segunda-feira, 12 de abril de 2010
Arredor da feitura dun carro de nabo
quinta-feira, 18 de março de 2010
Tres tabús do goberniño
sexta-feira, 26 de fevereiro de 2010
Crónica dun asedio
Asedio á lingua galega
Por Xesús Portas Ferro
Nubes negras de trebón
Vai para dous anos, no consello de redacción de Encrucillada decidiamos pedirlle a Agustín Fernández Paz un artigo sobre a situación social da lingua naquela altura. A nosa preocupación estaba non tanto en lle tomar o pulso ao proceso de normalización, como en calibrar canto podía estar incidindo nel a intensa oposición ao mesmo que entón arreciaba desde sectores e forzas diversas de fóra e do interior de Galicia.
Xa acontecera a publicación do malfadado “Manifiesto por la lengua común”. O Partido Popular de Galicia, por orde da dirección do PP español, mantiña e sostiña a súa inimizade contra a aplicación do decreto 124/2007 da Xunta, cando este apenas levaba un ano de vixencia e só timidamente se comezaba a pór en práctica. Importantes medios de comunicación erixidos en representantes da ideoloxía españolista máis conservadora denunciaban como unha invasión as pequenísimas e case simbólicas, litúrxicas, presenzas da lingua galega nalgúns ámbitos superstruturais da vida social galega. No mesmo interior de Galicia encetábase, por parte dunha asociación e de varios persoeiros, unha serie de enrabexadas campañas tendentes a levantar a poboación escontra o proceso de normalización lingüística, denunciando sen ningún receo a suposta “imposición do galego” e a proscrición do castelán.
Agustín Fernández Paz accedeu daquela á nosa encarga e agasallounos cun breve e clarificador artigo, Do pasado e do futuro, ou A lingua en Galicia, respondendo lucidamente ás circunstancias coxunturais. Baixo eses dous títulos se pode ler o artigo en Encrucillada, nº 161, xaneiro-febreiro de 2009, e mais, aínda hoxe, na web da revista. Apenas publicado o artigo, foi cando unha das máis belixerantes asociacións creadas neste país co obxecto de atacar a nosa lingua coa escusa da liberdade individual, montaba en Compostela unha minoritaria manifestación, aínda por riba avultada con persoal traído de alende o Padornelo. Ao mesmo tempo, o PP, en campaña electoral para as autonómicas, facía súa a causa desa asociación, a cuxa manifestación se sumara. E de alí a uns días, nas kalendas de marzo, gañaba as eleccións: alea jacta est! A sorte da desgraza.
Barullo e desgoberno
Logo fai un ano desde aquela. En todo este tempo, se algo fixeron o goberno autonómico e o seu presidente, foi enredar e embarullar o país coa súa teima de diminuír a presenza da nosa lingua na educación e na vida social galega. Seica lles parece inchada. Seica dana a lingua castelá e o dereito dos castelanfalantes a se desenvolveren con toda comodidade na súa lingua. O dereito dos castelanfalantes e a súa liberdade lingüística en perigo! Fai falta estar nas nubes! Nunca estivo ameazada nesta terra desde hai polo menos catro séculos, cando, sendo os castelanfalantes unha exigua minoría, conseguiron botar o galego de todos os usos formais na vida da nosa sociedade, nomeadamente da administración e da educación.
Porén o noso goberno teima que teima no seu empeño de cumprir unha promesa electoral e reinstaurar a liberdade. O exercicio da liberdade individual no referente á lingua do ensino ocorréuselles vehiculalo a partir da elección dos pais; isto esixiría, loxicamente, satisfacer as opcións de cadaquén, tamén as que resultasen minoritarias. Consecuencia rigorosa sería a segregación do alumnado, e chegaron a declarar que non a excluían como solución. Non se decataban da súa ilegalidade. Ademais resultaria economicamente custosísima. Por tanto, prevalecería a opción maioritariamente elixida. E como se respectará entón a liberdade dos que optaren pola minoritaria, foren moi poucos ou tantos coma o 49 %? Non contestan. Ou recorren ás regras do xogo democrático, relativizando así radicalmente o seu cacarexado principio da liberdade lingüística individual.
Outro atranco co que se atoparon foi que o Estatuto de autonomía e a Lei de Normalización Lingüística obrigan os poderes públicos a promoveren o uso da lingua propia de Galicia. Co que teñen difícil compracer os seus amigos e amigas, que reclaman poder elixir para os seus fillos estudaren só ou case só en lingua castelá; ou máis ben que se recoñeza de dereito o que está instaurado de feito en moitos centros educativos de primaria e secundaria, principalmente entre os de titularidade privada. O subterfuxio que se lles ocorreu foi o de explotar o recurso ao plurilingüismo. Por iso, xa na irrisoria consulta aos pais, no mes de xuño pasado, se lles preguntaba se querían que se impartisen materias escolares en inglés. E nas ditosas Bases ou “borrador”, parto dos montes que comezou a rebulir polo Nadal, cuantíficase mesmo e distribúese; o que reparte, ben reparte: 33 % para o inglés e o resto, a partes iguais entre galego e castelán. Porén aínda se mantén a pretensión de deixar decidir aos pais. Para que se todo está xa repartido?
Da incredulidade á mobilización
No corpo social, sacada unha minoría que as campañas mentireiras gañaran para a reivindicación da liberdade perante a suposta imposición, a primeira resposta maioritaria abalou entre o cauto silencio e a incredulidade. Uns non sabían o que pensar ou dicir. Outros non daban creto a semellantes ousadías. Só a parte moi consciente da grave situación da lingua galega se decatou axiña de que a ameaza ía en serio, e foi quen de prever a inmensa gravidade dos seus efectos. Desta parte xurdíu a loita, tanto a da razón e a palabra como a das mobilizacións. Entre estas, son salientábeis as tres grandes manifestacións celebradas en Compostela nos meses de maio, outubro e xaneiro. Tanto ou máis do que a elas, interesa referírmonos aquí aos pronunciamentos, artigos, opinións, manifestos e análises das Bases, en que se razoa contra a desventurada pretensión do goberno da Xunta. Toda unha inmensa palestra de datos, ideas e valores foi posta a trafegar, sen que polo que parece o noso goberno, insensíbel ante tanta riqueza e rigor, se amose atinxido. Só a ofuscación ideolóxica dá unha explicación a tal cegueira.
O principais erros que se lles afeou foron o de estaren provocando unha freita social e o de causaren enfrontamentos persoais e conflitos no seo dos grupos e institucións. Algún conflito houbo xa e moitos e máis graves se producirán se por desventura os proxectos do goberno foren adiante. Todo o proceso que conduciu á elaboración das Bases do futuro decreto xerou unha tensa confrontación política e social, na que se evidenciou que grande parte da sociedade galega non permitirá que se menosprece e infravalore a súa lingua. Témese, con abonda preocupación no ámbito educativo, que o conflito social se traslade ao interior del, provocando enfrontamentos e grave deterioramento da paz e relación de confianza mutua entre os diversos sectores e persoas da comunidade educativa, condicións imprescindíbeis para o desenvolvemento cabal da súa función.
Outra liña de razoamentos nucleouse arredor dos gravísimos retrocesos de competencia e uso da lingua galega que derivarían do plan proposto. Non cabe ningunha dúbida de que causaría unha severa involución no proceso de normalización da lingua galega. A súa aplicación faría imposíbel que a maioría dos alumnos chegue a ter unha aceptábel competencia comunicativa na lingua propia do país, agravándose así o déficit que xa existe na actualidade, segundo sinalan todos os estudos científicos, e que só é posíbel corrixir con medidas de discriminación positiva a prol do galego. Polo mesmo, desde calquera posicionamento rigoroso e non ideolóxico, vese necesario recuperar como principio de actuación o tratamento desigual das realidades desiguais e como inxusta a pretensión dun suposto trato igual aos desiguais, pois este sempre obra en prol do enfortecemento do máis forte e en maior debilitamento do máis débil. Importa, neste eido, non tanto a saúde das linguas en contacto canto o dereito dos seus utentes a desenvolveren a vida sen dificultades nin minoración social por causa da súa lingua predominante. Verbo disto, os galegofalantes son os grandes prexudicados. Somos de feito os únicos que con frecuencia nos vemos, de grao ou por forza, en situación de nos expresarmos e descodificarmos mensaxes en lingua castelá. Isto apenas lles acontece aos castelanfalantes de entre nós, que polo mesmo poden, sen mingua ningunha da súa dignidade e intereses, prescindir case por completo de usaren pasiva e activamente a lingua galega. E isto sucede no país dos galegos! Contra toda equidade. Con total falta de reciprocidade. A discriminación positiva para corrixir desigualdades históricas é lexítima: está solidamente asentada na lei e na xurisprudencia .
Incidiuse tamén na senrazón que supón asociar preconceptual e connotativamente o galego coa imposición, e o castelán, coa liberdade. É o que fixo a Xunta, seguindo nisto os inventores dunha inmensa mentira. Era o que nos faltaba, despois do noxo ou odio que xa a moitos galegos lles causa a nosa lingua mentres teñen a castelá por nobre e dignificante. Como valentemente fixo notar o CCG (Consello da Cultura Galega), nunca, nin antiga nin recentemente, se produciu nalgures imposición ningunha da lingua galega. Isto é así, digan o que dixeren do outro lado. Garantir o contacto da infancia cunha das linguas oficiais da sociedade para a que os meniños están sendo socializados, como se tentou de levar a cabo e nin case se encetou na Educación Infantil, iso tense como unha imposición! Só o noxo pola nosa lingua pode ser a causa de soster tal sensentido; se non for en virtude dunha ideoloxía nacionalista española resesísima e refugábel.
As institucións máis autorizadas, como a RAG (Real Academia Galega) e as tres universidades, cualificaron de ”inaceptable”, “inconsistente”, “irresponsable” e “insostible” o contido das Bases. A maiores da imposibilidade de o levar a cabo no referente ao terzo do inglés, este particular aspecto considérase unha provocación. Denúnciase que a consellería de Educación se lanzase alegremente a propor unha reforma incoherente, descoñecedora das máis elementais bases psicopedagóxicas, didácticas e sociolingüísticas. As universidades non entenden que non se contase con elas e cos seu departamentos especializados para informar ou opinar sobre a proposta. A proposta da Xunta ben merece esas cualificacións, por moito que lle doa ao seu presidente, quen uns días antes ousaba cualificar de “radicais” e “irracionais” as persoas e grupos que desaprobamos con razóns abondas as súas pobres e ben inxustas Bases.
As proclamas a prol da liberdade son puras falacias. Liberdade dos pais para elixiren a lingua do ensino. Liberdade do alumno para usar na aula e dirixirse ao profesorado na lingua que lle pete. Liberdade entendida simplemente como “real gana” e non como posibilidade de elixir con igual capacidade e avantaxes entre distintas opcións. Que pobre filosofía por paupérrima ideoloxía! Contra esta falacia vai ficando ben claro que só o coñecemento dunha lingua fundamenta e é condición inescusábel para ter a liberdade de usala. E logo a liberdade dos pais? Os pais non teñen ningún dereito, polo menos o Tribunal Constitucional negóullelo, a escoller a lingua do ensino dos seus fillos. De por parte, é froito dunha miraxe pretender que os pais galegos son quen de elixir con liberdade o ensino en lingua galega, sendo esta a cincenta da casa e a lingua oculta, invisíbel, minorada. Como sentencia a RAG, unha enquisa oficial e legal nunca debe formular preguntas de resposta condicionada.
Moitas outras razóns se barallaron, ben válidas case todas, que neste artigo de urxencia debemos deixar de referir. Aludirei á posíbel ilegalidade de varias pretensións das Bases, remarcadas por un grupo numeroso de xuristas e pola RAG. Apuntarei soamente o referente á inmersión lingüística aplicada ao galego, que é demonizada polas Bases cando, como lles advirten desde a RAG e o CCG, se trata simplemente do método didáctico máis eficaz para a aprendizaxe das linguas. Mencionarei finalmente a incoherencia que supón o feito de o PP estar vindo a trasacordo dunha política lingüística que, mentida ou sentida, estivera promovendo ao longo das dúas últimas décadas e á que en 2004 tentou que se lle dese un novo e decidido impulso, ao se aprobar por unanimidade do Parlamento Galego o PXNL (Plan Xeral de Normalización da Lingua). Desde este punto de vista, esíxeselle ao goberno a volta ao consenso que só eles romperon, non os outros partidos nin a sociedade.
O quid da cuestión
Despois destes acontecementos, non se sabe moi ben a onde imos chegar. Podemos esperar o peor, vista a teimosía dos gobernantes. Cabe esperar un certo tempero da persecución, sobre todo se pensarmos que algún efecto han ter a razón e a protesta. Porén o problema seguirá aí, vivo e irresoluto. O grande problema da lingua reside, máis do que no goberno, na propia sociedade. Mentres nesta non xurdir un forte movemento de recuperación e dignificación da súa lingua propia, pouco haberá que facer. A situación é ben coñecida. A RAG expona moi ben deste xeito:
“A lingua galega, é dicir, os falantes de lingua galega, non precisan documentar a súa marxinación histórica: é ben coñecida non só por séculos de emigración dun país non pobre ou pola forma en que a figura do galego é remedada na literatura en castelán, senón pola baixa autoestima con que moitos galegos miran hoxe aquilo que máis os define, que é a lingua, prexuízo que lles impide exercer o seu dereito a usala. Chega con ver a desvantaxe que sofre hoxe nas relacións sociais non pouca xente galega que pretende empregar o galego con normalidade en todos os eidos da súa vida. Chega con comparar a oferta que hai hoxe en galego e en castelán na TV, na radio, nos cines, en xornais, en misas, nas aulas universitarias, na publicidade, no comercio, na banca, etc. Esta é unha sociedade na que conviven dúas linguas pero de xeito asimétrico; hai unha lingua propia que ten que loitar día por día para non perde-lo seu terreo e hai outra que goza de inmensas regalías e todo lle vén á man.”
Vinte e cinco anos de actividade normalizadora, por certo nunca tomada moi en serio, apenas produciron melloras nunha situación que ten séculos de vixencia. Dúas dinámicas e outra media seguiron empeorando, na gran masa social, a situación de que se partía no momento de se encetar o proceso normalizador. A primeira desas dinámicas consiste en que se seguiu espallando a difusión do castelán desde os núcleos urbanos para os barrios e as zonas rurais. Esta bóla de neve nunca deixou de rebolar e engrosar. Esta mancha de aceite non cesou de escorrer. A segunda dinámica ten que ver co traslado da poboación rural ás áreas urbanas, resultando nestas asimilada con facilidade aos usos, tamén aos lingüísticos, da poboación receptora. E a terceira, a outra media que dicía, constitúea a poboación inmigrante. Boa parte desta é de orixe hispanoamericana. A restante intégrase na comunidade e usos lingüísticos predominantes.
A todo isto semella que, con maior ou menor influencia da ideoloxía, un certo sector duro de habitantes da Galicia urbana –adoitan evitar chamárense galegos- que teñen o castelán como única lingua de instalación e relación desde varias xeracións, decidiron opoñerse decididamente aos progresos da presenza social da outra lingua nos ámbitos en que estaban afeitos a topar só coa súa. Esta é a verdade. Sería parvo non querer vela. A outra verdade do barqueiro é que o PP está con eles. Deica agora aqueles exerceron máis ben unha desobediencia medio disimulada, unha xorda renitencia perante as medidas normalizadoras e unha raposeira ignorancia da cultura de expresión galegófona, da que non sentían necesidade. De por parte, a cultura popular e de masas seguiuse desenvolvendo totalmente en castelán, con se cadra unhas pequenas pencas da produción cultural autóctona. Esta, selecta e minoritaria, desenvolveuse maiormente en paralelo coa primeira, polo que poucas veces ocorreu encontro ou intersección dunha coa outra.
En moitos ámbitos, como ben nos lembra o parágrafo citado da análise da RAG, o proceso normalizador non callou. Tímidos intentos se produciron como moito, que aí morreron, sen progreso nin continuidade. O caso do ámbito eclesiástico é paradigmático. Ben veces se ouviu poñeren como escusa que o pobo o rexeitaba. É o mesmo que aduce agora o conselleiro de Educación: “ Ningún proxecto lingüístico podería ser realizado se a sociedade non o ampara”, seica declarou tras a manifestación do 21 de xaneiro. Ao tal dicir, refírese a que a presenza do galego no ensino non pode ser a que marca o decreto actual, porque a sociedade non o admite. En realidade, quen non o admite é ese núcleo monolingüe acérrimo e ideoloxizado do que naceu a ofensiva contra o galego, que asemade constitúe o nicho ecolóxico no que eses posicionamentos achan máis doada acollida e inzamento. O peor do caso é que están a gañar moito terreo. Non só no referente a que o goberno os secunda e segue, senón tamén en que conseguiron xa bastante recuamento das actividades en galego de persoas e institucións públicas. Aduzo dous casos entre moitos que hai por aí. A Deputación de Ourense acaba de publicar un libro sobre a gaita en catro idiomas, un deles o castelán; o galego non está. Caixanova viña editando un calendario mural en galego durante varios anos. O do ano 2009 publicouno nas cinco linguas oficiais da península ibérica, incluído o portugués, salientando polo tamaño das letras unhas veces o castelán –nos lemas das láminas– e outras, nos nomes dos meses, o galego. O do ano 2010 está integramente en castelán, incluído o santoral, engadindo só os nomes dos meses, con tamaño pequeno de letra, en galego, catalán e eusquera.
O que nos queda
O que nos queda por facer é moito. Ante todo hai que facer valer a razón e a verdade. A ofensa sufrida pode servir como revulsivo. Cómpre aproveitarmos a ocasión. Para que a razón e a verdade cheguen ao corpo social e á maioría das persoas, é preciso pór en marcha as accións e tácticas máis eficaces que se poida procurar. Teremos de resucitar a pedagoxía do oprimido. Cumprirá intervir socialmente como parteiras e axentes de concienciación. Haberá que facerse presente con esas bagaxes en todas as plataformas e ambientes a onde for posíbel acceder: asociacións, clubs, grupos de traballo. Haberá que crear outras: grupos de reflexión e acción a prol da lingua, aulas abertas de lingua e cultura galega, novas “irmandades da fala” para a situación actual. Teremos que nos mollar aí todos, baixándomos da nosa nube cultural de elite os que tendemos a vivir en torres ebúrneas. Como dixera Lorca un día, en tempos coma estes é preciso metérmonos na lama canda os que chapuzan nela en busca de azucenas.
Xesús Portas Ferro
licenciado en Filoloxía, mestre
quarta-feira, 17 de fevereiro de 2010
Ver o mellor e escoller o peor
sábado, 30 de janeiro de 2010
The amablingua
Xa viña sendo time de que el new president descubrise the magic solution to the cosa de la lengua no Galician Country.
The solution é o chamado “castrapo enriquecido”, al que también chaman “eurocastrapo”, “triglosia feijooooana”, amablingua , “galcasinglish” ou, na Galicia Sur, simplemente “feixoada”.
Basically consiste en ser amables. You are moi amable, in such a way que no ofendas a nobody arround. Because the cosa es no imponer, e se ti escolles one language –only one, ollo!- ti andas imponiéndote que nin a milk! So, first asunto: amabilidade, gentleness e, especially, never, never, never, mesmo nunca, fales only in the regional idioma.
The second cosa vén sendo a closing down das galescolas, que finally serán substituídas by “trilingüelas” (not “bi”, but “tri”), to properly enseñar the new lengua.
This is, efectivamente, the solution to the cuadratura of the circle: combinar a “soberanía lingüística” dos pais, with the deber of promoting e facer normal o galego, sin ofender a la lengua de Rosa Díaz, and also co obxectivo de trilingüizar aos nenos and little girls.
So, a nai escolle, e choose o que choose, sempre ficará happy, ya que a súa escolla is included in the eurocastrapo. In fact, this feixoada is the “tres in one”, very inclusive and amabilismo.
At the same time, the Xunta resolverá o “problem” educativo, sen que such a thing lle supoña un quebranto presupuestario. Efectivamente, as a matter of fact, o novo language non ten a very precise normas, and predomina a única and conocida only norma do “tanto ten, ti vai disimulando”, que se complementa coa de “never rained que non escampara”. Así, the teachers training is going to ser very barrato, barrato, cal carpet of magrebí.
And, by the way, if non caíches na conta, este artículo is the first one written in the new idioma. Buena luck and remember o que di the song: non te warrees, be happy, tra,la,la,la,la,la,la,la….
sexta-feira, 29 de janeiro de 2010
Igrexa e lingua galega
Igrexa e lingua galega.
PIN MILLARES, XOSÉ MARÍA.-
GALICIA DIXITAL.- venres, 08 de
Como pode deducirse do encabezado a seguinte reflexión tenta analizar a aceptación e o uso que da Lingua galega ten feito a Igrexa Católica en Galicia na educación e na pastoral, é dicir, na súa parte máis visible.
A Igrexa, como todas as sociedades con estruturas xerárquicas ríxidas, é moi conservadora e, incluso, “conservadura”, as súas actuacións non se encadran en procedementos e métodos democráticos, a comunidade non participa nin ten peso nas grandes decisións. Cando dicimos Igrexa pensamos case exclusivamente en bispos, frades e cregos ás ordes do Papa e da Curia de Roma.A función dos fieis parece reducirse a escoitar caladiños, despois de quitar o pucho e, en todo caso, contribuír con algunha moeda.
En Galicia a Igrexa, ao longo da historia , comportouse coma o resto das institucións aquí instaladas, coma a Xustiza, a Escola, a Administración, o Exército e as clases dirixentes que foron instrumentos de desgaleguización e de esnaquizamento da lingua e da identidade galega, no seu seo a lingua e a cultura galega tiñan pouca cabida.
Resulta difícil explicar e mesmo comprender cómo se puido chegar a esta situación, pero aínda é máis incomprensible e inexplicable como se pode soster. Soamente prexuízos e inercias poden estar na base deste comportamento, xa que logo, o cristianismo dende as súas orixes asume a lingua e a cultura dos novos adeptos. Xesús era galileo, falaba o arameo, na variante galilea, aínda que a lingua da Sinagoga era o hebreo, é dicir, a lingua do poder.
Dende o momento no que o latín deixa de ser lingua comprensible a Igrexa manda predicar e catequizar na lingua propia de cada comunidade, así o Concilio de Tours (813) manda que se predique na lingua popular. Por certo que moitas linguas son o que son hoxe porque a Igrexa as tomou de uso normal. O mesmo Concilio de Trento (século XVI), tamén manda que a doutrina cristiá se ensine na lingua realmente falada polos fieis, pero Galicia era xa daquela diferente, viña sometida dende finais da Idade Media a unha intensa colonización cultural e económica. Ata finais do século XV o 94% da documentación eclesiástica estaba redactada en galego, pero a mediados do século XVI a proporción xa está no 56% en galego e o 43 en castelán. Cando aparecen os catecismos (século XVII) non se edita ningún en galego; en euskera fanse 30 edicións do catecismo do P. Astete e 20 de Moguel, única lectura en lingua vasca.
É sabido que os reis de Castela, ademais de espoliar conventos e mosteiros adxudicando as rendas ás casas centrais situadas fóra de Galicia e de suprimir as súas escolas, colocaron á fronte dos mosteiros e das dioceses galegas abades e bispos foráneos en completo divorcio co baixo clero e co pobo. Nos últimos cincocentos anos os bispos de orixe galega que rexeron as dioceses galegas anda por uns 35, e deles, soamente tres exerceron realmente de galegos, (Lago González, Araúxo e frei Xosé Gómez).
Na actualidade, tres das cinco dioceses galegas, están ocupadas por bispos nados en Galicia e ningún deles mostra compromiso, nin sensibilidade cara á lingua, malia que o Concilio Galego falou con bastante claridade. Unha situación especialmente dramática dáse na diocese de Astorga que abrangue unha parte importante da provincia de Ourense, cun bispo galego, pero cunha presenza nula da lingua galega na actividade pastoral.
Tivemos que chegar ao século XVIII co P. Sarmiento para escoitar as primeiras voces en defensa da lingua galega e a rebelarse contra esta colonización. É famosa a anécdota do freire castelán que identificaba traballar con “trebellar” e animaba a un mozo a “trebellar” todos os días da semana, domingos incluídos.
Por todas estas circunstancias a Igrexa en Galicia non foi galega, non se encarnou na Terra nin defendeu os intereses dos pobres campesiños e mariñeiros, comportouse máis ben coma un instrumento desgaleguizador e de desclasamento ao servizo do uniformismo central. Todo isto pode explicar os frecuentes enfrontamentos do mundo clerical co pobo e o anticlericalismo expresado nos ditos populares e na literatura escrita. É certo que un sector importante do clero rural, non precisamente o máis estimado polo poder eclesiástico, compartiu e comparte vida e sufrimentos co pobo, pero coa xerarquía houbo conflictos de moita sona, xa fose polos chamados “dereitos de estola e pé de altar” xa pola posesión de terras, obxectos relixiosos ou costumes moi enraizadas. Como mostra podemos recordar o violento enfrontamento na parroquia de Oseira en 1909 polo baldaquino con varios mortos, as liortas polas festas populares e bandas de música e máis recentemente os preitos pola carballeira de San Xusto ou na parroquia de Rivadulla, pola casa reitoral e polo campo da festa. Hai que ter en conta que antes da desamortización, a mediados do século XIX,máis do 60% das terras pertencían aos mosteiros e á igrexa polos que percibían e esixían rendas e outros servizos.
Unha Igrexa de Galicia, que non falaba, nin pensaba en galego non podía ser sentida como propia, era vista e considerada como allea, coma unha prolongación do poder civil que tamén esixía e cobraba trabucos, e mesmo, controlaba a vida social e familiar dende o bautismo deica a morte.
Ata a Desamortización dos bens eclesiásticos, segunda metade do século XIX, a maioría do clero procedía de familias fidalgas máis ou menos acomodadas, a partir desa época nos curatos encontramos fillos de labregos de certa propiedade, casas ricas, que encontran no sacerdocio un modo de promoción social para eles e para toda a familia, chegar a ser “ser xente” como di o Catecismo do Labrego e integrarse nun novo grupo social. Os seminaristas tiñan prohibido falar galego, infrinxir esta norma supoñía penalización na avaliación mensual, polo menos en tres apartados: comportamento, deberes relixiosos (desobediencia) e urbanidade, “porque el acento gallego era repugnante y fastidioso” e o acento resultaba de mal gusto, dicía Martínez Pazos na súa obra Oratoria (pp.390-1).
Situación atípica representa o seminario de Mondoñedo que produciu destacados escritores galegos
Tanto o alumnado coma o profesorado estaba sometido a un ríxido control do bispo. Os estudos centrábanse en Humanidades, sobre todo en Latín, Dereito Canónico e Teoloxía Moral. O resultado da formación era moi estraño, un seminarista estudaba todas aquelas cousas polas que ninguén preguntaba nin se interesaba, era case un extraterrestre. Con frecuencia o profesor de matemáticas era licenciado en Dereito Canónico con coñecementos elementais da materia.
Na actualidade, o compromiso coa lingua galega é moi desigual, hai cregos exemplares que viven en galego e para os galegos e galegas, radicalmente fieis á súa terra, son de aquí, son “os bos e xenerosos de hoxe”. Na maioría das parroquias de cidades e vilas a presenza do galego é moi reducida. Moitas veces baixo o pretexto que os fieis non demandan liturxia en galego, cómo se houbese un tempo que se permitise demandar algo: déronlla, en latín ou en castelán, e mesmo algúns queren volver ao latín coma se existisen linguas máis sagradas. Sobre todo, nos clérigos pertencentes a movementos conservadores e integristas como Opus, Quicos, Lexionarios, Comuñón e Liberación que tenden a identificar lingua galega con subversión e independentismo ou algo propio da esquerda (BNG), esquecen o máis elemental: que a lingua é o maior patrimonio dun pobo e que somos seres humanos porque falamos e que se se reduce ou imposibilita a capacidade de falar aniquílase a persoa e pode producirse un fondo desequilibrio psicolóxico e mental.
Incorporar a lingua galega á liturxia e á actividade pastoral dunha maneira coherente suporía unha fonda revisión da actuación pastoral, un paso importantísimo no proceso normalizador da lingua galega neste momento tan conflitivo e pagar parte da débeda que ten pendente co país.
En definitiva, para un galego poder expresarse soamente galego sería unha limitación importante, pero non saber galego resultaría unha catástrofe, pasaría a ser un alienado ou quizabes un renegado.
quarta-feira, 20 de janeiro de 2010
Coidado con este PP!!
Nunha entrevista en TVE, recollida por Europa Press, a dirixente 'popular' resaltou que este documento educativo --no que se recolle "deber de garantir o ensino do castelán e en castelán en toda España"-- "foi consensuado" non só entre os que se encargaron da súa elaboración, senón "con todas as comunidades nas que goberna o PP, incluído o Goberno galego".
"Non hai ningunha contradición", insistiu Cospedal e sinalou, ao tempo, que o que "plasman" as bases do decreto presentado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dá a posibilidade aos pais de elixir a lingua vehicular e garante, ademais, "que existan sistemas bilingües ou trilingües". "Esa é a postura do PP, un bilingüismo integrador nas comunidades con dúas linguas oficiais, tanto en Galicia coma en Valencia", resolveu.
O documento presentado polo PP para aplicar no ámbito nacional aposta por "garantir o ensino do castelán e en castelán en toda España e a liberdade dos pais para elixir a lingua vehicular na que educar os seus fillos", e sitúa o dereito a estudar en castelán como "un dereito básico e irrenunciable".
A maiores, para as comunidades con dúas linguas oficiais, defende o dereito de todos os alumnos "a ser escolarizados na lingua oficial que empreguen de forma habitual, no marco dun modelo de bilingüismo integrador".