segunda-feira, 29 de junho de 2009

As contas non dan..., ou dan!

Venden os autos que mercaron os seus. Ou eles mesmos.
Din que para aforrar. Xa, xa...!

Anulan o Plan de Normalización da Lingua Galega
aprobado polo Parlamento, e tan louvado no seu tempo polo goberno da Xunta,
cando eles mesmos gobernaban, hai non máis de cinco anos.
As ruindades que agora nel ven, póñenllos na conta ao bipartito,
eses indecentes autores da imposición lingüística.

Eliminan e afean o sistema de empréstimo
na gratuidade dos libros de texto,
aducindo o motivo do aforro e -oh demagogos, aprendede aquí!-
o fin de ser máis xustos, favorecendo así aos máis débiles,
fuxindo do inxusto "café para todos" de inspiración bipartita
que privilexiaba innecesariamente as grandes fortunas do país.
Dicindo por riba ou dando a entender que foi o bipartito
quen instaurou o sistema de empréstimo:
que inmensa falsidade!
Coma outras que eles suscitan e os medios afectos airean.

O sistema de empréstimo non o instaurou o bipartito:
foi o goberno da Xunta presidido por D. Manuel Fraga!

O que fixo Touriño foi, en canto accedeu á presidencia,
estendelo a todos os alumnos do ensino obrigatorio,
pois o anterior goberno víñao establecendo gradualmente
e había uns poucos niveis académicos aínda non atinxidos
para os que as familias debían mercar os libros.

O conto do aforro évos un gran conto.
Por máis que eles o conten e canten, non cabe en maxín intelixente
como se pode aforrar máis pagando todos os libros cada ano
ca pagándoos só cada catro anos, agás os non reutilizábeis!
Estes supuñan menos do vinte por cento; saiban os profanos
que se trata dos textos destinados aos alumnos do primeiro ciclo de Educación Primaria,
polo tanto a dous niveis de dez -seis de EP, catro da ESO-,
nos que por riba o importe total dos libros por alumno é menor.
De onde sae, pois logo, ese aforro do conto?

Sairía de non lle dar axuda ningunha ao sector de familias
cuxos ingresos superan os 9.000 € anuais por persoa,
nin máis do 50 % do custo ao daquelas que perciben ingresos
comprendidos entre 5.400 e 9.000 € anuais por persoa.

9.000 € anuais por persoa supoñen, para unha familia de catro membros,
ingresos anuais iguais ou superiores a 36.000 €. Tantas hai neste país
para tal aforro ocasionaren ao pagaren os libros dos fillos?
Pois, botando contas, imaxinemos o aforro que se obtería
ao retirarlles outros dereitos adquiridos, como o da subvención
ao custo dos medicamentos na farmacia. Fágano os nosos
apañadiños gobernantes se se atreven. Pagaría a pena, non?

De por parte, tal aforro proviría de lles dar só unha esmola,
90 euriños por neno, ás familias cuxos ingresos anuais por persoa
estea entre os 5.400 e os 9.000 €. Que ben! Menos dá unha pedra!

5.400 € anuais por persoa nunha familia de catro membros
son pouco máis de 1.700 € ao mes para todo. Paga hipoteca ou aluguer,
roupa, comida, imprevistos...; ponte na pel, conta o que che sobre a fin de mes.
Os 90 euriños, cando veñan -que esa é outra-,
se for do quince para diante, suporá un alivio
na conta apretada da mensualidade.
E non digamos xa se se ten dous fillos:
coma o subsidio familiar aquel!
-non lembrades os máis vellos?
Que admirábel xustiza!

E finalmente os pobres. Para eles, cando for,
unha axudiña anual de 180 €
por rapaz escolarizado no ensino obrigatorio.
E despois, que hai pobres de pobres!
Todos teñen que adiantar como poidan os cartos dos libros en setembro.
Tamén as familias de pobreza severa, onde se cadra
non entra sequera un ínfimo salario mensual.
Xa buscarán onde poidan eses cartos: en Cáritas, no Clube dos Leóns...
E, ao que veñan os 180 da Xunta,
que festa entón, meus amigos!
E se se ten dous fillos, ou tres, ou catro!?
Que inmensa fartura!
E que efémera!

Cui prodest?
CUI PRODEST?

Favorece aos mellor situados economicamente, por unha parte.
Como non! A satisfacción de estrear libros novos
ben merece pagarse e, no caso, ben se pode asemade.
Que noxo para algúns dos seus fillos manexar
un libro usado por outros rapazolos durante un, dous, tres anos!
Iso antes da gratuidade era unha necesidade que afectaba aos pobres e aos fillos de tacaños:
debían usar os libros que tiveran o ano anterior o irmán, un curmán ou a filla
dunha amiga de mamá. E os moi pobres comprábanllos a outros pobres.
Unha cousa ten boa tamén, dito en serio, o novo sistema:
agora non haberá necesidade de reutilizar libros de texto,
nin sequera por parte dos máis pobres. E con isto, nesta complexa cuestión
que demagoxicamente se quere simplificar, vese ben
máis un dos efectos negativos do novo sistema:
o de desfavorecer a "reutilización",
un dos grandes principios do bo consumo
e da sustentabilidade do desenvolvemento.

CUI PRODEST?

Os que están que non caben dentro deles
son os editores e os libreiros. Á verdade, desque se encetou a gratuidade
-cun goberno popular na Xunta, nunca se esqueza-,
algunhas librarías pasárono moi mal e as editoriais de libros de texto
tiveron que reducir o seu negocio.
A reutilización foi a causa.
Agora acabouse!
Tamén aquela que antes se facía duns irmáns para outros
ou pedindo emprestados por un ano os libros a unha familia veciña.
Agora os libreiros e editores sairán de mal ano,
ou anos. Que ruín foi con eles a consellería do bipartito!
Ah, que a que empezou foi a de Fraga?
Malos , Fraga e mais Celso Currás!
En dous meses, daquela, as librarías que vendían textos,
facían unha caixa equivalente á do resto do ano,
de agora en diante, grazas á consellería de Educación,
farana meirande en menos tempo.
Benvida a época das vacas gordas!
Deus as deixe ir, as fracas bipartitas,
ruinosas e feas!
Sen tempo non era!

Sem comentários:

Enviar um comentário