sábado, 27 de junho de 2009

Mellor lle fora calar!

Houbo, nestes últimos meses, en certos ámbitos sociais
unha campaña a prol da designación de Carballo Calero
como o escritor homenaxeado no Día das Letras de 2010.
Un dos últimos movementos da campaña
constituíno a carta que as concellarías de cultura
das cidades máis importantes de Galicia
dirixiron á RAG apoiando a súa candidatura.
A carta e a campaña devanditas baseaban a oportunidade
de lle dedicar o Día das Letras do próximo ano, apuntando tres razóns:
1ª) don Ricardo ben merecía o seu Día das Letras, por ser el
un dos bos escritores galegos do século XX, sobre todo como autor
da mellor e máis larga obra ensaística sobre temas de lingua e literatura;
2ª) xa ía sendo hora de recoñecer solemnemente
a súa importante contribución á resistencia
e recuperación da cultura e lingua galegas, sobre todo
tendo en conta que xa logo fai vinte anos que finou;
3ª) en 2010 celebrarase o primeiro centenario do seu nacemento
e non estaría nada mal que coincidisen ambos eventos.

Non sei que confianza había, entre os promotores da campaña,
en que esas razóns serían atendidas pola RAG. Supoño que non moita.
O caso é que finalmente foi designado o poeta Uxío Novoneyra,
ben merecente de tal honor sen dúbida ningunha.
Os académicos decidírono así
seica por unanimidade e mais un voto en branco.
Estamos vendo como se chegou a esta decisión. Supoñemos
intervencións a favor de cada un dos tres candidatos:
Uxío Novoneyra, Carballo Calero e Lois Pereiro. Supoñemos
unhas votacións de sondeo, nas que o primeiro eliminado sería
Carballo Calero, precisamente. Ser santo de devoción dos reintegracionistas
sería a razón confesada ou non confesada de tal feito.
Fica o camiño libre do atranco principal.
Entre Uxío Novoneyra e Lois Pereiro a elección non é difícil.
Sen demérito deste, aquel vai moi por diante en varios aspectos,
maiormente no referente a precedencia e maxisterio.
Despois declararía o presidente da RAG que
Lois Pereiro era un candidato sólido a quen lle toca esperar.
Que quixo dicir?
Seica Carballo Calero non cumpre tal condición
e polo tanto xa nada pode esperar?
Non fora mellor que calase...?
Aínda que o pensase ou coidase expresar así
o sentir do colectivo que preside.

http://www.xornal.com/artigo/2009/06/17/cultura/cidades-apoian-candidatura-calero-dia-das-letras/2009061714153760291.html

http://www.xornal.com/opinions/2009/06/26/Opinion/cadris-funcion-publica/2009062619282979872.html

http://www.xornal.com/artigo/2009/06/27/cultura/dia-das-letras-homenaxeara-novoneyra/2009062713344870434.html

Sem comentários:

Enviar um comentário