quinta-feira, 4 de junho de 2009

Non descansan

Tanto os premen e os encirran
que non poden descansar.
Ou tanto se meteron na lideira
que nin de noite poden cerrar ollo.
A que vén tanta présa, se non?
Non os preme a urxencia de contrarrestar axiña
o dano causado pola aplicación do decreto de 2007.
Imposíbel! A pura verdade
é que este non tivo nin dous anos de vixencia:
só comezou a se pór en práctica en setembro de 2007
e na grande maioría dos centros de ensino
aínda hoxe non acadou a menor efectividade real
agás nos aspectos máis superficiais,
como o referente aos libros de texto.

Ten que ser, pois logo,
porque non queren desaproveitar dos catro anos
do seu mandato nin sequera un mes
para causaren todo o dano que poidan á saúde da lingua galega,
satisfacendo moi cumpridamente
a estratexia argallada pola FAES.
Pola FAES e por outras faces.

A razón suxerida polo conselleiro estes días
de que cambiaron as circunstancias e cómpre
responder a tal cambio cunha nova política lingüística...,
nunca vin unha escusa peor! É falacia.
U-los datos do cambio cualitativo producido no pouco tempo transcorrido
desde a elaboración do Plan de Normalización da Lingua Galega, ulos?
(Se os houber, obrarían precisamente en contra do que a Xunta pretende;
tal é o caso dos datos negativos que ofrece o novo mapa sociolingüístico galego.)

A única verdade é que agora os obxectivos do PPdeG son distintos,
e entre eles non conta o da promoción e protección da lingua galega.
Ou, se contar, sitúase como un obxectivo moi subordinado a outros
de matriz fondamente ideolóxica.
Agora é a hora de comenzarmos
a ver que Fraga dalgunha forma se deixou tocar
por algún pensamento e suxestións de case amigos seus
coma Ramón Piñeiro ou Xesús Alonso Montero.
Se cadra era certo algo do que por veces dixo
acerca da súa proximidade verbo deles.
Agora, sendo os nosos gobernantes máis escuros,
outras son as musas que os inspiran,
de tan escuras que elas son, negrísimas.
Negras e nefastas coma as parcas.
Coma as nubes do corisco e a treboada.

Se tanta présa teñen que non dormen,
non nos ha de estrañar
que da noite para a mañá
nos sorprendan co seu torto decreto
e desde esta previsión tamén a nós
non nos deixen descansar nin uns días do próximo verán.
Vixiemos, pois logo,
auribus arrectis
et oculis apertis!
Veñen arreando!

Para comezar, é preciso orientar ben os pais convidándoos a responderen á enquisa
de tal xeito que a consulta lles saia furada aos promotores dela.
Responder masivamente AS DÚAS IGUAL semella agora mesmo a proposta mellor.
A de SÓ GALEGO tamén prestaría.
Se lles deren a elixir entre varias porcentaxes, o máis aconsellábel sería, ao meu ver,
elixir para o galego entre o 50 e o 70% de presenza no ensino. Por menos non deberiamos pasar.
Despois teremos de nos propoñer obxectivos ulteriores.

Isto é só o comezo, pois semella
que a xeira será longa e moi esgrevia.

http://www.xornal.com/artigo/2009/06/03/polItica/educacion-pensa-aproveitar-veran-derrogar-decreto/2009060323502853241.html

quarta-feira, 3 de junho de 2009

Que ousadía!

De abraio en abraio andamos, arrepiados mesmo.
Como se pode falar, no fragor do conflito que avivaron,
de cambiar a Lei de Normalización Lingüística agora?
Como se pode afirmar que na situación actual se está promovendo en Galicia
o coñecemento dunha única lingua
co conseguinte empobrecemento e dano da mocidade?
Refírese á lingua galega, claro está;
á castelá non pode ser, pois non lle acaería ben chamarlle única
ao ela ser, como é,
a medida e modelo de todas as linguas. Ou non?

Que finura analítica!
Que exactitude na descrición da realidade!
Que delicada sensibilidade!
Xa nada nos estrañe do que deite de aí no futuro:
pódese esperar calquera cousa!

http://www.galiciae.com/nova/32698.html

Un imparcial valedor

De quen lle daba a razón ao denunciante e ao denunciado
dicíase hai uns anos, cando aínda non se perdera, co mellor da lingua,
a súa paremioloxía e feliz fraseoloxía -agora irrecuperábeis-,
dunha tal persoa dicíase: "Vai cos da feira e vén cos do mercado".

No caso presente nin iso acontece:
nin vai cos da feira nin vén cos do mercado;
aínda que máis se achegue a aqueles do que a estes.
O peor non está aí.
O mao é que decide sobre a verdade e a falsidade
de asertos atinxentes a asuntos nos que amosa ás claras ser profano.
O saber de leis e xurisprudencia non faculta
para decidir sobre a saúde dunha lingua.
Son precisos para o caso outros saberes
e outra sensibilidade.
E despois, e por riba de todo,
ser tan radicalmente imparcial que non se permita á propia ideoloxía
influír nin sequera un chisco nos xuízos que sobre o asunto se emita.
Non semella ser o caso
de se daren as condicións.
Francamente.

http://www.galiciae.com/nova/32663.html

Xa nin sequera disimulan

Libros para que?
E por riba en galego!
Iso pasou á historia.
Cousas do romanticismo.
Agora o pragmatismo;
como moito o hedonismo.
Panem et circenses,
fútbol e "toros",
pasaróns e albariños.
Xa era hora de deixar o disimulo.
Xa non manda Fraga, mandan de fóra.
Delenda est lingua galaica, chaman da FAES,
dos despachos diversos do PP peninsular,
de "tódolos santos", "buena fuente" e JP invertidas,
de UPyD, de Ciutadans, da conferencia episcopal,
todos unidos formando "un solo cuerpo",
e aplauden en Galicia GB, JB, Congapa,
colexios privados, cidadáns exquisitos
e finos castelanfalantes de "buena familia",
de "derechas de toda la vida".
E nós morrendo
nesta longa noite de pedra.
E imos quedando sós
o mar o barco e mais nós.
Embarquemos.
Emigremos.
Menos mal,
que nos queda Portugal.

http://www.xornal.com/artigo/2009/06/02/cultura/louzan-deixa-mercar-libros-galegos-bibliotecas/2009060218295463638.html

Velaquí o consolo que nos dan
para nos aliviaren o pesar:
os nosos netos poderán aprender portugués
grazas á egrexia política plurilingüe
do ilustr(ad)ísimo goberno autonómico.

http://www.xornal.com/artigo/2009/06/02/polItica/feijoo-bordea-lei-normalizacion-mentres-lle-tende-man-ao-portugues/2009060221175536083.html

http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=86&idNoticia=433433

terça-feira, 2 de junho de 2009

Cómpre reaxir!

Cómpre espallar na sociedade galega a convicción
de que o mellor é non colaborar,
facerlles ver que esa guerra na que nos queren enlear,
non vai connosco.

O que coa enquisa aos pais poderían estes facer
é xustamente devolvérena despois de tacharen
todas as cuestións referentes á elección da lingua de aprendizaxe escolar dos fillos.

Outra táctica, se for doada, sería
responder a esas cuestións elixindo as dúas linguas ao 50 %,
como se explicou abaixo, neste blogue, so o título Aos dous igual!

E por que non a de elixir o galego ao 100 %
para os poñer a proba, a ver o que fan despois?

O que saia de aquí dentro duns anos,
como non o paremos a tempo,
pode ser todo un poema
-un poema tráxico, máis ben.
Hainos que se empeñan en dividir a sociedade galega,
máis do que está nin nunca estivo,
e fomentar leas e conflitos entre unha parte e a outra.

http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=86&idNoticia=433099

http://www.xornal.com/artigo/2009/06/02/polItica/opinion-pais-sera-�base-decreto-do-galego/2009060122503162239.html

http://www.xornal.com/opinions/2009/06/01/Opinion/lameira-lameira/2009060123192927604.html

Volven polos seus

O presidente da Xunta, coa súa teima
de se converter no valedor dos que seica non teñen
liberdade para falaren español en Galicia e en Cataluña,
vai conseguir entre nós xustamente o contrario do que pretende:
poida que algúns fagamos menos o parvo de aquí en diante
e deixemos de encartar e pasarnos ao castelán
-como acontece adoito entre os galegofalantes-
perante os castelanfalantes do país ou de fóra, moitas veces só ocasionais,
que por unha ruín educación diglósica,
ou por debilidade, ou por ideoloxía, ou por falta de flexibilidade,
ou por complexo de superioridade se empeñan
en nunca cambiar de lingua diante dos seus interlocutores galegofalantes.
Destes, de nós, requírese respecto, exíxese mesmo a humillación.
Eles non se rebaixan nunca. Por algo son ou se consideran
membros do sector social privilexiado e gañador.

http://www.xornal.com/artigo/2009/06/02/polItica/cataluna-galicia-deberia-hablar-espanol-quien-quiera-dice-feijoo/2009060203053631662.html

Redúcense as axudas da Xunta á actividade dos editores de libros galegos.
Por que e para que?
Será porque os libros non os valoran, e menos en galego.
Non será pola crise!
Será para destinar a outras finalidades o diñeiro que así se aforra.

http://www.xornal.com/artigo/2009/06/01/cultura/cultura-recorta-axudas-ao-libro-galego/2009060123323256391.html

Increméntase a dotación de recursos destinados a axudar á prensa.
Desvisten un santo para vestir outro?
Menos libros e máis periódicos; afectos, por suposto.
Da prensa poden obter maior proveito, pois ela alimenta a cultura media de masas,
onde é máis fácil ao poder moverse a sabor
do que entre o sector ilustrado e crítico do pobo.
Semellará lóxico e natural a máis de un
que se trate mellor a quen máis se debe
ou de quen máis se espera recibir en pago.
Cómpre estarmos atentos para vermos
a quen conceden axudas e a quen as negan.

http://www.xornal.com/artigo/2009/06/02/polItica/xunta-dara-millons-euros-axudas-prensa/2009060214183132235.html

segunda-feira, 1 de junho de 2009

Se fose só a FAES...!

Ai se só fose a FAES...! Pouco habería que temer.
Se fose só a FAES, sería simplemente a cociña ideolóxica da dereita do PP.
É o PP, onde a FAES funciona como un elemento entre moitos.
É o PP en canto tal e cos seus dirixentes estatais, incluído o presidente.

É asemade o PP con UPyD, con Ciutadans, cos asinantes do Manifiesto por la Lengua Común
-entre os que seica hai militantes socialistas e mesmo algún membro do Consello de Ministros-;
é o PP asemade con certos escritores hispanoamericanos que quixesen ter máis "cancha" nas "regiones" que teñen unha "lengua regional";
é a alianza e confabulación de todos eles argallando unha forte campaña global de descreto e deslixitimación das "lenguas regionales";
son todos eles apoiados nun fundamento ideolóxico que se estende desde un pretendido liberalismo deica o nacionalismo español máis reseso, radical e reaccionario;
son todos eses suxeitos e elementos, á xunta cun presuposto avultado de ingresos e gastos, moi desproporcionado en relación ao colectivo de persoas que de momento son quen de mobilizar.

Porén non nos confiemos, porque, igual que están logrando convencer a moitos de que é real e verdadeira a falsa realidade que eles pintan, poden de xeito semellante lograr mobilizar máis xente a base de recursos incrementados e dunha intensa intoxicación ideolóxica, arte para a que encontraron, polo que se albisca, verdadeiros especialistas.

Neste blogue veuse desenrolando ao longo do seu decurso a análise resumida aquí enriba.
Na elaboración case cotiá desta bitácora foron vertidas moitas horas de seguimento dos acontecementos e declaracións,
moitas horas de análise, hermenéutica e reflexión,
non por diversión ou por non ter nada mellor que facer,
senón por sentido da gravidade do perigo que nos ameaza
e da urxencia de o escorrentar.
Cunha finalidade tamén, que se acadará ou non:
a de axudar a ver a realidade a quen quixer,
a tomar conciencia do que hai e do que vén aí,
a colaborar no artellamento dunha rede de conciencia e resistencia
perante a insistencia
dos que están dispostos a todo
con tal de atefagar a nosa lingua so a imposición do castelán.

http://www.xornal.com/artigo/2009/06/01/polItica/psoe-cre-faes-orienta-politica-linguistica-da-xunta/2009060112502952276.html

http://ramonlatas.blogaliza.org/2009/05/29/desmantelamento-do-galego-ii/

http://www.xornal.com/artigo/2009/05/28/polItica/louzan-financiara-curso-organizado-galicia-bilingue/2009052821542098790.html