sexta-feira, 12 de junho de 2009

O medo garda a viña

Tempos foron aqueles cando a liberdade ou a necesidade
permitía ás persoas comportamentos dos que hoxe foxe
a poboación rural. Estaba mal visto que
por colleres dunha viña un azo de uvas o dono che berrase;
porén había donos e donas ben crueis: teño eu visto
como, unha man achegándose para o azo máis próximo ao camiño,
un fouciño viña escontra ela voando a reboladas.
Por iso, quen máis, quen menos, poucos obraban
segundo o que a opinión común permitía, máis ben
se deixaban aconsellar polo medo: o seu propio medo
a sufrir deterioro maior do que beneficio obtido
ao satisfacer a cobiza, solevada polo apetito ou a fame
ao pasar ante un meigo azo de uvas maduras.
Endealí o dito: O medo garda a viña. O medo
dos suxeitos dunha especie de dereito consuetudinario.

Alguén ten dereito a prohibir que se informe os chamados a voto ou consulta,
de xeito que estes coñezan mellor as consecuencias da súa elección?
Neste caso semella prohibirse. Non só son chamadas da inspección,
tamén breves instrucións enviadas ás direccións dos centros
onde se lles avisa que serán responsables de que o proceso de consulta
se cumpra sen influencias, nin a favor nin en contra.


PRESIÓNS POR PARTE DA INSPECCIÓN EDUCATIVA


A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística quere poñer en coñecemento público a presión que está sendo exercida cara aos equipos directivos por parte de membros do Corpo de Inspectores. Con estas presións búscase impedir que se informe ás nais e aos pais, que van responder á enquisa da Consellería de Educación.

Deste xeito, á parte de oralmente, estanse enviando notas con instrucións ás direccións dos centros educativos.

Ante estes feitos, a Coordinadora quere manifestar:

A) Que os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL) son instrumentos legais dos centros educativos que realizan habitualmente campañas de sensibilización, información e promoción da lingua galega.
B) Que as presións de membros do Corpo de Inspectores están impedindo que os ENDL realicen o seu labor informativo e divulgativo de xeito normal.
C) Que os trípticos informativos repartidos polos ENDL non atacan a ninguén, limitándose a informar a partir de material académico de recoñecido prestixio, avalado por dúas universidades galegas (Cummins, Baker, I Vila, Sobrado Fernández),.
D) Que os ENDL non recibiron ningunha nota escrita da Inspección Educativa na que se pida retirar a campaña informativa, polo que animamos a que continúe a distribución dos trípticos: As linguas suman
E) Que a inspección educativa non debe interferir nas funcións propias dos ENDL, sempre que estas se axusten a dereito (o capítulo VII, artigo 83 do Regulamento Orgánico dos Centros destaca que é competencia do ENDL “presentar proxectos tendentes a lograr unha valoración positiva da lingua no uso da lingua propia”, alén de “proporcionar informacións sobre as actividades do Equipo e de todos aqueles actos e institucións culturais relacionados coa realidade galega”
F) Que consideramos lamentables os intentos de impedir informar ás nais e aos pais. Como educadores só podemos afirmar que información rigorosa nunca é perigosa, senón fonte de coñecemento e liberdade.

Visto o cal, solicitamos á Inspección Educativa que cese nos seus intentos de interferir no correcto funcionamento dos ENDL e remate as presións ás direccións e docentes de moitos centros para impedir que os Equipos de Normalización e Dinamización poidan realizar o seu labor con normalidade.

Compostela, 11 de xuño 2009.

Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística

Sem comentários:

Enviar um comentário