sexta-feira, 30 de dezembro de 2011
O primate que fala
sexta-feira, 16 de dezembro de 2011
Ven Don Benigno
VEN DON BENIGNO, VEN VALEDOR, VEN SALVADOR
XAQUÍN CAMPO FREIRE. NARÓN, 13-12-2011. (SANTA LUCÍA ME CONSERVE A VISTA).
Os que se chaman cristiáns andan agora polo Nadal enganando a xente. Fálanlles dun Mesías. Andrómenas! Non temos máis mesías que o Divino Don. Don Benigno! Non vos deixedes enganar. O único salvador é Don Benigno, o des-Valedor do pobo.
Por fin! Agora si que podemos dicir que é Nadal. Apareceu o señor, o que quita, o que arrinca, o que borra o pecado de Galiza. Ven, non tardes, señor! Ven, salvador!
Eu confésome pecador e agora sei por ti que no pecado me concibiu a miña nai. Deume un apelido ‘propio’ da Galiza: Freire. Que noxo, meu Divino Don Benigno. Non só iso: Aprendeume a falar en galego. Os pecadentos din que é o propio de aquí. Blasfemia! De lesa divindade! Menos mal que vés ti, salvador, redentor: O Divino Don Benigno.
Nin Estatuto, nin nacionalidade histórica, nin himno, nin bandeira, nin xeografía nin historia, nin Caixa, nin Nova. Galiza non ten nada propio. Foi embargada e vaise proceder ao desaloxo e despoxo inmediato.
Eu, O Divino Benigno, Autor, mestre e único interprete auténtico da única e válida lei, humana, divina ou dos avernos, así volo fago saber, coa anuencia do voso Presidente o Excelentísimo Don Feijoo e os seus anxelicais corifeos.
Ollo! Don Benigno non aparece por xeración espontánea. Vén precedido polo israel santificador que preparou os seus camiños: UPyD (Un Profeta y Divino. El está xa entre nós e non somos quen de desatarlle as cinchas da súa capa de súper Star.
Un pequeno pregoeiro, Jesús (o Vázquez), anuncia a boa nova. Escoitádeo! É el! Don Benigno, O Don, o Don Divino! El, quen nos di solemnemente: O meu reino non é deste mundo: Galiza non existe de seu. Foi expropiada. E todo canto tiña foi botado ao refugallo. Eu, xuíz divino, entendido na Lei e nos Profetas pronuncio o veredicto: O galego non é lingua propia da Galiza. Queimemos todos os libros que tal poñan como xa fixo o pregoeiro Jesús (o Vázquez) hai un ano cos libros de texto en galego.
Non dades aprendido. Sondes un pobo testán e ruín, de dura cerviz. Debiades ter moi claro o que xa fica gravado nas escrituras: Se de “Galilea non pode saír algo bo”, referíndose a Xesús, (non ao Vázquez),como é que pretendedes agora vós que a Galiza sexa de máis categoría, por moito que argumentades que tendes na orixe a raíz ‘Gal-?
Da raíz ‘gal-‘ non deriva como propia a palabra galego. Nin como adxectivo e moito menos como substantivo. Só como adverbio e interxección despectivos: Galego! Galego tiñas que ser! Da raíz gal-, no senso nobre, só deriva: Castellano.
Non dades aprendido. Xa volo dixo esa preciosa profetisa Rosa Díez, cando se referiu a don Mariano Rajoy. “Es muy gallego en el sentido peyorativo de la palabra”. Parece ser que ese é o único senso que temos os fillos desta terra.
E tamén a concellala de ‘La’ Coruña que suprimiu os conxuntos musicais autóctonos para no hacer unas fiestas demasiado gallegas. Eran tres ou catro. E iso que o seu pai, dixo ela, criouna en galego.
Aí tendes un exemplo. Esa aprendeu. Babiáns! Que sondes uns babiáns! A vós haivos que falar coma Paulo aos da Galacia, que tamén teñen a raíz gal-: Oh necios e estúpidos gálatas!
Na ‘miña’ Gramática castellana(1951) había esta poesía: “España se nos moría / a golpes de hoz y martillo, / pero Dios mandó a salvarla / a Franco, nuestro Caudillo!"
Nós só queremos o Divino Benigno que, coma Franco, apareceu: Por la G. De Dios, como rezaban as patrióticas pesetas. Ven, ven, non tardes! Oh, Divino Benigno!
Eu teño claro que mentres non esborranche dos meus xenes maternos o apelido Freire, nunca poderei pertencer ao teu reino, Divino Benigno. Piedade de min, Divino Benigno! Son Freire. Teño pecado orixinal: Son galego. Eu son propio da Galiza. E así me vai.
segunda-feira, 17 de outubro de 2011
Un concerto na menor
UN CONCERTO “NA MENOR”
Copio e encolo dun xornal dixital galego o texto da seguinte noticia:
“Este recital, enmarcado no 'Ciclo de concertos en catedrais galegas' programado pola Consellería de Cultura e Turismo, contará ademais co clarinetista Antonio Suárez que interpretará xunto á orquestra Gaos o 'Concerto para clarinete e orquestra na menor', tamén do xenio de Salzburgo.
“A Orquestra Gaos naceu en abril de 2009, formada por músicos de toda Galicia --na súa maior parte profesores e alumnos dos principais conservatorios galegos-- baixo a dirección de Fernando Briones.
“Nuns dous anos colaboraron coa orquestra 227 músicos galegos en 19 programas diferentes, a través de 30 concertos en diversos auditorios de Galicia.
“Así mesmo, este ciclo continuará o domingo, 16 de outubro, na Catedral de Mondoñedo ás 19.30 horas, tras o seu paso nos últimos días polas localidades de Tui, Ourense e Lugo.”
‘Misa de Réquiem en re menor’ (sic) e
‘Concerto para clarinete e orquestra na menor’ (sic).
Quedo pampo e estantío, sen ánimo sequera para botar as mans á cabeza e os meus ais e exclamacións ao aire, que serían de pasmo se da boca me desen saído.
Penso e pregunto sen palabras que sería o que aconteceu para isto se producir. Fago suposicións e trato de responder con sentido.
Sería unha tradución de máquina? Seguramente. Unha tradución sen corrixir? Poida que non; mais corrixida por unha persoa profana verbo do mundo da música. Unha tradución dun texto redactado orixinalmente, en que lingua? En castelán, con toda seguridade. E agora vén o colmo do meu pasmo, tanto que os que me ven neste estado, “xa todos prenden espanto”.
A causa do meu espanto vela aquí:
O xornal dixital de onde tomo a noticia, suponse que redacta os seus textos en galego, ou iso se deduce da súa oferta e presentación pública. Así que non creo que esta que nos ocupa, primeiro a escribisen en castelán e logo a pasasen pola máquina e a revisasen. Para que tanto traballo!
Non cabe máis ca unha explicación. A noticia foi redactada en castelán e así lle chegou ao xornal dixital, seguramente; ou na mesma orixe a traduciron maquinalmente, nunca mellor dito, e logo a mandaron.
Onde sería redactada a noticia? Suposición ben encamiñada: no organismo programador dese ciclo de concertos en catedrais. É dicir, na Consellería de Cultura e Turismo. Claro, onde ía ser!
Saio do meu pasmo, bórraseme o teso das faccións, xa ninguén de min prende espanto. Canxa todo, cadra tan ben…! Provén da mesma orixe de onde aquel famoso “Desván de los Monjes” de hai dous anos -lembren os lectores e as lectoras.
Ninguén se espante, pois logo, doutras tachas e eivas en que incorren os redactores dese texto, estoutras referentes á identificación e titulación correcta das obras interpretadas nos concertos.
A tales escritores, profanos no eido da música, quizais non lles haxa que pedir milagres. Porén un pouquiño máis coidado xa deberon ter posto, pobres. Vexamos cales son os títulos orixinais e máis usuais desas obras de W. A. Mozart, compostas en 1791, o derradeiro da súa vida:
Requiem in d-Moll (KV 626)
Konzert A-dur für Klarinette (KV 622).
Requiem en re menor
Concerto para clarinete en La maior.
Misa de Réquiem en re menor
Concerto para clarinete e orquestra na menor.
O que non ten escusa nin perdón é o título do concerto. Sobra o de “e orquestra”, pois nin pertence ao título nin se precisa; se non houbese orquestra, non se trataría dun “concerto”, senón doutra forma musical. Agora ben, iso de cambiarlle o modo á composición, chamándolle “menor” cando é “maior”! E o peor de todo, o colmo dos colmos da profanidade e da profanación faltaba aínda por vir: o de escribir “na menor” onde tiña que pór “en La maior”; ou, cometido o erro lingüístico e musical antecedente, “en la menor” polo menos.
Isto pasa en Galicia. Noutras partes, tamén?
quarta-feira, 21 de setembro de 2011
Políticos. Ruíns e porén necesarios
POLÍTICOS. RUÍNS E PORÉN NECESARIOS
Non sei que me dá chamarlles ruíns aos políticos; e ás políticas, que non as esquezo.
Se foren ruíns, non o son principalmente polo oficio. Sono máis ben polo xorne individual de cada unha das súas persoas. Cuestión de valores, das súas actitudes ante a vida e o mundo.
De ética, nunha palabra.
O caso é que os homes e mulleres dedicados profesionalmente á acción política non teñen dun tempo para acá moi boa sona, senón todo o contrario.
Acabo de escoitar pola radio que un dos políticos peor valorados pola opinión pública española ao longo dos últimos anos, case unha década, está a piques de acceder a un alto cargo de autoridade no Estado español. E así é ou así parece que vai ser!
Hai uns anos falaban entre si dous amigos meus referíndose ao irmán dun deles. Preguntáballe un ao outro se seu irmán seguía metido en política. Respondíalle o outro que así era por desgraza. Asentía o primeiro, dándolle a razón.
-Non a tendes –intervín eu–; cando menos, non vola podo dar de primeiras. Podedes tela no caso concreto de que falades. Agora ben, respondédeme a unha cuestión. Temos necesidade do labor que fan os políticos, si ou non? Coidades que sería mellor prescindir deles, acabar con eles?
Non me responderon. Coido que os fixen pensar. Ou non, ide vós saber.
Quero dicir, quixen dicirlles e aséntoo aquí e agora, que é bo que haxa políticos, por ruíns que eles foren.
Se non os houber, quen dirixiría a administración dos bens públicos? Ou seica tamén estes terían de ser eliminados, xuntamente cos políticos?
Daquela, en que mans estarían os nosos destinos colectivos, nos dos grandes propietarios? Nos dos ricos, claro está!
E volveriamos, logo, aos señoríos medievais? Ou ás monarquías absolutas do antigo réxime? Aínda así, estes señores ou monarcas tardarían moito en buscar os seus vilicos, os seus privados, os seus ministros -políticos á fin e ao cabo- que nos fixeren pasar polo aro?
Decididamente, é preferíbel escoller entre a rapa e a rebola antes de que o amo nos dea na testa coa rapa primeiro e despois coa rebola.
Dicían os nosos vellos: “Entre a rapa e a rebola, veña o demo e escolla”. Digamos por contra nós: “Entre a rapa, a rebola e o demo, escollamos entre todos nós, aínda que erremos como adoita acontecer; mais ninguén escolla por nós, xa que da función que eles fan non podemos prescindir.”
Que lle imos facer? Se non hai nada mellor, acollerémonos ao menos ruín.
De por parte, non todos os políticos son iguais. Aínda quedan por aí bastantes non ruíns, non malvados. Non son tampouco os menos numerosos. Quizais sexan, certo, os menos poderosos.
É iluso propoñer que optemos por eles, aínda que saibamos que non van ter moita influencia?
Poderán temperar a política dominante ou polo menos oporlle certa resistencia. Para que non nos envolva ou esmague a ruindade política imperante.
quinta-feira, 7 de julho de 2011
A perda do Códice Calixtino
A PERDA DO CÓDICE CALIXTINO
Pasmo, asombro, arrepío! Desapareceu da catedral de Santiago o Códice Calixtino! Desaparece precisamente no transcurso do ano en que se está a celebrar o octocentésimo aniversario do templo. Oitocentos anos e un bo pico ten o propio códice. Cando a obra románica da catedral se estaba iniciando, o Liber Sancti Iacobi estaba practicamente rematado e, polo que parece, tamén o groso do seu exemplar máis prezado e auténtico, é dicir, este manuscrito medieval iluminado que agora desapareceu, o chamado Codex Calixtinus.
Tras a noticia da desaparición, xurdiron os laios e as comparacións avaliadoras da súa gravidade: unha perda irreparábel, din uns; unha peza insubstituíbel, quéixanse outros; é coma se desaparecese o Museo do Prado, nota un historiador; era dunha calidade artística única, a xoia da catedral e da cidade, afírmase, polo que é preciso recuperalo.
É moi grande a perda, no caso de que se confirme e non se recupere? Éo, non caiba a menor dúbida. Isto afirmado sen reticencias, entremos porén en razón.
Perdeuse moito, perdeuse unha concreta obra de arte senlleira. Aínda así, o máis importante dela remanece. Enténdase ben o que digo. Comparemos. Das grandes obras da antigüidade clásica, grega ou latina, é un mal menor realmente acontecido o feito de que se perdesen os exemplares contemporáneos da súa publicación e primeira recepción polo público lector. Porén tales obras non se perderon, pois remaneceron na súa total ou case total integridade a través das múltiplas e sucesivas copias, e lecturas. Só a lectura dunha obra de arte literaria e a contemplación dunha obra de arte plástica aseguran a súa auténtica conservación.
En conclusión, o Liber Sancti Iacobi non se perdeu coa perda deste valioso manuscrito iluminado. Non se perderon a literatura, a música e as ilustracións do propio Codex Calixtinus, pois dispoñemos de moitas e boas reproducións de todas as súas páxinas. O máis importante remanece e boa falla nos faría a todos, e a este pobo desmemoriado con máis razón, a familiaridade con esa riqueza de contidos, testemuños dun dos tempos fundacionais deste país, non paradisíacos así e todo, deixándonos de fáciles mitificacións. Estoutra perda é moito máis grave, e dela poucos se queixan. Nin se erguen voces de alerta con ruído e escándalo.
Digamos sen receo que a perda do manuscrito medieval é unha metáfora axeitada da gran perda irreparábel que está a sufrir Galicia, a da súa identidade cultural e lingüística. A desaparición do Codex Calixtinus vén sendo o vehículo ou termo figurado; o teor ou realidade verdadeira á que se refire, o que de verdade se perde e de forma irreversíbel -o códice aínda pode recuperarse-, son a lingua e a cultura galegas.
Ninguén se escandalice da comparación que acabo de desenvolver. O profesor García de Cortázar fai outras, todas dentro do ámbito das artes plásticas. O grande Castelao fixera hai tempo a xa clásica entre o Pórtico da Gloria e a lingua. Porén hai a quen lle doe o simbólico e non lle preocupa o real! Deformacións! Ideoloxía! Estamos de loito!
quarta-feira, 13 de abril de 2011
O galego é insignificante
Cadroume hoxe mesmo a sorte de asistir a un solemne acto académico na Universidade de Santiago. Houbo discursos de dous profesores, galegos ambos, e expresáronse unicamente en lingua castelá. Houbo intervencións de alumnos e só utilizaron a lingua castelá. Ao final dixo unhas palabras o rector magnífico e fíxoo brevemente nun galego ben mal falado por certo. Unha voz foi, nunha parte do acto, pronunciando o nome dos alumnos homenaxeados. Os apelidos galegos pronunciounos á moda, a la mode, de Madrid (Tojeiro con /x/, por exemplo), e os portugueses igualmente (da Cunha como /dakúna/, Coelho como /koélo/, etc.), e tamén lle oímos pronunciar Lourdes como /loúrdes/e así outras paveradas que me fixeron pensar "E isto acontece na casa da ciencia, esta é a universidade de Santiago inserta no espazo educativo europeo!" Ignorancia monolingúe en castelán, única lingua do mundo! O galego pertence á orde das cousas insignificantes. Chego á casa e leo isto do amigo Xaquín Campo, que copio e encolo:
UNHA GARZA REAL SOBREVOOU O PENAL DE TEIXEIRO
XAQUÍN CAMPO FREIRE, MANDIÁ, 13-04-2011.
Benquerido amigo/a: Se buscas un notición, non sigas. Estoume a mover no terreo do “insignificante” para a ciencia. Lembras a “Milana bonita” de Delibes, o “Adiós, Cordera” de Clarín ou “O Pachín de Balbino”, de Neira Vilas? Vou máis por aí.
Martes, 12 de abril de 2011, ás 11,15, estabamos no patio do Módulo 7 uns vinte homes. Baixaran dos talleres para descansar un pouco. Comigo estaba un rapaz. Foi o primeiro que a viu: “Ollade! Unha garza real. Está desorientada. Perdeu o río. Despistouna esta mole de cemento”. Gravei as verbas na miña memoria emocional. Todos os ollos fitamos cara a ela. Durante uns minutos deu voltas e reviravoltas, moi amodiño. Incluso empezou a baixar. Certamente estaba desorientada. Deixamos as conversas para atender. E foise. Como ves, “todo insignificante”. Pero eu vin bágoas en máis dunha cara. A outro entendinlle entre dentes: “Eu non quero seguir. Estou cansado”. Aínda non tivemos tempo de falar do asunto. Tratarémolo no taller de terapia do próximo martes. “Ti non entendes o que significa isto para min!”, dicimos tantas veces. O valor dos significantes e dos significados. Eu nunca me unirei aos que se lles enche a boca dicindo: “Ata que podrezan no cárcere!” Entendo a rabia das vítimas. Solidarízome con elas. Mais non entendo a demagoxia de quen rabuña aínda máis nas feridas para que sigan sangrando. Iso non cura a ninguén. Dará a sensación de que imos de redentores. Así nos vai nunha sociedade enferma. Iso disque non é violencia.
terça-feira, 25 de janeiro de 2011
Desalmados
quinta-feira, 13 de janeiro de 2011
Quen nace hoxe ou renace galego?
“EU RENAZO GALEGO”
XAQUÍN CAMPO FREIRE.- 14-01-2011.
Non. Non me vou eu apropiar do que non é meu. Non quero que me “pille” a futura lei Sinde. Foi este un lema que fixo época dende hai 33 anos e percorre o mundo.
Abonda con pór a frase en calquera buscador na internet e aparecerá ben nidio o seu alcance. Incluso está en moitos poemas, mesmo musicados, por entendidos nesas artes. Quen o soubo recoller e espallar, como utopía e lema propio, foi Xosé Chao Rego.
“HAC LUCE”. Con esta luz. Este é o lema do campus universitario d’A Coruña no que nós, os de Ferrol, estamos incluídos. Ten como logotipo a Torre de Hércules, hoxe patrimonio da humanidade. Este é o faro esplendente e milenario que salvou vidas arreo e mesmo serviu de punto orientador para tantos mareantes incluídos os de terra adentro. É ben axeitado. Como axeitado resulta: “EU RENAZO GALEGO”.
Xosé Chao Rego, Párroco de Santa Mariña do Vilar, en Ferrol, vai ser recoñecido unha vez máis pola querenza dos máis sinxelos. “O povo é que máis ordea”.
O 21 de xaneiro, ás 18 horas, inaugúrase oficialmente o monólito que entre todos fomos.reclamando, aprobando legalmente e que agora vai ser colocado en tempo e forma no lugar onde sabemos que vai ser máis coidado e respectado.
Porque a persoa de Pepe Chao foi e segue a ser coma ese facho de luz dos mellores faros que en todo tempo serven de referencia inequívoca e inesquecíbel. Unha causa exemplar, diría Platón e os escolásticos.
Ese día tamén comeza Acuario. “Un acuario é simpático e humanitario. É honesto e totalmente leal, orixinal e brillante. Un acuario é independente e intelectual. Gosta de loitar por causas boas, soñar e planificar para un futuro feliz. Aprender do pasado, dos bos amigos, divertirse. Pola contra, a un acuario non lle van ben as promesas no aire e tampouco gosta de sentirse só. Non lle acae o groseiro e ordinario. É creativo e foxe das imitacións. Prefire ver o que hai e logo construír “ex novo”. Velaquí o noso logotipo.
“Un logotipo (coloquialmente coñecido en forma curta, logo) é un elemento gráfico que identifica a una persoa, empresa, institución ou produto. Os logotipos soen incluír símbolos —normalmente lingüísticos— claramente asociados a quen representan”.
“Na parroquia de Santa Mariña de Ferrol inaugurouse, posiblemente, un novo estilo, moi singular, moi vencellado a unha maneira de ser arrebatadamente creativa e próxima”. “Santa Mariña do Vilar segue sendo para min a gran verdade da miña vida”. (LÓPEZ MUÑOZ D., Conversa con Xosé Chao Rego, Xerais, Vigo 2002, p 41.) En Santa Mariña do Vilar somos conscientes de que estamos a inaugurar un novo logotipo que nos vai ser moi querido e entrañábel. Nós tamén: HAC LUCE.
Para que un logotipo resulte congruente e xeitoso ten de reunir estas características: Lexíbel. Reproducíbel. Distinguíbel. Memorábel. Neste caso danse esas condicións. E non estou a referirme tanto ao aspecto físico da pedra, que tamén. Porén, neste caso, quero salientar máis a persoa como distintivo, marca e símbolo de toda unha parroquia, dunha bisbarra e de toda a Galiza. Tamén dunha época histórica que fixo historia e marcou camiños. Multitude de camiños. Cando comecen as teses universitarias, con estudos serios e fondos, veremos a inmensa riqueza deste noso mestre de vida. Velaquí unha mostra:
“O galeguismo non é un vestido, especie de traxe rexional, senón unha militancia pola galeguidade, que consiste en facer explícito o que está nas entrañas do pobo.” “EU RENAZO GALEGO”. (LÓPEZ MUÑOZ D., Conversa con Xosé Chao Rego, Xerais, Vigo 2002, p. 151).
Parabéns para todos! Verémonos en Santa Mariña o 21 de xaneiro, ás 18:00 horas e baixo o signo de Acuario. E tamén RENACEREMOS GALEGOS.