Nin introdución nin comentario engado.
Leo, copio e encolo sen máis nada
ca pór un título á entrada,
o que do propio texto extraio:
“Seriamos sen fala unhos ninguén”,
“Quen nos quer sen fala, quer matarnos”.
Xaquín Campo Freire
05-06-2009
Seguimos coa referencia aos profetas bíblicos. Estes tamén tiñan na súa misión a denuncia profética; (Xr 1, 10): “Irás a onde eu te envíe e diraslles todo o que eu che ordene, [...] para arrincar e destruír. Non lles teñas medo."
Teño de confesar que a primeira vez que lin Canción para cantar tódolos días do benquerido Manuel María, o poeta da Terra Cha, acerca da nosa fala, resoou en min a profecía forte, rexa e tronante do profeta Amós: “O luxo do que fachendeaban uns poucos conseguíano á conta dos pobres. Os xefes, os ricachos en terras, os comerciantes prosperaban baseados na inxustizas sociais. Os xuíces, pola súa parte, puxéranse da parte dos ricos, deixándose subornar en prexuízo dos pobres. O culto volvérase idolátrico, era un salvoconduto de seguridade incondicional para vivir con impunidade na inxustiza amparándose, por unha falsa confianza, nos privilexios de Israel” (Comentario na Biblia da Casa da Biblia, p. 971).
Que pouco cambiaron os tempos! Endexamais pensei que andando o tempo e en plena “democracia” o autor de Canciós do lusco ó fusco (1970) ía ter máis razón ca nunca.
Amós era un civil: “Eu non son un profeta profesional” (Am 7,15). Eis unha escolma deste noso hodierno profeta civil:
Hai que defender o idioma como sexa./(...) Hai que defender a fala en loita rexa.
Temos que pelexar cos renegados, / cos que intentan borrar a nosa fala.
Temos que loitar cos desleigados/ que desexan matala i enterrala. (...)
Seríamos, sen fala, unhos ninguén, / unhas cantas galiñas desprumadas.
Os nosos inimigos saben ben que as palabras vencen ás espadas.
Idioma somos nós, pobo común,/ vencello que nos xungue e pon en pé,
Herencia secular de cada un, / fogar no que arde acesa a nosa fe.
Hai que afirmar a fala con tesón, / defendela con uñas e con dentes. ( ...)
Hai que darlle ó pobo a súa voz pura./ Quen nos quer sen fala , quer matarnos.
¡Hai que defender a fala con mao dura / pois precisamos da fala pra salvarnos!
Cando nos asomamos aos profetas, a linguaxe certamente é forte. Porque as situacións son dramáticas. Mortalmente dramáticas. Por iso cómpren claves exexéticas para non desvirtuar a mensaxe do poeta da man de inimigos interesados, que queren falsear o texto con interpretacións afogantes da profecía, sacándoa do contexto ou do xénero literario que lle é propio, distinto e axeitado. Por iso precisamos entrar a fondo no poema e ver que linguaxe fala, cales son as súas armas, o seu estilo, a súa defensa. A súa linguaxe é abondosamente metafórica, por exemplo. El mesmo nos dá a clave: “Os nosos inimigos saben ben que as palabras vencen ás espadas.” As armas dos inimigos son as espadas. A forza do profeta é: A PALABRA. Pois tamén na palabra está a nosa forza hoxe e non nos arredaremos da palabra.
Xa quixeran os provocadores da masacre da nosa lingua, verdadeiros violentos actuais, que caésemos na tentación de entrar na súa dialéctica malvada e provocadora da violencia. Pero NON! NON NOS MOVERÁN!
Idioma somos nós, pobo común,/ vencello que nos xungue e pon en pé,
Herencia secular de cada un, / fogar no que arde acesa a nosa fe.
Multáronnos nos tempos do franquismo e tamén nos nosos seminarios, escolas e internados por falar na fala nai. Xa non digamos no servizo militar. Pero nunca se percibiu tanto auto-odio destrutivo e perseguidor coma nos mandatarios de agora.
Pois coa forza da palabra do noso pobo, xusta e honrada: VENCEREMOS NÓS!
Dinos o corazón que, coa forza da palabra, ALGÚN DÍA VENCEREMOS!
Hai que darlle ó pobo a súa voz pura./ Quen nos quer sen fala , quer matarnos.
Sem comentários:
Enviar um comentário