domingo, 19 de abril de 2009

Manda truco coa análise!

Isto si que é unha análise:
seria, rigorosa, científica,
imparcial, respectuosa.

Os datos son observados
e descritos con total obxectividade.
Os feitos son reseñados de acordo
coa súa evidencia e relevancia,
tras longos e acurados estudos de campo.

Os paradigmas e criterios aplicados á análise
son os máis postos ao día e seguidos
polos mellores lingüistas actuais,
principalmente entre os romanistas
e entre os sociolingüistas.

Compróbese o rigor e imparcialidade da análise cunha cita (p. 4):

Empezaron solicitando el bilingüismo oficial, prosiguieron con la discriminación positiva, avanzaron hacia la desaparición del castellano como lengua oficial de facto en Galicia, y ahora sueñan con que el uso de éste no pase de ser excepcional, con la excusa del derecho a "vivir en gallego.

E a solvencia científica do autor, filólogo clásico como se fai chamar,
compróbese con estoutra cita (p. 5):

Los dos rasgos más característicos de la lengua, dialectales pero bastante extendidos, fueron condenados por demasiado rústicos. Me refiero al seseo y la gheada (El primero es conocido en el dominio hispánico. En cuanto al segundo, /j/ por /g/, es muy característico de amplias zonas gallegas: soy de Vijo y no lo niejo).

Impensábel que isto, todo o texto da cita, puidese saír da mente dun licenciado en Filoloxía. A definición da gheada, concretamente, é para nota, e esta non pode ser outra ca a de suspenso en Fonoloxía, materia de primeiro de carreira.

Porén hai trazos nos que o autor é un mestre, principalmente no de, a partir de constatacións que moitas veces responden á realidade, sacar sempre consecuencias en contra da promoción e supervivencia da nosa lingua. Niso é claro xa desde o principio: o normal sería para el que o galego desaparecese invadido de vez polo castelán. Era este o camiño que levaba e aínda leva, niso ten razón. Que ninguén se deixe enganar. É o que el quere e propugna. Suponse que é tamén un obxectivo para a FAES. Logo, presumiblemente, para o PP. Finalmente, pode supoñerse, tamén para o novo goberno da Xunta e para o seu Presidente. Ou non?

http://documentos.fundacionfaes.info/document_file/filename/2356/papel_95__3_.pdf

quinta-feira, 16 de abril de 2009

Neste exilio interior...

Neste exilio interior vivimos desde hai tempo
un a un moitos de nós,
moitos de nós en grupos, en familias...
Non somos ninguén, non se conta connosco,
non se preza a lingua de noso, estigmatízana.
Entre os que coidabamos compañeiros,
hai non poucos que nos deixan sós:
na tristén do noso exilio,
vémolos írense cos que antes ca eles nos abandonaron
e cos que nunca á nosa beira se achegaron.

Non somos libres para usarmos sempre
a lingua dos nosos trasavós.
Xa algúns destes non o eran; polo que
uns pasaban do galego ao castelán
de vez ou por momentos, outros só de cando en vez,
nun castrapeo que magoaba os corazóns,
perante o grande, o rico, o forasteiro ou,
nos últimos tempos, perante mesmo
o neto máis pequeno, a filla do veciño...,
aprendidos a falar en castelán desde meniños
por nais e pais, avós e avoas que non saben.

Onte á tarde tiven que ir mercar nunha ferretaría certo artigo. Pedino en galego. O dependente fixo en lingua castelá a súa parte da interlocución. Entón eu paseime ao castelán. O contrario ocorre moito menos.

Como eu -a pesar da conciencia e militancia galeguista- fixen onte, fai a cotío case todo o mundo. A maioría comeza xa en castelán, aínda que sexan galego falantes habituais. Os que, en situacións semellantes, máis fieis permanecen á nosa lingua, son os monolingües, ás veces pais e avós de xente nova coa que, por outra banda, falan xa de cote ou adoito en castelán.

E logo, quen impón que lingua a quen?

Fan de nós estranxeiros no noso país,
forasteiros na nosa vila,
persoas alleas na propia casa.

Somos nós os que sufrimos a marxinación
e a imposición doutra lingua.
E por riba aínda din que nós lles impomos a eles o galego.
Oh sarcasmo!
E moitos dos que coidabamos compañeiros crenlles:
ata repiten e espallan tan mentireira especie.
Non hai imposición tan terne e eficaz
coma a que opera a través das evidencias sociais,
fieis reflexos da ideoloxía dominante.
Desde esa ideoloxía ousan chamarlle imposición
á proposta respectuosa doutra conciencia,
doutra formación e doutros usos.

Porén, deste tema sabe moito máis Agustín Fernández Paz.
Sabe tamén razoalo e expoñelo con xustiza.
Lede:

http://www.xornal.com/opinions/2009/03/21/Opinion/loanza-rosa-parks/2009032101505855406.html

segunda-feira, 13 de abril de 2009

¡Qué contento estoooooy!

Xa podemos cantar!
Xa fomos liberados,
redimidos, rescatados!

Xa están os nosos pés pousando
na soleira da felicidade!

Xa o paraíso empeza.
Agora!
Xa!

Cantemos, pois logo.

Cinco cinco aaaaa.
Cinco cinco ooooo.
[...]
E todo grazas a dous óo!

Logo, como interludio e como posludio,
resoe inmensa
intensa
a gran consigna da liberdade!

http://sihomesi.com/2009/03/26/los-tres-soles-del-faladoiro/

segunda-feira, 6 de abril de 2009

Rindo que o digas...

O manifesto é válido
e os testemuños,
moi interesantes.

Aínda así, non deberá esquecerse
que a maior utilidade do galego
é a de non deixarmos de ser nós mesmos.
A nosa lingua naceu e criouse connosco,
no noso nicho ecolóxico, ou, mellor dito,
nós nacemos e fomos criados nela e con ela;
ela é, por iso, o mellor peñor ou garantía
da nosa autenticidade,
pois alonga -afasta- o risco de nos derretermos
na masa informe da aldea global,
dun barrio deprimido e periférico, máis ben,
desa superaldea,
cuxo idioma de relación
é unha lingua franca pouco natural,
unha variedade do inglés pobre e "utilitaria".

Hai aínda outras grandes utilidades
que cómpre salientar.
Outro día será. Aquí.

Debemos sentirnos cheos de razón.
Se alguén precisar de motivos,
ben está que os procure. Aquí:

http://ogalegoeutil.wordpress.com/2009/03/31/ogalegoeutil/

sexta-feira, 3 de abril de 2009

Así é, tantas veces...!

Ódiase a propia lingua,
o propio sangue,
o leite materno mamado na infancia,
o seu propio pobo...

Alleamento, alienación...
Son nomes para un fenómeno.
Tristes a realidade e o nome.
Triste que haxa persoas convencidas.

Porén...

O peor é que se converten en valores
asumidos por un grande sector social
e en principios directores dunha política
lingüística, cultural, social...
que conducen á nosa ruína
como individuos e como pobo.

http://www.xornal.com/opinions/2009/03/29/Opinion/odio-galego/2009032918131248413.html

quinta-feira, 2 de abril de 2009

Que menos?

Menos non se pode pedir.
Con máis calma e respecto, tampouco.
Non acceder a tal petición sería
coma sacudir unha cerdeira
ao pouco tempo da esfarna.

Se ademais é un plan inocuo
-e case seguro que pouco eficaz
para a recuperación do galego-
o Plan de Normalización!

E non digamos xa
o Decreto del nado,
tan posibilista,
tan respectuoso na práctica
coa práctica inveterada dos centros
e dos docentes maiormente.

Pódese pedir menos ca isto?
Véxase e respóndase con verdade:

http://www.coordinadoraendl.org/

quarta-feira, 1 de abril de 2009

Máis razóns perante a senrazón

Sen lingua galega non hai Galicia. Así pensaban homes e mulleres no pasado, coma Ramón Piñeiro, un supoñer. Así pensan aínda moitos galegos hoxe. É discutíbel. Depende.

Depende de que Galicia falemos, de que Galicia queiramos... Os valores e criterios polos que nos conducimos, son os que deciden. Os nosos deberían ser estes e outros semellábeis: de cada un segundo a súa capacidade e a cada un segundo a súa necesidade, a ignorancia debe corrixirse máis ca respectarse, con moita frecuencia a liberdade do poderoso é inversamente proporcional á do débil e viceversa e en caso de conflito debe preferirse a segunda á primeira, o enfermo ten preferencia sobre o san, cómpre case sempre a discriminación positiva dos marxinados e das situacións minoradas, o saber non ocupa lugar e as competencias plurilingües só enriquecen..., e, sobre todo, os fillos de galegofalantes que non renegamos da nosa lingua, temos dereito a vivir en galego nesta terra o resto da nosa vida aínda que sexamos cada vez menos numerosos.

Ninguén ten dereito a nos nivelar á baixa coa grande masa social, na que a lingua galega está a ser substituída, con forza crecente e tempo rápido, pola lingua castelá, e isto tanto no referente aos seus usos públicos coma á integridade do sistema e normas tradicionais do galego, cada vez menos idénticos a si mesmos, máis conformados aos da lingua castelá.

Este dereito noso e a falta do dereito oposto en calquera que for, incluídos os políticos, esixe a inversión da carreira de substitución lingüística que uns padecemos e outros disfrutan, eses maiormente que afirman, falsa e enganosamente, que se lles impón o galego. Eles, que levan impoñéndonos o castelán desde hai máis de cinco séculos, agora que ven próximo o momento da vitoria total e irreversíbel, resístense ante a pura e simple aparencia doutra deriva.

Temos nós o dereito e o deber de resistir ante a súa senrazón. Máis razóns en:

http://www.nova-escola-galega.org/almacen/documentos/NEG_Opina_09_01_web.pdf