Tanto os premen e os encirran
que non poden descansar.
Ou tanto se meteron na lideira
que nin de noite poden cerrar ollo.
A que vén tanta présa, se non?
Non os preme a urxencia de contrarrestar axiña
o dano causado pola aplicación do decreto de 2007.
Imposíbel! A pura verdade
é que este non tivo nin dous anos de vixencia:
só comezou a se pór en práctica en setembro de 2007
e na grande maioría dos centros de ensino
aínda hoxe non acadou a menor efectividade real
agás nos aspectos máis superficiais,
como o referente aos libros de texto.
Ten que ser, pois logo,
porque non queren desaproveitar dos catro anos
do seu mandato nin sequera un mes
para causaren todo o dano que poidan á saúde da lingua galega,
satisfacendo moi cumpridamente
a estratexia argallada pola FAES.
Pola FAES e por outras faces.
A razón suxerida polo conselleiro estes días
de que cambiaron as circunstancias e cómpre
responder a tal cambio cunha nova política lingüística...,
nunca vin unha escusa peor! É falacia.
U-los datos do cambio cualitativo producido no pouco tempo transcorrido
desde a elaboración do Plan de Normalización da Lingua Galega, ulos?
(Se os houber, obrarían precisamente en contra do que a Xunta pretende;
tal é o caso dos datos negativos que ofrece o novo mapa sociolingüístico galego.)
A única verdade é que agora os obxectivos do PPdeG son distintos,
e entre eles non conta o da promoción e protección da lingua galega.
Ou, se contar, sitúase como un obxectivo moi subordinado a outros
de matriz fondamente ideolóxica.
Agora é a hora de comenzarmos
a ver que Fraga dalgunha forma se deixou tocar
por algún pensamento e suxestións de case amigos seus
coma Ramón Piñeiro ou Xesús Alonso Montero.
Se cadra era certo algo do que por veces dixo
acerca da súa proximidade verbo deles.
Agora, sendo os nosos gobernantes máis escuros,
outras son as musas que os inspiran,
de tan escuras que elas son, negrísimas.
Negras e nefastas coma as parcas.
Coma as nubes do corisco e a treboada.
Se tanta présa teñen que non dormen,
non nos ha de estrañar
que da noite para a mañá
nos sorprendan co seu torto decreto
e desde esta previsión tamén a nós
non nos deixen descansar nin uns días do próximo verán.
Vixiemos, pois logo,
auribus arrectis
et oculis apertis!
Veñen arreando!
Para comezar, é preciso orientar ben os pais convidándoos a responderen á enquisa
de tal xeito que a consulta lles saia furada aos promotores dela.
Responder masivamente AS DÚAS IGUAL semella agora mesmo a proposta mellor.
A de SÓ GALEGO tamén prestaría.
Se lles deren a elixir entre varias porcentaxes, o máis aconsellábel sería, ao meu ver,
elixir para o galego entre o 50 e o 70% de presenza no ensino. Por menos non deberiamos pasar.
Despois teremos de nos propoñer obxectivos ulteriores.
Isto é só o comezo, pois semella
que a xeira será longa e moi esgrevia.
http://www.xornal.com/artigo/2009/06/03/polItica/educacion-pensa-aproveitar-veran-derrogar-decreto/2009060323502853241.html
Sem comentários:
Enviar um comentário