Velaí xa próximo o Día das Letras Galegas 2012 dedicado a Valentín Paz Andrade, lerezán e pontevedrés de nacenza, ocorrida aquí ao lado do lugar onde eu resido desde hai vinte e sete anos. Este artigo conto con que saia impreso na revista Encrucillada, que mo pediu. Porén non aparece na súa versión dixital. Para que poida tamén quen queira lelo por Internet, velaquí o copio e encolo.
UNHAS SONDAXES EN VALENTÍN PAZ
ANDRADE
Por Xesús Portas Ferro
A figura de Valentín Paz Andrade
(1898-1987) é tan complexa, que se fai imposíbel neste espazo un tratamento
axeitado das facetas e angueiras da súa longa vida. Enxergalas na súa
extensión, sequera todas as importantes,
levaríanos a incorrer en superficialidade. Así é que determinei escolmar unhas
poucas para nelas detérmonos cun pouco máis vagar. O lector poderá moi
doadamente achar allures aqueloutra información que máis lle interesar.
O HOME
O
moinante de Lérez
Conversándomos unha vez sobre Paz Andrade, contábame
Engracia Vidal que tiña ouvido falar de don Valentín como “o moinante de Lérez”.
Sospeitei que o alcume tería un senso negativo. Consulteino con Xosé Álvarez
Castro, profesor de historia veciño de Lérez, e non me confirmou a sospeita.
Fíxome notar que, como Lérez levaba a sona de ter unha abondosa colonia de
moinantes, non lle estrañaba que a un lerezán os que non o eran lle puxesen,
máis ben en broma, un alcume así.
De alí a pouco, lendo a biografía de
Castelao escrita por Paz Andrade (Castelao,
p. 430), vin confirmada a hipótese de Pepe Álvarez. A don Valentín non lle
despracía o alcuño de moinante. Poida que o propio Castelao llo puxese, de
maneira semellante a como –cóntao tamén Paz Andrade– lle puxo “Cañoto” a Núñez
Búa no xantar galeguista da Barxa, en 1930.
Ao conto! Vivindo en Estados Unidos,
Castelao viaxou a Cuba para unha estadía
duns tres meses na illa. Certo día uns amigos fórono buscar ao hotel da Habana
onde paraba, e achárono enviso deitado por riba da cama. Preguntado por un
deles: “En que matinas?”, respondeu:
–Pois mirade, andaba a soñar con
Vigo. Ou, máis ben, en cando vivía en Pontevedra e ía á estación a despedir ao
moinante de máis vontade do mundo, cando marchaba para Vigo.
E aclara entre parénteses:
“Referíase ao autor deste libro”. Da anécdota soubo Paz Andrade por unha carta do rianxeiro,
en novembro do 39, desde Nova Iork a Rodolfo Prada, en Buenos Aires.
Lérez soa aínda hoxe como terra de
carteiristas. Cunha sorna especial, trazo que don Valentín considera, asemade
coa lingua, un dos máis característicos do galego adulto (Imaxe, pp. 47 e ss.), contaba que da derradeira vez que estivo
preso, en 1957, emprazaba os carteiristas encarcerados canda el a que lle
roubasen a carteira. Estes, despois de o intentaren en van, remataban
dicíndolle: “Mire, con vostede non se pode… porque é de Lérez” (A memoria, p. 267).
Os
de Paz e os Andrade
Alfonso
Paz-Andrade Rodríguez, escribindo hai uns anos sobre a vida de seu pai, fala de
dous tíos deste que exerceron sobre el decisiva influencia: o tío materno Juan
Bautista Andrade, poeta, introduciríao no tocante á literatura; un tío paterno,
Roque Paz, encamiñaríao nos aspectos social e político. De Roque Paz escribe
que era “republicano convicto
e confeso, persoa afable, de trato aberto e plural que o levaba a se relacionar
con xentes de toda índole: políticos, comerciantes acomodados e de influencia,
moinantes e, se cadraba, coa mesmísima Pepa a Loba, coñecida xefa dunha banda
de bandoleiros que cabalgaba polos montes da provincia.” E prosegue: “Do
primeiro herdou a paixón polas letras e o periodismo, do segundo o compromiso
coa sociedade” (O alento, p. 215).
Supoño que Alfonso
Paz-Andrade mesturaría referencias que escoitara de neno. Nas conversas con
Tucho Calvo, o relativo a Pepa a Loba e
á facilidade de entendemento con todo tipo de persoas refíreo don Valentín ao
seu avó por parte de pai. Érallo don Manuel Paz Torres, o da casa do Cristo, no
lugar lerezán da Santiña, case estremeira co barrio do Burgo Pequeno. O neto
apenas o coñeceu e pouco máis del lembra ca o espectáculo da condución do seu
cadaleito –di Valentín que ocorrería tendo el aínda non cinco anos. Foi este
Manuel Paz o patrucio dunha familia podente na zona do Burgo e metade sur da
parroquia de Lérez, propietarios de valiosos predios urbanos e rústicos deica
casemente o día de hoxe. Roque Paz non debeu de existir. Don Valentín cóntalle
a Tucho Calvo que un tío político seu chamado Roque Rodríguez Castro interveu –á
xunta con Francisco Paz, seu pai, e con Juan Bautista Andrade– a prol de matriculalo en Dereito, e non en
Medicina como pretendían, falecida moi nova súa nai, as demais mulleres da
parentela. Pepe Álvarez faime saber que un tal Roque, pertencente a esta
familia, foi tido polos agrarios como un cacique.
Semella máis prezada
aínda, para don Valentín, a influencia dos seus ascendentes por parte da nai.
Co avó materno conviviu máis preto e máis tempo. Érallo don Manuel Andrade
Carlín, pequeno fidalgo oriúndo de Brandomés (Brandariz, Vila de Cruces), onde
posuía un pazo coidado por caseiros. Foi home “pacífico e sentencioso”, recolle
Tucho Calvo. Maior “arrufo” tiña a avoa Rosario, sobriña do derradeiro prior do
mosteiro bieito de Lérez e primeiro párroco tras a exclaustración, frei Juan
Arribas. Deste conta que loitara na terceira guerra carlista e que deixou en
herdanza á familia as armas que nela usara.
Tanto súa nai Matilde coma
Juan Bautista, irmán dela, naceran e criáranse no antigo mosteiro, casa reitoral
xa daquela. En cambio, Valentín e mais
súas irmás naceron xa no lugar do Socorro, que estrema polo norte co da
Santiña. Alí o crego Arribas erguera dúas casas xemelgas adheridas, a onde se
retirou e morreu. Nunha vivía a familia Paz Andrade e na outra, o tío Juan
Bautista, casado coa mestra de Lérez que lle ensinará as primeiras letras ao
cativo do sobriño.
Foi Juan Bautista Andrade
poeta en castelán, ben prezado no seu tempo. A súa poesía e a de Amado Carballo
teñen puntos de contacto. Deuse un bo entendemento entre el a Castelao e a
especial amizade entre Paz Andrade e o rianxeiro seica arraigou a través do tío
poeta. O sobriño, que o caracteriza como seguidor de Alfredo Brañas e nacionalista
democristián, confesa que lle debe “o sortilexio das letras e a paixón por
Galiza” (A memoria, p. 19).
Con Deus e co demo
Conta
Paz Andrade que, despedíndose unha vez dun labrego seareiro do seu bufete
porque estaba a piques de iniciar unha das súas delongadas viaxes por América, vai
e dille o paisano:
-Pois logo, xa que para
tan lonxe se encamiña, que Deus lle dea a súa compaña. E mailo demo, pois é ben
certo que un sin o outro non se apañan (A
galecidade, p. 156).
Paz Andrade anda a
identificar nas obras do novelista brasileiro Guimarães Rosa restroballos da
lingua e ethos galegos, conservados no
interior do Brasil. Un pouco máis enriba do parágrafo citado, quén sabe se
referíndose aos personaxes das novelas rosianas ou á idiosincrasia do pobo
galego –se cadra, testemuñando máis ben a propia experiencia–, escribía:
“Agora, aínda que sexa de esguello, cómpre botar unha ollada ao demo. Mentras
Deus impón pacificamente súa lei, non pasa outro tanto coa contrafigura. Ao
primeiro acátase, reverénciase, adóurase… Co segundo un esguéirase, loita ou
chega a un pauto... Mais sempre a dicotomía asim trabada anda a presidir a
procisión dos nosos días” (A galecidade,
pp. 155-156).
Non é o caso de nos
determos moito espazo a considerar a relixiosidade do cidadán Valentín Paz
Andrade, xa que a outra parte enxergamos. Porén algo diremos da súa
relixiosidade.
Tratándose dun home que se
definiu claramente como liberal e republicano, nalgún momento puido sentir
certa desafección verbo das crenzas e prácticas relixiosas da familia. Semella,
porén, que non a levou nunca a cabo, senón que con maior ou menor adhesión se
mantivo na fe recibida. Na súa correspondencia epistolar recorre por veces a
fórmulas feitas como “grazas a Deus”. Este seu Deus era un Deus galeguista;
segundo lemos nunha carta de xuño de 1977 ao P. Isorna, forman parte da divina
compaña Castelao e mais Otero e Rosalía: “Deus fixo o demais. Deus e aquela
constelación que vai de Rosalía a Ramón Otero, con Castelao no meio, e que
desde o Ceo vela por nós, como esteos da Galiza que eles ensoñaron” (Epistolario, p. 206).
Referíndose á reacción de
Castelao tras a escisión da Dereita Galeguista por obra de Filgueira Valverde e
outros cristiáns do PG pontevedrés, Paz Andrade remarca, coma quen as
compartise, estas razóns do rianxeiro: “Quixera demostrar que un galeguista
verdadeiramente cristián non ten por que arredarse do noso Partido, nin para
preservar o cristianismo da súa Terra, nin para salvar a súa propia alma” (Castelao, p. 347). Dun xeito semellante,
é dicir, nun ton de aprobación, refire que, ao que Castelao se instalou, en
Buenos Aires, no apartamento da rúa Belgrano que lle buscaran os amigos, fixo
substituír o crucifixo convencional que encontrou no dormitorio, por un cadro
no que unha imaxe sedente de Cristo glorioso enchía, á maneira dunha miniatura,
a primeira letra románica destes versos de Cabanillas (Castelao, pp. 446-447):
Bendecide,
Señor, nosa Terra e noso fogar
e mantede por
sempre encendida
a fogueira do
espírito na vida
e a fogueira
do lume no lar.
Porén Osorio Tafall, cando
conta que, a petición de Valentín e máis ben por compromiso, conseguiu a través
doutros unha audiencia con Pío XII para aquel e a súa dona Pilar, dá e entender
que o interese e mais o entusiasmo co que volveron, foron cousa sobre todo de
Pilar e que só ela rezou aquel día (Homenaxe,
p. 17).
A arte da negociación e o entendemento
Boa falta lles fixo a
axuda de Deus e a de moitas persoas. Que unhas veces acadaron e outras lles
faltou. Contra a fin da súa vida seica don Valentín se queixaba –cóntao Osorio
Tafall (Homenaxe, p. 18)– de que,
tras o levantamento militar do 36, moitos dos que lle debían favores e amizade,
o deixaran illado. O certo é que Paz Andrade antes, entón e despois soubo
bandearse entre os “outros” con máis sorte ca desventura.
Para iso non dubidaba en
acudir a quen for. Así, nos primeiros días do levantamento valeuse dun seu
amigo e seareiro, nomeado polo novo réxime alcalde de Salvaterra, para pasar a
Ramón Martínez López a Portugal. Así, anos despois, faltando poucos días para
unha viaxe de traballo a América e vendo que no goberno civil lle estaban
denegando o visado, recorreu directamente ao ministro Solís Ruiz con inmediatos
resultados satisfactorios.
Seica tiña unha arte
especial para o trato con persoas de diferentes posicións políticas e
ideolóxicas, máis ou menos afastadas das súas. El, de por parte, tendía a
procurar a integración das diferenzas. Nesa capacidade e valentía deberon de
reparar os que na transición do réxime franquista á democracia o escolleron
para os representar en diversos organismos e plataformas, incluída a
candidatura ás cortes constituíntes ou a Comisión dos Dez representantes da
oposición para negociar con Adolfo Suárez certas liñas do proceso de
transición.
Da referida arte viña
dando amosas desde moi novo. Ao que lle suspenden o xornal Galicia durante a ditadura de Primo de Rivera, ás poucas horas
colle o tren e xa en Madrid, canda dous amigos partidarios do réxime,
preséntase diante do propio ministro de gobernación, o xeneral Martínez Anido.
Consegue no momento que este ordene ao gobernador civil deixar sen efecto a
orde de suspensión. Pouco lle había de servir, así e todo, tal revogación.
Toca moi próxima ao noso
tema a estreitísima relación que mantivo con Portela Valladares. Paz Andrade
houbo de acadar a acta de deputado para as constituíntes da República, a carón
de Castelao; por certa xogada do Partido Radical non a acadou. Ás eleccións de
febreiro do 36 presentouse dentro da candidatura de Portela Valladares, unha
opción de centrodereita, des que os galeguistas lograran meter un só nome, o de
Castelao, na coalición esquerdista da Fronte Popular. Na biografía de Castelao
non se refire para nada a este episodio; si constata os votos cos que saíron
elixidos Castelao e Portela. El quedou outra vez sen acta. Nas conversas con
Tucho Calvo esténdese abondo sobre o caso (A
memoria, pp. 119-120). Di que lle pediu consello a Castelao e que este llo
aprobou. Non por iso se afastou do PG; mais, coidando inconveniente asistir á V
Asemblea Nacionalista, que se celebrou daquela, confioulle a Afonso Daniel o difícil
papel de explicar aos irmáns o acordo ao que entrambos chegaran. Seica, ao que
comezou a explicación, Castelao rompeu a chorar e xa non puido seguir, senón
que contaxiou aos demais o seu desacougo.
Debeu de ter fondura a súa
relación con Portela Valladares. É o que deita da frecuencia e o teor da
correspondencia epistolar entre ambos, sostida deica a morte do ex ministro (Epistolario, passim). Na biografía de
Castelao, o biógrafo leva o lector a prezar grandemente El Pueblo gallego, que, a partir de 1927, cando Portela o tomou nas
mans, acollera moitas plumas de orientación galeguista que primeiro escribiran
no Galicia. De por parte, as aproximacións
de Portela ao galeguismo son salientadas nese mesmo libro con ocasión e sen
ela: participación no pacto de Barrantes, asistencia á recepción dos deputados
galeguistas pola Generalitat de Cataluña, compromiso afouto co Estatuto do 36…
Máis un caso de bo
entendemento de Paz Andrade cos representantes doutras opcións é a amizade que
o ligou a Bibiano Fernández Osorio Tafall, significado militante da ORGA e de
Izquierda Republicana, abondo distante do galeguismo; segundo confesión deste,
toda a vida habían manter entre eles frutíferas discusións referentes ás súas
diferenzas de visión política. Con Osorio Tafall mantivo adoito correspondencia
e encontros. Foi este quen o puxo no camiño de se facer especialista nos
problemas da economía da pesca, des que o convidou a participar como profesor
nos cursos de capacitación pesqueira que organizaba sendo director rexional da
FAO para América Latina.
DÚAS ANGUEIRAS
SOCIOPOLÍTICAS
O
xornal Galicia
En 2003 a sección de comunicación do
Consello da Cultura Galega realizou un xeitoso estudo deste periódico. No
limiar do libro que sobre el publicaron, Xosé López García, coordinador do
equipo, resume así o seu sentido: “O xornal Galicia
non só constituíu un dos medios máis modernos do seu tempo, senón un dos máis
reivindicativos, feito que implicou non poucos problemas para os seus
responsables, pero que foi un dos chanzos ascendidos cara ás liberdades de
prensa e expresión, tal como as coñecemos na actualidade” (O alento, p. 5). E máis embaixo, introducindo a análise critica do
xornal, asina con Rosa Aneiros Díaz estoutro xuízo: “O seu nacemento supuxo un
paso adiante no proxecto de modernidade que o galeguismo defendía nun momento
en que a maioría dos medios de comunicación existentes apenas realizaban
achegas de innovación xornalística” (o.c.,
p. 71). Galicia. Diario de Vigo
converteuse de contado no terceiro en difusión entre os moitos xornais que se
editaban en Galicia, a pouca distancia tras o Faro e La Voz.
Valentín Paz Andrade dera moi cedo
os primeiros pasos no xornalismo. Estudando en Santiago, colaboraba xa en distintos
periódicos. Desde África, onde estivo mobilizado pouco despois de acabar
Dereito, enviaba crónicas da vida na milicia. Ávolta, viviu un tempo na Coruña.
Alí, na dirección de El Noroeste,
xurdiu a idea de fundar en Vigo un xornal semellante e Paz Andrade ía ser o redactor
xefe. En realidade, pasou a ser o director desde o segundo número, por dimisión
da persoa en quen se pensara para o cargo. O xornal saíu por primeira vez á rúa
o 25 de xullo do ano 1922 e Valentín non tiña máis ca vinte e catro. A competencia
recibiu o Galicia como “ese periódico
dirigido por un menor de edad” (Castelao,
pp. 209).
Porén o invento foi avante e tirou
moi ben. O director e o seu equipo, ao que pertencían Roberto Blanco Torres e o
redactor xefe Manuel Lustres Rivas, sabían ben o que querían. Independencia,
liberalismo e galeguismo eran os principios inspiradores do seu labor. Desde o
primeiro editorial estableceuse como un dos principais obxectivos o de crear e
potenciar a vida espiritual de Galicia. De por parte, prometía converterse nun
medio imparcial e sereno, aberto ás terras unidas á nosa por vencellos de
natureza e civilización –España e
Europa– e polos de sangue e alma –Portugal e América. Outros elementos formais
e de contido facíano senlleiro. Os demais xornais de Galicia saían sen editorial;
entre os españois soamente o introducira El
Sol, xornal liberal de Madrid. Editorial, caricatura e artigo humorístico
eran elementos que non debían faltar en cada número.
Castelao e Juan Bautista Andrade
abriron a nómina de colaboradores asiduos do xornal; aquel, coas súas
caricaturas, cousas e retrincos; este, coas súas prosas poéticas. O amplo elenco de colaboradores
incluíu as mellores plumas galegas, especialmente as máis significadas dentro
do galeguismo. Aínda que escrito maioritariamente en castelán, acolleu
colaboracións en galego: as de Castelao, as “lerias” de Vicente Risco e os poemas
e prosas de diversos autores coma Otero Pedrayo e mais Ramón Cabanillas, quen durante
unha tempada exerceu asemade como administrador do xornal.
A
cousa, como adiantamos, non rematou ben. A irrupción da ditadura en 1923 e a
independencia editorial do medio verbo dos valedores daquela foron as causas do
comezo do declive. A censura case non os deixaba traballar. A revogación da
suspensión gobernativa de 1925 permitiu que o esmorecemento transcorrese máis a
modo; mais o pechamento chegou por inanición económica, interpostos asemade
serios conflitos co persoal empregado, en 1926.
Porén
Valentín Paz Andrade non remata aquí o seu labor no xornalismo. Desde
principios dos 40 deica o solpor dos seus días, dirixirá a revista Industrias pesqueras. De por parte, colaborará
arreo en distintas publicacións periódicas, non só galegas, senón tamén de
ámbito español e mesmo americano. A simple relación das súas “colaboracións,
artigos, reseñas e participacións en obras colectivas” preparada por Charo
Portela Yáñez para a bibliografía introdutoria ao Epistolario ocupa nada menos que once páxinas (o. c., pp. 47-57).
A militancia galeguista
Tamén
é temperá a militancia galeguista de Paz Andrade. Asistiu á II Asemblea
Nacionalista (1919) en Santiago. Ao remate organizouse un mitin tendente á
extensión da idea entre os escolares universitarios. Destes, el e mais Eugenio
Montes foron os elixidos para falar no acto. O seu froito foi a creación
inmediata do Grupo Autonomista Universitario, con Paz Andrade como presidente.
Tras
a fin da ditadura de Primo de Rivera, celébrase a IV Asemblea Nacionalista (1930)
na Coruña. Aquí tómase, entre outras resolucións, a de promover a constitución
dun partido á parte das Irmandades da Fala, unha vez desbotada como saída máis
oportuna a tendencia, encetada por algúns membros notábeis destas, a militar
politicamente na ORGA (Organización Republicana Gallega Autónoma). Secundando a
nova liña de acción, Paz Andrade asumiu un rol dianteiro ao crear na cidade de
Vigo o Grupo Autonomista Galego, promotor principal dos actos centrais do Día
de Galicia daquel ano, o primeiro que se celebraba desde 1923. Reuníronse en
Vigo os persoeiros das organizacións de filiación galeguista da provincia de
Pontevedra e mais algúns de fóra, coma Otero Pedrayo e Cuevillas. Pola mañá un
gran mitin presidido por Cabanillas encheu o teatro García Barbón. Como
oradores interviñeron Otero, Castelao e Paz Andrade. Ramón Piñeiro, andando o tempo, ponderará moi
positivamente a intervención deste e cualificará o acto como “a manifestación
máis xurdia do renacer galeguista daquel tempo” (Homenaxe, p. 91). Á tarde foi o xantar da Barxa, inmortalizado polo
inspirado poema, auténtico credo do galeguismo, que nel recitou Cabanillas.
Foi
Valentín Paz Andrade un afervoado orador político. El mesmo se gaba de apurrar
en Castelao tanto a se presentar ás eleccións para deputado das constituíntes (1931)
como a vencer o seu receo a falar nos mitins. Un a carón do outro fixeron animadísima
campaña electoral por todo o territorio provincial, falando ao pobo nos adros e
nos eirados, ao aire libre.
Tras
as eleccións, uníronse as distintas organizacións locais e constituíron o
Partido Galeguista, do que Castelao foi nomeado secretario político. Co chamado
Bienio Negro producíronse os traslados
forzosos de Castelao e do secretario de organización Bóveda, funcionarios
públicos ambos, fóra de Galicia (1934). Desde Badalloz Castelao escribiu a
Valentín propóndolle que asumise temporalmente o desempeño da secretaría
política. Teño lido en moitas partes que Paz Andrade aceptou e cumpriu o
encargo. Non tal. Respondeulle por carta que non podía nin debía. Castelao
escribiulle de volta facéndolle saber que, aínda que non a entendía ben,
aceptaba a escusa e que xa lle escribira a Antón Vilar Ponte para que o
substituíse el (Epistolario, pp.
80-81 e 257).
Do
ocorrido na V Asemblea Nacionalista, tocante á súa inclusión na candidatura de Portela
Valladares, abondo fica dito enriba. Isto afrouxou a súa actividade na
organización. Ramón Piñeiro entende que daquela causou baixa no partido; Paz
Andrade afirma o contrario. Desde unha posición derradeira participou na
campaña a prol da aprobación do Estatuto de Autonomía, votado o 28 de xuño do
36, na que tamén se implicaron decididamente Portela Valladares e El Pueblo Gallego. Escribirá anos
despois Paz Andrade: “As forzas políticas galegas deron un exemplo de visión e
solidariedade, no que aínda se non chegou a recuncar” (Castelao, p. 363).
Nos
meses seguintes ao estalar da guerra, o home político tivo abondo con
protexerse e protexer a outros da cadea ou da morte, ás veces con suceso e ás
veces en van, como aconteceu cos seus intentos de evitar a execución de
Alexandre Bóveda. De alí a pouco chegoulle o desterro en distintas localidades
da provincia de Ourense desde setembro do 36 a decembro do 37.
Tras
a constitución do Consello de Galiza en Montevideo (1944), Castelao escribiu
senllas cartas de idéntico teor a Otero Pedrayo e a Paz Andrade: tentaba de
buscar persoas que se organizasen para apoiar no “interior” a estratexia que se
planeaba no exilio. As cartas chegaron aos seus destinatarios de man en man,
último elo as de Ramón Piñeiro. A Valentín entregoulle a súa no Hotel Gran Vía
de Madrid. A Otero levoulla persoalmente a Ourense e asistiu á lectura.
Salienta o recadeiro que don Ramón se emocionou grandemente mentres a lía.
Finado Paz Andrade, Piñeiro contou o caso como un sinal de que “Castelao no
exilio conservaba a confianza política en Valentín” (Homenaxe, p. 91). A carta achéganola este, comentada, na súa
biografía de Castelao (Castelao, pp.
454-456).
Non
eran tempos para arriscarse abertamente a unha acción política contra as forzas
imperantes. A acción cultural semelloulle unha liña máis eficaz e prudente á
maioría dos que estaban dispostos a facer algo, algúns xa abondo escarmentados
de probaren outra cousa. Logo ocorreu o pasamento de Castelao (1950). Despois
de que Otero Pedrayo o fose ver (1947), Paz Andrade prometeu e proxectou
facerlle unha visita; mais non chegou a
tempo.
Este,
cadrando coas súas viaxes e estadías en
América desde a ano 1950 en diante, unhas veces como técnico da FAO e outras expresamente
convidado polos galegos no exterior, estableceu unha densa rede de relacións cos
nosos exiliados e emigrados naquelas repúblicas. Coma se quixese suplir a falta
do finado Daniel. Con moitos deles mantivo abondosa correspondencia.
Durante
unha desas ausencias, reuníronse os futuros fundadores da editorial Galaxia. Aínda
que lle ían editar Sementeira do vento,
semella que Paz Andrade sentiu sempre certo receo ante este grupo e a súa
actividade. Poida que fose porque apenas contaron con el: a Tucho Calvo
queixóuselle de que só se lembraban del para lle pedir cartos. Poida que fose
porque asemade disentía bastante da liña que seguían; parecíalle pouco a busca da
recuperación de Galicia co tratamento de temas literarios e filosóficos –o moi
barallado culturalismo ou, como el dicía, o lirismo–, preterindo a contribución
esencial das accións e os estudos socioeconómicos. Na súa correspondencia (cfr.
Epistolario, pp. 125, 128, 138…) lense breves críticas indirectas ao grupo e ao
seu labor. Na autobiografía conversada é moito máis directo. Porén foron
fluídas as súas relacións con Ramón Piñeiro, incluídas as epistolares, e mais con
Fernández del Riego; con quen non debeu de se entender ben nin mal, foi con
García-Sabell.
A
atención preferente ao eido socioeconómico foi unha teima permanente de Paz
Andrade. Nunha carta a Núñez Búa matina en xustificar tal necesidade e a de lle
sacrificar outras dedicacións, entre elas a creación literaria (Epistorlario, p. 179). Ao parecer, era tamén
a liña preferida por un grupo importante de exiliados e emigrados, ou así o
salienta Díaz Pardo (Homenaxe, pp. 53-56).
Dentro do largo e heteroxéneo elenco da militancia galeguista, Paz Andrade
formou na clase dos que, sen rexeitaren o pensamento nin as accións culturais
ou directamente políticas, se comprometeron na teoría e na práctica –mesmo como
empresarios– co desenvolvemento socioeconómico do país. Pódese, pois logo, encadrar
no grupo de persoeiros do galeguismo onde caberían Enrique Peinador, Luís
Seoane e Isaac Díaz Pardo.
Nas
negociacións da transición á actual etapa democrática Paz Andrade tivo unha
notábel intervención. Semella que chegou a se ilusionar bastante diante das
perspectivas que se abrían. Finalmente experimentou unha inmensa decepción. A
necesaria unión de todas as forzas democráticas galegas, incluída a
reconstitución do Partido Galeguista, medios que el propugnou abertamente,
resultaron imposíbeis. Cando finalmente se funde en Poio un raquítico PG, aínda
que asista á convención, non se sumará.
O
seu obxectivo maior para Galicia, nesta altura coma outrora, pasaba por unha
grande converxencia das mellores forzas e persoas de valer que, como se
pretendera xa na convocatoria da II Asemblea Nacionalista (1919), aínda que non
se sentisen nacionalistas, visen
claramente a necesidade da descentralización e dunha vigorosa actuación cidadá
en procura da “redención espiritoal, política i económica” de Galicia (Castelao, p. 167). Porén, nin antes se
lograra –e láiase expresamente da exclusión dos agrarios– nin finalmente na
transición do franquismo á democracia, esta vez pola “teimosía da oposición en
se presentar á loita (electoral) esmigallada” (A memoria, p. 423) e pola formación das listas da UCD con persoas
irrelevantes ou recuperadas do réxime franquista.
O
ESCRITOR
Obra abondosa e diversa
O
artigo periodístico breve, o ensaio curto integrado en obras colectivas, o
tratado extenso sobre temas sociais e económicos, as conferencias pronunciadas
en tribunas moi diferentes, a oratoria política e a xurídica. En todos estes
xéneros foi abondosa a contribución de Valentín Paz Andrade dentro da cultura
galega. Enriba quedan feitas referencias soltas a algunhas producións súas
neses xéneros. Deterémonos un pouco máis nestoutros: o ensaio de crítica
literaria e biobibliográfica e a creación lírica.
En
canto ao primeiro, son sobranceiros os libros nos que estuda as primicias da
obra de Valle Inclán, os trazos de galeguidade na narrativa de Guimerães Rosa
e, finalmente, a vida e a obra de Castelao. Maiormente este último, Castelao na luz e na sombra. Trátase
dunha obra de grande alento. Achéganos nela o Castelao vivo e encadrado no
discorrer da intrahistoria e no ambientes artístico, social e político que o
rodearon. Outra dimensión da obra é a autobiográfica, como ben se decatou
Filgueira (Homenaxe, p. 29).
Segundo
Ramón Piñeiro (Homenaxe, pp. 94-95),
a necesidade de cubrir a falta dunha biografía completa de Castelao fora
barallada nunha conversa entre Paz Andrade, Rafael Dieste, el mesmo e outros.
Alguén apuntou que Dieste e Paz Andrade serían os máis indicados para a
escribiren. Propúxoselle en firme e Paz
Andrade seica se escusou con que era moi
difícil e desatendeu a angueira. Mais ao cabo duns anos, remata Piñeiro,
apareceu o libro.
A
cousa non debeu de ser tan así. En primeiro lugar, porque, aínda que a
elaboración do libro ocorreu entre os anos 1980 e 1982, o proxecto concibírao
Paz Andrade moito antes. En 1969 expúñalle o plan a Rodolfo Prada e pedíalle
que, asemade con Núñez Búa, recadase en Buenos Aires o material para a obra (Epistolario, p. 198). De por parte, o
mesmo Ramón Piñeiro foi sabedor da elaboración desde os inicios, quizais en
marzo de 1980, cando se lle pide colaboración (Epistolario, p. 220). A sorpresa, se a houbo, sería polo resultado.
A poesía
Paz Andrade
foi precoz en case todas as súas actividades. Home de acción ante todo –como
remarcou Blanco Amor no prólogo a un dos seus libros (Anunciación, p. 8)–, tamén ao pensamento e á palabra acudiu como
medios para a acción. Coma se, antes de Austin e da teoría dos actos de fala, comprendese
que unha das funcións da linguaxe é a de ser un instrumento para a acción.
Porén hai un uso da linguaxe onde, se cadra, a vertente pragmática é menos
importante. Refírome á poesía. No referente á creación poética a actividade de
Paz Andrade é ben serodia.
De
feito, hai que esperar a 1955 para, tras a publicación de Pranto matricial en Buenos Aires, probarmos as primicias do seu
“robusto e sonoro estro épico” (Ferrín, p. 57). Trátase dun canto elexíaco á
morte de Castelao, “solemne y bellísimo” a sabor de Blanco Amor (Anunciación, p. 9). Ao longo de seis poemas
vai deitando o sentimento solidario do pobo, da terra e do mar, desde os
galegos deica os de América, pola dobre ausencia de Daniel, na espera do seu
retorno. Velaquí, como proba, un treito do titulado “Door da paisaxe” :
Das augas
deloridas, doce pranto
que escorra pola
faz das alboradas
deica a raís das
herbas,
distilado na pinga
dos orballos,
e dea seu latexo a
noite e día
nas rezadoras
choivas que soerguen
o canto-chao das
tellas,
i o responso
románico das gárgulas
sobor das pedras
mortas de Sant Yago.
A
recepción foi moi boa, sobre todo entre os exiliados e emigrantes. Tal suceso
houbo de o animar, pois xa desde 1956 irá compondo aos poucos varios poemas coa
mesma combinación métrica de hendecasílabos e heptasílabos que usara no pranto.
Esta combinación viña sendo empregada por Lorenzo Varela nalgún dos seus poemas
máis célebres, coma “María Pita” ou “Compañeiros da miña xeración mortos ou
asesiñados”.
Neses
mesmos anos Paz Andrade retoma e revisa parte dos versos que, cando o desterro na
serra de Queixa, escribira para matar o tempo de vagar. Estoutros, cando non
moi mudados, revelan unha maneira distinta de compoñer: usa sobre todo o
octosílabo, aproxímase ao neopopularismo característico dalgúns poetas do 27
español e algunha vez ás fórmulas características de Amado Carballo e os seus
imitadores. Tamén estoutras fórmulas serán aproveitadas por Paz Andrade para
algúns dos poemas novos que escriba entre 1956 e 1967, como se pode ver na
“Cantiga matinal de Samil”, cuxa primeira cobra é esta:
Bañado
na onda do mare
e
peneirado na brisa
entre
as palmas do mencer
entrou
en coiros o día.
Núñez
Búa, que mediara en Buenos Aires para a publicación do pranto, debeu de coñecer
os novos poemas e encirrar no autor a publicar outra vez. Tal é o senso da
carta de decembro de 1964 onde, desaprobándolle o escaso cultivo das súas
capacidades para a creación literaria, o emprazaba a se emendar aínda que fose
con mingua da prosa xurídica e a dos negocios (Cfr. Epistolario, p.178). Escusouse Paz Andrade coas adversas
circunstancias do pasado, que tal cultivo impediran, e reafirmouse na
necesidade de se entregar ás tarefas que o ocupaban. Porén á hora da verdade
fixo o contrario. En 1966 Blanco Amor puido ler xa a maior parte dos poemas que
ían formando Sementeira do vento
(1968) e valoralos como “goterones maduros de una vida de alta condensación,
(que) tienden a formar caudal y a correr juntos en el cauce de un libro” (Anunciación, p. 9). No libro inclúense,
como derradeira sección, os poemas de Pranto matricial. Ademais destes, contén
algúns outros bastante logrados.
Na
década seguinte, a penúltima da vida do autor, este irá preparando a súa
derradeira entrega lírica, Cen chaves de
sombra (1979). A segunda sección, con nove composicións, vén sendo a principal
do libro. As oito primeiras de tal sección, escritas todas en 1976, semellan
compostas adrede para rememorar feitos notorios de morte e represión padecidos
polos demócratas galegos na guerra civil. A terceira sección, “Romanceira de
Casteligo”, está formada na maior parte por romances narrativos escritos en
1937, durante o desterro en terras ourensás, e traídos acá sen, ao que parece,
importante revisión. Con todo, ao meu
entender, os mellores poemas están na primeira sección, introdutoria ao
conxunto, e na cuarta e derradeira. Esta contén os oito poemas breves que
compoñen a elexía pola morte de Otero Pedraio, titulada Agora eres canzón. Velaquí o derradeiro:
Agora eres canzón de ronda
eterna
que se repón á morte e remanece
no ronsel do teu pulso
polifónico,
nos ecos que devolve o teu
falar,
dos “señores da terra” na
memoria.
Eres canzón da fonte das
galaxias
pra unha Galiza que te dou no
tarde,
alongando no tempo a súa voce
para a deixar na túa mesturada,
de sorte a ser hora tras hora
ouvida
na lira das estrelas
polos que somos sombra dos
camiños.
Cen chaves de sombra constitúe o testamento lírico dun loitador. Segundo o seu prologuista Lorenzo
Varela, trátase dunha poesía cívica na corrente de Curros e de Pondal. Coido eu
que algo máis próxima á do propio Lorenzo Varela; non tanto, sobre todo no
contido, á poesía social de Celso Emilio e moito menos, sequera formalmente, á
de Luís Seoane.
Xesús
Portas Ferro
BIBLIOGRAFÍA
UTILIZADA
CALVO, TUCHO, (A memoria): Valentín
Paz-Andrade, a memoria do século XX,
Biblos Clube de Lectores S. L., Cesuras, 2011 [Ediciós do Castro, 1998].
LÓPEZ GARCÍA, XOSÉ (ed.), SECCIÓN DE
COMUNICACIÓN DO CCG, (O alento): O xornal Galicia (1922-1926). O alento da
modernidade, Consello da Cultura Galega, Promocións Culturais Galegas S.
A., Vigo, 2003.
MÉNDEZ FERRÍN, X. L., (Ferrín): De Pondal a Novoneyra, Xerais, Vigo,
1984.
PAZ-ANDRADE, VALENTÍN, (Anunciación): La anunciación de Valle-Inclán, Akal,
Madrid, 1981 [Buenos Aires, 1967].
PAZ-ANDRADE, VALENTÍN, (Sementeira): Sementeira do vento, Galaxia, Vigo,
1968.
PAZ-ANDRADE, VALENTÍN, (A galecidade): A galecidade na obra de Guimarães Rosa,
Ediciós do Castro, Sada, 1978.
PAZ-ANDRADE, VALENTÍN, (Cen chaves): Cen chaves de
sombra, Ediciós do Castro, Sada, 1979.
PAZ-ANDRADE, VALENTÍN, (Castelao): Castelao na luz e na sombra, Ediciós do
Castro, Sada, 1982.
PAZ-ANDRADE, VALENTÍN, (Imaxe): Galiza lavra a sua imagen, Ediciós do Castro, Sada, 1985.
PORTELA YÁÑEZ, CHARO e DÍAZ PARDO, ISAAC
(editores), (Epistolario): Valentín Paz-Andrade. Epistolario,
Ediciós do Castro, Sada, 1997.
VV. AA., ACADEMIA GALEGA DE CIENCIAS, (Homenaxe): Homenaje
a Valentín Paz Andrade, Diputación Provincial de Pontevedra, Vigo, 1991.
Sem comentários:
Enviar um comentário