quinta-feira, 7 de julho de 2011

A perda do Códice Calixtino

A PERDA DO CÓDICE CALIXTINO

Pasmo, asombro, arrepío! Desapareceu da catedral de Santiago o Códice Calixtino! Desaparece precisamente no transcurso do ano en que se está a celebrar o octocentésimo aniversario do templo. Oitocentos anos e un bo pico ten o propio códice. Cando a obra románica da catedral se estaba iniciando, o Liber Sancti Iacobi estaba practicamente rematado e, polo que parece, tamén o groso do seu exemplar máis prezado e auténtico, é dicir, este manuscrito medieval iluminado que agora desapareceu, o chamado Codex Calixtinus.

Tras a noticia da desaparición, xurdiron os laios e as comparacións avaliadoras da súa gravidade: unha perda irreparábel, din uns; unha peza insubstituíbel, quéixanse outros; é coma se desaparecese o Museo do Prado, nota un historiador; era dunha calidade artística única, a xoia da catedral e da cidade, afírmase, polo que é preciso recuperalo.

É moi grande a perda, no caso de que se confirme e non se recupere? Éo, non caiba a menor dúbida. Isto afirmado sen reticencias, entremos porén en razón.

Perdeuse moito, perdeuse unha concreta obra de arte senlleira. Aínda así, o máis importante dela remanece. Enténdase ben o que digo. Comparemos. Das grandes obras da antigüidade clásica, grega ou latina, é un mal menor realmente acontecido o feito de que se perdesen os exemplares contemporáneos da súa publicación e primeira recepción polo público lector. Porén tales obras non se perderon, pois remaneceron na súa total ou case total integridade a través das múltiplas e sucesivas copias, e lecturas. Só a lectura dunha obra de arte literaria e a contemplación dunha obra de arte plástica aseguran a súa auténtica conservación.

En conclusión, o Liber Sancti Iacobi non se perdeu coa perda deste valioso manuscrito iluminado. Non se perderon a literatura, a música e as ilustracións do propio Codex Calixtinus, pois dispoñemos de moitas e boas reproducións de todas as súas páxinas. O máis importante remanece e boa falla nos faría a todos, e a este pobo desmemoriado con máis razón, a familiaridade con esa riqueza de contidos, testemuños dun dos tempos fundacionais deste país, non paradisíacos así e todo, deixándonos de fáciles mitificacións. Estoutra perda é moito máis grave, e dela poucos se queixan. Nin se erguen voces de alerta con ruído e escándalo.

Digamos sen receo que a perda do manuscrito medieval é unha metáfora axeitada da gran perda irreparábel que está a sufrir Galicia, a da súa identidade cultural e lingüística. A desaparición do Codex Calixtinus vén sendo o vehículo ou termo figurado; o teor ou realidade verdadeira á que se refire, o que de verdade se perde e de forma irreversíbel -o códice aínda pode recuperarse-, son a lingua e a cultura galegas.

Ninguén se escandalice da comparación que acabo de desenvolver. O profesor García de Cortázar fai outras, todas dentro do ámbito das artes plásticas. O grande Castelao fixera hai tempo a xa clásica entre o Pórtico da Gloria e a lingua. Porén hai a quen lle doe o simbólico e non lle preocupa o real! Deformacións! Ideoloxía! Estamos de loito!


Sem comentários:

Enviar um comentário