sexta-feira, 23 de outubro de 2009

A prol da obxectividade e a veracidade

Recibo a través de Blogues pola lingua a nota de prensa que aquí encolo sen máis comentario do que deixar caer que non me estraña nada o que se denuncia, vindo de quen veñen os feitos denunciados.

Nota de prensa

Nace a iniciativa "Televisión, manipulación!"

Perante os reiterados episodios de manipulación informativa nos medios de comunicación públicos do noso país, sempre en beneficio do Partido Popular, un grupo de persoas de diferentes sensibilidades que compartimos unha fonda preocupación sobre este feito, após a cobertura parcial e tendenciosa feita pola RTVG en relación á manifestación de Queremos Galego!, impulsamos a iniciativa "Televisión, manipulación!", xurdida dun grupo no Facebook e agora tamén asentada nun blogue (www.televisionmanipulacion.blogaliza.org), para promover accións públicas de denuncia desa situación, co común obxectivo de acadármonos uns medios de comunicación públicos ao servizo da información, a obxectividade e a pluralidade.

Escollemos a denominación "Televisión, manipulación!", consigna berrada por milleiros de persoas na Praza da Quintana o pasado domingo 18, pois entendemos que esta iniciativa é unha continuación desa protesta, un medio ao través da cal canalizala e estendela.

A CAMPAÑA

A primeira acción que vai desenvolver a iniciativa "Televisión, manipulación!" é a da recollida de sinaturas, a través da Rede, coas que remitiremos unha carta ao Director Xeral da CRTVG reclamando un cambio de rumbo na liña editorial da radio e maila televisión galegas.

O texto da carta pódese ler integramente aquí, e para asinala tan só é preciso cubrir este formulario.

POLO CESAMENTO DE CARLOS LUÍS RODRÍGUEZ

Esta iniciativa xurdiu como indicamos anteriormente dun grupo de Facebook creado a partir da inmensa indignación que provocou a "entrevista" feita polo xornalista Carlos Luis Rodríguez no marco do programa "Foro Aberto" que substituíu a Hai Debate!, e na que o presentador vulnerou sistematicamente os principios profesionais que deben rexer calquera entrevista, emitindo velada ou explicitamente opinións persoais, formulando preguntas capciosas e de claro nesgo ideolóxico, impedindo que o entrevistado as puidese responder e someténdoo a un xuízo ideolóxico que tiña por única finalidade descualificalo e restarlle credibilidade diante da audiencia.

A actitude reiterada, amosada polo xornalista Carlos Luis Rodríguez, quen teima en imprimir un carácter sectario -coincidente cos intereses e posicións do Partido Popular- ao programa, é o que nos leva a solicitar o seu cesamento como condutor do programa.


quinta-feira, 22 de outubro de 2009

Será certo que Deus tamén fala galego?


De novo recibo unha achega de Xoaquín Campo Freire, Xaquín de Roca, referente esta vez ao problema máis grave que arestora atinxe á galeguidade, ao noso ser colectivo, co gallo das súas experiencias na grande manifestación do 18 de outubro. Será certo que Deus tamén fala galego? Ouvindo falar os nosos eclesiásticos, poida que xa non; déixannos entender que, como lles pasou a eles, o galego lle esqueceu a Deus ou sen lle esquecer o abandonou, atraído polo castelán. Encolo aquí o texto de Xaquín.

NONNE GALLECIAE LINGUAM LOQUATUR DEUS? ETIAM.

Xaquín Campo Freire 21-10-2009


Estiven na manifestación do domingo día 18 en Santiago. Ía coa idea de observalo todo e, subido nun altiño na Praza de Galiza, estudei detidamente todo o discorrer desa grande maré humana. E fíxeno de cabo a rabo con ollos de sociólogo e de investigador social. Non quixen perder ripio para que logo non me conten mentiras.


Procurei cargarme previamente de obxectividade, sen deixarme influír polo entusiasmo, que era doado, nin polo pesimismo que tampouco é difícil, tendo en conta o poder e a rabia que teñen os nosos dirixentes actuais. Moitos interrogantes pasaron pola miña vida ese día.


Non alcanzo a saber por que nos odian tanto a nós, como pobo, e toda a nosa cultura milenaria e a nosa lingua. Non teñen razóns. Teñen odio, xenreira, complexos. E iso forma parte dos sentimentos, do mundo do emotivo. E aí xa nos movemos por paixóns e intereses, non por razoamentos. Pero por iso mesmo son moito máis perigosos.


Como por outra parte son soberbios, están incapacitados para escoitar. Son mesías. Enviados. Salvadores. E que Deus nos libre dos tal. Xa Don Francisco, o Sr. Bahamonde, se descubriu a si mesmo coma o paladín dos salvadores na Cruzada de Liberación Nacional. E tivemos 40 anos de “salvación”. Canto se lle parecen estes! Se non fose que estamos na Comunidade Europea, repetirían o esquema. Os razoamentos son ben iguais.


Subido naquel podium vin dous valores encontrados. Un pobo sinxelo, chegado de todas as Galizas, que, nun tono festivo, algareiro e pacífico, sen maldade e case suplicante, reclamaba respecto para os seus antergos e para o herdo sagro que a os identificou: a nosa fala.


Nesa nova Alba de Gloria eu tamén fun vendo desfilar a todos os meus anteriores, humillados e esquecidos, e os improperios que están escritos con sangue e bágoas nas vidas das miñas, das nosas e das vosas xentes. Tamén na das deles. Paradoxos da existencia: Hable en Cristiano. Sea civilizado y hable castellano! Ustedes son analfabetos, cállense! Ni hablar saben, sólo ladran. No sea patán. Aldeano!, etc.


Eu de neno vin chorar a miña tía Sabela e tamén o tío Antón de Agramonte diante daquel funcionariño aproveitado e posto a dedo, miliciano de pro, que na feira de Parga se valía do seu carguiño para meternos medo. E, abofé!, vaia se o conseguía. Pasaron moitos anos. Xa case o tiña esquecido, polo menos tíñalle aplicado o cauterio da historia: o tempo xa pasado. Sempre oín dicir que o tempo borra todo. Pero o tempo tamén volve á memoria case todo. Que mágoa!


Estou a ver de novo o mesmo estilo, a mesma agresividade, a mesma tolemia. Dos nacidos de entre nós. Executores enrabiados dunhas afrontas que ninguén lles fixo. A grande xustificación: Ía no noso programa electoral e cumprirémolo, din co peito inchado. Realmente é para terlles medo! Porque, ... , si. Estes, coma aqueles, estes cumprirán! Son da mesma escola.


Despois de dúas horas de facer mirada sociolóxica, funme achegando á Quintana e topei coa Porta Santa, entrada multisecular de peregrinos. Estaba fechada. Aínda non é o ano da perdoanza. Desde Praterías entrei no gran Santuario. E alí tiven outra visión. Xentes vindas doutros lados, alleas ao que nos estaba a pasar. Non entendían case nada. E teñen razón e motivos. Porque tampouco nós o entendemos.


Pasou un cóengo e tamén algún dos de seguridade. Anunciaron algún culto. En voz baixa alguén estaba a queixarse do barullo perturbante dos manifestantes da rúa.


Sentei nun banco e recei. Eu son crente. E pregunteille a Santiago de que lado estaría o seu e meu Mestre San Xesús de Nazaré. Aló no corazón, díxome el: Vaite onda o Mestre Mateu e faille a pregunta inicial: NONNE GALLECIAE LINGUAM LOQUATUR DEUS?


E decateime que o mestre Mateo falaba galego e díxome: Daquela Deus tamén falaba galego. “ ETIAM”, me dixo rexamente. E esta Catedral estaba chea desta fala, que era a súa propia e tamén a de Deus.


Entón sentín bagoar os meus ollos ao constatar: Hai moito que a nosa Igrexa, os eclesiásticos, nos abandonaron no falar.


E Deus tamén nos abandonou? E non souben contestar. Aínda que me parece que non. Penso que el non está de acordo con esta persecuzón. Deus vai falando no tempo. Pois Deus dirá. Si. Deus dirá. E nós tamén, pero logo non lle botemos a culpa a El.


Este día en Compostela o pobo falou. E Deus tamén falou polo pobo en plena rúa e ao pé da Porta Santa puxando por entrar. Abrirán?

segunda-feira, 19 de outubro de 2009

Xa está ben de desvergoña

Para algúns a verdade non existe, depende da facultade ou cámara que a percibe e da perspectiva e momento en que tal fai, non menos que do discurso no que alguén a formula. Fieis a ese principio ou a aqueloutro de "todo es del color del cristal con que se mira" , ou aínda daquel de "cada un fala da feira segundo (quere facer ver que) lle foi nela", hainos que son tamén mestres en enfocar desde a perspectiva máis favorábel para si todo o que non lles convén. Acontece, se se quere, en todas partes e a cotío; porén salientan niso os partidos políticos e, entre eles, o PP leva anos en que non se quere deixar gañar por ninguén; non só o partido como tal, tamén os medios de comunicación afíns, xa non digamos os subordinados e outros que máis ben lle marcan o camiño.

Este blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego

"O domingo 18 de outubro entre 50.000 (cifra dada pola Policía Local de Compostela) e 100.000 (cifra dada pola organización) galegas e galegos, de diferentes adscricións ideolóxicas, estratos sociolóxicos e usos da lingua,convocados pola Plataforma Cidadá Queremos Galego integrada por unha diversidade plural de centos de colectivos e persoas, manifestámonos en defensa do noso idioma fronte ao reiterado ataque que está a sufrir por parte do goberno da Xunta de Galiza presidido por Alberto Núñez Feijóo (PP).

"Os medios de comunicación públicos do noso país (a Radio Galega e maila Televisión de Galicia) non ofreceron unha información veraz e que se axustase á realidade do verdadeiro impacto que tivo a mobilización do domingo en defensa da lingua, cun resultado histórico en participación. Nese senso, é preciso denunciar a obscena manipulación que por parte dos Servizos Informativos da TVG se quería levar a cabo, pretendendo iniciar unha conexión en directo coa manifestación, no momento xusto en que a primeira lectura do manifesto rematara e as persoas que ateigaban a Praza da Quintana, ían abandonándoa paulatinamente para permitiren a entrada dos milleiros de persoas que aínda non puideran entrar e agardaban na Praza das Praterías e arredores, e que finalmente encheron por segunda vez a Quintana. É evidente que a distorsión informativa tiña a intencionalidade de ofrecer unha imaxe minorizada dunha mobilización masiva, nun intento claro de manipulación que os milleiros de persoas presentes contestaron berrando, durante preto de dez minutos e con notábel indignación, a consigna "Televisión, manipulación", o que provocou que o equipo da TVG abandonase a praza.

"Fronte a esa situación é preciso denunciar e difundir publicamente o acontecido, ao tempo que esixir que os medios de comunicación que pagamos todas e todos os galegos, deixen de ser un instrumento para a deformación interesada, cando non para a propaganda, en beneficio do Partido Popular no goberno do país."


Véxanse testemuños dados desde perspectivas menos enganosas:


sexta-feira, 16 de outubro de 2009

Un testamento lingüístico


Poucas persoas levan loitando tanto nestes últimos meses escuros
de persecución á nosa lingua, defendéndoa e defendéndonos,
como loitou, coa palabra só, en moitos ámbitos
o noso amigo Xaquín Campo Freire.
Hoxe enviounos o seu testamento referente
á lingua e, aínda sen lle pedir permiso,
eu encóloo aquí como máis unha acción súa
a prol da defensa da lingua de noso, vella e esmorecente
coma a vida dos enfermos e dos vellos.
De aquí para embaixo, o seu texto:



Compañeiro da alma, compañeiro!

Amigos: Un saúdo agarimoso.

Compañeiros da alma, compañeiros,

en momentos dramáticos dixo Miguel Hernández,

e eu tamén digo.

Acabo de ler esta noticia.

E provocou en min un fondo desacougo.

Algo que hai tempo vos quero, como amigos, comunicar.

"Monseñor Vives glosa la figura de su antecesor.

Más de un millar de personas asisten al funeral de Martí Alanis.

Redacción Periodista Digital, 14 de octubre de 2009 a las 19:02

"Las exequias fueron oficiadas por el obispo de la Seu d'Urgell, Joan Enric-Vives,

concelebradas por obispos catalanes.

En la celebración litúrgica, Vives destacó el papel importante de Martí Alanis como defensor de la cultura catalana.

"Lo sabéis muy bien los que hoy llenáis esta catedral.

Joan Martí Alanis amó la lengua y la cultura catalanas".


Que envexa me dá esa Igrexa,

que teoricamente é a mesma á que eu pertenzo.

Lembro cando morreu Monseñor Araúxo.

Na súa Catedral de Mondoñedo, e tamén en Ferrol,

funerámolo en alleo.

Para el nin unha palabra de quen e do que foi.

Nin unha alusión á súa Pastoral:

A FE CRISTIÁ E A CUESTIÓN DA LINGUA GALEGA.

Nin o Concilio Galego foi quen de reclamar obediencia.

Hoxe, día de Santa Tereixa de Xesús, a 15 de outubro de 2009,

a nosa Lingua e Cultura Galega, coma nunca, están ameazadas de morte

e con ela todos nós na nosa identidade máis nidia,

no noso ser de homes e mulleres no mundo.

E iso, ...., dicídesme..., oín tantas veces...

que nada ten que ver coa nosa forma de sermos cristiáns

ou crentes no mundo de hoxe,

nesta Galiza dos nosos gozos e tristezas,

como dixo o Vaticano II?

Que teoloxía vén ser esa?

Non son que de recoñecer nela a San Xesús de Nazaré.

Coa que está caendo,

u-la voz dos nosos Bispos, Teólogos, cregos e fieis, como tal Igrexa?

Sempre ollando cara a outro lado.

Mudos coma petos.

Non será que nós tamén somos todos deles?

Dos do bifidismo asoballante?

Así nos vai.

E aquel pecado, o do enterro de Araúxo, segue clamando hoxe.

E eu pregunto, se non molesto:

E a min faranme o mesmo ca a D. Miguel?

Eu non son máis do que el?

Póñovos a todos por testemuñas.

Se non hai un crego que en galego me despida ,

como vivín,

rezade no silenzo un Noso Pai,

e levádeme á cova xa sen máis.

Así.

Xa Deus me acollerá na lingua NAI-PAI

e conto que en galego me perdoe,

e contra si me aperte e me salve,

como vós fixestes sempre

no decurso do meus andares,

nos que tamén houbo desacertos

e maldades .

Quero morrer coma as sinxelas xentes do meu pobo,

en galego e cun só sacerdote.

Non quero flores nin coroas,

eses cartos para os pobres.

Non quero bispos ni cóengos

ocupando o lugar das miñas xentes.

E, se vindes os amigos,

para rezar non fan falta vestimentas,

que para iso xa está o crego que preside.

De non haber ninguén que en galego rezar saiba,

desde agora a todos lles pido que se absteñan.

Por testemuñas a todos poño.

Non me falledes.

"Os bos e xenerosos a miña voz entenden".

Erguede, daquela, a vosa voz en rouco son,

afirmando con forza a miña condición:


Vivín aberto a todo o mundo,

a todas as xentes e falares;

pero, para morrer, como nacín,

galego de fala e corazón.

Por iso dixo o raposo:

"O esencial é invisibel para os ollos".

En cousas tan serias:

"Só se ve ben cos ollos do corazón".

E se alguén

esta miña sagra e derradeira vontade,

así publicamente manifestada,

respectar non souber,

non vos enfadedes, que non fai ben.

A xustiza, por veces,

tamén está nos tribunais.

Sempre vivín con alegría e esperanza.

E tamén sei que hai moitas pequenas voces de minorías abrahámicas,

que aí están, acendendo pequenos fachos de futuro.

A última palabra está sempre sen pronunciar.

Esas palabras fan realidade a profecía daquel himno de vésperas

que con ledicia, un día, en Sobrado atopei

e logo, a miúdo, tantas veces eu recei.

Si.

Cando iso sexa, recitádeme con fe esa pregaria:


Os días, cos seus gozos e as súas penas,

deixaron, ao pasar, marcas na i-alma

igualiño aos nosos pés,

cando deixan no camiño as súas pegadas.

Abrollaron nas silveiras do camiño

pequenas flores brancas de esperanza

e non afogaron as espiñas a tenrura,

nacida do amor que as chamara.

Afuxenta do teu pobo a zozobra,

sé nube luminosa no deserto,

sé forza recobrada no descanso,

mañá e horizonte sempre aberto.

Señor!.....