quarta-feira, 19 de maio de 2010

Non te quero!


Nin o título modifico. Nin comentario fago sobre o tema. Todo se entende, tan claro e ben expresado. Grazas, só digo, benquerido Xaquín, polo teu prácido e severo lamento! Copio e encolo:

NON TE QUERO!


XAQUÍN CAMPO FREIRE. NARÓN, 18-05-2010


Un día presenciei isto: un neno duns catro anos, soíño, con cara triste e agrimado, pegadiño a unha parede, con ollos moi abertos e sen bágoas ...

E na fronte del estaba un home duns trinta e cinco anos, cun grupo da súa mesma forma de proceder (non quero adxectivar), mofándose del e dicíndolle animaladas que eu non quero reproducir. Non. Non lle ían pegar. Seino.

O neno non entendía. Mas no seu corazón e na súa alma de neno de catro anos sabía que todo aquilo lle producía arrepío. Estaba sendo ameazado na súa dignidade.

Eu pasaba por alí. Presenciei a escena. Parei e fiteinos de fronte. E, de visto que non era abondo, intervín con severidade contra daquel valente e dos seus cornáns corifeos.

Cando o neno se decatou que alguén saía por el, desde o fondo da súa alma inocente lanzoulle con voz pequeniña o desafío máis grande dun pobre: NON TE QUERO. Só tiña iso. Ese día comprendín o terríbel que é que alguén te teña que botar do seu mundo afectivo por abusón.

Eu non son político, e non milito en ningunha formación política. Tampouco son economista. Sei que no ano 1929 houbo unha grande crise económica mundial que fixo tremer o mundo. Talvez agora esteamos en algo perecido. Pero das crises económicas saímos. Con moito sufrimento. Pero saímos. Eu nacín na guerra in-civil e sei a fame que pasamos en España. E da fame e da miseria saímos. Pero das miserias da guerra aínda hai esqueletos polo monte. Eu sei dalgún. E diso non todo o mundo quere saír.

“Al rey la hacienda y la vida / se ha de dar, pero el honor / es patrimonio del alma, / y el alma sólo es de Dios”(El Alcalde de Zalamea, 1642).

Sr. Feijoo, eu a vostede téñolle moito medo. Como llo teño a Dona Rosa Díez, a Don José María Aznar e á súa FAES. Que lle vou facer! E non son político. Pero menos mal que estamos en Europa; se non, teríalles verdadeiro pánico. E non porque me levasen á pobreza dos cartos. Téñolle medo porque, só co que leva feito, tennos roubado o patrimonio da alma, que xa nunca vai poder devolver. Canto dano lle fixo á fala que eu herdei dos meus devanceiros! Onte foi o día da fala e das letras galegas. Eu non quixen ir profanar o Courel. Irei só, noutra ocasión.

Xa sei que non teño poder ningún. Nin o quero. Só teño a forza feble, pero infinda, daquel neno inocente: NON TE QUERO.

Non lle discuto para nada a súa chegada democrática ao poder. É o meu Presidente e punto. Pode seguir cen anos se o pobo o reelixe. Pero o patrimonio da alma que vostede me esnaquizou, coma xabarín nun maizal, xa nunca poderá devolvermo.

NON TE QUERO. Desde o fondo da miña afectividade: NON TE QUERO. Fíxese que pra nada xulgo a súa forma de gobernar, que podo estar en desacordo. Pero hai cousas para as que non hai elección ningunha que lle dea atribucións. O patrimonio da alma só é de Deus. E vostede non é Deus. Ni de Dios ni de nadie / ni tuya siquiera. / Libre te quiero. Lembra a canción?

NON TE QUERO. Róubasme a alma. Róubasme o respiro. Por que me bota contra da parede, desprezando a miña liberdade de expresión?

“Mais son probe e, ¡mal pocado!, / a miña terra n’é miña, / que hastra lle dan de prestado /a beira por que camiña / ó que naceu desdichado”. NON TE QUERO.

Xa sei que para vostede a falta do meu aprecio como cidadán, sen máis poder que o de ser un número insignificante dun DNI, incluso o fai rir. Pero a min craváronseme na alma os ollos daquel neno impotente que, tan axiña como puido, a aquel xigante come-nenos lanzoulle o desafío máis grande que a alma dun neno pode dicir: NON TE QUERO.

Xa sei que vostede non entende esta linguaxe. Vostede non é pai. Sobre todo non é pai espiritual. Por iso destrúe sen conciencia o noso valor espiritual máis nidio: a fala, a lingua, a expresión. Para vostede todo isto son andrómenas, non ten valor. Nesa lingua choraron, riron, amaron, naceron e morreron os meus. Para vostede isto non vale nada.

Que medo me mete na alma! Véxoo vir cara a min e, no sentido etimolóxico da verba, descúlpeme, pero véxoo DES-ALMADO= SEN ALMA. Por iso lle teño medo. E xa ninguén, nin sequera vostede, nunca máis me quitarán ese medo.

Perdoe. Só lle podo dicir coma aquel neno: NON TE QUERO.


quinta-feira, 6 de maio de 2010

Todos tolos? Viva eu!

Todos tolos! Ou que é isto?
De Grecia se ri, abofé,
dille a Cataluña ti
víchesme cara de parvo
e despois vai celebrar
a sardiñada cos seus
e fala sen pór cancelas!
A el disque que o rexistren,
pois non ten culpa de nada,
só de vivir ben do conto
e de non mover nin palla.
Que, aínda que os gregos sufran,
ben lles está por pariren
tantas ideas perfectas
a carón das máis infectas,
por culpa deses Pericles,
Aristóteles, Solón,
Platón e mais Alexandre
e o seu pobre pai Filipo;
quen son eles comparados
con el e co grande Campos
acusado por tres traxes,
que outra vez merece oufano
ser sublime mandamáis
dos súbditos laranxados?
E que importa que os ataques
dos banqueiros e as finanzas
arruínen dunha vez,
como a Hélade morreu,
esta glorïosa España
que nos fundou Isabel
axudada por Fernando
e o seu confesor Cisner?
E que lle importa se Europa
rompe e se escascarilla
coma un castelo de area
feita por un rapaciño
un pouco antes da marea?
"Se cae o mundo a pedazos
-dixo a raposa do conto-,
déixame chantarche os dentes,
que quero morrer ben chea!"
E se en Galicia se acreta
que só os galegofalantes
cumpren medio ben o fin
dunha lei tendente a ver
igualadas en saber
e en seren ben queridas
as dúas linguas do pobo,
que pouco lle importa a el
-castelán-falante é-
pois niso ve que acontece
como pensa e lle convén!
Se non está contento alguén,
que se poña; viva eu!

segunda-feira, 12 de abril de 2010

Arredor da feitura dun carro de nabo


Recibo unha mensaxe de Xaquín Campo, pola que me envía un pequeno artigo, ben xeitoso á verdade, sobre unha das experiencias infantís que xa poucas persoas teñen, nin poderán lembrar dentro de cincuenta anos. Non inclúo o artigo nin o enderezo do lugar onde se atopa. Decidín deixar de facer publicidade gratuíta e non agradecida, agás en casos extraordinarios. E non é o caso. A intelixencia do lector suplirá, de xeito que poida entender o fondo da mensaxe de Xaquín. Leamos:

Mándoche este pequeno artigo,
coas referencias da súa procedencia,
porque o considero dunha riqueza extraordinaria,
non só pola aportación etnográfica,
senón tamén pola finura de observación
no crecemento psicolóxico e equilibrado dun rapaciño do rural,
no que me vexo totalmente reflectido.
Faime lembrar a Balbino, o neno da aldea,
aquel de Memorias dun neno labrego de Neira Vilas.
Xa sei que isto hoxe non vende.
Hoxe o que prima é o bifidismo harmónico.
Mas eu prefiro non esquecerme das miñas orixes
e moito menos quero ir agochando a caluga
coma se fose vergoña nacer de onde e de que nacín.
Eis a miña fonda harmonía.
Meu pai e todos os meus foron de sempre
"enxeñeiros do nabal" e grazas a iso eu hoxe existo e resisto
e téñolles fe.
E berrarei con toda a forza da miña alma,
'semper et ubique':
"Así se fai un carro de nabo".
E diande dese carro, tirado por esas vacas,
iban guiando os meus antergos,
sempre na Galiza e sempre falando galego.
Graciñas, mundo rural. por deixarme tantas riquezas
das que podo fachendear sen complexos,
que nunca me privaron en nada de abrirme á modernidade.
Unha aperta,
e, para aumentar o humor,
proba ti tamén a facer un carriño
que ainda estamos en tempo de boas caholas,
por máis que xa empezan a estar fóra de ceifa.
Grazas a ese carriño de nabo
eu teño hoxe un recordo ben agarimoso para ti
Un saúdo
Xaquín Campo Freire

quinta-feira, 18 de março de 2010

Tres tabús do goberniño

Quérovos falar de tres tabús do goberniño que temos desde hai un ano na Xunta de Galicia. Refírome agora aos relacionados co tratamento que lle dá á lingua galega, pois outros tabús terá; aínda que neles eu non pensase deica agora. Onde hai cativeza e curtidade, os tabús inzan coma ratos. Buscade tales propiedades e outras semellantes onde quixerdes. Aposto o que for a que non achades en ningures a antonomásica realización que velaí: neste noso goberniño frívolo, superficial, ridículo e ideoloxizado ata as cachas.

A palabra normalización constitúe o primeiro e principal tabú do goberniño. Se lerdes o anteproxecto do seu desventurado decreto de plurilingüismo, comprobaredes que foxen dela coma o demo da cruz. Non se entende ben por que. De grao ou por forza, o tal decreto téñeno que referir, como á súa fonte, á Lei de Normalización Lingüística. Sendo así, o decreto debería tender, como un medio ao seu fin, á consecución do único grande obxectivo da devandita lei, isto é, á normalización social da lingua galega. E isto significa, segundo o teor da lei, converter a lingua propia deste país no que debía ser e non é: coñecida, querida e empregada para todos os usos e en todos os ámbitos.

Mais, neste goberniño, a súa pecha e roma ideoloxía pasa por riba de todo. Eles seguen os que, xa desde hai anos, veñen criticando o uso e o concepto de "normalización lingüística", pois seica é cousa dos lingüistas cataláns, que tanto lles cheira a catalanismo, un nacionalismo para eles vitando. Aínda que a este noso goberniño se lle podería recoñecer o dereito a soster unha ideoloxía oposta a esoutra suposta que eles denigran, en nome do principio de legalidade hai que lles negar o dereito a renartemente socavaren unha lei vixente, pois ao tal faceren traballan xustamente en contra da consecución do obxecto da mesma e impiden o seu cumprimento.

Os outros seus tabús, verbo da mesma materia, estes son: inmersión lingüística e mais discriminación positiva.

Para eles a inmersión lingüística é rexeitábel. Referida ao galego, claro está. Referida ao castelán, pola contra, ou a unha lingua estranxeira, resúltalles un método pedagóxico eficaz e xeitosísimo. Mais para o galego...! Como se pode explicar tamaña incoherencia? Non a hai! Na súa lóxica, claro está. Unha cousa é mergullarse na gloria e outra moi distinta mergullarse na merda. E xa se sabe onde calquera preferiría mergullarse se lle deren a escoller entre esas dúas. Para eles o galego é noxento, unha lingua esmorecente, moribunda; e non porque alguén lle fixese dano e causase a enfermidade, senón porque na loita pola vida lle cadrou ser a máis débil, o peixe pequeno comesto polo grande, o pobre camarón engulipado pola lura caganegro.

Discriminación positiva deste becho, para que? Pobre desgrazadiño, malpocado...! Para que? Para alongarlle unha vida miserenta e digna de mágoa? Non, claro! O natural é deixalo morrer. Agora ben, non por iso lles hai que amargar moito a vida aos pobres falantes que non tiveron a sorte de aprenderen a desenvolverse con toda facilidade en castelán. Xa eles fixeron abondo con traspasaren os seus fillos, e estes coa súa colaboración os seus, á banda dos castelanfalantes renegantes da lingua dos avós! É cousa de os deixar morrer canda a súa lingua materna e entrementres ir falándolles, ademais do castelán e como piedosa concesión, un galego "cordial", empobrecido en si e enriquecedor para a nova lingua "propia" de Galicia, o castelán arrecastado nestas terras, que é xa para moitos "tan gallego como el gallego".

Alguén pensará que eses tabús non teñen lóxica. Claro que a teñen! A da ideoloxía dominante. E sobre todo a deste goberniño, que reforza esa mesma ideoloxía, alleo á racionalidade e á verdadeira condescendencia coa xente do pobo. Non é estraño. Son herdeiros e representantes dos que desde hai séculos se impuxeron nos núcleos urbanos de Galicia dispostos a levar sempre, con razón ou sen ela, a auga ao seu rego. Agora é cando se aproximan á vitoria total e definitiva. É o máis triste do conto. Ese final previsíbel.

sexta-feira, 26 de fevereiro de 2010

Crónica dun asedio


Hai un mes escribín, urxido polo consello de redacción da revista Encrucillada, unha crónica e toma de postura perante o asedio sufrido nos últimos meses pola lingua galega, obra paradoxalmente dos nosos gobernantes autonómicos, aínda que inspirada e alimentada desde instancias exteriores ben radicais e perigosas. O artigo acaba de aparecer impreso no número 166 da revista. Non sei se será accesíbel na web da mesma (http:/www.encrucillada.es). Polo si ou polo non, encóloo tamén neste blogue.

Asedio á lingua galega

Por Xesús Portas Ferro

Nubes negras de trebón

Vai para dous anos, no consello de redacción de Encrucillada decidiamos pedirlle a Agustín Fernández Paz un artigo sobre a situación social da lingua naquela altura. A nosa preocupación estaba non tanto en lle tomar o pulso ao proceso de normalización, como en calibrar canto podía estar incidindo nel a intensa oposición ao mesmo que entón arreciaba desde sectores e forzas diversas de fóra e do interior de Galicia.

Xa acontecera a publicación do malfadado “Manifiesto por la lengua común”. O Partido Popular de Galicia, por orde da dirección do PP español, mantiña e sostiña a súa inimizade contra a aplicación do decreto 124/2007 da Xunta, cando este apenas levaba un ano de vixencia e só timidamente se comezaba a pór en práctica. Importantes medios de comunicación erixidos en representantes da ideoloxía españolista máis conservadora denunciaban como unha invasión as pequenísimas e case simbólicas, litúrxicas, presenzas da lingua galega nalgúns ámbitos superstruturais da vida social galega. No mesmo interior de Galicia encetábase, por parte dunha asociación e de varios persoeiros, unha serie de enrabexadas campañas tendentes a levantar a poboación escontra o proceso de normalización lingüística, denunciando sen ningún receo a suposta “imposición do galego” e a proscrición do castelán.

Agustín Fernández Paz accedeu daquela á nosa encarga e agasallounos cun breve e clarificador artigo, Do pasado e do futuro, ou A lingua en Galicia, respondendo lucidamente ás circunstancias coxunturais. Baixo eses dous títulos se pode ler o artigo en Encrucillada, nº 161, xaneiro-febreiro de 2009, e mais, aínda hoxe, na web da revista. Apenas publicado o artigo, foi cando unha das máis belixerantes asociacións creadas neste país co obxecto de atacar a nosa lingua coa escusa da liberdade individual, montaba en Compostela unha minoritaria manifestación, aínda por riba avultada con persoal traído de alende o Padornelo. Ao mesmo tempo, o PP, en campaña electoral para as autonómicas, facía súa a causa desa asociación, a cuxa manifestación se sumara. E de alí a uns días, nas kalendas de marzo, gañaba as eleccións: alea jacta est! A sorte da desgraza.

Barullo e desgoberno

Logo fai un ano desde aquela. En todo este tempo, se algo fixeron o goberno autonómico e o seu presidente, foi enredar e embarullar o país coa súa teima de diminuír a presenza da nosa lingua na educación e na vida social galega. Seica lles parece inchada. Seica dana a lingua castelá e o dereito dos castelanfalantes a se desenvolveren con toda comodidade na súa lingua. O dereito dos castelanfalantes e a súa liberdade lingüística en perigo! Fai falta estar nas nubes! Nunca estivo ameazada nesta terra desde hai polo menos catro séculos, cando, sendo os castelanfalantes unha exigua minoría, conseguiron botar o galego de todos os usos formais na vida da nosa sociedade, nomeadamente da administración e da educación.

Porén o noso goberno teima que teima no seu empeño de cumprir unha promesa electoral e reinstaurar a liberdade. O exercicio da liberdade individual no referente á lingua do ensino ocorréuselles vehiculalo a partir da elección dos pais; isto esixiría, loxicamente, satisfacer as opcións de cadaquén, tamén as que resultasen minoritarias. Consecuencia rigorosa sería a segregación do alumnado, e chegaron a declarar que non a excluían como solución. Non se decataban da súa ilegalidade. Ademais resultaria economicamente custosísima. Por tanto, prevalecería a opción maioritariamente elixida. E como se respectará entón a liberdade dos que optaren pola minoritaria, foren moi poucos ou tantos coma o 49 %? Non contestan. Ou recorren ás regras do xogo democrático, relativizando así radicalmente o seu cacarexado principio da liberdade lingüística individual.

Outro atranco co que se atoparon foi que o Estatuto de autonomía e a Lei de Normalización Lingüística obrigan os poderes públicos a promoveren o uso da lingua propia de Galicia. Co que teñen difícil compracer os seus amigos e amigas, que reclaman poder elixir para os seus fillos estudaren só ou case só en lingua castelá; ou máis ben que se recoñeza de dereito o que está instaurado de feito en moitos centros educativos de primaria e secundaria, principalmente entre os de titularidade privada. O subterfuxio que se lles ocorreu foi o de explotar o recurso ao plurilingüismo. Por iso, xa na irrisoria consulta aos pais, no mes de xuño pasado, se lles preguntaba se querían que se impartisen materias escolares en inglés. E nas ditosas Bases ou “borrador”, parto dos montes que comezou a rebulir polo Nadal, cuantíficase mesmo e distribúese; o que reparte, ben reparte: 33 % para o inglés e o resto, a partes iguais entre galego e castelán. Porén aínda se mantén a pretensión de deixar decidir aos pais. Para que se todo está xa repartido?

Da incredulidade á mobilización

No corpo social, sacada unha minoría que as campañas mentireiras gañaran para a reivindicación da liberdade perante a suposta imposición, a primeira resposta maioritaria abalou entre o cauto silencio e a incredulidade. Uns non sabían o que pensar ou dicir. Outros non daban creto a semellantes ousadías. Só a parte moi consciente da grave situación da lingua galega se decatou axiña de que a ameaza ía en serio, e foi quen de prever a inmensa gravidade dos seus efectos. Desta parte xurdíu a loita, tanto a da razón e a palabra como a das mobilizacións. Entre estas, son salientábeis as tres grandes manifestacións celebradas en Compostela nos meses de maio, outubro e xaneiro. Tanto ou máis do que a elas, interesa referírmonos aquí aos pronunciamentos, artigos, opinións, manifestos e análises das Bases, en que se razoa contra a desventurada pretensión do goberno da Xunta. Toda unha inmensa palestra de datos, ideas e valores foi posta a trafegar, sen que polo que parece o noso goberno, insensíbel ante tanta riqueza e rigor, se amose atinxido. Só a ofuscación ideolóxica dá unha explicación a tal cegueira.

O principais erros que se lles afeou foron o de estaren provocando unha freita social e o de causaren enfrontamentos persoais e conflitos no seo dos grupos e institucións. Algún conflito houbo xa e moitos e máis graves se producirán se por desventura os proxectos do goberno foren adiante. Todo o proceso que conduciu á elaboración das Bases do futuro decreto xerou unha tensa confrontación política e social, na que se evidenciou que grande parte da sociedade galega non permitirá que se menosprece e infravalore a súa lingua. Témese, con abonda preocupación no ámbito educativo, que o conflito social se traslade ao interior del, provocando enfrontamentos e grave deterioramento da paz e relación de confianza mutua entre os diversos sectores e persoas da comunidade educativa, condicións imprescindíbeis para o desenvolvemento cabal da súa función.

Outra liña de razoamentos nucleouse arredor dos gravísimos retrocesos de competencia e uso da lingua galega que derivarían do plan proposto. Non cabe ningunha dúbida de que causaría unha severa involución no proceso de normalización da lingua galega. A súa aplicación faría imposíbel que a maioría dos alumnos chegue a ter unha aceptábel competencia comunicativa na lingua propia do país, agravándose así o déficit que xa existe na actualidade, segundo sinalan todos os estudos científicos, e que só é posíbel corrixir con medidas de discriminación positiva a prol do galego. Polo mesmo, desde calquera posicionamento rigoroso e non ideolóxico, vese necesario recuperar como principio de actuación o tratamento desigual das realidades desiguais e como inxusta a pretensión dun suposto trato igual aos desiguais, pois este sempre obra en prol do enfortecemento do máis forte e en maior debilitamento do máis débil. Importa, neste eido, non tanto a saúde das linguas en contacto canto o dereito dos seus utentes a desenvolveren a vida sen dificultades nin minoración social por causa da súa lingua predominante. Verbo disto, os galegofalantes son os grandes prexudicados. Somos de feito os únicos que con frecuencia nos vemos, de grao ou por forza, en situación de nos expresarmos e descodificarmos mensaxes en lingua castelá. Isto apenas lles acontece aos castelanfalantes de entre nós, que polo mesmo poden, sen mingua ningunha da súa dignidade e intereses, prescindir case por completo de usaren pasiva e activamente a lingua galega. E isto sucede no país dos galegos! Contra toda equidade. Con total falta de reciprocidade. A discriminación positiva para corrixir desigualdades históricas é lexítima: está solidamente asentada na lei e na xurisprudencia .

Incidiuse tamén na senrazón que supón asociar preconceptual e connotativamente o galego coa imposición, e o castelán, coa liberdade. É o que fixo a Xunta, seguindo nisto os inventores dunha inmensa mentira. Era o que nos faltaba, despois do noxo ou odio que xa a moitos galegos lles causa a nosa lingua mentres teñen a castelá por nobre e dignificante. Como valentemente fixo notar o CCG (Consello da Cultura Galega), nunca, nin antiga nin recentemente, se produciu nalgures imposición ningunha da lingua galega. Isto é así, digan o que dixeren do outro lado. Garantir o contacto da infancia cunha das linguas oficiais da sociedade para a que os meniños están sendo socializados, como se tentou de levar a cabo e nin case se encetou na Educación Infantil, iso tense como unha imposición! Só o noxo pola nosa lingua pode ser a causa de soster tal sensentido; se non for en virtude dunha ideoloxía nacionalista española resesísima e refugábel.

As institucións máis autorizadas, como a RAG (Real Academia Galega) e as tres universidades, cualificaron de ”inaceptable”, “inconsistente”, “irresponsable” e “insostible” o contido das Bases. A maiores da imposibilidade de o levar a cabo no referente ao terzo do inglés, este particular aspecto considérase unha provocación. Denúnciase que a consellería de Educación se lanzase alegremente a propor unha reforma incoherente, descoñecedora das máis elementais bases psicopedagóxicas, didácticas e sociolingüísticas. As universidades non entenden que non se contase con elas e cos seu departamentos especializados para informar ou opinar sobre a proposta. A proposta da Xunta ben merece esas cualificacións, por moito que lle doa ao seu presidente, quen uns días antes ousaba cualificar de “radicais” e “irracionais” as persoas e grupos que desaprobamos con razóns abondas as súas pobres e ben inxustas Bases.

As proclamas a prol da liberdade son puras falacias. Liberdade dos pais para elixiren a lingua do ensino. Liberdade do alumno para usar na aula e dirixirse ao profesorado na lingua que lle pete. Liberdade entendida simplemente como “real gana” e non como posibilidade de elixir con igual capacidade e avantaxes entre distintas opcións. Que pobre filosofía por paupérrima ideoloxía! Contra esta falacia vai ficando ben claro que só o coñecemento dunha lingua fundamenta e é condición inescusábel para ter a liberdade de usala. E logo a liberdade dos pais? Os pais non teñen ningún dereito, polo menos o Tribunal Constitucional negóullelo, a escoller a lingua do ensino dos seus fillos. De por parte, é froito dunha miraxe pretender que os pais galegos son quen de elixir con liberdade o ensino en lingua galega, sendo esta a cincenta da casa e a lingua oculta, invisíbel, minorada. Como sentencia a RAG, unha enquisa oficial e legal nunca debe formular preguntas de resposta condicionada.

Moitas outras razóns se barallaron, ben válidas case todas, que neste artigo de urxencia debemos deixar de referir. Aludirei á posíbel ilegalidade de varias pretensións das Bases, remarcadas por un grupo numeroso de xuristas e pola RAG. Apuntarei soamente o referente á inmersión lingüística aplicada ao galego, que é demonizada polas Bases cando, como lles advirten desde a RAG e o CCG, se trata simplemente do método didáctico máis eficaz para a aprendizaxe das linguas. Mencionarei finalmente a incoherencia que supón o feito de o PP estar vindo a trasacordo dunha política lingüística que, mentida ou sentida, estivera promovendo ao longo das dúas últimas décadas e á que en 2004 tentou que se lle dese un novo e decidido impulso, ao se aprobar por unanimidade do Parlamento Galego o PXNL (Plan Xeral de Normalización da Lingua). Desde este punto de vista, esíxeselle ao goberno a volta ao consenso que só eles romperon, non os outros partidos nin a sociedade.

O quid da cuestión

Despois destes acontecementos, non se sabe moi ben a onde imos chegar. Podemos esperar o peor, vista a teimosía dos gobernantes. Cabe esperar un certo tempero da persecución, sobre todo se pensarmos que algún efecto han ter a razón e a protesta. Porén o problema seguirá aí, vivo e irresoluto. O grande problema da lingua reside, máis do que no goberno, na propia sociedade. Mentres nesta non xurdir un forte movemento de recuperación e dignificación da súa lingua propia, pouco haberá que facer. A situación é ben coñecida. A RAG expona moi ben deste xeito:

“A lingua galega, é dicir, os falantes de lingua galega, non precisan documentar a súa marxinación histórica: é ben coñecida non só por séculos de emigración dun país non pobre ou pola forma en que a figura do galego é remedada na literatura en castelán, senón pola baixa autoestima con que moitos galegos miran hoxe aquilo que máis os define, que é a lingua, prexuízo que lles impide exercer o seu dereito a usala. Chega con ver a desvantaxe que sofre hoxe nas relacións sociais non pouca xente galega que pretende empregar o galego con normalidade en todos os eidos da súa vida. Chega con comparar a oferta que hai hoxe en galego e en castelán na TV, na radio, nos cines, en xornais, en misas, nas aulas universitarias, na publicidade, no comercio, na banca, etc. Esta é unha sociedade na que conviven dúas linguas pero de xeito asimétrico; hai unha lingua propia que ten que loitar día por día para non perde-lo seu terreo e hai outra que goza de inmensas regalías e todo lle vén á man.”

Vinte e cinco anos de actividade normalizadora, por certo nunca tomada moi en serio, apenas produciron melloras nunha situación que ten séculos de vixencia. Dúas dinámicas e outra media seguiron empeorando, na gran masa social, a situación de que se partía no momento de se encetar o proceso normalizador. A primeira desas dinámicas consiste en que se seguiu espallando a difusión do castelán desde os núcleos urbanos para os barrios e as zonas rurais. Esta bóla de neve nunca deixou de rebolar e engrosar. Esta mancha de aceite non cesou de escorrer. A segunda dinámica ten que ver co traslado da poboación rural ás áreas urbanas, resultando nestas asimilada con facilidade aos usos, tamén aos lingüísticos, da poboación receptora. E a terceira, a outra media que dicía, constitúea a poboación inmigrante. Boa parte desta é de orixe hispanoamericana. A restante intégrase na comunidade e usos lingüísticos predominantes.

A todo isto semella que, con maior ou menor influencia da ideoloxía, un certo sector duro de habitantes da Galicia urbana –adoitan evitar chamárense galegos- que teñen o castelán como única lingua de instalación e relación desde varias xeracións, decidiron opoñerse decididamente aos progresos da presenza social da outra lingua nos ámbitos en que estaban afeitos a topar só coa súa. Esta é a verdade. Sería parvo non querer vela. A outra verdade do barqueiro é que o PP está con eles. Deica agora aqueles exerceron máis ben unha desobediencia medio disimulada, unha xorda renitencia perante as medidas normalizadoras e unha raposeira ignorancia da cultura de expresión galegófona, da que non sentían necesidade. De por parte, a cultura popular e de masas seguiuse desenvolvendo totalmente en castelán, con se cadra unhas pequenas pencas da produción cultural autóctona. Esta, selecta e minoritaria, desenvolveuse maiormente en paralelo coa primeira, polo que poucas veces ocorreu encontro ou intersección dunha coa outra.

En moitos ámbitos, como ben nos lembra o parágrafo citado da análise da RAG, o proceso normalizador non callou. Tímidos intentos se produciron como moito, que aí morreron, sen progreso nin continuidade. O caso do ámbito eclesiástico é paradigmático. Ben veces se ouviu poñeren como escusa que o pobo o rexeitaba. É o mesmo que aduce agora o conselleiro de Educación: “ Ningún proxecto lingüístico podería ser realizado se a sociedade non o ampara”, seica declarou tras a manifestación do 21 de xaneiro. Ao tal dicir, refírese a que a presenza do galego no ensino non pode ser a que marca o decreto actual, porque a sociedade non o admite. En realidade, quen non o admite é ese núcleo monolingüe acérrimo e ideoloxizado do que naceu a ofensiva contra o galego, que asemade constitúe o nicho ecolóxico no que eses posicionamentos achan máis doada acollida e inzamento. O peor do caso é que están a gañar moito terreo. Non só no referente a que o goberno os secunda e segue, senón tamén en que conseguiron xa bastante recuamento das actividades en galego de persoas e institucións públicas. Aduzo dous casos entre moitos que hai por aí. A Deputación de Ourense acaba de publicar un libro sobre a gaita en catro idiomas, un deles o castelán; o galego non está. Caixanova viña editando un calendario mural en galego durante varios anos. O do ano 2009 publicouno nas cinco linguas oficiais da península ibérica, incluído o portugués, salientando polo tamaño das letras unhas veces o castelán –nos lemas das láminas– e outras, nos nomes dos meses, o galego. O do ano 2010 está integramente en castelán, incluído o santoral, engadindo só os nomes dos meses, con tamaño pequeno de letra, en galego, catalán e eusquera.

O que nos queda

O que nos queda por facer é moito. Ante todo hai que facer valer a razón e a verdade. A ofensa sufrida pode servir como revulsivo. Cómpre aproveitarmos a ocasión. Para que a razón e a verdade cheguen ao corpo social e á maioría das persoas, é preciso pór en marcha as accións e tácticas máis eficaces que se poida procurar. Teremos de resucitar a pedagoxía do oprimido. Cumprirá intervir socialmente como parteiras e axentes de concienciación. Haberá que facerse presente con esas bagaxes en todas as plataformas e ambientes a onde for posíbel acceder: asociacións, clubs, grupos de traballo. Haberá que crear outras: grupos de reflexión e acción a prol da lingua, aulas abertas de lingua e cultura galega, novas “irmandades da fala” para a situación actual. Teremos que nos mollar aí todos, baixándomos da nosa nube cultural de elite os que tendemos a vivir en torres ebúrneas. Como dixera Lorca un día, en tempos coma estes é preciso metérmonos na lama canda os que chapuzan nela en busca de azucenas.

Xesús Portas Ferro

licenciado en Filoloxía, mestre


quarta-feira, 17 de fevereiro de 2010

Ver o mellor e escoller o peor


Remito o lector ou lectora a esta clarificadora páxina:

A modo de breve comento, suxiro non dar grande importancia ás incoherencias do profesor Anxo Lorenzo, hoxe secretario xeral de política lingüística (sic, en minúscula). Non se achará contradición nin incoherencia se tivermos en conta que un suxeito é a persoa que pensa e respira, e outro moi diferente o personaxe, definido pola función e o carácter dos que foi dotado polo seu creador. Isto vese ben na literatura: o autor da obra literaria é unha función intratextual, polo que non se identifica co escritor de carne e óso cuxo nome aparece na portada. O mesmo acontece no teatro social. Antes este home era profesor universitario, inserto nunhas circunstancias determinadas e solicitado por unha serie de expectativas concretas. A estas e a aquelas respondía. Hoxe ten un carguiño subordinado a uns gobernantes peculiares e aos obxectivos sociolingüísticos e políticos dun sector social galegófobo. A estes e a aqueles responde con igual fidelidade. Velaí a explicación da aparente incoherencia.

Outro comento quero facer, referente agora a como a Xunta fai o contrario do que a razón e a verdade aconsellan, neste caso representadas polo informe da Comisión Técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), do Consello da Cultura Galega. Fai todo ao revés. Teima en levarlle a contraria a todo o mundo, agás á FAES, ao PP español e ás súas sucursais en Galicia. Que isto está ben, segundo o informe? Ai si! Pois fóra con iso! Que aquilo está mal, segundo o CCG, a RAG, as Universidades galegas, o ILGA, a razón, a verdade, a prudencia? Pois tomade máis diso que non queredes!