segunda-feira, 18 de janeiro de 2010
Declaración da RAG sobre o borrador
sábado, 16 de janeiro de 2010
Somos todos galegos no día 21?
domingo, 10 de janeiro de 2010
Para desenmascarar o "borrador"
A deriva inconstitucional
do neocentralismo
sábado, 9 de janeiro de 2010
O borrador enfermo
GHANDI E O BORRADOR DO DECRETO DO GALEGO
Xaquín Campo Freire. Narón, 09-01.2010.
A palabra enfermo vén do latín IN-FIRMUS, o que non é firme, o falto de firmeza ou de equilibrio e de consistencia, o débil. Este homiño noso non lle quer a Galiza. Non se pode ter tanto odio. Por certo, nunca se ri e endexamais sorrí. Este homiño noso non é feliz. Sempre se presenta en ton agresivo, coma se lle deberamos cartos. É coma o cativo malcriado que se volve a patadas contra da súa propia nai, aquela que o coida e agarima, e faina culpábel das súas zunadas. Porque un pouco azuado mesmo parece. E el será ben de todo? Psiquicamente aquí falla algo.
Séntese fundador e constituínte. Parece Franco. Nada lle val do feito antes. Nin sequera dos seus propios. Nin o do Sr. Fraga, o seu pai político. E logo insulta. Así empezaron todos os totalitarios.
Isto reflíctese ben en todo este malfadado proceso de ataque á lingua e no afán de desfacer todo canto hai feito anteriormente.
O borrador é un brodio ou galdrumada indixesta que só xera problemas e non aproveita para nada a ninguén. Cando iso pasa, a fisioloxía reacciona coa náusea, co noxo e co vómito.
Porén o problema non é só o decreto, que o é e ben grande por certo. O problema tamén está en nós, pobo galego con pouco entusiasmo polo nós e o de nós, na identidade colectiva: Terra, lingua, economía, saúde, cultura, apertura ao universal, pobo, Estatuto, conservación do territorio, medio ambiente, contaminación ambiental, etc.
“Galiza quere pobo”, escribiu non hai moito Xosé Luís Barreiro. O problema está no “in-país”, que tanto desespera a Xabier Alcalá. Na “vontade de nación”, que pedía Anxo Quintana. Etc.
Ora ben, non hai mal que por ben non veña, se hai vontade de sacar bens dos males que nos ameazan: o Prestige, o 18 de outubro do 2009 erguendo unha voz común de pobo a prol da lingua polas rúas de Compostela, as plataformas que están a funcionar -Queremos Galego, Pro Lingua, Galego Patrimonio da Humanidade, a Mesa, etc.- son un signo reactivo fronte á enfermidade de autoagresión e autolesión do Sr. Feijoo e do seu sistema.
Non son partidario das formas violentas que se volven sempre contra de quen as adopta.
Agora ben, esta pode ser a gran oportunidade de sermos nós. Non se trata de queixarse. “Non convén chorar máis. Ela chorou por todos e para sempre”, dixo Luís Pimentel.
“O idioma somos nós, pobo común”. O idioma hai que falalo, normalizalo, esixilo con firmeza onde esteamos. Cos vellos e sobre todo cos novos. Na rúa, na casa e na Administración. Reclamalo por activa e por pasiva, por palabra e por escrito. Temos de volver a ser militantes da lingua. Civilizados si, pero firmes tamén. Sen agresividade, con paciencia, mas con firmeza. Non nos moverán, dicía o cantar. Aquí é onde está o problema máis grande da lingua. Decatémonos de que, coma o Sr. Feijoo, por complexo, convertemos a lingua galega nunha “frijolidade” común.
Militantes a prol da lingua. Por iso cómpre falala, esixila, escribila. Libros galegos, escola galega e en lingua galega, música galega, internet e medios en galego, xornais e revistas en galego. Xa sabemos que algo nos van custar. Mas non hai outra. Escola en galego, igrexas en galego, xustiza en galego, sanidade en galego. Non permitirlle a ninguén que non acepte o galego.
Non colaborar en accións, colectas, axudas, folletos, cartaces, etc., que non veñan en galego. A propaganda comercial devolverlla publicamente ás grandes firmas con actos colectivos ante a prensa e os medios. Dos xornais que non defendan o galego, ir correndo a voz de que non son ben acaídos e que, por moi fortes que sexan, dependen de nós. O que paga, pode esixir. E, se así non se fai, non colaboro.
“Denantes donos, agora escravos?” A resposta está no noso himno: "Denantes mortos que escravos".
Non teñamos medo. Son débiles, porque débil é a súa razón. Son IN-FIRMI, débiles, inconsistentes, sen equilibrio.
Son coma nenos. Puxéronse a xogar e non atoparon outro brinquedo senón meter medo: lingua, pobo, Estatuto, economía, conservación do territorio, contaminación ambiental, etc. Non saben facer outra cousa. Só mentir coma cos Audis.
Son débiles. Falou a rúa, a RAG, o CCG, as agrupacións e colectivos, as Plataformas, e para o vindeiro ano hai eleccións.
Temos que agradecerlles que deran o berro: Desperta do teu sono, Fogar de Breogán!
Feijoo ten o DOGA, por un tempo. Mal goberna e desgoberna. Provoca e destrúe. Mas ten os pés de barro e o rabo de palla coma todos os espantallos. É in-firme.
Nós temos a resistencia activa, pacífica. Coma Ghandi. Sen violencias e mirando cara adiante. Non somos uns nostálxicos. Sabemos onde está o noso futuro. Un futuro construído coa afirmación do nós colectivo galego, en galego e abertos como sempre fomos. Os únicos políglotas e abertos somos precisamente os galego falantes. Non temos que arrepentirnos porque veña alguén acomplexado, sen autoestima.
Non esperemos a Godot. Non vai vir nin se espera por el. Si. Espertemos. Vivamos como galegos. Falemos galego. É o noso.
domingo, 3 de janeiro de 2010
Comunicado de Nova Escola Galega
sábado, 2 de janeiro de 2010
Manifesto de Blogues pola Lingua
MANIFESTO “BLOGUES POLA LINGUA”
As persoas asinantes da presente declaración, somos autoras e autores de blogues galegos, que nos adherimos voluntaria e libremente á Rede de Blogueiras/os en Defensa do Galego – Blogues pola Lingua e publicamente manifestamos:
- O noso completo e activo compromiso coa lingua galega, como principal alicerce da nosa identidade colectiva como pobo, así como a nosa preocupación perante a situación que esta vive na actualidade. A lingua é un vehículo de cultura, pero tamén de identidade, e é unha ferramenta óptima para a comunicación. Por ela somos como somos e sen ela non seriamos senón outra cousa da que somos.
- Entendemos a Rede como unha canle con importantes potencialidades para a expansión en usos do noso idioma que deben ser aproveitadas, e avogamos por que o galego sexa tamén a lingua vehicular das/os galegas/os en Internet. Apoiamos tamén a reivindicación dun dominio propio en internet para Galiza.
- Expresamos o noso total rexeitamento perante todo ataque contra o galego, independentemente de quen proveña, e adherímonos igualmente a toda iniciativa en defensa do noso idioma, independentemente de quen a promova.
- Reclamamos o noso dereito a vivir con completa normalidade na lingua que é propia de Galiza, tendo garantido plenamente o noso dereito a empregala en todos os eidos da nosa vida.
- Somos conscientes do poder da información na Internet e do papel que os blogues teñen nela. Pero esta repercusión non será efectiva se non acha o seu eco no mundo non-virtual, na sociedade do real. Polo que o noso obxectivo é tamén o de incidir de xeito máis ou menos directo no conxunto do pobo galego, promovendo a súa implicación no proceso de defensa da lingua galega, para o que manifestamos a nosa disposición a colaborar coas entidades/plataformas/
iniciativas en favor do idioma existentes ou as que xurdiren. - Blogues pola Lingua, como iniciativa plural e aberta, desenvolverá a súa actividade en base aos principios de independencia, participación e democracia. Para a integración na Rede esíxese como único compromiso e condición a adhesión coherente ao presente manifesto.
Carta aberta de Xaquín Campo Freire
CARTA ABERTA AO DIRECTOR DE BREVE-RIAS NO ANINOVO
Narón, 01-01.2010.
Benquerido Sr. Portas Ferro, Don Xesús:
Un saúdo e felicitacións de Aninovo, de Ano Novo 2010 e polo seu onomástico, que mesmo está a caer, neste ano día 3 de xaneiro.
Vaian tamén os parabéns polo seu medio de comunicación BREVE-RIAS. Modesto, se se quer, mas endexamais “insignificante” e moito menos inútil. Todo o contrario.
Dicía o Catecismo do P. Astete, que para os antigos, coma min, é un punto de referencia habitual, obrigado e mesmo criterio de autoridade moral:
-. “E se alguén xura algunha vez facer unha cousa mala, que lle cómpre facer?
-. “R.- Debe arrepentirse seriamente de ter xurado e non cumprir endexamais o que xurou.”
Nos intres actuais e coa que está a caer, ningunha axuda, ningún medio de expresión, ningunha canle de opinión civilizada e plural é inútil e moito menos “insignificante”.
Reconsidere a decisión de pechar BREVE-RÍAS e deixe aberta esa fiestra a quen queira colaborar.
Por outra parte, que siga nas hemerotecas, pode ser unha fonte de consulta, de información e mesmo de criterio de cita autorizada. Se non existe, non hai tal posibilidade.
Espero que lle dea publicidade a esta misiva interesada, non só por min, que tamén, pero principalmente por Galiza e a súa lingua, á que lle temos de procurar con toda clase de loitas e esforzos lexítimos, as prometidas “mil primaveras máis”
“Deus fratresque Galleciae: Os bos e xenerosos a nosa voz entenden e con arroubo atenden o noso ronco son.”.
Dese rexo e ronco son BREVE-RIAS é un eco saliente e senlleiro. Parabéns!
Sempre seu.
Xaquín Campo Freire