quarta-feira, 21 de julho de 2010

Galicia gana concellos

Tal é o título da breve nota que nos envía o noso amigo Antón Gómez González, na que Xosé Mª Pin Millares comenta a pavera noticia de hai uns días pola que soubemos que na Xunta lle saíron bos e avantaxados discípulos ao señor conselleiro de Cultura en canto inventor dos topónimos galegos Desván de los Monjes e Toro. Copio a referida nota mentres río breve e agremente:

Galicia gana Concellos

Galicia perde habitantes, pero gana Concellos, así o reflicte o BOE do 29 de xuño de 2010. Os trece novos concellos pertencen todos á provincia de Ourense, pero, como corrixir é cousa de sabios, a Consellería de Economía e Industria, seguramente por razóns económicas, deixou a progresión en catro concellos, polo de agora.

Os novos concellos non aparecen nos mapas nin na historia de Galicia; aínda que para mudar a historia, chegou Feijoo a Galicia en comisión de servizos e, polo camiño que leva, todo será novo baixo o sol do noroeste peninsular. O despegue científico iniciouse hai pouco tempo co descubrimento de Desván de los Monjes; pero, como a ciencia avanza unha barbaridade, mediante probas do carbono 14 xa reinventamos El Juncal de Espadañedo, La Calle, antes A Rúa; A Bolla e o Bollo, antes A Bola e O Bolo; La Colina de Miño e Colina del Valle, antes Castrelo de Miño e Castrelo do Val; moi orixinal e despois dunha profunda investigación puido localizarse La Finca, antes Leiro. A Veiga, Verea, San Cristovo de Cea, Monterrei, Vilardevós e Vilamartín tamén sufriron ataques destes ignorantes iconoclastas da toponimia e da lingua galega.

Calquera principiante sabe que os tradutores automáticos conducen automaticamente a solemnes disparates; polo tanto, non facer unha revisión posterior indica unha inmensa frivolidade e unha monumental incapacidade.

Posiblemente, o máis conveniente para Galicia sería a destitución do adestrador e de toda a súa equipa.

sexta-feira, 25 de junho de 2010

Rubén, "Lingua de Ouro"

Copio e encolo o poema de circunstancias que lle dedica Xaquín Campo Freire ao saber que lle foi concedido por "Queremos galego" de Marín este premio:

Rubén, o noso Rubén, o Rubén de toda a vida,
o que nos quere e a quen queremos,
vén de ser premiado Lingua de Ouro,
tal coma un Crisóstomo de hogano,
e ben merece parabéns.
E fronte a tanta Lingua de trapo,
estropallos das desfeitas,
que nin se atreven a comparecer,
cómpre celebrarmos estes pequenos fachos de esperanza e profecía
que veñen avanzando con forza.
A soberba do Feijoo e dos seus cobizosos seguidores
teñen os pés de barro
e asentan sobre de areas movedizas.
Dime o corazón que Galiza está a despertar do seu letargo
e que algún día VENCEREMOS NÓS!

ÁNIMO, COMPAÑEIROS!
SOMOS MOITOS.
A ALBA DE GRORIA
COMEZA A DESFACER OS FIAÑOS TRAMPOSOS
DOS FILLOS DAS TEBRAS.
A SENRAZÓN DA SENRAZÓN
TERÁ DE COMER ALGÚN DÍA
A VERGOÑA E A CARRAXE
QUE HAI EN TODOS ESTES MAL NACIDOS
NUNHA NACIÓN QUE OS ENXENDROU
PARA SEREN FILLOS DE BEN.

E HANSE VER A SI MESMOS
CUBERTOS DE INDIGNIDADE.
DEIXA QUE OS RÍOS CHEGUEN AO MAR!

AS LINGUAS DE OURO
HAN RELUCIR COMA O SOL QUEIMANTE
E PURIFICADOR DE MEIODÍA.

AO 'LUME NOVO' DE SAN XOÁN
EU XA BOTEI Á QUEIMA OS FRUTOS
DESTA MALA NABIÑA,
DE TODA ESA COUZA RILLANTE
E A SÚA RELA LORDENTA E COTROSA,
E A MIÑA TAMÉN .

UN SAÚDO E PARABÉNS PARA TODOS.

XAQUÍN.

sexta-feira, 21 de maio de 2010

Destrutores


Velaí os veñen arrasando
coma demos de ferro furibundo
dispostos a asinar a morte a poucos anos
dunha lingua románica, a galega,
diante da nosa cara, sen vergoña a deles,
por snobs sobre todo e por pezoña
da súa miserenta ideoloxía. Velaí
os veñen xordamente arfando,
ameazas prosmando e remoendo.
Quen os coñece? As súas nais, non poden!
Nin os seus pais na polis. Poucos anos
atrás estes premiaban
os mestres e os centros que a maiores
do que estaba disposto, promovían
o emprego do galego nos seus centros.
Agora estes seus fillos e criados,
chegados a onde
non debían nunca por negados,
eméndanlle a paxela a quen os deu
e os criou maldados.
Agora é a hora
da negra substitución!
Morre, lingua galega,
berrando ou sen berrar,
chorando ou sen chorar,
laiando ou sen laiar,
morre, dobra a cabeza,
os mortos do outro lado te saúdan
do alén do que ninguén volta a vivir:
tras sete longos séculos escrava,
venceute para sempre,
coa axuda da traizón,
a lingua daqueles que un filósofo hai cen anos
chamou un día "os homes de calzóns".
Os que te baten, sendo tan ignaros,
non saben de calzóns nin de cirolas,
só saben de vivir á conta doutros
sen senso, sen futuro, sen inferno
nin ceo, nin alma, nin entrañas.
Pobres homes e nenos e mulleres,
se din que en algo cren, din que en españa,
nin en deus, nin na paz, nin na xustiza,
son patrañas
para eles, que só queren
abusar e gozar
co sufrimento e a morte
de todo o bo que a humanidade en séculos
foi capaz de xerar e producir,
eles consumidores
deconstrutores
destrutores
desfeitores.
Pobres!

quarta-feira, 19 de maio de 2010

Non te quero!


Nin o título modifico. Nin comentario fago sobre o tema. Todo se entende, tan claro e ben expresado. Grazas, só digo, benquerido Xaquín, polo teu prácido e severo lamento! Copio e encolo:

NON TE QUERO!


XAQUÍN CAMPO FREIRE. NARÓN, 18-05-2010


Un día presenciei isto: un neno duns catro anos, soíño, con cara triste e agrimado, pegadiño a unha parede, con ollos moi abertos e sen bágoas ...

E na fronte del estaba un home duns trinta e cinco anos, cun grupo da súa mesma forma de proceder (non quero adxectivar), mofándose del e dicíndolle animaladas que eu non quero reproducir. Non. Non lle ían pegar. Seino.

O neno non entendía. Mas no seu corazón e na súa alma de neno de catro anos sabía que todo aquilo lle producía arrepío. Estaba sendo ameazado na súa dignidade.

Eu pasaba por alí. Presenciei a escena. Parei e fiteinos de fronte. E, de visto que non era abondo, intervín con severidade contra daquel valente e dos seus cornáns corifeos.

Cando o neno se decatou que alguén saía por el, desde o fondo da súa alma inocente lanzoulle con voz pequeniña o desafío máis grande dun pobre: NON TE QUERO. Só tiña iso. Ese día comprendín o terríbel que é que alguén te teña que botar do seu mundo afectivo por abusón.

Eu non son político, e non milito en ningunha formación política. Tampouco son economista. Sei que no ano 1929 houbo unha grande crise económica mundial que fixo tremer o mundo. Talvez agora esteamos en algo perecido. Pero das crises económicas saímos. Con moito sufrimento. Pero saímos. Eu nacín na guerra in-civil e sei a fame que pasamos en España. E da fame e da miseria saímos. Pero das miserias da guerra aínda hai esqueletos polo monte. Eu sei dalgún. E diso non todo o mundo quere saír.

Al rey la hacienda y la vida / se ha de dar, pero el honor / es patrimonio del alma, / y el alma sólo es de Dios(El Alcalde de Zalamea, 1642).

Sr. Feijoo, eu a vostede téñolle moito medo. Como llo teño a Dona Rosa Díez, a Don José María Aznar e á súa FAES. Que lle vou facer! E non son político. Pero menos mal que estamos en Europa; se non, teríalles verdadeiro pánico. E non porque me levasen á pobreza dos cartos. Téñolle medo porque, só co que leva feito, tennos roubado o patrimonio da alma, que xa nunca vai poder devolver. Canto dano lle fixo á fala que eu herdei dos meus devanceiros! Onte foi o día da fala e das letras galegas. Eu non quixen ir profanar o Courel. Irei só, noutra ocasión.

Xa sei que non teño poder ningún. Nin o quero. teño a forza feble, pero infinda, daquel neno inocente: NON TE QUERO.

Non lle discuto para nada a súa chegada democrática ao poder. É o meu Presidente e punto. Pode seguir cen anos se o pobo o reelixe. Pero o patrimonio da alma que vostede me esnaquizou, coma xabarín nun maizal, xa nunca poderá devolvermo.

NON TE QUERO. Desde o fondo da miña afectividade: NON TE QUERO. Fíxese que pra nada xulgo a súa forma de gobernar, que podo estar en desacordo. Pero hai cousas para as que non hai elección ningunha que lle dea atribucións. O patrimonio da alma só é de Deus. E vostede non é Deus. Ni de Dios ni de nadie / ni tuya siquiera. / Libre te quiero. Lembra a canción?

NON TE QUERO. Róubasme a alma. Róubasme o respiro. Por que me bota contra da parede, desprezando a miña liberdade de expresión?

Mais son probe e, ¡mal pocado!, / a miña terra n’é miña, / que hastra lle dan de prestado /a beira por que camiña / ó que naceu desdichado”. NON TE QUERO.

Xa sei que para vostede a falta do meu aprecio como cidadán, senis poder que o de ser un número insignificante dun DNI, incluso o fai rir. Pero a min craváronseme na alma os ollos daquel neno impotente que, tan axiña como puido, a aquel xigante come-nenos lanzoulle o desafío máis grande que a alma dun neno pode dicir: NON TE QUERO.

Xa sei que vostede non entende esta linguaxe. Vostede non é pai. Sobre todo non é pai espiritual. Por iso destrúe sen conciencia o noso valor espiritual máis nidio: a fala, a lingua, a expresión. Para vostede todo isto son andrómenas, non ten valor. Nesa lingua choraron, riron, amaron, naceron e morreron os meus. Para vostede isto non vale nada.

Que medo me mete na alma! Véxoo vir cara a min e, no sentido etimolóxico da verba, descúlpeme, pero véxoo DES-ALMADO= SEN ALMA. Por iso lle teño medo. E xa ninguén, nin sequera vostede, nunca máis me quitarán ese medo.

Perdoe. Só lle podo dicir coma aquel neno: NON TE QUERO.


quinta-feira, 6 de maio de 2010

Todos tolos? Viva eu!

Todos tolos! Ou que é isto?
De Grecia se ri, abofé,
dille a Cataluña ti
víchesme cara de parvo
e despois vai celebrar
a sardiñada cos seus
e fala sen pór cancelas!
A el disque que o rexistren,
pois non ten culpa de nada,
só de vivir ben do conto
e de non mover nin palla.
Que, aínda que os gregos sufran,
ben lles está por pariren
tantas ideas perfectas
a carón das máis infectas,
por culpa deses Pericles,
Aristóteles, Solón,
Platón e mais Alexandre
e o seu pobre pai Filipo;
quen son eles comparados
con el e co grande Campos
acusado por tres traxes,
que outra vez merece oufano
ser sublime mandamáis
dos súbditos laranxados?
E que importa que os ataques
dos banqueiros e as finanzas
arruínen dunha vez,
como a Hélade morreu,
esta glorïosa España
que nos fundou Isabel
axudada por Fernando
e o seu confesor Cisner?
E que lle importa se Europa
rompe e se escascarilla
coma un castelo de area
feita por un rapaciño
un pouco antes da marea?
"Se cae o mundo a pedazos
-dixo a raposa do conto-,
déixame chantarche os dentes,
que quero morrer ben chea!"
E se en Galicia se acreta
que só os galegofalantes
cumpren medio ben o fin
dunha lei tendente a ver
igualadas en saber
e en seren ben queridas
as dúas linguas do pobo,
que pouco lle importa a el
-castelán-falante é-
pois niso ve que acontece
como pensa e lle convén!
Se non está contento alguén,
que se poña; viva eu!

segunda-feira, 12 de abril de 2010

Arredor da feitura dun carro de nabo


Recibo unha mensaxe de Xaquín Campo, pola que me envía un pequeno artigo, ben xeitoso á verdade, sobre unha das experiencias infantís que xa poucas persoas teñen, nin poderán lembrar dentro de cincuenta anos. Non inclúo o artigo nin o enderezo do lugar onde se atopa. Decidín deixar de facer publicidade gratuíta e non agradecida, agás en casos extraordinarios. E non é o caso. A intelixencia do lector suplirá, de xeito que poida entender o fondo da mensaxe de Xaquín. Leamos:

Mándoche este pequeno artigo,
coas referencias da súa procedencia,
porque o considero dunha riqueza extraordinaria,
non só pola aportación etnográfica,
senón tamén pola finura de observación
no crecemento psicolóxico e equilibrado dun rapaciño do rural,
no que me vexo totalmente reflectido.
Faime lembrar a Balbino, o neno da aldea,
aquel de Memorias dun neno labrego de Neira Vilas.
Xa sei que isto hoxe non vende.
Hoxe o que prima é o bifidismo harmónico.
Mas eu prefiro non esquecerme das miñas orixes
e moito menos quero ir agochando a caluga
coma se fose vergoña nacer de onde e de que nacín.
Eis a miña fonda harmonía.
Meu pai e todos os meus foron de sempre
"enxeñeiros do nabal" e grazas a iso eu hoxe existo e resisto
e téñolles fe.
E berrarei con toda a forza da miña alma,
'semper et ubique':
"Así se fai un carro de nabo".
E diande dese carro, tirado por esas vacas,
iban guiando os meus antergos,
sempre na Galiza e sempre falando galego.
Graciñas, mundo rural. por deixarme tantas riquezas
das que podo fachendear sen complexos,
que nunca me privaron en nada de abrirme á modernidade.
Unha aperta,
e, para aumentar o humor,
proba ti tamén a facer un carriño
que ainda estamos en tempo de boas caholas,
por máis que xa empezan a estar fóra de ceifa.
Grazas a ese carriño de nabo
eu teño hoxe un recordo ben agarimoso para ti
Un saúdo
Xaquín Campo Freire

quinta-feira, 18 de março de 2010

Tres tabús do goberniño

Quérovos falar de tres tabús do goberniño que temos desde hai un ano na Xunta de Galicia. Refírome agora aos relacionados co tratamento que lle dá á lingua galega, pois outros tabús terá; aínda que neles eu non pensase deica agora. Onde hai cativeza e curtidade, os tabús inzan coma ratos. Buscade tales propiedades e outras semellantes onde quixerdes. Aposto o que for a que non achades en ningures a antonomásica realización que velaí: neste noso goberniño frívolo, superficial, ridículo e ideoloxizado ata as cachas.

A palabra normalización constitúe o primeiro e principal tabú do goberniño. Se lerdes o anteproxecto do seu desventurado decreto de plurilingüismo, comprobaredes que foxen dela coma o demo da cruz. Non se entende ben por que. De grao ou por forza, o tal decreto téñeno que referir, como á súa fonte, á Lei de Normalización Lingüística. Sendo así, o decreto debería tender, como un medio ao seu fin, á consecución do único grande obxectivo da devandita lei, isto é, á normalización social da lingua galega. E isto significa, segundo o teor da lei, converter a lingua propia deste país no que debía ser e non é: coñecida, querida e empregada para todos os usos e en todos os ámbitos.

Mais, neste goberniño, a súa pecha e roma ideoloxía pasa por riba de todo. Eles seguen os que, xa desde hai anos, veñen criticando o uso e o concepto de "normalización lingüística", pois seica é cousa dos lingüistas cataláns, que tanto lles cheira a catalanismo, un nacionalismo para eles vitando. Aínda que a este noso goberniño se lle podería recoñecer o dereito a soster unha ideoloxía oposta a esoutra suposta que eles denigran, en nome do principio de legalidade hai que lles negar o dereito a renartemente socavaren unha lei vixente, pois ao tal faceren traballan xustamente en contra da consecución do obxecto da mesma e impiden o seu cumprimento.

Os outros seus tabús, verbo da mesma materia, estes son: inmersión lingüística e mais discriminación positiva.

Para eles a inmersión lingüística é rexeitábel. Referida ao galego, claro está. Referida ao castelán, pola contra, ou a unha lingua estranxeira, resúltalles un método pedagóxico eficaz e xeitosísimo. Mais para o galego...! Como se pode explicar tamaña incoherencia? Non a hai! Na súa lóxica, claro está. Unha cousa é mergullarse na gloria e outra moi distinta mergullarse na merda. E xa se sabe onde calquera preferiría mergullarse se lle deren a escoller entre esas dúas. Para eles o galego é noxento, unha lingua esmorecente, moribunda; e non porque alguén lle fixese dano e causase a enfermidade, senón porque na loita pola vida lle cadrou ser a máis débil, o peixe pequeno comesto polo grande, o pobre camarón engulipado pola lura caganegro.

Discriminación positiva deste becho, para que? Pobre desgrazadiño, malpocado...! Para que? Para alongarlle unha vida miserenta e digna de mágoa? Non, claro! O natural é deixalo morrer. Agora ben, non por iso lles hai que amargar moito a vida aos pobres falantes que non tiveron a sorte de aprenderen a desenvolverse con toda facilidade en castelán. Xa eles fixeron abondo con traspasaren os seus fillos, e estes coa súa colaboración os seus, á banda dos castelanfalantes renegantes da lingua dos avós! É cousa de os deixar morrer canda a súa lingua materna e entrementres ir falándolles, ademais do castelán e como piedosa concesión, un galego "cordial", empobrecido en si e enriquecedor para a nova lingua "propia" de Galicia, o castelán arrecastado nestas terras, que é xa para moitos "tan gallego como el gallego".

Alguén pensará que eses tabús non teñen lóxica. Claro que a teñen! A da ideoloxía dominante. E sobre todo a deste goberniño, que reforza esa mesma ideoloxía, alleo á racionalidade e á verdadeira condescendencia coa xente do pobo. Non é estraño. Son herdeiros e representantes dos que desde hai séculos se impuxeron nos núcleos urbanos de Galicia dispostos a levar sempre, con razón ou sen ela, a auga ao seu rego. Agora é cando se aproximan á vitoria total e definitiva. É o máis triste do conto. Ese final previsíbel.