segunda-feira, 28 de dezembro de 2009

O poste dos fíos é árbore morta


Fago unha nova excepción. Está moi ben achado, amigo Xaquín! Sería pavero se non fose triste.

O Sr. Feijoo e o “sensus plenior” do Bosque Animado

XAQUÍN CAMPO FREIRE, 25-12-2009.

Os eséxetas desenvolveron a comezos do século pasado un criterio de interpretación bíblica coñecido como o sensus plenior: Nas páxinas do AT existe un sentido escondido, máis pleno ou máis profundo, da Escritura, que aínda non se nos ten revelado e que se nos vai ir desvelando no acontecer do decorrer do tempo.

Nos textos literarios é corrente que, detrás dos “nuda facta”, dos «feitos espidos» do primeiro nível, o do sentido literal, haiba tamén outro sentido máis profundo que o autor non sempre pretendeu ou acadou, e porén está á vez expresado e velado polo primeiro sentido, máis superficial e obvio. Eu, nestes días, despois de cincuenta anos, non sei ben por que (si o sei), volvín ler a Wenceslao Fernández Flórez. Un autor galego de corte conservador. Un bo literato. E descubrín algo na Fraga.

Na Estancia Primeira do Bosque Animado hai un “sensus plenior” do que lle acontece á Galiza co Sr. Feijoo, na súa teima por destruír a lingua galega. Sigamos o autor por pasos axeitados. (Recomendo que vexan o texto literal).

“Este é o libro da Fraga de Cecebre”. A descrición coincide co que é a Galiza total, onde, “se alguén quere”, poderá atopar a tenrura necesaria para gustar das súas historias.

Nesta Fraga, Galiza, as árbores loitan a diario por sobrevivir, porque a vida é unha loita. Honrada pero loita rexa.

“E tamén chegou á Fraga, (Galiza), unha personaxe solemne con alma desdeñosa e seca. Veredes”:

“As árbores exercitan distraccións tan inocentes como son elas mesmas”. Gustan de cantar e mesmo falan o seu idioma, que, como son desta Fraga, Galiza, non é outro que o galego.

“Un día chegaron uns homes á Fraga, abriron unha furada e chantaron un poste. Asegurárono ben con pelouros e terra ao seu arredor. Logo prendéronlle varios fíos metálicos e liscaron de alí para continuar tendendo a liña”.

Na Fraga correu unha voz. Temos unha árbore nova na Fraga, na Galiza. Un novo Presidente.

“Como é? Como é el? Como será? É moi elegante! Moi elegante!”, dixeron algúns. E as súas follas son moi delgadas, mesmo coma fíos que non se ve onde acaban. (Algúns maliciosos lembraron “los hilillos” de Rajoy cando aquilo do Prestige). “Penso que quizabes non sexa esta a época axeitada de agromaren os seus xenos", opinou un. "Endexamais vin cousa tal coma esta árbore”.

“Ninguén se atrevía a dirixirse a el, así tan teso e ríxido, que non parecía ter reparado nas presencias alleas.

Pasaron días. Por fin alguén decidiu abrir camiños de diálogo e o piñeiro (Ramón Piñeiro?), moi cortés e agasalleiro, falou así: "Non gustaría o señor de cantar ou mesmo estar de leria connosco, falando coma nós?"

“Eu non canto nunca. E menos falar nesa lingua inútil. Se achegan os seus ouvidos a min, decataranse duns murmurios de conversas. Por min pasan as altas conversas dos importantes. É marabilloso! Eu vivo consagrado á ciencia. Eu son a ciencia! Canto vostedes están a facer nas miñas contornas, son lilainas e sentimentalismos. Decateime ben axiña cando por un intre cometín o erro de abaixarme das miñas abstraccións e analicei esas vosas brincadeiras inúteis”.

As opinións do recentemente chegado foron coñecidas rapidamente por todos na Fraga. Xa ninguén ousou nunca máis falarlle no idioma da Fraga a unha personaxe que vivía tan “a escala universal.” “E os pareceres daquel veciño tan raro e solemne influíron profundamente nas árbores”. “Mesmo o castiñeiro deixou secar as súas follas porque se avergoñaba de ser tan frondoso. E moitas outras árbores consentiron en deixárense morrer para comezaren a seren ‘úteis’. E todo o bosque, grave e entristecido, parecía enfermo, a tal punto que xa nin os paxariños viñan aniñar aquí en toda esta floresta."

“Pasou un tempo. E volveron ao lugar outros homes semellantes a aqueles que o chantaran outrora. Examinárono bourándolle duro cunhas ferramentas e comprobaron que todo el estaba fofo por dentro, comido da couza, e derrubárono. Tan minado estaba que ao caer esnaquizou el só."

Na Fraga, encomendáronlle ao Piñeiro que observase detidamente o sucedido e informara axeitadamente a todos. E o Piñeiro analizou de novo.

- Que tiña dentro? -preguntaron todos ávidos de saberen.

- Couza.

- E que máis?

-- Po.

- E que máis?

--Morte. Xa estaba morto. Sempre estivo morto!

“A Fraga ( a Galiza) recuperou de golpe a súa alma inxenua” e a súa fala, a súa doce fala. A Fraga acadou o “sensus plenior”. E soubo daquela que toda a ciencia consiste en saber que, de canto se pode ver, facer ou pensar sobre a terra, o máis prodixioso, o máis profundo, o máis grave é isto: VIVIR!” “Vivir como galegos”, di o anuncio.

Fican uns interrogantes: descubrir quen está a facer de Xan de Malvís, quen será o Fiz de Cotovelo e cantos forman na estadea da morte daquel poste chantado no Bosque Animado. Quen son a súa Santa Compaña?

Eu seino. Mas prefiro, con moito, que cadaquén o descubra en por si. É moito máis pedagóxico.

Bo Ano 2010 para toda a Fraga. Tamén para vostede, Sr. Presidente! E mil primaveras máis para a ‘inutil’ fala galega. Que, mal que lle pese, no concerto universal de todas as outras, é a nosa.


quarta-feira, 23 de dezembro de 2009

Contra o decreto da cordialidade


Facendo unha excepción aos propósitos expostos na última entrada, encolo aquí esta chamada á alerta. Porque cómpre estarmos vixiantes ante o ataque inminente, o prometido agasallo envelenado do Nadal 09.

Prezados/as amigos/as

Como sabedes, é máis que previsíbel que o anuncio do contido do decreto que derrogará o 124/2007 e que reducirá as porcentaxes de uso do galego no ensino por baixo do 50% que establece o aínda vixente, debemos estar preparados para darmos unha resposta colectiva.

É probábel que o decreto saia estes días de vacacións para dificultar as posibilidades de actuación da plataforma Queremos Galego polo que debemos ser áxiles ter prevista unha resposta rápida e visíbel.

Por este motivo desde a Plataforma Queremos Galego, acodouse a nivel nacional que é necesario ter previstos actos para o día seguinte do anuncio do decreto que poderían ser os seguintes:

A nivel nacional: Concentración o mesmo día pola mañá diante de San Caetano.

A nivel comarcal: nas cidades, no noso caso en Vigo, habería que organizar concentracións e actos de protesta, que poderían ser no Marco, ás 20 horas.

Esta convocatoria urxente ten a dificuldade de que non é posíbel anunciala con suficietne antelación sabendo o día exacto, mais é necesario facer o esforzo de ter sobre aviso a todas as organizacións e persoas integrantes da plataforma das concentracións, e tentar que sexan o máis numerosas posíbeis.

Estes días recibiremos un correo electrónico cun manifesto para lermos en todas as concentracións que se convoquen.

Para estes días de Nadal editouse unha postal para dirixir ao Presidente da Xunta coa intención de que no vindeiro ano do 2010 el tamén QUEIRA GALEGO, podedes recollelas nos locais da CIG e do BNG.

Saúdos cordiais

Marta Dacosta

quarta-feira, 2 de dezembro de 2009

Xa non vai ben (ter)


Xa sabedes o da FAES e El Rei, non si?
Destapouse así unha afinidade deica agora oculta, ou que?
Veloaí na cociña da ideoloxía máis resesa en dereitismo e en nacionalismo español,
e inimiga enrabexada non xa dos "nacionalismos periféricos",
senón de todo sinal de identidade diferenciada no concerto dos pobos de España,
nomeadamente o sinal das súas linguas propias.
Esqueceulle o principio da prudencia, seica!
Que se busca? Avalar unha ideoloxía concreta e unha opción política,
partidista por moi maioritaria que se considere?
E os demais que? Declarados marxinais, excluídos,
condenados ao exilio interior, proscritos, desleixados?
Non era isto! Non era isto!!!

E,de por parte, proseguen GB e GL coas súas teimas de persecución á lingua galega
en nome mentireiro dunha falsa liberdade contra unha inexistente imposición.
Só o noxo e o odio a todo o galego os move.
Non vos chegaría por aí unha pps que pon os galegos a feder e caír dun burro?
A min si. Estoutro día, hai menos dunha semana.
Pode haber persoas tan ruíns entre nós, na nosa sociedade de cotío,
capaces dun odio potencial e radicalmente xenocida?
Pois habelas hainas e xa demos con elas.
Ou cos seus feitos, pensamentos e actitudes,
que aínda é peor.

Con estes avíos e esoutros casos,
pobres de nós!

Neste blogue quixen conxugar a crítica e o humor.
Para este xa estou sen ánimo nin folgos.
A crítica sen humor seméllame aceda.
Non quero que me entristeza a vida.
Deixarei por un tempo de escribir nesta bitácora,
quizais meses.
Se me quixerdes ler sobre outros temas, atoparedes artigos meus
nestoutros blogues:

http://blogdemeu.blogspot.com >sobre crítica cultural e da ideoloxía
http://demeublog.blogspot.com > sobre temas de lingua galega
http://boavila.blogspot.com >sobre temas relacionados coa vila de Pontevedra

No segundo deles deixara de escribir ao encetar Breve-rías. Pareceume daquela necesario
defender a lingua do perigo de extinción por abandono e proscripción antes que atender á súa pureza e integridade como código diferenciado. Voltarei a me entreter nestes temas. É máis agradecido.

Deica outra, amigos!




sábado, 21 de novembro de 2009

Política lingüística sobre bases firmes


Leamos a Proposta institucional sobre a lingua galega ao Parlamento de Galicia, memorando que o Consello da Cultura Galega ofrece á consideración do Parlamento, aínda que tamén o dirixe ao goberno da Xunta e a toda a sociedade galega, en vista da gravidade do conflito social creado arredor da política lingüística. Acharase en:


Faremos aquí unha relación das ideas vertidas no documento.

- A asociación do galego coa idea de imposición e a do castelán coa liberdade constitúe "unha groseira falsificación da realidade", carente de todo fundamento na historia remota e recente deste país.
- A lingua galega "precisa dun apoio especial para superar a súa posición actual de desvantaxe, resultado do maltrato que recibiu no pasado".
- A súa convivencia co castelán "non é unha fonte de problemas e complicacións, senón un potencial de fortaleza e de riqueza da nosa sociedade".
- Cómpre asegurar a "igualdade plena" entre galego e castelán e espallar logo a "competencia plurilingüe", facendo referencia especial ao inglés e ao portugués.

- No canto do actual ambiente de controversia e enfrontamentos, cómpre unha "atmosfera de debate sereno e informado", en "procura de acordos amplos que permitan restablecer unhas bases sólidas desde as que encarar [...] a recuperación do galego".
- O problema da lingua "é unha cuestión que atinxe á sociedade no seu conxunto", de xeito que "a responsabilidade pola recuperación debe ser partillada polo conxunto do país" e non deixada á sorte das decisións e programas dos políticos.
- Establece como principio o de que "as liñas xerais da política lingüística en Galicia" deben apoiarse en "bases firmes", que son estas dúas: "un amplo consenso social e político" -isto é, social e non só político- e "o respecto ao conxunto da nosa lexislación lingüística básica, en particular a Lei de Normalización Lingüística". A continuación, lembra os que cualifica como artigos principais desta Lei,entre eles:
Art. 1.- "O galego é a lingua propia de Galicia."
Art. 4.- "O galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial da Comunidade autónoma, da súa Administración, da Administración Local e das Entidades Públicas dependentes da Comunidade Autónoma."
Art. 10.- "Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega."
Art. 20.-"Serán obrigas da Xunta de Galicia:
1. Fomentar a produción, dobraxe, subtitulación e exhibición de películas e outros medios audiovisuais en lingua galega.
2. Estimular as manifestacións culturais, representacións teatrais e os espectáculos feitos en lingua galega.
3. Contribuír ao fomento do libro galego, con medidas que potencien a produción editorial e a súa difusión."

- Logo lémbranos, verbo do ensino, que a acción do goberno debe necesariamente axustarse a uns límites e obxectivos establecidos pola Lei de Normalización, que son:
* O dereito do alumnado á primeira escolarización e alfabetización na súa lingua materna (art. 13,1).
* O deber de asegurar que ao final dos ciclos obrigatorios os alumnos e alumnas posúan unha competencia equiparable nas dúas linguas oficiais (art. 14,3).
* Non se pode separar o alumnado por razón da lingua en centros nin aulas diferentes, se non for excepcionalmente e en aulas (art. 13,3).

-Especial énfase se pon en deixar patente que o Plan Xeral de Normalización Lingüística foi aprobado por unanimidade do Parlamento de Galicia en dúas ocasións (en 2004 e en 2008) e baixo gobernos de distinto tipo político. Desta maneira está reivindicando a súa validez.

Dos anteriores presupostos e principios extrae as seguintes consecuencias, que traslada ás institucións e á opinión pública:
1ª) A política lingüística e "calquera modificación substantiva da normativa legal vixente" referente a aquela deben arrouparse nun "amplo consenso político, social e institucional".
2ª) Isto suposto, "en ningún caso se deben tomar medidas que supoñan un retroceso no proceso de recuperación do galego" en vistas a situalo en igualdade co castelán.
3ª) Os políticos e gobernantes "deben impulsar un discurso público" no que o galego deixe de presentarse como un problema e apareza como un "recurso ou activo social".
4ª) O goberno debe poñer os medios necesarios para unha política lingüística equilibradora non soamente no ensino, senón no conxunto da sociedade. Engade que o "funcionariado e o conxunto das institucións e servizos públicos deben estar suxeitos a especiais obrigas de capacitación e uso do galego", co fin de respectar os dereitos dos galegofalantes igual ca os dos castelanfalantes.

- Finalmente, en virtude da súa fundacional facultade de asesoramento aos poderes públicos, o plenario do Consello da Cultura Galega acorda, a 17 de novembro de 2007, dirixirse ao Parlamento de Galicia e propoñerlle que promova "a constitución dunha Comisión Parlamentaria que, oídas as institucións, colectivos e expertos que considere oportuno, elabore unha proposta de desenvolvemento consensuado do Plan Xeral de Normalización Lingüística".


sexta-feira, 20 de novembro de 2009

Paciencia é resistencia


Seica andan na Xunta a lle dar ao novo decreto do galego a última man. Disque van deixar a presenza da nosa lingua no ensino a un nivel máis baixo do que estaba antes do Plan de Normalización da Lingua Galega. Non se podía esperar nada mellor, dada a condición dos que mandan e os tronos e lóstregos cos que accederon ao seu posto. Xa o dicían os vellos: os ditos e os feitos hai que tomalos coma de quen veñen. Imponse pola nosa parte a paciencia, para comezar.

Agora ben, paciencia non é o mesmo ca resignación; a paciencia verdadeira consiste en saber agantar os golpes, en resistir aínda así para escorrentar o mal padecido e cambiar a situación. Que nos queren seguir impoñendo máis aínda o castelán! Que hai de novo no intento e nos feitos? Nada!, pois nada cambiara, malia o deostado decreto do 2007! Nada cambiara, senón na tona, nas aparencias, con algunha excepción que xa viña de antes.

Porén o novo decreto suporá un enorme recú, se non no eido dos feitos, si no eido do dereito, no das expectativas máis ben. Situados na cota do Plan de Normalización da Lingua Galega, preparado e aprobado -non o esquezamos- por un parlamento galego con maioría absoluta do PP, podíase desde alí albiscar un día no que unha longa historia de apouvigamento se invertese a prol da recuperación do enorme terreo que a lingua e cultura galegas levan, secularmente, perdido, entregado, cedido... querendo ou sen querer cedelo. Ata esa cativa e incerta esperanza se nos tira agora. Unha esperanza ben ilusa, seguramente; pois está claro que contra ela había, hai, atrancos e ataques, que agora se evidenciaron con toda desvergoña e senrazón. Cómprenos a paciencia. Resistamos!

quarta-feira, 18 de novembro de 2009

Unha reflexión moi atinada

Hai veces que o que un quixese dicir, o le escrito por outro con sensatez. Na forma e en certos recantos do razoamento, poida que un diferise un pouco. Porén cadra un consonte con todo o esencial. E o esencial deste artigo é algo moi serio e razoábel. No medio da senrazón que nos envolve, agradécese. E un chama a pensar sobre o asunto. Non é unha broma! A diferenza principal co teor do artigo de Diego Taboada é que me semella innecesariamente equidistante entre os "uns" e os outros, o que resulta abondo inxenuo; non sempre, nunha relación de rivalidade, a razón se reparte a partes iguais, e neste caso hai claramente asoballadores e asoballados, por moito que algúns asoballados se excedan, ocasionalmente, na reacción. Non é o mesmo ofender ca defenderse. Con iso e con todo, leamos primeiro e deixemos que o lido nos faga pensar. Será despois cando poida ter senso a expresión do noso pensamento. A ocasión hai que lla agradecer a:


Diego Taboada

Galegofilias, galegofobias e exilios


O noso pensamento sobre o tema:


Como adiantei enriba, non é o máis común que, nunha situación obxectiva de conflito, as dúas partes teñan a mesma forza e a mesma razón. Moi adoito acontece que a que ten máis forza, é precisamente a que menos razón ten, a máis inxusta tamén. Situarse por riba do conflito e nunha posición de equidistancia entre as dúas partes, semella á primeira impresión unha actitude xusta e razoábel. Aparencia enganosa é. A xustiza salomónica é sorprendente, fainos escatalar os ollos e apampar o seso; porén, por moi cativos que eramos cando nos presentaron o caso como admirábel, aos que xa de pequenos sentiamos rebulir por dentro o becho do sentido crítico, sen sabermos moito nin por que, aquilo non nos convencía. Como ía ser xusto partir polo medio e repartir a partes iguais o que, a simple vista, non pertencía senón a unha das partes do litixio? E, maiormente, que xustiza é esa que, para ser tal, antes de o devolver ao seu dono destrúe o ben reivindicado! Unha falsa xustiza. Por iso mesmo, a parte que estaba na senrazón se amosou conforme. Secomasí, Salomón soubo reaxir e darlle o neno á verdadeira nai. Pois, no caso do noso conflito, ben pode suceder o contrario. A equidistancia, en principio, non é bo comezo.


O conflito lingüístico e cultural que vivimos en Galicia, ten xa case seis séculos de duración. O momento actual do mesmo é especialmente grave, pois a parte máis podente do mesmo reforzouse e disponse a darlle á parte máis débil o golpe fatal. Propor algo así como que a síntese entre ambas as posicións se resolva ao cincuenta por cen a prol e en contra de cada unha, cadraría moi lonxe da equidade. Suporía dar por boas as conquistas logradas deica aquí, desde unha inxusta posición de forza, pola parte máis forte. Sería ademais unha ilusión, toda vez que as causas -tamén as pretensións- dunha e doutra parte son inversamente desiguais: unha reclámao todo sen concesión ningunha para a outra parte, entrementres que esta reivindica case unicamente o dereito a ser respectada e non invadida no seu ser máis íntimo e irrenunciábel.

segunda-feira, 16 de novembro de 2009

Virá un día en que nós


Virá un día en que todos,
ao erguermos a vista,
veremos unha terra
que poña liberdade.

Así comezaba unha canción de Labordeta, non lembrades?
Agora está mal visto albiscar, imaxinar e desexar calquera mundo mellor.
Está prohibido o paraíso!
Non sei quen dicia, ou seino, que é perigoso
porque seica os que tal fixeron, o que crearon foi
un inferno, no canto dun paraíso, na terra.

O inferno están a nolo crear, coma demoníacos demiurgos,
os causantes dunha crise económica que non vai ter fácil saída,
á mundial me refiro, por moito que digan que xa se está superando.
O inferno están a nolo traer, se non a nós, aos nosos netos
os causantes da ruína climática, chamada eufemisticamente cambio.
Uns e outros causantes colaboran, coinciden, conveñen e conxúntanse.
Tal fixeron ao causaren, tal fan agora ao reincidiren,
tal ao negárense a pór remedio
e corrección ao moito mal que desataron.

Nós, incansábeis e calmos,
seguiremos coma daquela cantando:

Virá un día en que todos,
ao erguermos a vista,
veremos unha terra
que poña liberdade.

E será aquí, nunha Galiza
coidadosa do ambiente natural,
da paz e a xustiza social,
da limpeza das rías e a floresta,
do chorir, non chorar, da súa lingua
e do orgullo sinxelo de sermos
nós, sempre nós, en todo nós.