segunda-feira, 4 de maio de 2009

Os pais e nais tamén

Seguimos sumando resistencia.
Os pais e nais tamén se opoñen
á ruín idea de deixar desasistida a nosa lingua
e exposta ás embestidas dos seus feros inimigos.
Cómpren máis protestas e denuncias
seguindo o ronsel desta:

http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=149&idNoticia=423060

sexta-feira, 1 de maio de 2009

Velaí a raíz do mal

A raíz do mal que padecemos no referente á lingua
está nunha flagrante desigualdade consagrada pola mesma Constitución Española.
Non ten volta de folla!
Leamos:

http://www.xornal.com/opinions/2009/04/30/Opinion/autobus-galicia-bilingue/2009043017335313159.html

Non ten máis ca un camiño

A verdade!
Non ten máis ca un camiño.
Pode semellar radical o dito
"A verdade non ten máis ca un camiño"
nestes tempos de relativismo.
Mais, sequera en certo tipo de asertos,
como os relativos á presenza dos corpos físicos,
ao seu peso, tamaño, cor so certa luz...
a verdade non ten máis ca un camiño.
No referente á situación lingüística galega,
a única verdade é a nosa.
Afirmémola sen receo,
pregoémola aos catro ventos da busola,
digámola nos eirados, desde as fiestras, no rueiro.
Quede patente a mentira dolosa
dos que din o contrario.
¡O DÍA 17 EN COMPOSTELA!

Se aínda alguén non o ve claro,
lea e considere:

NOVA ESCOLA GALEGA CHAMA Á PARTICIPACIÓN ACTIVA NA MANIFESTACIÓN DO 17 DE MAIO EN DEFENSA DO IDIOMA

· NOVA ESCOLA GALEGA realiza este chamamento porque, sen dúbida, o momento que vive o idioma de Galicia na actualidade é o máis transcendente desde a propia aprobación da Lei de Normalización no ano 1983.
· Entende NOVA ESCOLA GALEGA que a sociedade debe darlles resposta, serena pero contundente, tanto aos grupúsculos minoritarios que día tras día difunden datos falseados sobre a situación do idioma, como ao goberno autónomo, que reiteradamente se ten manifestado predisposto a agarrarse a tales difamacións para poñer en marcha medidas que fagan dar pasos atrás no proceso de normalización do idioma.
· Lamenta NOVA ESCOLA GALEGA que a convocatoria sexa asinada exclusivamente por unha única entidade, sen ter contado para iso con toda a armazón social disposta a saír á rúa neste momento, pero son precisamente os acontecementos que se están a vivir os que deben facer que a participación sexa masiva, sen máis.
· Segundo se desprende do último número do boletín NOVA ESCOLA GALEGA-OPINA, no que se ofrecen os datos máis recentes sobre a saúde do galego, pode concluírse que son só as persoas galego-falantes as que teñen auténticas opcións de ser bilingües.
· NOVA ESCOLA GALEGA reclama do novo goberno galego responsabilidade e sentido de país na acción política sobre a lingua e a cultura.


Comunicado de Prensa

NOVA ESCOLA GALEGA, movemento de renovación pedagóxica con 25 anos de vida e pioneiro na formulación de propostas para a normalización do galego no ensino –esta organización é a autora do único Modelo presentado ata o momento para facer normal o uso do idioma no sistema educativo- fai un chamamento, tanto á súa propia afiliación como a todo o tecido social do país, á participación na manifestación que o 17 de maio se celebrará en Santiago en defensa do idioma galego e contra calquera tipo de retroceso no seu proceso de normalización.
Os últimos datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia editado recentemente demostran que a situación do idioma galego é, sinxelamente, crítica, pois apenas o 38% da poboación –a terceira parte, como quen di- declara usalo dun xeito habitual. Isto quere dicir, na práctica e sobre todo en ambientes urbanos, que hoxe por hoxe é posible vivir en Galicia sen ter contacto ningún co galego na vida ordinaria. Quere dicir tamén que as persoas que desenvolven as súas actividades nesta situación corren grave risco de non chegar a acadar o limiar mínimo no dominio do idioma galego ou, doutra maneira, de non chegar a ser bilingües. Non ocorre o mesmo, pola contra, coas persoas galego-falantes pois, segundo demostran os mesmos datos, é imposible vivir en Galicia e non ter contacto co castelán.
A actual normativa referida ao emprego do galego como lingua vehicular no ensino persegue, en certa medida, contribuír á corrección desta situación de entrada, tratando de garantir que o alumnado teña contacto co galego cando menos no 50% das actividades lectivas. Esta normativa, non sendo óptima desde a perspectiva de NOVA ESCOLA GALEGA –segundo se poñía de manifesto na análise que dela se realizaba no Boletín NEG-Opina de abril de 2007- significou cando menos un mínimo paso de cara a conseguir que o alumnado galego domine os dous idiomas ao final da súa escolarización obrigatoria.
É radicalmente falso, á vista da situación actual e segundo se reflicte no NEG-Opina editado neste mesmo mes de abril, afirmar que o castelán corre perigo en Galicia. Tamén o é, absolutamente, manifestar de xeito demagóxico que o español está sendo desterrado das aulas galegas. Antes ao contrario, só o 17% das clases de Primaria e o 30% das de Secundaria son dispensadas “practicamente en galego” ou “máis en galego” segundo o Mapa Sociolingüístico de Galicia. Pero non só iso, senón que máis do 80% dos galegos e galegas declaramos que usamos preferentemente o castelán na escrita, porcentaxe que se eleva ata o 85% se nos referimos á lectura. Á vista destes datos, obtidos co debido rigor científico, semella evidente que o único idioma que corre perigo en Galicia –e nas súas aulas- é o galego.
Á vista destes datos tamén, non é tampouco certo que sexan as persoas castelán-falantes as que están vendo coutados os seus dereitos como falantes na actualidade, pois en Galicia queda demostrado que se pode vivir sen estar en contacto co galego. Pola contra e como queda dito, si está coutado o seu dereito a unha formación que lles garanta precisamente o dominio real dos dous idiomas presentes en Galicia. E, pola contra tamén, son os galego-falantes os que, independentemente da necesaria formación lingüística, non teñen garantido que a súa vida poida desenvolverse en galego.
Á vista da situación descrita, considera NOVA ESCOLA GALEGA que o transo que está a sufrir o idioma galego é, talvez, o máis transcendente desde a propia aprobación da Lei de Normalización Lingüística no ano 1983, precisamente porque a mensaxe de grupos minoritarios amplificada por determinados medios de comunicación está provocando, a partir do falseamento dos datos de que se dispón, unha pretendida guerra lingüística con escuros intereses. Paralelamente, o partido que accedeu nestes días ao poder en Galicia manifestou reiteradamente que daba por boa tal maneira de interpretar a situación –sen ningún substrato científico- e que unha das súas primeiras medidas sería derrogar parte da lexislación existente, dando un paso atrás, en extremo perigoso, no proceso de normalización do idioma
Tanto por unha razón como por outra, NOVA ESCOLA GALEGA entende que a manifestación do próximo 17 de maio debe ser unha mostra inequívoca, serena pero contundente, do sentir do conxunto da sociedade galega sobre a cuestión lingüística. E iso a pesar de lamentar que tal convocatoria sexa realizada por unha única entidade, sen contar co conxunto dos axentes sociais claramente predispostos a apoiala nun momento no que semella claro que o esforzo pola normalización do idioma debe ser unha tarefa que, ou atopa un consenso moi xeneralizado e maioritario ou non terá éxito. Neste sentido, NEG quere tamén, e nomeadamente, reclamar da Real Academia Galega e do conxunto de institucións dedicadas ao estudo e protección da lingua e da cultura galegas o seu posicionamento inequívoco sobre a realidade que vive o idioma.

En Compostela, a 30 de abril de 2009.



Nova Escola Galega, Movemento Galego de Renovación Pedagóxica
Rúa de Betanzos, 1 – 1º Esda.
15703 Santiago de Compostela
Tfno/Fax: 981 56 25 77
www.nova-escola-galega.org
neg@mundo-r.com

quinta-feira, 30 de abril de 2009

Van apagar o lume

A que vén tanta présa,
ou encírranos por detrás con aguillón?
Está alguén -o castelán, se cadra;
os dereitos civís de non sei quen,
o proído incivil dos que teñen noxo do galego-,
está a morrer alguén?
U-lo lume, que imos nós tamén.
Ou que outra urxencia os preme
para saltaren por riba
dunha normativa legal democrática?

http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=2009042900_4_321512__Vigo-Xunta-ordena-centros-permitan-alumnos-elegir-idioma-clases

Os do anterior goberno tiveron máis pacencia
e sabencia.
Tardaron vinte e catro meses
en sacar un novo decreto e, entrementres,
non modificaron nada da situación herdada.
E en que vai quedar, logo, o Plan
de Normalización da Lingua Galega,
aprobado por unanimidade por un Parlamento con maioría do PP?
Xa non vale nada o que hai tan poucos anos se viu e decidiu?

Necesítanse respostas valentes
de protesta, denuncia e resistencia,
de intelixencia e sentidiño, que dicía o outro.
E rápidas.
Dentro de pouco pode ser tarde.

Ante a gravidade desta decisión, que derroga de facto o Decreto 124/2007, a Coordinadora Galega de ENDL vén de dar a coñecer hoxe a través dunha nota á prensa o seu posicionamento públlico, que pasamos a reproducir:

A COORDINADORA GALEGA DE ENDL CONSIDERA INADMISIBLE QUE O PRESIDENTE INCITE A IMCUMPRIR A LEXISLACIÓN EDUCATIVA.

Diante das noticias publicadas hoxe na prensa onde se recolle que o Presidente da Xunta de Galicia, o sr. don Alberto Núñez Feijoo, vai enviar unha circular aos centros educativos dando instrucións a respecto da distribución curricular das linguas oficiais nos centros educativos segundo a vontade do alumnado e o profesorado, a Coordinadora galega de ENDL considera inadmisible que un presidente dun goberno incite a incumprir a lexislación educativa mediante unha circular, documento este que ten como finalidade “aclarar” aspectos da lexislación, nunca para ir en contra dela, xa que non é un instrumento normativo.

Neste momento está en vigor o Decreto 124/2007, que regula o uso e promoción do galego no sistema educativo e que procura que o alumnado reciba un 50% de clases en lingua galega, para así poder garantir que sexa competente nas dúas linguas da comunidade, algo que só se pode conseguir se o alumnado aprende galego pero tamén “en galego”.

Coas medidas postas en práctica no Decreto, non se atentou contra ningún “dereito civil”, polo tanto o noso colectivo non entende porque se fala de “repoñer os dereitos civís nas aulas”. A Coordinadora non dá creto a esta chamada á “insumisión” baixo o discurso da liberdade que deixa na elección do alumnado e do profesorado a lingua das clases, cando está lexislado mediante un Decreto que se estaba comezando a aplicar e que aínda non foran avaliado.

Os integrantes da Coordinadora Galega de ENDL tamén mostran a súa sorpresa polo momento e a forma en que sae esta noticia. Tras un discurso de investidura no que se repetiu ata a saciedade a palabra consenso, promove esta medida sen contar coas persoas e entidades que están implicadas directamente no proceso educativo e/ou con todos aqueles que participaron na redacción do Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento. Dá así a impresión de que os “votos prestados” dos que falaba neste días o Conselleiro de Educación, o sr. don Jesús Vázquez, pesan máis ca calquera intención real de consenso.

domingo, 26 de abril de 2009

El os confunda!

El ou ela. E el quen?
Quen fose que os fundou
e para isto os xuntou.
De tal maneira os confunda que se vexa
e, resistíndomos, non logren confundirnos.

"[...] é un vello dogma xornalístico, e político, se queres que todos che crean a mentira, faina grande, esaxera [...]." (Francisco Castro, As palabras da néboa, Vigo 2007, p. 186)

"[...] sabemos que non foi iso exactamente [...], pero tanto ten, así han ser as cousas unha vez explicadas, é o que ten a linguaxe, que funda mundos [...]." ( Ibidem, p. 205)

"[...] repiten e esaxeran, esaxeran e reiteran, reiteran e así confunden e fundan unha nova realidade a forza de ser repetida [...]." (Ibídem, p. 222)



"Nacen, simplemente, de una capacidad inherente al lenguaje: la de no sólo reproducir la realidad de las cosas, sino en cierto modo producirla. [...] un periodista del New York Daily News protestó ante el portavoz de la Casa Blanca porque el presidente Reagan contaba la gesta de un heroico comandante de una fortaleza volante derribada sobre el canal de la Mancha que en realidad procedía del guión de una película de Henry Hathaway protagonizada por Dana Andrews. Y la respuesta que recibió de Larry Speakes fue incontestable: si el Presidente cuenta algo cinco veces, es verdad." (Darío Villanueva, Boatos y cuerpo de letras, en El País 25-04-2009, "Galicia", p. 6)

sexta-feira, 24 de abril de 2009

Agradécese o apoio

Agradéceselle, señor comisario europeo de Multilingüismo,
a súa intervención recomendando ao Parlamento Galego
accións tendentes á preservación e revalorización da nosa lingua.
Nesta hora crítica pola que pasan
ela e outros elementos enxebres da cultura deste recanto de Europa,
todo apoio exterior vén axudar.
Obrigados lle quedamos, don Leonard Orban!
Con máis Europa e menos España, señor,
poida que nos fose mellor.

http://www.xornal.com/artigo/2009/04/23/galicia/ue-insiste-na-necesidade-defender-lingua-galega/2009042319513156746.html

quarta-feira, 22 de abril de 2009

Ben se ve a onde van

A derrogación non vai ser tan rápida.
Son crueis,
van estudar ben as tácticas
para o faceren mellor a prol deles,
para facérennos máis dano, quérese dicir.

Teñen que pagar unha presada de votos,
non o negan.
Mais, se for preciso, saberán esperar.

E enganar.
Con escenificacións de diálogo e sorrisos.
Con ferventes declaracións de amor
á lingua dos devanceiros,
coa invocación de nomes galeguistas
-Ramón Piñeiro, Carlos Casares, XX-
como fixera o dono de La Voz en "Yo protesto".
Con verborrea alegre nos festorros
do cocido, do grelo e do lacón...,
diante da penúltima xeración de homes e mulleres,
tamén votantes seus,
que aínda falan galego, a pesar seu,
mentres xa non o falan cos netos ou cos fillos.

Polo que non perderán os votos destes
mentres aseguran aqueloutros.

Ai que lástima me dá!

Eses votos que recoñecen emprestados,
de onde coidarán que lles viñeron?
De ex-votantes do PSOE e o BNG?
Quen sabe!

Ou viríanlles, se non, dos de FE
e doutros morriñentos dos corenta anos de paz?
Quen sabe!

Ou de un e do outro lado, asemade!
Que país!!!

http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=86&idNoticia=418925

Artigo de Manuel Vidal Villaverde en Galicia hoxe:

http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=149&idNoticiaOpinion=418696