sábado, 13 de junho de 2009

Dicat Academia

Dicat et, si dixerit, vivat Academia!

Neste desigual combate
cómpre comprometerse.
Tratándose da lingua galega e da súa aprendizaxe,
xa nos tardaba a intervención do departamento de filoloxía galega
da facultade de Filoloxía da USC.
Felizmente produciuse, coa claridade e a severidade
requiridas pola situación. Grazas! Xa nos criamos desasistidos
os que desde o principio nos vimos
non a noso sabor
envorcados na lama desta loita dialéctica,
que oxalá de aí non pase. E, se pasar, non será
pola nosa culpa, senón pola dos que encirraron os cans na bouza.
Din ben os profesores ao falaren dunha grave responsabilidade da Xunta
no referente a reforzar vellos prexuízos e abrir as fendas dunha seria división social.
Xa llo dixo a RAG hai un mes; mais despois diso cadraron xuntos en día sinalado
e daquela denuncia veuse en certo xeito a trasacordo, malpocados!
Hai que o repetir, berrar, cantar, murmurar, dicilo en todos os tons e modos musicais,
porque seica doutro xeito non se decatan do mal que están a causar ou van causar.
E cómpre ir alén, dar uns pasos máis.
Non abonda co pronunciamento do departamento de galego da facultade de filoloxía da USC.
A causa é seria e atinxe a toda a Academia establecida no país galego.
Endealí, ao pronunciamento do departamento de lingua galega
debe seguir o de toda a Facultade de Filoloxía;
ao desta facultade, o de todas as facultades da USC unha por unha
ou o da propia USC como un todo. Non é hora de esperar a ver o que acontece.
Dentro de pouco pode ser xa tarde.

http://www.xornal.com/artigo/2009/06/13/polItica/departamento-filoloxia-galega-da-usc-das-medidas-do/2009061222460995362.html

Sem comentários:

Enviar um comentário