingua vehicular das/os galegas/os en Internet. Apoiamos tamén a reivindicación dun dominio propio en internet para Galiza.
  3. Expresamos o noso total rexeitamento perante todo ataque contra o galego, independentemente de quen proveña, e adherímonos igualmente a toda iniciativa en defensa do noso idioma, independentemente de quen a promova.
  4. Reclamamos o noso dereito a vivir con completa normalidade na lingua que é propia de Galiza, tendo garantido plenamente o noso dereito a empregala en todos os eidos da nosa vida.
  5. Somos conscientes do poder da información na Internet e do papel que os blogues teñen nela. Pero esta repercusión non será efectiva se non acha o seu eco no mundo non-virtual, na sociedade do real. Polo que o noso obxectivo é tamén o de incidir de xeito máis ou menos directo no conxunto do pobo galego, promovendo a súa implicación no proceso de defensa da lingua galega, para o que manifestamos a nosa disposición a colaborar coas entidades/plataformas/iniciativas en favor do idioma existentes ou as que xurdiren.
  6. Blogues pola Lingua, como iniciativa plural e aberta, desenvolverá a súa actividade en base aos principios de independencia, participación e democracia. Para a integración na Rede esíxese como único compromiso e condición a adhesión coherente ao presente manifesto.

Carta aberta de Xaquín Campo Freire


CARTA ABERTA AO DIRECTOR DE BREVE-RIAS NO ANINOVO

Narón, 01-01.2010.

Benquerido Sr. Portas Ferro, Don Xesús:

Un saúdo e felicitacións de Aninovo, de Ano Novo 2010 e polo seu onomástico, que mesmo está a caer, neste ano día 3 de xaneiro.

Vaian tamén os parabéns polo seu medio de comunicación BREVE-RIAS. Modesto, se se quer, mas endexamais “insignificante” e moito menos inútil. Todo o contrario.

Dicía o Catecismo do P. Astete, que para os antigos, coma min, é un punto de referencia habitual, obrigado e mesmo criterio de autoridade moral:

-. “E se alguén xura algunha vez facer unha cousa mala, que lle cómpre facer?

-. “R.- Debe arrepentirse seriamente de ter xurado e non cumprir endexamais o que xurou.”

Nos intres actuais e coa que está a caer, ningunha axuda, ningún medio de expresión, ningunha canle de opinión civilizada e plural é inútil e moito menos “insignificante”.

Reconsidere a decisión de pechar BREVE-RÍAS e deixe aberta esa fiestra a quen queira colaborar.

Por outra parte, que siga nas hemerotecas, pode ser unha fonte de consulta, de información e mesmo de criterio de cita autorizada. Se non existe, non hai tal posibilidade.

Espero que lle dea publicidade a esta misiva interesada, non só por min, que tamén, pero principalmente por Galiza e a súa lingua, á que lle temos de procurar con toda clase de loitas e esforzos lexítimos, as prometidas “mil primaveras máis”

“Deus fratresque Galleciae: Os bos e xenerosos a nosa voz entenden e con arroubo atenden o noso ronco son.”.

Dese rexo e ronco son BREVE-RIAS é un eco saliente e senlleiro. Parabéns!

Sempre seu.

Xaquín Campo Freire

segunda-feira, 28 de dezembro de 2009

O poste dos fíos é árbore morta


Fago unha nova excepción. Está moi ben achado, amigo Xaquín! Sería pavero se non fose triste.

O Sr. Feijoo e o “sensus plenior” do Bosque Animado

XAQUÍN CAMPO FREIRE, 25-12-2009.

Os eséxetas desenvolveron a comezos do século pasado un criterio de interpretación bíblica coñecido como o sensus plenior: Nas páxinas do AT existe un sentido escondido, máis pleno ou máis profundo, da Escritura, que aínda non se nos ten revelado e que se nos vai ir desvelando no acontecer do decorrer do tempo.

Nos textos literarios é corrente que, detrás dos “nuda facta”, dos «feitos espidos» do primeiro nível, o do sentido literal, haiba tamén outro sentido máis profundo que o autor non sempre pretendeu ou acadou, e porén está á vez expresado e velado polo primeiro sentido, máis superficial e obvio. Eu, nestes días, despois de cincuenta anos, non sei ben por que (si o sei), volvín ler a Wenceslao Fernández Flórez. Un autor galego de corte conservador. Un bo literato. E descubrín algo na Fraga.

Na Estancia Primeira do Bosque Animado hai un “sensus plenior” do que lle acontece á Galiza co Sr. Feijoo, na súa teima por destruír a lingua galega. Sigamos o autor por pasos axeitados. (Recomendo que vexan o texto literal).

“Este é o libro da Fraga de Cecebre”. A descrición coincide co que é a Galiza total, onde, “se alguén quere”, poderá atopar a tenrura necesaria para gustar das súas historias.

Nesta Fraga, Galiza, as árbores loitan a diario por sobrevivir, porque a vida é unha loita. Honrada pero loita rexa.

“E tamén chegou á Fraga, (Galiza), unha personaxe solemne con alma desdeñosa e seca. Veredes”:

“As árbores exercitan distraccións tan inocentes como son elas mesmas”. Gustan de cantar e mesmo falan o seu idioma, que, como son desta Fraga, Galiza, non é outro que o galego.

“Un día chegaron uns homes á Fraga, abriron unha furada e chantaron un poste. Asegurárono ben con pelouros e terra ao seu arredor. Logo prendéronlle varios fíos metálicos e liscaron de alí para continuar tendendo a liña”.

Na Fraga correu unha voz. Temos unha árbore nova na Fraga, na Galiza. Un novo Presidente.

“Como é? Como é el? Como será? É moi elegante! Moi elegante!”, dixeron algúns. E as súas follas son moi delgadas, mesmo coma fíos que non se ve onde acaban. (Algúns maliciosos lembraron “los hilillos” de Rajoy cando aquilo do Prestige). “Penso que quizabes non sexa esta a época axeitada de agromaren os seus xenos", opinou un. "Endexamais vin cousa tal coma esta árbore”.

“Ninguén se atrevía a dirixirse a el, así tan teso e ríxido, que non parecía ter reparado nas presencias alleas.

Pasaron días. Por fin alguén decidiu abrir camiños de diálogo e o piñeiro (Ramón Piñeiro?), moi cortés e agasalleiro, falou así: "Non gustaría o señor de cantar ou mesmo estar de leria connosco, falando coma nós?"

“Eu non canto nunca. E menos falar nesa lingua inútil. Se achegan os seus ouvidos a min, decataranse duns murmurios de conversas. Por min pasan as altas conversas dos importantes. É marabilloso! Eu vivo consagrado á ciencia. Eu son a ciencia! Canto vostedes están a facer nas miñas contornas, son lilainas e sentimentalismos. Decateime ben axiña cando por un intre cometín o erro de abaixarme das miñas abstraccións e analicei esas vosas brincadeiras inúteis”.

As opinións do recentemente chegado foron coñecidas rapidamente por todos na Fraga. Xa ninguén ousou nunca máis falarlle no idioma da Fraga a unha personaxe que vivía tan “a escala universal.” “E os pareceres daquel veciño tan raro e solemne influíron profundamente nas árbores”. “Mesmo o castiñeiro deixou secar as súas follas porque se avergoñaba de ser tan frondoso. E moitas outras árbores consentiron en deixárense morrer para comezaren a seren ‘úteis’. E todo o bosque, grave e entristecido, parecía enfermo, a tal punto que xa nin os paxariños viñan aniñar aquí en toda esta floresta."

“Pasou un tempo. E volveron ao lugar outros homes semellantes a aqueles que o chantaran outrora. Examinárono bourándolle duro cunhas ferramentas e comprobaron que todo el estaba fofo por dentro, comido da couza, e derrubárono. Tan minado estaba que ao caer esnaquizou el só."

Na Fraga, encomendáronlle ao Piñeiro que observase detidamente o sucedido e informara axeitadamente a todos. E o Piñeiro analizou de novo.

- Que tiña dentro? -preguntaron todos ávidos de saberen.

- Couza.

- E que máis?

-- Po.

- E que máis?

--Morte. Xa estaba morto. Sempre estivo morto!

“A Fraga ( a Galiza) recuperou de golpe a súa alma inxenua” e a súa fala, a súa doce fala. A Fraga acadou o “sensus plenior”. E soubo daquela que toda a ciencia consiste en saber que, de canto se pode ver, facer ou pensar sobre a terra, o máis prodixioso, o máis profundo, o máis grave é isto: VIVIR!” “Vivir como galegos”, di o anuncio.

Fican uns interrogantes: descubrir quen está a facer de Xan de Malvís, quen será o Fiz de Cotovelo e cantos forman na estadea da morte daquel poste chantado no Bosque Animado. Quen son a súa Santa Compaña?

Eu seino. Mas prefiro, con moito, que cadaquén o descubra en por si. É moito máis pedagóxico.

Bo Ano 2010 para toda a Fraga. Tamén para vostede, Sr. Presidente! E mil primaveras máis para a ‘inutil’ fala galega. Que, mal que lle pese, no concerto universal de todas as outras, é a nosa.


quarta-feira, 23 de dezembro de 2009

Contra o decreto da cordialidade


Facendo unha excepción aos propósitos expostos na última entrada, encolo aquí esta chamada á alerta. Porque cómpre estarmos vixiantes ante o ataque inminente, o prometido agasallo envelenado do Nadal 09.

Prezados/as amigos/as

Como sabedes, é máis que previsíbel que o anuncio do contido do decreto que derrogará o 124/2007 e que reducirá as porcentaxes de uso do galego no ensino por baixo do 50% que establece o aínda vixente, debemos estar preparados para darmos unha resposta colectiva.

É probábel que o decreto saia estes días de vacacións para dificultar as posibilidades de actuación da plataforma Queremos Galego polo que debemos ser áxiles ter prevista unha resposta rápida e visíbel.

Por este motivo desde a Plataforma Queremos Galego, acodouse a nivel nacional que é necesario ter previstos actos para o día seguinte do anuncio do decreto que poderían ser os seguintes:

A nivel nacional: Concentración o mesmo día pola mañá diante de San Caetano.

A nivel comarcal: nas cidades, no noso caso en Vigo, habería que organizar concentracións e actos de protesta, que poderían ser no Marco, ás 20 horas.

Esta convocatoria urxente ten a dificuldade de que non é posíbel anunciala con suficietne antelación sabendo o día exacto, mais é necesario facer o esforzo de ter sobre aviso a todas as organizacións e persoas integrantes da plataforma das concentracións, e tentar que sexan o máis numerosas posíbeis.

Estes días recibiremos un correo electrónico cun manifesto para lermos en todas as concentracións que se convoquen.

Para estes días de Nadal editouse unha postal para dirixir ao Presidente da Xunta coa intención de que no vindeiro ano do 2010 el tamén QUEIRA GALEGO, podedes recollelas nos locais da CIG e do BNG.

Saúdos cordiais

Marta Dacosta

quarta-feira, 2 de dezembro de 2009

Xa non vai ben (ter)


Xa sabedes o da FAES e El Rei, non si?
Destapouse así unha afinidade deica agora oculta, ou que?
Veloaí na cociña da ideoloxía máis resesa en dereitismo e en nacionalismo español,
e inimiga enrabexada non xa dos "nacionalismos periféricos",
senón de todo sinal de identidade diferenciada no concerto dos pobos de España,
nomeadamente o sinal das súas linguas propias.
Esqueceulle o principio da prudencia, seica!
Que se busca? Avalar unha ideoloxía concreta e unha opción política,
partidista por moi maioritaria que se considere?
E os demais que? Declarados marxinais, excluídos,
condenados ao exilio interior, proscritos, desleixados?
Non era isto! Non era isto!!!

E,de por parte, proseguen GB e GL coas súas teimas de persecución á lingua galega
en nome mentireiro dunha falsa liberdade contra unha inexistente imposición.
Só o noxo e o odio a todo o galego os move.
Non vos chegaría por aí unha pps que pon os galegos a feder e caír dun burro?
A min si. Estoutro día, hai menos dunha semana.
Pode haber persoas tan ruíns entre nós, na nosa sociedade de cotío,
capaces dun odio potencial e radicalmente xenocida?
Pois habelas hainas e xa demos con elas.
Ou cos seus feitos, pensamentos e actitudes,
que aínda é peor.

Con estes avíos e esoutros casos,
pobres de nós!

Neste blogue quixen conxugar a crítica e o humor.
Para este xa estou sen ánimo nin folgos.
A crítica sen humor seméllame aceda.
Non quero que me entristeza a vida.
Deixarei por un tempo de escribir nesta bitácora,
quizais meses.
Se me quixerdes ler sobre outros temas, atoparedes artigos meus
nestoutros blogues:

http://blogdemeu.blogspot.com >sobre crítica cultural e da ideoloxía
http://demeublog.blogspot.com > sobre temas de lingua galega
http://boavila.blogspot.com >sobre temas relacionados coa vila de Pontevedra

No segundo deles deixara de escribir ao encetar Breve-rías. Pareceume daquela necesario
defender a lingua do perigo de extinción por abandono e proscripción antes que atender á súa pureza e integridade como código diferenciado. Voltarei a me entreter nestes temas. É máis agradecido.

Deica outra, amigos!