quarta-feira, 15 de setembro de 2010

Querer, e non poder!

Fai máis o que quere ca o que pode. O vello dito, coma noutros casos, leva razón. Copio e encolo o último contributo de Xaquín Campo Freire a ilustrar un chisco o grave problema da lingua galega e o seu morno ou falso achego por parte dos que poden e non queren.

O Sr. LORENZO E A SÍNDROME DO
MALTRATADOR

XAQUIN CAMPO FREIRE. NARÓN, 13-09- 2010.

Referireime só á lingua galega e ás actuacións e confesións públicas e publicadas do Sr. Lorenzo encol da lingua galega. Para nada falo da vida privada deste señor que non coñezo nin me importa.
Tampouco quero minimizar, todo o contrario, a lacra das dramáticas mortes de tantas mulleres. Só, tal vez, anotar como as raíces deste problema psíquico están infiltradas coma “El huevo de la serpiente”, non só nas relacións interpersoais, senón tamén nas interculturais e intersociais.
Como describir esta síndrome? Sempre aparece un miñaxoia emerxente que non é ben acabado na integración da súa dimensión afectiva-emocional, da que tanto nos falou Daniel Goleman, e, mesmo por iso, a situación sobrepásao. Despois dun tempo breve de amaña e compón, o maltratador vese desmascarado e séntese impotente. Non sabe facerlle fronte á realidade afectiva na que está e sae do enredo a base de experimentar coa violencia.
Primeiro insulta para que estale o conflito e dar razóns externas ao seu cabreo interno. Logo pasará aos feitos: malla, zosca, deixa boquexando á vítima. Marca o territorio. E, preso da mala conciencia, volve maltratar, pero agora comendo a bicos envelenados á vítima, declarándolle amores para que así acougue máis aínda, anestesiada. No episodio seguinte, con calquera escusa pero con máis razóns, seguirá mallando impunemente nela. Incluso a invita a que reflexione sobre o seu mal comportamento, convencéndoa de que a culpa é dela, e axúdalle a descubrir a sorte que ten de telo a el ao seu carón. Grazas que a súa protección estará sempre aí. El é coma o seu reeducador e salvador. Esta será a fase máis perigosa e degradante. Cando ela está xa a morrer e non dá mostras de ser como debe ser, vólvese inútil toda labor con ela, resulta desesperante, e daquela, finalmente, será mellor rematala na próxima arroutada. “Se non provocase reiteradamente a situación e non me provocase a min desesperadamente, eu nunca faría tal”.
Fiquei impactado para moito tempo coa película “La decisión de Sophie”. Ademais da problemática sobre o nazismo, vin graficamente, na última parte do filme, as fases do proceso crecente do papel dun maltratador e o progresivo descenso na desestruturación da vítima, comida pola culpa, anulada na súa personalidade, na autoestima e na autodefensa. Chega o momento en que a mellor decisión, a única e a lóxica elección para ela, é morrer.
E aquí vén, Sr. Lorenzo, como eu vexo en vostede dende hai unha tempadiña a manifestación dos signos claros da síndrome do maltratador en relación a canto poida supor Galiza. Velaquí algúns dos elementos:
Vendeu vostede a súa alma ao diabo, ao Sr. Feijoo e a J. Vázquez, que non o enganaron, pois era o programa deles. Caeu de tonto útil e agora diante do xurado popular, incluso o do PP., quere vendernos a burra dos seus bicos envelenados para adormentar as vítimas: Lingua Galega, Cultura Galega, Publicacións e Xornais Galegos, Libros galegos destruídos e prohibición de publicación doutros textos novos nesas materias, ameazas a cantos ensinen nesa inútil lingua, etc, etc. Voulle citar só dous exemplos dun Xornal dixital, un dos que aínda non afogaron. Veremos se colle alento abondo para non ficar sen folgos, se de vostedes depende. Vaiamos ao espello:

“Na mesma semana en que naufragou no Congreso o acordo polo que, tamén de xeito unánime, o Parlamento de Galicia reclamaba a transferencia das competencias de Tráfico –e, polo tanto, o despregamento da Policía galega–, Lorenzo aproveitou a homenaxe a Gonzalo Jar, xeneral da Garda Civil recentemente falecido e coñecido defensor da lingua galega, para reclamar que “os corpos de seguridade que operan en Galicia, así como a Xustiza” opten pola lingua propia do país.
“Mentres, no ámbito educativo, o decreto xestionado polo seu departamento está a xerar toda unha treboada entre a comunidade escolar, Lorenzo considerou o acto en honra do axente falecido coma unha “excelente oportunidade” para o “recoñecemento” non só do homenaxeado, senón “de todas aquelas persoas e entidades que traballan a prol do idioma propio de Galicia dende a sociedade”, enfatizou.
“Neste escenario, Lorenzo considerou que o acto de lembranza a Gonzalo Jar é “un bo lugar para que todas as Administracións, iso que chamamos Estado en sentido amplo, nos comprometamos a explorar todas as vías de cooperación” co obxectivo, di, de continuar o labor iniciado en campañas coma En galego, con toda seguridade, no que se perseguiu o “obxectivo de que se divulgase nas comisarías os dereitos lingüísticos da cidadanía e o establecemento nas súas dependencias dos servizos para atender oralmente e por escrito en galego”. XORNAL.COM 12/09/2010 - 00:57 h.

Vaia aínda, entre moitas, outra perla preciosa. Toda a Xerarquía Eclesiástica Galega e máis vostede en publicado contubernio fan un concerto para promover dicir unha palabriñas en galego nos actos solemnes que lles pete. Manda “trillos”, que diría D. Federico. Que toda unha Igrexa que ten o exemplo vivo de Xesús de Nazaré, quen falaba o arameo popular, no hebreo culto e
probabelmente en grego, que ten toda a teoloxía do misterio da encarnación no seu patrimonio e, por se tiña dúbidas, ten todas as declaracións e aclaracións do Concilio Vaticano II e do Concilio Galego e a Pastoral de Monseñor Araújo, que ten autonomía de seu, que foi unha das causantes seculares da perda e descrédito do idioma autóctono, lembremos o de “Hable usted en cristiano” no que todos, todos, os nosos devanceiros foron reiteradamente aldraxados, que nos multaron nos seminarios por falalo e outras cousas, ... , pois manda “trillos” que teña que vir o Sr. Lorenzo facer un compromiso cos señores bispos, clero e sacrosanto pobo de Deus da Galiza, para dicir unhas mal urdidas palabras na lingua deste pobo. E xa sei que houbo moitos eclesiásticos ou alumnos de seminarios que son figuras e modelos na Literatura. Pero foron a excepción díscola e discordante da que algúns queren agora apropiarse, o mesmo que fan con todo o que Castelao significa. Felices todos! Volvamos ao espello:

“O Arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, mostrou hoxe o seu interese por fomentar a utilización da lingua galega nas celebracións relixiosas e a actividade eclesiástica da Catedral con motivo do Ano Santo. Así o asegurou tras manter unha reunión co secretario xeral de Política
Lingüística, Anxo Lorenzo, que lle trasladou a importancia de incluír este idioma en celebracións tan relevantes como a Misa do Peregrino, "un dos actos de maior asistencia de fieis, especialmente durante o Xacobeo.
"Así mesmo, Anxo Lorenzo ofreceulle ao arcebispo o asesoramento lingüístico necesario para facilitarlle a utilización da lingua propia de Galicia noutras iniciativas, como a web do Arcebispado. Ademais de "favorecer que os fieis galegofalantes se sintan aínda máis acollidos no templo do Apóstolo", Anxo Lorenzo resaltou que a presenza do galego nas celebracións relixiosas é "un xeito de compartir cos peregrinos de fóra de Galicia unha das maiores riquezas da Comunidade".
"Respecto á próxima visita do Papa a Santiago, o responsable de Política Lingüística destacou este acontecemento como unha "oportunidade" para "poñer en valor a riqueza lingüística de Galicia" e expresou o seu desexo de que o galego estea presente nas intervencións do Santo Pai.
"Grazas á súa colaboración con Política Lingüística, o Arcebispado de Santiago elaborou e difundiu en 2009 diverso material divulgativo de tema bíblico en galego."
XORNAL.COM 12/09/2010 - 00:57.

Que heroicidade por parte dos dous! Merecen o “PREMIO PERELLO 2010”. Mírese no espello, Sr. Lorenzo, con eses ollos tan expresivos e rebuldeiros que Deus e os seus pais lle deron, mírese no espello. Se o espello non está trucado, nunca engana. Porque o espello só reflicte a imaxe obxectiva do que se lle pon diante, neste caso, vostede mesmo. Porén, sempre podemos autoenganarnos.
Non, Sr. Lorenzo. De ser un vostede un maltratador da nosa lingua nunca se librará por moitos trucos que empregue. Vostede xa nunca máis será de fiar. Porque vostede era profundamente consciente da situación real da nosa lingua. Vostede mesmo militou conscientemente contra desta situación esmorecente e aguniante. Agora o espello só amosa unha traizón. E a dos bispos, tamén.
Os seus bicos actuais están envelenados. Coma os de todos os maltratadores, que viven nunha profunda esquizofrenia vital, só fai estes xestos coa policía, cos bispos, cos grupos de fóra do país, para lavar a súa mala conciencia. Mas o decretazo está aí. E o galego, varrido da escola. Os nenos xa non saberán nunca máis falar galego. E, o que é peor, co exemplo de vostedes, xa lle profesan agora un auténtico noxo e desprezo. Iso si que é seu. Este é o voso trofeo. Nunca máis serán de fiar. Cando poidan, darán a estocada final. Mas nunca será o heroe nacional. Galiza tampouco paga a traidores. Vostede só será un pobre maltratador dunha vítima inocente. Pode ter fachenda!

Parabéns Sr. Lorenzo!

domingo, 8 de agosto de 2010

Estas dous últimas

Noutro blogue de meu, sobre cuestións directamente lingüísticas, acabo de facer unha entrada que encolo aquí, tendo en conta que nela se expón un feito que, aínda que máis se presta a facer chorar, tamén pode dar ocasión a rir, iso si, brevemente. Breve rías, pois logo!

"Estas dous últimas foron as máis castigadas polo lume [...]."
A énfase é miña. A cita é textual.
Non chega esta aquí extraída dunha redacción escolar. Tómoa da noticia sobre un incendio de verán publicada o pasado día 6 de agosto por un xornal galego. Este xornal por riba gábase de facer periodismo en clave galeguista. Tan galeguista, ben se ve, que os seus redactores descoñecen que o numeral cardinal dous cambia segundo o xénero do substantivo ao que determina ou substitúe; polo que a forma feminina da palabra é dúas, nunca dous. O emprego de dous nesa distribución constitúe un puro e feísimo calco morfosintáctico do castelán.
Mais xa me vexo entrar no emprego dunha xiria metalingüística, ante a cal a ignorancia gramatical dalgún periodista se pode sentir tentada a pensar: "de que me fala este?" A louca, a ousada coma sempre, ignorancia!
Ignorancia que, coma adoito acontece, non se limita ao eido gramatical. Volvamos ao texto da noticia. Citemos a parte do texto ao que a cita anterior se refire anaforicamente:

"As parroquias de Moledo e Teoira, no concello pontevedrés de Marín, tiñan onte pola tarde cheiro a queimado. Aínda que o incendio que afectou á zona producírase o mércores cara ás 19.00 horas e os servizos de extinción tíñano controlado poucas horas despois, ao día seguinte o vento volveu avivar algúns focos que os efectivos de emerxencia da Xunta e do Seaga afanábanse en “apagar”, tal e como contaban algúns técnicos, moi preto da praia da poboación de Loira. Nese lugar, ata as catro da tarde aproximadamente, aínda estivo cargando auga un dos tres helicópteros que prestaron servizo ás parroquias afectadas, basicamente Loira, Ardán, Moledo e Teoira."

Intelligenti pauca! "Estas dous últimas" remite evidentemente a "Moledo e Teoira", referidas no primeiro parágrafo do texto dun xeito circular e pechado, nisto chapeau! Porén, agárrese ben o lector, o xornalista eleva por arte de maxia tres lugares ou aldeas á categoría de parroquias, permitíndose ademais subtraerlle o artigo ao topónimo A Teoira. O lector do xornal que descoñeza a zona, á vista da información que aí se lle dá, pensará que, entre as parroquias do concello de Marín, hai catro ás que afectou o incendio deses días, sendo os seus nomes Loira, Ardán, Moledo e Teoira. Que inmenso erro!
Só Ardán é parroquia. Moledo e a Teoira son aldeas ou lugares desa parroquia. En canto a Loira, é topónimo dun río, unha praia e un barrio da parroquia de Seixo, estremando con Ardán.

Concluíndo direi que me causou gran tristeza a constatación de ignorancia tan compacta, atinxente a eidos tan débiles como vitais da realidade galega: a súa morfosintaxe, a súa toponimia, o seu poboamento e ordenación do territorio. Unha enorme apisonadora castelanomorfa uniforma as mentes galegas facéndoas incapaces de concibir outra realidade do que aquela axeitada á cosmovisión dominante que se expresa por e na lingua de Castela. O galego que nos queda, a mesma realidade que esta lingua expresa, están a nos ser cambiadas de xeito témero e irrecuperábel. A onde imos chegar!

quarta-feira, 21 de julho de 2010

Galicia gana concellos

Tal é o título da breve nota que nos envía o noso amigo Antón Gómez González, na que Xosé Mª Pin Millares comenta a pavera noticia de hai uns días pola que soubemos que na Xunta lle saíron bos e avantaxados discípulos ao señor conselleiro de Cultura en canto inventor dos topónimos galegos Desván de los Monjes e Toro. Copio a referida nota mentres río breve e agremente:

Galicia gana Concellos

Galicia perde habitantes, pero gana Concellos, así o reflicte o BOE do 29 de xuño de 2010. Os trece novos concellos pertencen todos á provincia de Ourense, pero, como corrixir é cousa de sabios, a Consellería de Economía e Industria, seguramente por razóns económicas, deixou a progresión en catro concellos, polo de agora.

Os novos concellos non aparecen nos mapas nin na historia de Galicia; aínda que para mudar a historia, chegou Feijoo a Galicia en comisión de servizos e, polo camiño que leva, todo será novo baixo o sol do noroeste peninsular. O despegue científico iniciouse hai pouco tempo co descubrimento de Desván de los Monjes; pero, como a ciencia avanza unha barbaridade, mediante probas do carbono 14 xa reinventamos El Juncal de Espadañedo, La Calle, antes A Rúa; A Bolla e o Bollo, antes A Bola e O Bolo; La Colina de Miño e Colina del Valle, antes Castrelo de Miño e Castrelo do Val; moi orixinal e despois dunha profunda investigación puido localizarse La Finca, antes Leiro. A Veiga, Verea, San Cristovo de Cea, Monterrei, Vilardevós e Vilamartín tamén sufriron ataques destes ignorantes iconoclastas da toponimia e da lingua galega.

Calquera principiante sabe que os tradutores automáticos conducen automaticamente a solemnes disparates; polo tanto, non facer unha revisión posterior indica unha inmensa frivolidade e unha monumental incapacidade.

Posiblemente, o máis conveniente para Galicia sería a destitución do adestrador e de toda a súa equipa.

sexta-feira, 25 de junho de 2010

Rubén, "Lingua de Ouro"

Copio e encolo o poema de circunstancias que lle dedica Xaquín Campo Freire ao saber que lle foi concedido por "Queremos galego" de Marín este premio:

Rubén, o noso Rubén, o Rubén de toda a vida,
o que nos quere e a quen queremos,
vén de ser premiado Lingua de Ouro,
tal coma un Crisóstomo de hogano,
e ben merece parabéns.
E fronte a tanta Lingua de trapo,
estropallos das desfeitas,
que nin se atreven a comparecer,
cómpre celebrarmos estes pequenos fachos de esperanza e profecía
que veñen avanzando con forza.
A soberba do Feijoo e dos seus cobizosos seguidores
teñen os pés de barro
e asentan sobre de areas movedizas.
Dime o corazón que Galiza está a despertar do seu letargo
e que algún día VENCEREMOS NÓS!

ÁNIMO, COMPAÑEIROS!
SOMOS MOITOS.
A ALBA DE GRORIA
COMEZA A DESFACER OS FIAÑOS TRAMPOSOS
DOS FILLOS DAS TEBRAS.
A SENRAZÓN DA SENRAZÓN
TERÁ DE COMER ALGÚN DÍA
A VERGOÑA E A CARRAXE
QUE HAI EN TODOS ESTES MAL NACIDOS
NUNHA NACIÓN QUE OS ENXENDROU
PARA SEREN FILLOS DE BEN.

E HANSE VER A SI MESMOS
CUBERTOS DE INDIGNIDADE.
DEIXA QUE OS RÍOS CHEGUEN AO MAR!

AS LINGUAS DE OURO
HAN RELUCIR COMA O SOL QUEIMANTE
E PURIFICADOR DE MEIODÍA.

AO 'LUME NOVO' DE SAN XOÁN
EU XA BOTEI Á QUEIMA OS FRUTOS
DESTA MALA NABIÑA,
DE TODA ESA COUZA RILLANTE
E A SÚA RELA LORDENTA E COTROSA,
E A MIÑA TAMÉN .

UN SAÚDO E PARABÉNS PARA TODOS.

XAQUÍN.

sexta-feira, 21 de maio de 2010

Destrutores


Velaí os veñen arrasando
coma demos de ferro furibundo
dispostos a asinar a morte a poucos anos
dunha lingua románica, a galega,
diante da nosa cara, sen vergoña a deles,
por snobs sobre todo e por pezoña
da súa miserenta ideoloxía. Velaí
os veñen xordamente arfando,
ameazas prosmando e remoendo.
Quen os coñece? As súas nais, non poden!
Nin os seus pais na polis. Poucos anos
atrás estes premiaban
os mestres e os centros que a maiores
do que estaba disposto, promovían
o emprego do galego nos seus centros.
Agora estes seus fillos e criados,
chegados a onde
non debían nunca por negados,
eméndanlle a paxela a quen os deu
e os criou maldados.
Agora é a hora
da negra substitución!
Morre, lingua galega,
berrando ou sen berrar,
chorando ou sen chorar,
laiando ou sen laiar,
morre, dobra a cabeza,
os mortos do outro lado te saúdan
do alén do que ninguén volta a vivir:
tras sete longos séculos escrava,
venceute para sempre,
coa axuda da traizón,
a lingua daqueles que un filósofo hai cen anos
chamou un día "os homes de calzóns".
Os que te baten, sendo tan ignaros,
non saben de calzóns nin de cirolas,
só saben de vivir á conta doutros
sen senso, sen futuro, sen inferno
nin ceo, nin alma, nin entrañas.
Pobres homes e nenos e mulleres,
se din que en algo cren, din que en españa,
nin en deus, nin na paz, nin na xustiza,
son patrañas
para eles, que só queren
abusar e gozar
co sufrimento e a morte
de todo o bo que a humanidade en séculos
foi capaz de xerar e producir,
eles consumidores
deconstrutores
destrutores
desfeitores.
Pobres!

quarta-feira, 19 de maio de 2010

Non te quero!


Nin o título modifico. Nin comentario fago sobre o tema. Todo se entende, tan claro e ben expresado. Grazas, só digo, benquerido Xaquín, polo teu prácido e severo lamento! Copio e encolo:

NON TE QUERO!


XAQUÍN CAMPO FREIRE. NARÓN, 18-05-2010


Un día presenciei isto: un neno duns catro anos, soíño, con cara triste e agrimado, pegadiño a unha parede, con ollos moi abertos e sen bágoas ...

E na fronte del estaba un home duns trinta e cinco anos, cun grupo da súa mesma forma de proceder (non quero adxectivar), mofándose del e dicíndolle animaladas que eu non quero reproducir. Non. Non lle ían pegar. Seino.

O neno non entendía. Mas no seu corazón e na súa alma de neno de catro anos sabía que todo aquilo lle producía arrepío. Estaba sendo ameazado na súa dignidade.

Eu pasaba por alí. Presenciei a escena. Parei e fiteinos de fronte. E, de visto que non era abondo, intervín con severidade contra daquel valente e dos seus cornáns corifeos.

Cando o neno se decatou que alguén saía por el, desde o fondo da súa alma inocente lanzoulle con voz pequeniña o desafío máis grande dun pobre: NON TE QUERO. Só tiña iso. Ese día comprendín o terríbel que é que alguén te teña que botar do seu mundo afectivo por abusón.

Eu non son político, e non milito en ningunha formación política. Tampouco son economista. Sei que no ano 1929 houbo unha grande crise económica mundial que fixo tremer o mundo. Talvez agora esteamos en algo perecido. Pero das crises económicas saímos. Con moito sufrimento. Pero saímos. Eu nacín na guerra in-civil e sei a fame que pasamos en España. E da fame e da miseria saímos. Pero das miserias da guerra aínda hai esqueletos polo monte. Eu sei dalgún. E diso non todo o mundo quere saír.

“Al rey la hacienda y la vida / se ha de dar, pero el honor / es patrimonio del alma, / y el alma sólo es de Dios”(El Alcalde de Zalamea, 1642).

Sr. Feijoo, eu a vostede téñolle moito medo. Como llo teño a Dona Rosa Díez, a Don José María Aznar e á súa FAES. Que lle vou facer! E non son político. Pero menos mal que estamos en Europa; se non, teríalles verdadeiro pánico. E non porque me levasen á pobreza dos cartos. Téñolle medo porque, só co que leva feito, tennos roubado o patrimonio da alma, que xa nunca vai poder devolver. Canto dano lle fixo á fala que eu herdei dos meus devanceiros! Onte foi o día da fala e das letras galegas. Eu non quixen ir profanar o Courel. Irei só, noutra ocasión.

Xa sei que non teño poder ningún. Nin o quero. Só teño a forza feble, pero infinda, daquel neno inocente: NON TE QUERO.

Non lle discuto para nada a súa chegada democrática ao poder. É o meu Presidente e punto. Pode seguir cen anos se o pobo o reelixe. Pero o patrimonio da alma que vostede me esnaquizou, coma xabarín nun maizal, xa nunca poderá devolvermo.

NON TE QUERO. Desde o fondo da miña afectividade: NON TE QUERO. Fíxese que pra nada xulgo a súa forma de gobernar, que podo estar en desacordo. Pero hai cousas para as que non hai elección ningunha que lle dea atribucións. O patrimonio da alma só é de Deus. E vostede non é Deus. Ni de Dios ni de nadie / ni tuya siquiera. / Libre te quiero. Lembra a canción?

NON TE QUERO. Róubasme a alma. Róubasme o respiro. Por que me bota contra da parede, desprezando a miña liberdade de expresión?

“Mais son probe e, ¡mal pocado!, / a miña terra n’é miña, / que hastra lle dan de prestado /a beira por que camiña / ó que naceu desdichado”. NON TE QUERO.

Xa sei que para vostede a falta do meu aprecio como cidadán, sen máis poder que o de ser un número insignificante dun DNI, incluso o fai rir. Pero a min craváronseme na alma os ollos daquel neno impotente que, tan axiña como puido, a aquel xigante come-nenos lanzoulle o desafío máis grande que a alma dun neno pode dicir: NON TE QUERO.

Xa sei que vostede non entende esta linguaxe. Vostede non é pai. Sobre todo non é pai espiritual. Por iso destrúe sen conciencia o noso valor espiritual máis nidio: a fala, a lingua, a expresión. Para vostede todo isto son andrómenas, non ten valor. Nesa lingua choraron, riron, amaron, naceron e morreron os meus. Para vostede isto non vale nada.

Que medo me mete na alma! Véxoo vir cara a min e, no sentido etimolóxico da verba, descúlpeme, pero véxoo DES-ALMADO= SEN ALMA. Por iso lle teño medo. E xa ninguén, nin sequera vostede, nunca máis me quitarán ese medo.

Perdoe. Só lle podo dicir coma aquel neno: NON TE QUERO.


quinta-feira, 6 de maio de 2010

Todos tolos? Viva eu!

Todos tolos! Ou que é isto?
De Grecia se ri, abofé,
dille a Cataluña ti
víchesme cara de parvo
e despois vai celebrar
a sardiñada cos seus
e fala sen pór cancelas!
A el disque que o rexistren,
pois non ten culpa de nada,
só de vivir ben do conto
e de non mover nin palla.
Que, aínda que os gregos sufran,
ben lles está por pariren
tantas ideas perfectas
a carón das máis infectas,
por culpa deses Pericles,
Aristóteles, Solón,
Platón e mais Alexandre
e o seu pobre pai Filipo;
quen son eles comparados
con el e co grande Campos
acusado por tres traxes,
que outra vez merece oufano
ser sublime mandamáis
dos súbditos laranxados?
E que importa que os ataques
dos banqueiros e as finanzas
arruínen dunha vez,
como a Hélade morreu,
esta glorïosa España
que nos fundou Isabel
axudada por Fernando
e o seu confesor Cisner?
E que lle importa se Europa
rompe e se escascarilla
coma un castelo de area
feita por un rapaciño
un pouco antes da marea?
"Se cae o mundo a pedazos
-dixo a raposa do conto-,
déixame chantarche os dentes,
que quero morrer ben chea!"
E se en Galicia se acreta
que só os galegofalantes
cumpren medio ben o fin
dunha lei tendente a ver
igualadas en saber
e en seren ben queridas
as dúas linguas do pobo,
que pouco lle importa a el
-castelán-falante é-
pois niso ve que acontece
como pensa e lle convén!
Se non está contento alguén,
que se poña; viva eu!