Agora foi achada xa a verdade
tanto tempo escondida, finalmente
desvelouna a pescuda xornalística
unida á boa vista dun goberno.
A verdade é que os causantes das desgrazas
asociadas á cidade que nun monte
se constrúe desde hai tempo ao deus Cultura,
todas elas son culpa daquel demo
que chaman bipartito.
Son as desgrazas mil, porén as grosas
que do colo dos culpados penden
son o custo aumentado moi sobexo
e despois o retraso
da data milagreira
en que, mañá fermosa e feiticeira,
de alén do Atlántico e das largas
estepas veñan pobos peregrinos
admirar o milagre dos milagres
operado en Galiza, ben meirande
do que o achado do sartego santo
do Apóstolo Santiago en Compostela.
Ai día cobizado, o que lles tardas!
Apresa o paso, bule, corre, chega
como poidas, que agora xa desexan
os que máis te alpurnaron, teu albor:
un albor de piar de paxariños
tan meigo coma aquel que enfeitizou don Ero
e o tivo para alá trescentos anos.
Ven axiña e lévaos outros tantos.
Sem comentários:
Enviar um comentário