terça-feira, 9 de junho de 2009

Sábese como empezan

Aquí -e en moitos outros sitios- vénse denunciando sen pausa
o risco de estarmos entrando por camiños de desencontro social
por mor dos que están contribuíndo con abonda irresponsabilidade
a avivar un conflito que levaba anos bastante agochado.
Acontecementos coma este constitúen un forte sinal de alarma.
Ataques, ameazas, insultos deben ser parados en seco!
Estas cousas sábese como empezan e non como terminan.
Dito isto e sen lle tirar nin un matiz á condena absoluta de tales actos,
cómpre engadir que tamén é hora de iren recollendo velas
todos os que, incluídos moitos políticos, se empeñaron ultimamente
en furar nas feridas causadas polo conflito lingüístico galego
ata agora padecido moito máis por unha parte do que pola outra:
non é cousa de lles negarmos o dereito a pensaren diferente,
o de se expresaren como pensan,
ou o de tentaren vivir a diferenza;
mais é tamén lexítimo desde unha perspectiva de ética social
recadar de todos moito respecto ao "outro", aos outros diferentes,
comezando por estimar esa "outridade",
fuxindo sempre de a deprezar ou demonizar:
a convivencia e a positiva colaboración de uns e outros dentro do tecido social
é deber, é tarefa, é angueira obrigada e feliz para todos:
hai que a salvar sempre!
Porén a mentira, o falseamento da realidade, a entrega cega a unha ideoloxía
e outras actitudes semellantes que verbo da cuestión lingüística
se solevaron nos últimos tempos en Galicia,
non cabe dúbida que poden axir como caldo de cultivo
de barrabasadas coma estas, reaccións dos máis proclives á violencia.
Cómpre tamén porlles fin xa a esoutras actitudes.
Entremos en razón uns e outros.
Deixemos xa de remexer no abesoeiro!

http://www.xornal.com/artigo/2009/06/08/polItica/aparecen-pintadas-casa-presidenta-galicia-bilingue/2009060817492426219.html

http://www.xornal.com/artigo/2009/06/09/polItica/psdeg-condena-ataques-sufridos-gloria-lago/2009060916501976294.html

http://www.xornal.com/artigo/2009/06/09/polItica/bng-rexeita-ameazas-insultos-danos-gloria-lago/2009060918210760122.html

Sem comentários:

Enviar um comentário