"A factura da lingua", escribes?
Será un lapsus,"fallo"
da pluma ou ben da mente.
Porén será tamén
factura que pagamos uns e outros.
Factura e fractura asemade.
Fenda e freita
que nos vai xebrando,
uns para un lado e estoutros para o outro,
como as cabras e as ovellas algún día
do porvir apocalíptico e tremendo.
O conflito estivo sempre aí,
moito menos agochado
do que coidabamos ou quixemos ver.
Lembro.
Era o ano 2000. En plena era fraguiana.
Nunha reunión mensual
da xunta directiva dunha asociación,
aquel Paulo, esgrevio e alterado
-fóra da orde do día e dos asuntos-,
presenta como unha grande inxustiza a situación
dunha familia coñecida súa que seica acaba
de escolarizar unha filla nun colexio rural próximo á vila,
onde lle impoñen estudar en galego unha materia
ou dúas do currículo;
e el propón que as asociacións culturais
se ergan contra situacións semellantes.
Sorprendido e convencido
de que acontecía xustamente
ao revés en todas partes e, por tanto,
ben seguro que tamén naquel colexio,
reaccionei algo molesto, negándolle a maior, e desde entón
comezou a me ollar con receo o bo de Paulo.
Certo distanciamento entre nós de aí naceu e foi a máis.
Hai un ano, falándomos con vagar despois de moito tempo,
díxome nun momento que estaba de acordo con GB.
Non era cousa de facerlle fronte. Aínda así,
deixeille claro o meu disentimento,
tentei de o levar a outras perspectivas
para unha visión máis obxectiva e prácida da realidade. Había
outros vellos amigos na conversa. Pasou a cousa,
houbo colaboración mutua entre nós
a prol de causas nada interesadas
tanto dunha parte coma da outra.
Mais un certo receo
afástanos aínda, así e todo.
Hai unha fenda, hai unha freita,
unha fractura?
E unha factura que pagamos ambos, vítimas
dun problema que chanta as súas raíces
naquela mesma ideoloxía pola que
houbo sobre estas terras enfrontamentos cívicos crueis
e un millón de mortos antes de nós nacermos?
Lembro máis.
Foi o ano pasado,
cadrando coa semana das Letras Galegas. Outra persoa
membro da mesma xunta directiva, nun dos actos
perante abondo público asistente, maniféstase en contra
da poesía e lingua galega. É tamén amiga da casa
e, falando comigo, adoita expresarse en galego.
Alguén, alí presente, seu parente,
que mantivo ao longo de dez anos
unha amizade forte coa miña familia e comigo,
dinos ao final do acto en pequeno grupo
que tamén ela optaba polo castelán fronte ao galego
aínda que facía unha excepción nos días das Letras Galegas.
A que e de onde viñan aquelas reaccións
ao cabo de dez anos nos que non manifestaran
inquina semellante -preguntábame eu-,
xustamente no interior dunha asociación
que desde o primeiro día e sen exclusivismos
cultivaba e promocionaba a lingua galega?
Do ruxerruxe viña e ruín ambiente
creado no país polos predicadores mentireiros
da imposición do galego! Foron estes quen
de coa súa tesoura aguzada e punxente
criar freitas, rachaduras e desfeitas
nas amizades máis sinxelas e desinteresadas,
nas redes de mutua axuda
tecidas ao longo dunha década. Máis facturas
que estamos a pagar!
Se acontece así en pequeno,
que poderá acontecer en grande
ao que esa dinámica se espalle
como semella que ocorrerá,
pois niso se empeñan mesmo os gobernantes,
os chamados a uniren o pobo
nun proxecto común malia as diferenzas?
http://www.xornal.com/opinions/2009/07/08/Opinion/factura-da-lingua/2009070821493267611.html
Sem comentários:
Enviar um comentário