terça-feira, 9 de junho de 2009

Sábese como empezan

Aquí -e en moitos outros sitios- vénse denunciando sen pausa
o risco de estarmos entrando por camiños de desencontro social
por mor dos que están contribuíndo con abonda irresponsabilidade
a avivar un conflito que levaba anos bastante agochado.
Acontecementos coma este constitúen un forte sinal de alarma.
Ataques, ameazas, insultos deben ser parados en seco!
Estas cousas sábese como empezan e non como terminan.
Dito isto e sen lle tirar nin un matiz á condena absoluta de tales actos,
cómpre engadir que tamén é hora de iren recollendo velas
todos os que, incluídos moitos políticos, se empeñaron ultimamente
en furar nas feridas causadas polo conflito lingüístico galego
ata agora padecido moito máis por unha parte do que pola outra:
non é cousa de lles negarmos o dereito a pensaren diferente,
o de se expresaren como pensan,
ou o de tentaren vivir a diferenza;
mais é tamén lexítimo desde unha perspectiva de ética social
recadar de todos moito respecto ao "outro", aos outros diferentes,
comezando por estimar esa "outridade",
fuxindo sempre de a deprezar ou demonizar:
a convivencia e a positiva colaboración de uns e outros dentro do tecido social
é deber, é tarefa, é angueira obrigada e feliz para todos:
hai que a salvar sempre!
Porén a mentira, o falseamento da realidade, a entrega cega a unha ideoloxía
e outras actitudes semellantes que verbo da cuestión lingüística
se solevaron nos últimos tempos en Galicia,
non cabe dúbida que poden axir como caldo de cultivo
de barrabasadas coma estas, reaccións dos máis proclives á violencia.
Cómpre tamén porlles fin xa a esoutras actitudes.
Entremos en razón uns e outros.
Deixemos xa de remexer no abesoeiro!

http://www.xornal.com/artigo/2009/06/08/polItica/aparecen-pintadas-casa-presidenta-galicia-bilingue/2009060817492426219.html

http://www.xornal.com/artigo/2009/06/09/polItica/psdeg-condena-ataques-sufridos-gloria-lago/2009060916501976294.html

http://www.xornal.com/artigo/2009/06/09/polItica/bng-rexeita-ameazas-insultos-danos-gloria-lago/2009060918210760122.html

Pensémolo e pesémelo!

Antes de respondermos á ditosa enquisa,
se formos pais ou nais,
pensemos e pesemos ben a resposta!
Para axudar, velaquí unha información
obxectiva e axeitada,
ben arredada de posicionamentos ideolóxicos,
sen políticarías:

http://www.coordinadoraendl.org/doc/linguassuman.pdf

Destas orientacións faise responsábel a Coodinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. Os alicerces deste posicionamento son fundamentalmente pedagóxicos. Como tales, parten de datos da realidade e enxergan ao arrequecemento das potencialidades de desenvolvemento positivo dos educandos e da colectividade. A política e a ideoloxía, se interveñen, deben someterse a aqueloutra racionalidade. Se non, o que fan é desenfocar a visión, desfigurar a realidade, desencamiñar as persoas e os grupos, cando non sementar conflitos.

domingo, 7 de junho de 2009

É innecesaria

É innecesaria
e está falta de rigor científico.

E quen é ese Henrique Monteagudo
para dicir tal cousa!
BG e a FAES saben máis
de sociolingüística, de cultura,
de democracia, de todo.
E, se non saben, poden.
Ter poder. É o que importa!

Limítense os científicos a ensinar nas aulas
e a escribiren libros. (Para o que se len...!)
Falarán á sociedade se o poder lles der permiso
ou desque lles pida expresamente a opinión.
Se non, silencio!
Abstéñanse de estorbar!

http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=86&idNoticia=434901

sábado, 6 de junho de 2009

Ai cidade, cidade da cultura!

Agora foi achada xa a verdade
tanto tempo escondida, finalmente
desvelouna a pescuda xornalística
unida á boa vista dun goberno.

A verdade é que os causantes das desgrazas
asociadas á cidade que nun monte
se constrúe desde hai tempo ao deus Cultura,
todas elas son culpa daquel demo
que chaman bipartito.
Son as desgrazas mil, porén as grosas
que do colo dos culpados penden
son o custo aumentado moi sobexo
e despois o retraso
da data milagreira
en que, mañá fermosa e feiticeira,
de alén do Atlántico e das largas
estepas veñan pobos peregrinos
admirar o milagre dos milagres
operado en Galiza, ben meirande
do que o achado do sartego santo
do Apóstolo Santiago en Compostela.

Ai día cobizado, o que lles tardas!
Apresa o paso, bule, corre, chega
como poidas, que agora xa desexan
os que máis te alpurnaron, teu albor:
un albor de piar de paxariños
tan meigo coma aquel que enfeitizou don Ero
e o tivo para alá trescentos anos.
Ven axiña e lévaos outros tantos.

Non hai por onde collela

Non hai por onde collela!
Non tanto a propia enquisa,
que en si mesma só valería para tomarlle a temperatura
ao sector familiar da comunidade educativa dun centro,
sen máis pretensións do que atopar síntomas
dunha situación que logo, segundo as propostas educativas e sociais máis razoábeis,
cumpriría ir tratando con xeito: razoando, atraendo, convencendo
segundo unha planificación lingüística tendente ao plurilingüismo
en nada oposto ao grande e xustísimo obxectivo
de recuperar para a lingua galega a súa malferida integridade acompañada
dun alto prestixio, coñecemento e emprego dela para todo, por ser ela
a derradeira lingua nacida e mantida polo pobo destas terras ao longo de mil anos
e un dos herdos máis valiosos da nosa historia.
E a consecución deste obxectivo esixe, entre outros medios,
erixila como a lingua principal na vida dos centros de educación
e en todos os ámbitos e medios onde se desenvolve a vida social.
Disto nunca, nunca!, estivemos preto. Sempre lonxe!
E esta enquisa será un medio para aínda arredármonos máis!

Non hai por onde coller esta enquisa con toda a súa présa, modo de distribución,
destinatarios, intermediarios, proceso de recollida e tratamento,
e coa súa pretendida significación e efectos.
Todo isto é unha pura chafallada!
Desautorízase por si mesma!
Todo o que de aí se tire será fútil e non válido!
Cómpre denuncialo desde agora e,
calquera cousa que de aí saia,
tentaremos de o reconducir e anular canto antes.
Todo o democrática e respectuosamente que for preciso.
Mais terá que se facer. Sen falta
senón que achantemos e nos deamos por perdidos.


http://www.xornal.com/opinions/2009/06/05/Opinion/municion-xenofobia/2009060522435124803.html

http://www.xornal.com/opinions/2009/06/05/Opinion/enquisa-ensino/2009060521020640619.html

Non, non!, diremos arreo

Cadro conforme, Xaquín, contigo:
cómpre falar, berrar, dicir ben alto
a verdade escontra da mentira e a senrazón,
contra a bruta ideoloxía que se impón
por riba da beleza e a verdade.
Non hai que ter con eles máis receo
ca o de non nos negarmos a nós mesmos
nin os nosos principios solidarios
cos máis pobres, cos grandes desherdados,
coa bondade, a unidade e a beleza
-transcendentais do ser e do absoluto-
seguidos, aínda así, sen fanatismos
nin fundamentalismos. E despois,
se puidermos, sen faltarlle
ao respecto a ninguén, nin tan sequera
a eses que coidamos ignaros e malignos
nos seus plans destrutivos do que é xusto
e bo e necesario. Berraremos,
falaremos, se é preciso choraremos:
"Pois que o que chora, vive, iremos indo;
indo, chorando, andando,
salvaxe voz que ha de trocarse en ira,
en coitelo de berros e alboradas
para rubir ao cumio das aldraxes.
E pois que cada tempo ten seu tempo
iste é o tempo de chorar."
Celso Emilio foi un deses profetas
-dos que falas, Xaquín- naquela altura
e os seus versos de denuncia aínda gardan
a primeira vixencia:
forza para causar vergoña aos outros
e alivio para as mágoas de nosoutros.

Resoen as denuncias e das túas
a nova entrega que aquí copio e encolo:

É máis cómodo calar.
Pero tamén hai que falar.
E cando a fala está ameazada, cómpre falar.

Xa vou tirando a vello.
Non quixera que endexamais me poidesen acusar
de ter pecado contra da nosa fala
por pensamento, por matinacións, por obra,
por palabras destrutivas,
por silencio covarde, por omisión.

Prefiro pasarme e que me digan que se me nota afecto,
amor, emoción, fidelidade, doenza íntima, etc.
Adxectiva como queiras. Éme igual.

Pero penso que, nestes intres, temos que falar.
E cantos máis, mellor.
Civilizadamente e, se pode ser, con tenrura e poesía.
Pero hai que falar.

Hai moita xente a mentir e cómpre dicilo.

Xa sei. Algún xa me dixo por que non investía o tempo
noutras causas: pobres, enfermos, etc.
Graciñas. A iso tamén llo dou e diso tamén teño sensibilidade.
Pero eu tamen sei dicir algo:
Acompáñademe no sentimento de salvar a lingua.
Non veñades logo ao tanatorio darme o pésame.

Unha aperta.

Sempre teu.

Xaquín.


FÁLAME NESA LINGUA MELOSIÑA

XAQUÍN CAMPO FREIRE

Hoxe vou tirar pola vea bíblica. Síntome provocado polo encargo que recibiu o profeta Xeremías. (Xr 1, 10): “Irás a onde eu te envíe e diraslles todo o que eu che ordene. Non lles teñas medo:
“ ... para arrincar e destruír: a chamada denuncia profética.
“ ... para edificar e plantar”: promover o cambio e a conversión, alimentar a esperanza, anunciar a salvación prometida, construír o futuro: as utopías proféticas.

Nós tamén temos profetas. Profetas que miran cos ollos do corazón á nosa xente, á nosa terra, á nosa lingua, para edificar e plantar:

Como sei que pode haber algúns que non coñezan esta profecía do noso benquerido poeta cego, Valentín Lamas Carvajal (1880), velaí vai, aínda que non completa:

Fálame nesa lingua melosiña/ que celestiais armunías ten:
Fálame na linguaxe da terriña/ se é que me queres ben.
Se desexas probar do teu cariño/ as tenruras o fogo e a pasión,
Proba con me chamares “amantiño”/que me tes moito amor.
Fálame nesa fala pracenteira/ tristuras fai sentir ao corazón,
Non sei que morno acabamento brando/ nin que vaga emoción.
Arrólame cos ecos desa fala/ que tan ben fai sorrir como chorar;
Música que os ouvidos non regala/ das xentes doutro chan.
Fálame na linguaxe dos galegos/ se me queres facer moito sentir;
Na fala que ata nos labios dos labregos/ non sei que ten pra min.
Arrólame co ritmo regalado,/ coa sonora, infinita vibración,
Do falar polas fadas inventado/ pra meigar corazóns.
Xa de neno esa fala melosiña/ o meu feitizo, a miña gloria foi;
Fálame na linguaxe da terriña/ se é que me tes amor.

Dicídeme, oh vós que transitades por estes lares, se despois disto aínda pode haber quen persiga, quen calumnie, quen refuse, quen se avergoñe, quen teña complexo, quen ataque, quen minta, quen acuse de agresividade a esta lingua “que é máis leda que os tonos da muiñeira/ e máis doce que o mel.”

Pero o profeta tamén ten a misión de arrincar e destruír. Velaquí outros tres profetas:
“O galego que non fala/ a lingua da súa terra,/ nin sabe o que ten de seu,/ nin é merecente dela."( Victoriano Taibo)
“O que naceu en Galicia/ e da súa fala renega/ ese nin á propia nai/ lle sabe ter reverencia.” (AVELINO DIAZ, Devezos, 1947).
“Dálles unha carda aos fillos,/ Galiza, que se che malvan;/ que os hai que de ti renegan/ e a fala túa non falan.” (LEIRAS PULPEIRO, M., Cantares gallegos, 1911).

Señores da Xunta, Sr. Feijoo, Sr. Valedor do Pobo, venceredes con argucias e falacias. Pero non convencedes. Non falades coma os nosos profetas de todos os tempos.
Pais e nais, como lle dixo o raposo ao Principiño, somos para sempre responsábeis para todo aquilo que domesticamos: (“O que pertence á herdanza doméstica secular, á familia”). “Es responsábel da túa rosa.” Somos responsábeis de transmitir a fala.
Temos futuro, temos mañá”(Fuxan os Ventos).

sexta-feira, 5 de junho de 2009

Velaquí a enquisa!

Velaí a vén chegando,
vén aí a todo tren,
tan oupada, con paso tan meigo,
que parece unha Nosa Señora,
unha Nosa Señora de enquisa
milagreira, tan milagrosiña,
que, dun pobo fanático erguida no medio,
traerá liberdade e contento,
fresco referéndum
sen mesas, colexios, urnas, paxaradas
inventadas pola democracia
para engano dos pobos. Agora
hai un medio científico egrexio,
sólido sustento
da política "in" destes tempos
en cousa lingüística
nos pagos galegos.
Sen cartón nin trampa,
énchea na casa
mamá ou papá, a tía, a criada
e eu lévoa á escola e entrégolla á profe
e a secretaria recólleas todas
e mándaas a onde llas manden mandar
e alí se baleiran e fanse estatísticas
a moito saber e todo pracer.
Nunca se inventara
ata estes momentos
un tan democrático
medio de consulta e científico estudo
megademoscópico
coma esta criatura nacida onte á noite.

http://www.xornal.com/artigo/2009/06/05/polItica/enquisas-aos-pais-seran-base-derrogar-decreto-do-galego/2009060512485858285.html

http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=166&idNoticia=434352

http://www.vieiros.com/nova/74595/educacion-pon-en-marcha-a-consulta-do-bilinguismo-a-carta

http://www.anosaterra.org/nova/29604/catro-preguntas-para-limitar-o-ensino-do-galego-.html