quarta-feira, 13 de abril de 2011

O galego é insignificante

Cadroume hoxe mesmo a sorte de asistir a un solemne acto académico na Universidade de Santiago. Houbo discursos de dous profesores, galegos ambos, e expresáronse unicamente en lingua castelá. Houbo intervencións de alumnos e só utilizaron a lingua castelá. Ao final dixo unhas palabras o rector magnífico e fíxoo brevemente nun galego ben mal falado por certo. Unha voz foi, nunha parte do acto, pronunciando o nome dos alumnos homenaxeados. Os apelidos galegos pronunciounos á moda, a la mode, de Madrid (Tojeiro con /x/, por exemplo), e os portugueses igualmente (da Cunha como /dakúna/, Coelho como /koélo/, etc.), e tamén lle oímos pronunciar Lourdes como /loúrdes/e así outras paveradas que me fixeron pensar "E isto acontece na casa da ciencia, esta é a universidade de Santiago inserta no espazo educativo europeo!" Ignorancia monolingúe en castelán, única lingua do mundo! O galego pertence á orde das cousas insignificantes. Chego á casa e leo isto do amigo Xaquín Campo, que copio e encolo:

UNHA GARZA REAL SOBREVOOU O PENAL DE TEIXEIRO

XAQUÍN CAMPO FREIRE, MANDIÁ, 13-04-2011.

Benquerido amigo/a: Se buscas un notición, non sigas. Estoume a mover no terreo do “insignificante” para a ciencia. Lembras a “Milana bonita” de Delibes, o “Adiós, Cordera” de Clarín ou “O Pachín de Balbino”, de Neira Vilas? Vou máis por aí.

Martes, 12 de abril de 2011, ás 11,15, estabamos no patio do Módulo 7 uns vinte homes. Baixaran dos talleres para descansar un pouco. Comigo estaba un rapaz. Foi o primeiro que a viu: “Ollade! Unha garza real. Está desorientada. Perdeu o río. Despistouna esta mole de cemento”. Gravei as verbas na miña memoria emocional. Todos os ollos fitamos cara a ela. Durante uns minutos deu voltas e reviravoltas, moi amodiño. Incluso empezou a baixar. Certamente estaba desorientada. Deixamos as conversas para atender. E foise. Como ves, “todo insignificante”. Pero eu vin bágoas en máis dunha cara. A outro entendinlle entre dentes: “Eu non quero seguir. Estou cansado”. Aínda non tivemos tempo de falar do asunto. Tratarémolo no taller de terapia do próximo martes. “Ti non entendes o que significa isto para min!”, dicimos tantas veces. O valor dos significantes e dos significados. Eu nunca me unirei aos que se lles enche a boca dicindo: “Ata que podrezan no cárcere!” Entendo a rabia das vítimas. Solidarízome con elas. Mais non entendo a demagoxia de quen rabuña aínda máis nas feridas para que sigan sangrando. Iso non cura a ninguén. Dará a sensación de que imos de redentores. Así nos vai nunha sociedade enferma. Iso disque non é violencia.

No meu internado, anos cincuenta, un colega, noviño e criado sempre en Ferrol contábanos a gargalladas como, cando foi á casa dos avós, na do lado morréralles un pucho, un becerriño. E aqueles ‘pailáns’ choraban “coma se” fose por unha persoa. Seu pai traballaba na Bazán e cobraba ben a final de mes. Este meu amigo, excelente compañeiro, estaba incapacitado para entender os significados. Non alcanzaba a ver o que supuña naquela casa aquel puchiño que morrera. El só sabía do que era morrer as persoas. Trabucábase cando facía a comparación: “coma se”. Non era rural.

Nesta sociedade que vivimos temos atrofia de sensibilidades. Escoiteille un día a un eclesiástico de alto rango dicirlle aos sacerdotes: “Eso del gallego es cosa de políticos. Lo nuestro es anunciar el Evangelio”. Xesús de Nazaré nunca diría tal. Este tampouco entende nada, dixen para min. E lembreime daquel compañeiro meu. Confúndeo todo. A referencia á política non sei se o dixo pola cantidade de actos que copreside, onde a eucaristía pasa a ser un número máis da efeméride, veña a conto ou non. Como se pode así entender vitalmente a linguaxe sacramental? Estes son dos que berran se se lle dá a paz á familia do finado. Pero logo nos actos de pro van facer o “rendez-vous” ou prohíben aplaudirlles a uns noivos, pero eles comezan a facelo cando vén o Papa. Vemos o problema dos significantes e dos significados na vida e tamén na linguaxe sacramental? Que ben nos viría unha pequena dose de educación na intelixencia emocional, da que nos falou D. Goleman, e un chisquiño da autenticidade de C.Rogers.

Que poden significar os complexos dun homiño, nacido e criado en Os Peares, cando ataca con tal saña a lingua do pobo que o criou, na que falaron todos os seus devanceiros, e arrodeado dos adláteres, mirándose nel, entran coma xabarís nun maizal?

“Ollade! Unha garza real. Está desorientada. Perdeu o río. Despistouna esta mole de cemento”, dixo aquel rapaz, falando en profecía. Que parecido é o mundo ao patio dun penal nunha mañá na que o sol foi quen de rachar os fiaños dunha brétema que se mete coma unha mala nabiña na alma. Quen puidese ser garza real! “Reorientarse. Reencontrar o río. Liberarse da mole de cemento”. A min tamén se me humedecen os ollos cando vexo á garza real remontar o voo da liberdade. Voar cara ao infinito!

terça-feira, 25 de janeiro de 2011

Desalmados

Copio encolo un novo contributo do amigo Xaquín Campo Freire. Máis unha denuncia da destrución do máis íntimo e valioso patrimonio do pobo galego, a súa lingua e cultura.

DES-ALMADOS

XAQUÍN CAMPO FREIRE.- FONTE DA CRUZ, 25-01-2011.

A “Perica” era atolada e moi larpeira. Un neno de sete anos arma moi pouco e a vaca ben o sabía.
Miña tía tivera un derrame cerebral e había que atendela en todo momento. Meu avó tiña 94 anos. Miña irmá, a máis vella, tiña 11 e de súpeto houbo de converterse en ama de casa e atender as outras dúas nenas, de 5 e 2 anos, e a enferma. A nosa nai e o noso irmanciño pequeno finaran había uns meses. Esa era a nosa realidade existencial.
Aquel era un día de moito apuro. Tiñamos xente de fóra axudando non sei agora en que traballos dos que se facían en común. O noso pai andaba moi triste e non daba feito. Por iso me pediu que me fixese cargo aquel día das catro vacas na Pena do Bueiro. Eu entendía ben o problema. Pero a Perica escapoume e foi larpar, atrapallar e larfar os nabos á Leira do Camiño, a do tío Rufino de Pedra Pequena. Por máis que corrín, a vaca fixo un verdadeiro estrago. E, para que a desfeita fose menos visíbel, arrinquei como unha ducia de nabos ao salteado e cun canoto grande transplanteinos de espicho. Cousas dun neno de sete anos! Ao día seguinte estaban pampos. As pegadas da vaca marcaban o recorrido e os nabos comidos daban conta da zaragallada. Fíxena boa! Eu falláralle ao meu pai. Tiven medo. Calei. Non dixen nada na casa. Non quería engadir máis tristezas.
Pasados tres días, chegou á casa Rufino moi enfadado. Relatoulle a meu pai toda situación e coa aguillada na man pretendía que meu pai me breara para darme un bo escarmento.
-Mira, Rufino, vas á miña Leira do Cuco e, cando queiras, apáñala toda enteira. O de pegarlle ao neno, permíteme que sexa da miña exclusiva responsabilidade. Xa me abonda coa que me está caendo.- Así lle falou o meu pai con moita seriedade.
A tía Sabina de Agramonte era costureira. Estaba na casa arranxándonos roupa, pois non tiñamos quen nolo fixera. Nunca vin unha muller con tanta enerxía. Ergueuse e púxolle os puños na cara a Rufino. Díxolle que era un malnacido e chamoulle desalmado. Foi a primeira vez que eu escoitei esa palabra. E entendina.
Por que me vén agora á memoria este sucedido da miña infancia? Vou reproducir un titular que lin hai días pasados:
“Yo sé que en la política hay gente capacitada, honesta, trabajadora y comprometida. Pero no me engaño. ¡También hay muchos desalmados que especulan con el bien ajeno, con las riquezas nacionales y con la Madre Naturaleza!”
Consultei a definición da RAE: “Desalmado, -da. (Del part. de desalmar) 1. adj. Falto de conciencia. 2. adj. Cruel, inhumano. 3. adj. ant. Privado o falto de espíritu.”
E pensei na forma de tratar a lingua e cultura galega por parte dos políticos da nosa Comunidade e mesmo do Estado. Incluso por un grande sector da poboación. Noutro dicionario aparece a explicación da etimoloxía: “Sen alma”. E decateime de que a un pobo non lle pode pasar cousa peor do que perder a alma. Estaremos sendo todos uns ‘des-almados’? Estaremos todos vendendo a nosa alma ao diaño?
Asistimos a cotío ao espectáculo de como ante o patrimonio espiritual común e secular da nosa Comunidade entran estes señores como a “Perica” no nabal. Fan unha auténtica desfeita. Abusan de que un neno orfo, un pobo avellentado, é quen ten a misión de coidalo. Non teñen paraxe. Só deixan detrás as pegadas das súas malas artes e poñen a andar todas as aguilladas para brear a nosa cultura, a nosa lingua, os nosos nenos, e a toda a cidadanía, quen, medorentos, calamos, calamos e calamos.
Corremos aceleradamente a ficarmos todos DES-ALMADOS. Cantos Rufinos de Pedra Pequena todos os días! Pegar, brear, destruír, arrasar! Só saben facer iso: DES-ALMAR! Cando aparecerá unha tía Sabina de Agramonte que nos diga e lles diga: DES-ALMADOS!

Esperta pobo galego, que te deixan sen-alma!


quinta-feira, 13 de janeiro de 2011

Quen nace hoxe ou renace galego?

Xa non se leva. Agora é a hora de renegar do galego, que llo pregunten á FAES, ao goberniño e... aos acomplexados monolingües urbáns castelán falantes do país. Ao caso! Copio e encolo unha achega do noso amigo Xaquín Campo, escrito co gallo do monumento que o concello do Ferrol lle dedicará o próximo día 21 a Xosé Chao Rego, o autor e suxeito de Eu renazo galego.

“EU RENAZO GALEGO”

XAQUÍN CAMPO FREIRE.- 14-01-2011.

Non. Non me vou eu apropiar do que non é meu. Non quero que me “pille” a futura lei Sinde. Foi este un lema que fixo época dende hai 33 anos e percorre o mundo.

Abonda con pór a frase en calquera buscador na internet e aparecerá ben nidio o seu alcance. Incluso está en moitos poemas, mesmo musicados, por entendidos nesas artes. Quen o soubo recoller e espallar, como utopía e lema propio, foi Xosé Chao Rego.

“HAC LUCE”. Con esta luz. Este é o lema do campus universitario d’A Coruña no que nós, os de Ferrol, estamos incluídos. Ten como logotipo a Torre de Hércules, hoxe patrimonio da humanidade. Este é o faro esplendente e milenario que salvou vidas arreo e mesmo serviu de punto orientador para tantos mareantes incluídos os de terra adentro. É ben axeitado. Como axeitado resulta: “EU RENAZO GALEGO”.

Xosé Chao Rego, Párroco de Santa Mariña do Vilar, en Ferrol, vai ser recoñecido unha vez máis pola querenza dos máis sinxelos. “O povo é que máis ordea”.

O 21 de xaneiro, ás 18 horas, inaugúrase oficialmente o monólito que entre todos fomos.reclamando, aprobando legalmente e que agora vai ser colocado en tempo e forma no lugar onde sabemos que vai ser máis coidado e respectado.

Porque a persoa de Pepe Chao foi e segue a ser coma ese facho de luz dos mellores faros que en todo tempo serven de referencia inequívoca e inesquecíbel. Unha causa exemplar, diría Platón e os escolásticos.

Ese día tamén comeza Acuario. “Un acuario é simpático e humanitario. É honesto e totalmente leal, orixinal e brillante. Un acuario é independente e intelectual. Gosta de loitar por causas boas, soñar e planificar para un futuro feliz. Aprender do pasado, dos bos amigos, divertirse. Pola contra, a un acuario non lle van ben as promesas no aire e tampouco gosta de sentirse só. Non lle acae o groseiro e ordinario. É creativo e foxe das imitacións. Prefire ver o que hai e logo construír “ex novo”. Velaquí o noso logotipo.

“Un logotipo (coloquialmente coñecido en forma curta, logo) é un elemento gráfico que identifica a una persoa, empresa, institución ou produto. Os logotipos soen incluír símbolos —normalmente lingüísticos— claramente asociados a quen representan”.

“Na parroquia de Santa Mariña de Ferrol inaugurouse, posiblemente, un novo estilo, moi singular, moi vencellado a unha maneira de ser arrebatadamente creativa e próxima”. “Santa Mariña do Vilar segue sendo para min a gran verdade da miña vida”. (LÓPEZ MUÑOZ D., Conversa con Xosé Chao Rego, Xerais, Vigo 2002, p 41.) En Santa Mariña do Vilar somos conscientes de que estamos a inaugurar un novo logotipo que nos vai ser moi querido e entrañábel. Nós tamén: HAC LUCE.

Para que un logotipo resulte congruente e xeitoso ten de reunir estas características: Lexíbel. Reproducíbel. Distinguíbel. Memorábel. Neste caso danse esas condicións. E non estou a referirme tanto ao aspecto físico da pedra, que tamén. Porén, neste caso, quero salientar máis a persoa como distintivo, marca e símbolo de toda unha parroquia, dunha bisbarra e de toda a Galiza. Tamén dunha época histórica que fixo historia e marcou camiños. Multitude de camiños. Cando comecen as teses universitarias, con estudos serios e fondos, veremos a inmensa riqueza deste noso mestre de vida. Velaquí unha mostra:

“O galeguismo non é un vestido, especie de traxe rexional, senón unha militancia pola galeguidade, que consiste en facer explícito o que está nas entrañas do pobo.” “EU RENAZO GALEGO”. (LÓPEZ MUÑOZ D., Conversa con Xosé Chao Rego, Xerais, Vigo 2002, p. 151).

Parabéns para todos! Verémonos en Santa Mariña o 21 de xaneiro, ás 18:00 horas e baixo o signo de Acuario. E tamén RENACEREMOS GALEGOS.

quinta-feira, 23 de dezembro de 2010

Bo Nadal á nosa lingua

De Xaquín Campo Freire, novamente, recollo e espallo na pequena medida en que este humilde blogue é quen, esta xeitosa prclama:

É NATAL.
FELIZ NATAL!

Naturalmente que vos desexo saúde.
Naturalmente que vos desexo paz.
A TODOS.
E a todos o teus.

E tamén para vós,
deséxovos mil primaveras máis,
miñas queridas lingua e cultura galegas.

O primeiro mandamento:

"Só a El adorarás".

Serás libre!, dixo El.

Quérote libre.
Nin de Deus, nin de ninguén
e nin de ti,
tan sequera.

Libre!

Elaborar unha lingua,
convertela en cultura común,
leva séculos.

Facelas aptas para cantar,
para vivir,
para morrer,
para chorar
para trunfar,
para falalas,
para escribilas....
Para que iso sexa real,
cómpre sermos libres!

É cousa de xeracións tras xeracións.
É patrimonio común.
É misterio sagrado.

Conservalas,
recrealas,
enriquecelas...,
custa sangue, dor e bágoas.

E longos séculos
de pouso,
de consensos
e de esforzos,

Nelas están os inicios
dos procesos máis nidios
de todo un pobo:

Canto fomos,
canto somos
e canto os que veñan serán.
Velaí a nosa historia.

O que se foi facendo
secularmente
como tarefa común,
abonda un pequeno intre
para botar todo a perder.

Abonda con que chegue un iluminado
e chame
"Desván de los Monjes"
a quen o pobo, de sempre,
bautizou como "Sobrado".

Cústame crer no Deus,
que me vai facendo libre
e me esixe liberdade.

O que si teño moi claro
e que abomino dos ídolos:

Dos que matan as mulleres,
dos que abusan dos vellos e dos meniños...

E, posto a abominar de ídolos,
Abrenuntio:
de Feijoo e de Jesús Vazquez.
E non soporto as traizóns
do socio-lingüista Lorenzo,
que “promocionan” en Brasil
a lingua que aquí perseguen.
Ben pouco lles custa e de paso viaxan.
Mentireiros!

Que forza tan destrutiva teñen estes ídolos!

Porén,
se a teñen,
e porque hai adoradores.

Eles,
os ídolos,
no fondo,
non son ninguén.

Nós, si que somos
os babecas e babiáns.

Desperta do teu sono,
Fogar de Breogán!

Para María e Xosé non houbo lugar en Belén.

Xesús tivo de ir nacer fóra,
ben lonxe,
nas afóras das contornas.

Para a lingua galega e a súa cultura
non hai lugar no corazón dos ben situados.

Tampouco nos Pazos dos novos Herodes,
nin nas novas Sinagogas.
Nin cabo dos Sumos Sacerdotes.

Non hai lugar para ningún pobre,
para ningunha pobreza.

A lingua galega,
secularmente,
ficou lingua de pobres,
dos sectores empobrecidos.

Por iso ninguén a quere ao seu lado.
E así llelo dicimos,
aos que nacen,
xa de nenos.

Introxectámolles
"ab initio"
a auto-xenreira.
Un pecado orixinal.
Disto tamén abrenuntio!

Igualiño que no discurso de poderosos.

A crise actual
vén ser por culpa:
dos traballadores,
dos labregos
do seguro dos mariñeiros,
dos parados,
dos presos,
da sanidade,
das escolas,
dos.....

sempre dos pobres
e das causas dos empobrecidos.
Pobres e estranxeiros.Viúvas e orfos.
Vén de vello.
De todos eles arreo a Biblia nos fala.

Coma Xesús de Nazaré.
Desprestixiados.

De Nazaré pode saír algo bo?

Era Gal-lileo.
Da Galilea.
Da Gal-lizia.

Non era da "pura" "Judea"
Nin sequera
un herexe Samaritano.

Como van A FAES,
Gloria Lago,
Corina Porro,
Paco Vázquez....,
as burguesías de finas pelaxes,
cregos e bispos,
todos moi ben situados,
políticos de galería,
etc. ...
mancharse “co dialecto”
e dar lugar aos apestados?

Xa sexan
SIDA,
doentes,
problemas do leite,
reclamos das feministas,
presos,
parados,
despedidos,
negros,
estranxeiros...,
galego falantes,
o crego de Xestoso...

Na sociedade dos "bonitos",
novamente,
"non hai lugar".

Neste ano e medio,
tan só uns poucos
fixeron máis mal
para as nosas lingua e cultura
do que todos os inimigos dos tempos pasados.
Queimaron libros de texto.
Non hai lugar para os escritores da lingua ‘vernacula´.
Non é rendíbel, é noxenta,
minorizada.
Propia dunhas “minorías levantiscas e ideoloxizadas”.

Eles non teñen ideoloxía?

Meus pais e meus avós e os meus devanceiros todos
eran levantiscos por falaren en galego?
Xa vexo que non son un “pura sangre”.
“Ata lle dan de prestado
A beira pola que camiña
A quen naceu desgraciado."

O galego "mancha" o inglés,
que eles, "acomplexados",
só falan con aire tejano.
Por iso hai que vetarllo aos noso meniños.
Fagamos uns “pura raza”.

Porén a culpa é dos adoradores.

Xa o dixo hai cen anos
Edward Bellamy
no conto "O mercado",
levado logo ao teatro.
Tamén a culpa é común.

O mercado ten outras leis.

No portal de Belén,
na noite
fría e sen luz,
en completo desamparo,
quen apareceu?

A "resistencia".

Os que velaban no monte,
con paz e humanidade, uns gandos,
que seguro que eran doutros.

O máis baixo do pobo,
os que non servían para outra cousa,
os que falaban na lingua do común:

Pastores,
ovelleiros e ovellas,
leite e mel silvestre.

E sobre todo
corazóns de humanidade.

Por iso,
baixaron á aquela cabana,
feita á presa
de xestas, labazas
e codesos,
e foron capaces de facer festa
arredor duns pobres
que tiñan un neno envolto
nun capizos mal enxoitos.

Eles, que tantas veces
viron parir ovellas,
que sabían de acoller e recoller
os añiños recén nados,
para alentarlles a vida...

Como ese guarda civil
que, hai uns días,
lle deu quentura
ao meniño de nai negra,
parido nunha patera.

Como Agustín Fernández Paz,
que cantou un vilancico de resistencia:
Non quero premios que me cheguen
manchados no sangue da miña lingua,
que esmorece
por mans de quen,
á conta dela, medran e fan carreira.

Eses saben de nacementos.
Por iso souberon estar presentes.

Nós agora disfrazámolos de anxiños,
con asiñas de veludo,
así xa é cousa deles.

Para iso están.
Son anxiños.
Corren raudos e veloces
e voan a canto dan.

Porén nós:
“E vai ti saber quen son eses forasteiros?”
“A ver quen metes na casa?"

En que lío nos meteron!

A escusa está ben pensada:
Que veñan os anxiños!

Cáritas. Reto. Funeraria.
Os de guarda. A parteira...

Os que alí apareceron,
foron vulgares pastores
das montañas de Belén,
que por suposto nin falaban inglés
nin no cultísimo hebreo.

Falarían nun castrapo
daquel vulgar arameo,
pasado polo corazón:

E foron quen de facer
daquela noite unha festa.

Esa é "a resistencia".
A dos que velan.

"Galiza canta ao Neno"

"Temos futuro, temos mañá."

Así cantaron e fixeron profecía
Suso Mato e Fuxan os Ventos.

En tempos de crise,
hai unha lingua e unha linguaxe:

A da resistencia.

Un pobo
que se resiste
a ser aniquilado,
destruído,
desprestixiado,
acaba gañando.

Xa abonda de complexos impostos!
Que mágoa!

Quixera verte,
meu amig@,
libre,
sen ídolos,
neses Portais de Belén.

E por moitos anos
coincidir contigo.
Daquela, fálame sempre,
en calquera lingua do mundo,
que as entendo todas desde o corazón.

Porén, se é que me queres ben,
fálame nesa lingua melosiña
que celestiais armunías ten,

Fálame na linguaxe da terriña.

Porque son testemuña,
de que Deus non persegue ningunha
e fala na de cada quen,

porque: Deus tamén fala galego.

FELIZ NATAL

E BO ANO 2011!

AMIG@!

Do teu amigo,
Xaquín Campo Freire.

sexta-feira, 17 de dezembro de 2010

O galego, para o Brasil!

Copio e encolo un novo artigo de Xaquín Campo sobre as novas aventuras político-lingüísticas do goberniño.

“Lorenzo anima en Brasil á promoción do galego”

XAQUÍN CAMPO FREIRE.- NARÓN, 16-12-2010

Altamente conmovedor, non si? Se me tocase en sorte o premio gordo da lotaría, con toda unha serie no meu poder, non podería recibir neste Nadal mellor nova do que esta que se publica hoxe en varios xornais dixitais. Velaquí dúas mostras:

“O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, animou os responsables dos centros de estudos galegos de Brasil “a continuar coa proxección exterior da lingua e da literatura galegas” (Vid. Cultural galega.- EDUCACIÓN.- (XOV.16.12.2010 < LV.- Galicia.- p. 7. Do grupo El Progreso de Lugo).

Mas non vos pára aí a cousa. Postos a ser creativos, atentos á novidade:

“iniciativa.- “Ademais, Política Lingüística pon en marcha un novo servizo para que, previo pago, os nenos reciban unha carta de resposta dos Reis Magos, personalizada e en galego. A través da web www.cartadosreismagos.com, os pais e nais poden solicitar o envío, previo pago, dunha carta para os seus fillos, asinada polos Reis Magos. Por primeira vez, ademais, ofrécese en galego e na rede. (Vid. REDACCIÓN.- GaliciaHoxe.com.- xoves,16-10-2010 .- Maré | RSS - Maré RSS. Do grupo El Correo Gallego.)”

Altamente conmovedor, non si? Este señor ten méritos sobrados para conmovernos. El é coartífice dese marabilloso Decreto da eliminación e persecución do galego na escola en toda Galiza, porque aquí o galego desestrutura os meniños.

E no Brasil? Non compares! Que lles vas pedir aos do Brasil? E se se contaminan, alá eles! Para iso son do hemisferio sur. Os microbios, levalos lonxe.

Antes disto, O Señor Lorenzo xa visitou e falou cos bispos da Galiza para que, coma os mariñeiros de Viveiro, “todos metidos nun bote”, convenceran o Papa para que dixese dúas palabriñas neste non eufónico enxebre. Os bispos non discorreran tal. Porén, eles, todos submisos, coma nas novenas, cumpriron o prometido. “Fai xestos. Os pequenos xestos son importantes.”

Este señor si que ten ideas. Sodes uns murmuradores! Moléstavos porque se move, fai cousas, gasta ben os cartos de todos, viaxa, merece a nómina. Ata pon os Reis Magos ao servizo dos nenos galegos por medio dos pais e nais para que reciban postais.

Que máis queredes, malditos murmuradores! Que non merecedes nada! Isto si que é empregar ben os cartos en tempos de crise. Isto si que promove o bilingüismo harmónico. Para que queren os nenos da Galiza esforzárense en estudalo nas escolas se xa reciben en cómodas e triviais postais de resposta? E, ademais, como teñen que pagalas previamente, que saiban o que vale un ‘peine’! Le Nouveau Galicien Sans Peine. (El nuevo gallego sin esfuerzo, Métodos Lorenzo. Secretaría General de La Política de la Lingüístca). Así non se desbalde. Isto é administrar.

E, item máis, non sexades uns perversos pervertidos. Que sigan crendo nos Reis Magos, que así, xa por maxia, danche o galego por verniz. Total, para o que vale! Xa o dixo o Sr. Secretario Xeral de Política Lingüística, D. Anxo Lorenzo, home honrado onde os haxa. Con el coincide o Sr. Aznar. Por iso o escolleu o Sr. Feijoo para promover e enxalzar en Galiza o galego. E ben se notou o que avanzou. Ïades tan lanzados que menos mal que se vos puxo control. Dentro de pouco esfachabádesvos todos con tanta velocidade. Acougade un pouco!

Murmuradores de patacón! Nunca estades conformes. Xa Franco o dixo durante corenta anos: “Non dades aprendido nunca!”

quarta-feira, 10 de novembro de 2010

nontedurmas.com

Este resumo não está disponível. Clique aqui para ver a mensagem.

segunda-feira, 11 de outubro de 2010

O primate que fala


Definitio fit per genus proximum et differentiam specificam
horismós ek génous kaì diaforôn ésti
ὁρισμός ἐκ γένους καὶ διαφορῶν ἔστι

O animal racional,
o animal social, o animal político (segundo outra tradución),
o mono núo, o mono en coiros, o mono espido (tres traducións),
o primate que fala,
o primate que fala galego,
o primate que fala español,
o primate que fala inglés,
o primate que fala inglés variedade iankee.
Ben se ve que non sempre o home
-e a muller-, a persoa humana
ten a mesma esencia.
Para uns o xénero próximo é algo tan xeral
-o xénero sempre é xeral, xa a palabra o di:
xeral, adx., 'referente ao xénero'-
para eses o xénero é unha nota moi xeral,
como a animalidade, un supoñer, isto é,
a condición de ser pertencente
ao reino dos animais, distinto do das plantas,
dos seres micolóxicos e dos minerais.
Para outros o xénero próximo é próximo de verdade:
a condición de mono ou condición piteca,
a condición de primate, cumio da piteca,
por que non a condición pitecantantrópica?
O home simplemente é o xénero para a bioloxía divorciada da filosofía;
a persoa humana, esta da que coetaneamente temos experiencia,
é un homo sapiens malia a experiencia nos estar a dicir adoito e continuo
que a sabencia non se lle ve á maior parte delas
senón por azar ou por milagre algunha vez.

Mais isto da sabencia xa se refire á diferenza específica,
isto é, a aquela nota pola que a persoa humana se diferenciaría
dos demais seres que comparten con ela o xénero considerado,
supoñamos, a animalidade, a condición piteca,
a de primate, a pitecantrópica ou de homínido.
A definición "primate que fala" vén sendo empregada
pola filosofía próxima a sociobioloxía.
Agora ben, esa é unha diferenza específica auténtica,
verdadeiramente importante e pertinente,
razón de autenticidade, nobreza e plena humanidade?
Os nacionalsocialistas coidaban que o importante non é
a condición de falante, senón máis ben a da lingua que se falaba.
Os "gallegos" de hoxe, fieis aos seus formadores e políticos,
pensan que non é persoa humana auténtica
-polo que apenas se diferencia doutros primates ou homínidos-
aquela persoa que non fale ben o español e medio fale o inglés americano;
o de tamén falar galego é o de menos,
absolutamente prescindíbel.