sábado, 18 de maio de 2013

Roberto Vidal Bolaño na construción do teatro galego


          Transcorrido xa o Día das Letras Galegas deste ano, encolo aquí o traballo que publiquei na revista Encrucillada, nº 182, marzo-abril de 2013. A razón de o ofrecer nesta bitácora é que na revista non é accesíbel a todas as persoas ás que en principio lles puider interesar. A presentación que aquí se ofrece ten pequenas diferenzas coa que aparece na revista. 


DE SOMBRAS  E POUQUIDADE NA DRAMATURXIA DE VIDAL BOLAÑO

                                                                                              Xesús Portas Ferro

            Un dramaturgo para as Letras

            Roberto Vidal Bolaño (1950-2002) foi unha das poucas persoas dedicadas plenamente e de forma senlleira á construción do sistema teatral galego. Realizou este labor, desde a mocidade ata o seu pasamento, mediante o desempeño das máis diversas funcións que caben nas táboas. Recoñéceno así todos os estudosos da súa obra e el mesmo expresouno un día escribindo que se sentía: “Inmerso, pola miña condición de autor, director, actor, produtor, iluminador, escenógrafo, figurinista e público, nesa mesma paisaxe á que me pretendo achegar […].”[1] Aquí atenderemos sobre todo aos froitos da súa condición de autor, isto é, á escrita dramática, aínda que sen limitarmos a nosa atención ao estritamente verbal ou literario das obras, pois tamén os elementos relativos á proxémica, quinésica, sons, vestiario, decorados, iluminación, imaxes proxectadas e outros efectos son abordados polos dramaturgos, sobre todo por aqueles que teñen unha grande experiencia como directores.

            Xa logo fai trece anos que, co gallo da estrea d’ A burla do galo, M. Guede Oliva albiscou un dezasete de maio no que as Letras Galegas habían proclamar os méritos do noso autor,  porque,  ao ver de Guede, falar de Vidal Bolaño supuña “acouta-las páxinas máis notables que ten dado a literatura dramática galega ó longo de toda a súa historia.”[2] E engadía que a obra dramática de RVB  tiña  “a medida e o vigor necesario para situarnos […] e ubicar nela o mellor e máis coherente que a escrita teatral galega ten dado de si propia.”[3]

            Verbo da cantidade, non está de máis notar que desde Laudamuco, señor de ningures, primeira peza que estreou (1974) e publicou (1977), deica Animaliños e mais Integral, que foron as derradeiras, ofreceu á escena uns trinta títulos. Nove deles, producidos de 1975 a 1985 agás un, foron representados daquela e permanecen ata agora inéditos. Afórrolle ao lector a relación completa das pezas teatrais de Vidal Bolaño, que poderá achar facilmente noutros lugares e veremos, ao parecer con algunha excepción, incluídas nas obras completas que está a preparar Edicións Positivas. Na bibliografía que pecha este artigo, figuran só os títulos que, editados en vida do autor ou pouco despois do seu pasamento, coidei conveniente consultar na preparación deste traballo. Só uns poucos dos editados non se achan aí, por me seren de difícil acceso ou non me tiraren moito o interese: 2132 (1992), Touporroutou da lúa e do sol (1996), Criaturas (2000), Rosalía (2001) e Sen ir máis lonxe (2002).

            A valoración cualitativa, á que enriba nos aproximamos guiados por Guede Oliva, pódese concretar moito e amplificar máis, baixándomos a apreciar as características sobranceiras desta dramaturxia. Esas características son principalmente tres: a singularidade do  mundo ficticio recreado nas súas obras, a innovación formal con elas operada e, finalmente, o logro dun obxectivo claramente definido desde moi cedo,  o da creación dun teatro popular galego de vangarda. Algo diremos de cada unha delas en senso inverso ao desta enumeración.


            Un teatro popular galego de vangarda

            Nos comezos da carreira teatral de RVB o teatro galego aínda non existía, ou tal se pode afirmar con máis razón e sentido do que tería afirmar o contrario. Deixamos aparte a dramaturxia de Valle-Inclán, que pertence ao sistema teatral, literario e cultural hispánicos, non ao sistema cultural galego e galegófono. Deste estamos a tratar.

            Así entendido o lerio, aquilo que na arte dramática galega precede ao labor encetado polo “Grupo Abrente” contra as vésperas de 1980, redúcese a pulos descontinuos e proxectos abortados, aínda que suscitados por nomes tan sonoros coma os de Rafael Dieste, Eduardo Blanco Amor e Álvaro Cunqueiro ou, antes deles e con maior xenio, Castelao e mais Otero Pedrayo. Sen desprezarmos, claro está, as achegas menores dos Carré Alvarellos, Lugrís Freire, Cotarelo, Varela Buxán … A carón do de Vidal Bolaño, outros nomes maiores do numeroso “Grupo Abrente” son Manuel Lourenzo e Euloxio R. Ruibal.

            Escribírase deica entón pouco teatro e, con todo, non era este o dato máis grave da situación. As carencias fundamentais atinxían ás outras dúas patas que sosteñen o fenómeno teatral. A primeira delas, a referida ao espectáculo, incluíndo todo tipo de axentes e infraestruturas que o fan posíbel ‒ escenarios, actores, compañías …  A segunda, o público. Faltaba sobre todo e cumpría crear un público para o teatro galego. A tales eivas parecía referirse Otero Pedrayo as varias veces ‒ unha delas, aínda en 1975 ‒ que, segundo nos lembran Boullón Agrelo e Tato Plaza,[4] denunciou o baleiro teatral como a principal necesidade que presentaba a literatura galega naquela altura. A obviar esas carencias vai dedicar RVB, a carón doutras moitas persoas, a súa angueira.

            Os trazos de “popular” e “galego” entendíanos no sentido de que o novo teatro que se propugnaba, asumise como propios os valores e os intereses da cultura popular. Cedo na produción dramática de RVB e noutros autores de Abrente aparecen incorporados elementos da cultura popular galega, máis concretamente e na liña apuntada outrora por Castelao e Otero, os elementos parateatrais característicos das celebracións rituais do ciclo anual: as farsas e máscaras do Entroido, os xigantes e cabezudos, as cantigas, as ladaíñas  e os contos tradicionais, por exemplo. De por parte, tamén asumiu RVB o programa de Otero e Castelao polo que estes se propuxeran crear en Galicia un teatro que a elementos populares coma os devanditos engadise aqueloutros innovadores que no primeiro terzo do século XX se estaban introducindo en Europa en continuidade co labor que iniciara Stalinavski no Teatro da Arte, en Moscú: dando unha grande cabida, ao lado ou por riba da palabra, a elementos como o movemento, a danza, a plástica, os xogos de luces e sombras, a música, outros sons. A unión destes elementos do Teatro da Arte cos procedentes das tradicións populares dos países orientais prouguéralle moito a Castelao cando asistiu contra 1921 en París ás representacións do Teatro do Morcego, de Nikita Balief, as mesmas que en Madrid chamaran a atención de Ortega ese mesmo ano.[5]

            A aplicación que de tal proposta iniciara Otero na escrita de varias pezas do seu Teatro de máscaras, inspirou a RVB, ou así o afirma este, e o seguimento desa inspiración supuxo[6] un cambio cualitativo na evolución da dramaturxia do noso autor. Este seguimento non ten nada de serodio. Nas obras da primeira época aparecen sobre todo os elementos folclóricos parateatrais aos que se fixo referencia. Nas da segunda época, que comezaría contra mediados dos anos 80, dáse un paso máis.

            No programa de man da estrea de Agasallo de sombras, en 1984, escribía RVB: “Des que, non sen poucas dificultades, descubrín o Teatro de máscaras de Don Ramón Otero Pedrayo, algunha das súas pezas vén exercendo sobre min unha meiguice enfermiza da que só acerto a me ceibar, e sempre de xeito fuxidío, contrapoñéndolle unha lectura a tempo desas catedrais da indisciplina teatral que para min son A tentación de San Antonio de Gustavo Flaubert e o Fausto de Goethe […].”[7] Sombras e espectros irrompen no escenario como uns personaxes máis, produtos oníricos ou visionarios dos personaxes primarios as máis das veces e saídos outras dos fondos escuros do propio mundo social representado. Este recurso, que configura de maneira total Agasallo de sombras, pode verse xa prenunciado en Bailadela da morte ditosa, escrita en 1980 nunha primeira versión, e, sen deixar de imprimir abondas pegadas noutras pezas intermedias, volve a ser fundamental na creación de Rastros (1998) e na de Integral (2002).

            Recursos semellantes achamos, certamente, en varias das pezas curtas de Otero; así,  en  Os espectros das doenzas,  Vento nocturno, O poeta asasinado,  A sublevación dos traxes e, sobre todo, O café dos espellos. Nesta última un único personaxe primario, O Vencido da Vida,  asiste ao desfile duns conxuntos de sombras que representan diversos tipos sociais. Unha delas, a Dona, que aparece despois do desfile dos grupos referidos, identifícase como representante da Morte, e finalmente unha Sombra intérprete revélalle ao protagonista que todas as que vira desfilar e actuar, eran en realidade unha única sombra, máis aínda, eran el mesmo, imaxes súas: “Son ti reflexado no espello.”[8] Tamén na disolución das innúmeras sombras que acompañan a Rosa unha noite, personaxes de Agasallo de sombras, todas ao finaren desvelan a cara de Rosa, o único personaxe primario, “son todas ela mesma voltas sombras.”[9]  Esta coincidencia fai evidente a afinidade de Agasallo de sombras, de Vidal Bolaño, con O café dos espellos, de Otero Pedrayo. Aínda así, A sublevación dos traxes é a única peza de Otero expresamente sinalada por RVB, no referido programa de man, como inspiradora de Agasallo de sombras.

            Contra o final da súa carreira, o noso autor segue recoñecendo esta débeda nunca esquecida co ourensán: “Ao longo da miña traxectoria como autor ou como director teatral, tiven sempre o teatro de Don Ramón Otero Pedrayo como referente exemplar. A el acudín máis dunha vez para lle ripar ideas, atopar respostas, soñar espectáculos teatrais imposibles ou cando menos improbables.”[10]

            Polo aproveitamento dos referidos elementos, presentes dalgún xeito no pretérito teatral de Galicia, a laboura de RVB e os seus compañeiros pode con toda xustiza considerarse unha “(re)construción” do teatro galego, para o dicirmos con I. López Silva no título do seu estudo sobre a obra de Bolaño, que introduce a primeira edición de Mar revolto. Unha construción, porque o é de algo que antes non existía. Unha reconstrución, en canto retoma parte importante dun planeamento previamente ideado ‒ e minimamente executado ‒ polos homes da Xeración Nós. De por parte, e nunha ollada máis ampla, porque recolle e reemprega restroballos dun suposto teatro galego antigo cuxo desenvolvemento en clave culta se atrancara por mor do sometemento da cultura autóctona medieval a unha cultura allea, aló contra o remate da Idade Media; sometemento abafante e persistente, aínda por riba, durante os séculos en que se sucederon os movementos cos que as culturas e linguas neolatinas puxaban e se arrequecían (Humanismo, Renacemento, Barroco, Neoclasicismo), que foron precisamente os nosos “séculos escuros”.


            Sombras e espectros: a innovación formal

            Segundo M. Quintáns, un dos máis perspicuos coñecedores da súa obra, a revolución formal operada na dramaturxia de RVB comeza con Agasallo de sombras.
Este estudoso atribúe tal salto ao emprego de diversos recursos, coma o que fai ás secuencias de tipo cinematográfico ao lado ou no canto das clásicas escenas da dramaturxia anterior, con outros procedementos tamén relacionados coa linguaxe audiovisual:  montaxes, encadres e diversas transicións entre planos e secuencias.

            Ao meu ver, o meirande cambio operado na obra devandita débese en primeiro lugar, aínda que non soamente, á natureza completamente onírica dos personaxes do drama, coa relativa excepción de Rosa. Rosa representa a Rosalía volta a Santiago con 24 anos, casada non hai moito, nai aínda dunha soa filla e, sobre todo, chea de dúbidas sobre o uso que, na nova situación vital, lle cumpría facer da súa liberdade como muller e artista.  É ela quen, único personaxe primario, soña ou proxecta as visións de todos os demais: Aurelio Aguirre, finado traxicamente tres anos antes; Manuel Murguía, ausente en Madrid ou na Coruña mentres Rosalía vive soa en Compostela; a Tise, enfermidade romántica da que estaría Rosa atinxida; a propia Rosalía no día vindeiro da súa morte … Estes e os demais personaxes secundarios, un bo fato deles, son puras sombras.

            Que un espírito ou visión se materialice en escena con grande pertinencia para a trama  non supón ningunha novidade. A presenza e intervención de personaxes sobrenaturais no teatro é moi vella; xa na traxedia grega, un supoñer. Énos ben familiar a do espectro do pai de Hamlet na obra homónima de Shakespeare. Máis próxima nos resulta a intervención do diaño, so o nome de Mefistófeles, no Fausto de Goethe. Esta obra ‒ expresamente sinalada por RVB como unha das que influíron no seu labor ‒ nunca se viu como propiamente pertencente ao xénero dramático; porén  algunha vez foi levada ás táboas. Máis proximidade aínda nos ofrece La tentation de saint Antoine (1874), de Gustave Flaubert, da que o noso autor recoñece tamén a influencia. Unha secuencia de Agasallo de sombras localizada en Francia presenta o demo arramplándolle un porquiño ao santo Antón; por certo, esta pasaxe do porco non procede da obra de Flaubert, senón da tradición popular do “porquiño de santo Antón” mantido polos veciños dun rueiro a prol dos pobres.

            La tentation de saint Antoine, un monllo de prodixios e visións ofrecidos como feitos e diálogos obxectivos, é unha obra inclasificábel xenericamente,  máis axeitada para a lectura ‒ individual ou, mellor, en público por varios lectores ‒ do que para ser escenificada. Vidal Bolaño viu nela un bo exemplo do teatro “imposible ou improbable” que lle pracía facer. O importante para nós é que toda a súa trama consiste precisamente nun entrabado de visións que, entre tentadoras e témeras, sofre o eremita na Tebaida e nas que non soamente intervén o demo, senón tamén persoas con el relacionadas  que xa morreran ou vivían moi lonxe do vidente, igual que nalgunhas pezas de RVB. Nunha e noutras os personaxes son puras sombras, ás veces só puras voces.

            Que obxectividade hai, ou se pretende que haxa, en calquera destes tipos de aparicións?  Nun cosmos radicalmente desenfeitizado, este noso occidental e postmoderno que viviu e interpretou Vidal Bolaño, a intervención de elementos preternaturais é pura ficción. E non só porque aquí se trata de teatro. Desde tempos antigos, a presenza do espiritual na realidade mundana sempre deu que desconfiar, mesmo cando se admitía como posíbel; por iso na propia Igrexa o discernimento de espíritos era unha esixencia previa para a aceptar como real. Volvendo ao teatro, cando o Espectro do pai se fai ver e oír por Hamlet no cuarto da Raíña, esta, que non o ve nin o oe, pregúntalle a Hamlet con quen está a falar. Tras a resposta do fillo, retrúcalle ela que se trata dunha pura modelación do seu cerebro e que se debe á loucura, doenza que ten moita habelencia para a produción de creacións incorpóreas. O propio Hamlet, un pouco antes, concibira dúbidas sobre a realidade do Espectro e a verdade da súa mensaxe, considerando a posibilidade de que fosen unicamente imaxinacións propias, torpes coma a fragua de Vulcano. Querendo resolver tal dúbida, argallara a estrataxema de que unha troupe de actores representase diante do Rei, como acusándoo para que se delatase, unha traizón homicida e incestuosa semellante á que este, segundo o oráculo do Espectro, cometera co pai.

            En RVB non hai lugar ao engano. Nin sequera á dúbida. Claramente se nos advirte a espectadores e lectores, no caso daquelas pezas cuxa trama basea na intervención de sombras e espectros, que tanto estes coma a historia que soportan, son produto dun soño ou do maxín tresvariado do personaxe primario: Rosa en Agasallo de sombras, Esther en Rastros, Don Esmeraldino en A burla do galo. Non poden ser algo obxectivo, independente da ciencia e a crenza do individuo. Agora ben, son inmensamente pertinentes desde o punto de vista significativo, porque reflicten con propiedade o carácter doente e a situación interior conflitiva do personaxe primario. As tres cousas ‒ a advertencia, a causa e a significación ‒ están patentes no referente a Rastros. Moncho, Xan e Iago, os tres personaxes secundarios, son presentados desde o principio como simples sombras; así, na extensa didascalia que introduce o “Tempo 3”.[11] Un pouco máis adiante, eles mesmos se din que non son de carne e óso, nin sequera están realmente alí onde as súas sombras apareceran, isto é, no cuarto onde  Esther, agora entubada no hospital e subtraída in extremis ao suicidio frustrado, cortara as veas e case se escoara do sangue. Se non están onde a imaxinación de Esther os está proxectando ao reproducir na doenza tempos e sucesos da súa problemática relación con eles, onde están, pois logo? Anda cada un á súa vida, sen querer ou poder saber das leas da pobre muller. Poida que estean onde – tamén isto maxinado pola enferma corrixíndose ‒ di Moncho: “Ti (Xan) vas camiño do aeroporto! Iago apodrece en Alcalá Meco! E eu ínflome de callos nunha taberna de merda, como cada xoves! Só somos unha lembranza difusa nos recunchos da súa memoria. Unha chea de promesas incumpridas. Nada. Tres caras borrosas nunha puta foto que nin saberá onde demo garda.”[12]

            A novidade que supón este tratamento das sombras en relación con aqueles que achamos en Hamlet, na Tentation de saint Antoine e mesmo nalgunhas pezas de Otero, aínda non sendo tan grande a diferenza, é moi importante. Consiste en que nas obras de Vidal Bolaño estrutura as pezas ás que se aplica, en canto define o punto de vista, o principal dos factores que dan forma ás obras artísticas e, máis concretamente, ás literarias. Se a isto engadirmos a súa pertinencia significativa verbo do tema e da problemática do mundo representado, decatámonos axiña do peso que ten na dramaturxia de RVB. Podería apoñerse que isto só vale para tres ou catro das súas obras, as enriba referidas. Dunha maneira estrita, é admisíbel a obxección. Así e todo, debe recoñecerse tamén que en moitas outras obras súas aparecen personaxes semellábeis ás sombras e espectros dos que vimos tratando;  por exemplo, as figuras de: a Morte en Bailadela da morte ditosa e n’A burla do galo,  o Tolo de Cira en Días sen gloria, o Vinchas en  Doentes, Xan de Nartallo n’As actas escuras. E algo semellante acontece con certos trazos de personaxes e sucesos doutras pezas, coma Saxo tenor ou Anxeliños, onde as cousas están vistas e narradas desde un punto de vista desvariado ou mesmo alucinado. O narrador que testemuña e introduce as representacións escénicas dos acontecementos, é en Saxo tenor un vello borrachuzo, o Tío Sam. En Anxeliños un fato de pobres demos, entre eles Sor Anxélica, tratan de xustificar na comisaría por que mataran o Damián, irmán do xefe Charli, malia que os salvara da ruína laboral: só porque viran nel unha encarnación do demo maior. A perspectiva ou punto de vista dá forma á obra e mais deforma a realidade representada. Xa non digamos cando quen ve e narra, é un suxeito doente ou tresvariado, como acontece adoito nas obras de Vidal Bolaño.

            Non hai lugar aquí para nos alargarmos no tratamento doutras fontes da innovación na arte dramática de RVB. Algunhas danse xa nas primeiras obras, de xeito semellante ao que nos anos 60 e 70 acontece  cos cultivadores do teatro independente e da protesta, coma o “nuevo teatro” español dun Martínez Ballesteros ou Romero Esteo: un teatro  simbolista e alegórico, grotesco e farsante. Tamén recorre, xa daquela, a técnicas de distanciamento, a exemplo de Bertolt Brecht e da vella tradición medieval, coma a volubilidade dos actores ou as súas parénteses para introducir, comentar ou resumir aspectos da trama. Aproveita, de por parte, a tradición recente de mestizaxe do teatro coa narrativa e a lírica: a interpolación de treitos narrativos, o emprego de didascalias e anotacións escénicas de contido máis lírico do que práctico para a dirección escénica e outras de carácter metateatral, o recurso a puntos de vista usados na narrativa máis innovadora, o emprego de prolepses (anticipacións) e analepses (voltas atrás ou lembranzas), o encadramento dunha acción dentro doutra, o teatro no teatro, etc.  E finalmente habemos salientar o recurso a técnicas propias do cinema. O secuencialismo. As transicións mediante fundidos en negro, fundidos encadeados, encadres selectivos; personaxes e zonas do espazo escénico que xorden da escuridade e na escuridade se perden, voces en off sobre fondo negro, etc. Isto, no tocante á disposición formal e á sintaxe dos compoñentes. En canto ao contido, podemos salientar con M. Quintáns a representación en vivo de accións inusitadas no escenario e frecuentes no audiovisual: corpos espidos ou semiespidos (Integral, Agasallo de sombras, Anxeliños, A burla do galo), trebellos e xogos eróticos (A burla do galo), coitos (Laudamuco, Bailadela), violacións (Días sen gloria), suicidios (Bailadela, Cochos), homicidios (Saxo tenor, Doentes, Días sen gloria, A ópera de a patacón).

            Un mundo de pouquidade
           
            Os mundos recreados aos que nos transporta a obra de Vidal Bolaño, non teñen res de arcádicos ou felices. Nin sequera o das farsas da mocidade. Xa en Laudamuco e en Ledaíñas pola morte do meco domina a miseria humana, tanto dos poderosos coma dos sometidos. Sempre se nos amosa, presentado con diversa crueza ou claridade, o mundo da “pouquidade”. Este neoloxismo creado polo autor e que achamos adoito nesas primeiras obras, raramente deixa de aparecer en ningunha das posteriores. Os dramas máis duros en reflectir a pouquidade do mundo e do ser humano ben poden ser: Doentes, Días sen gloria, Rastros e Saxo tenor e, aínda que se trata dunha adaptación,  A ópera de a patacón. Porén mesmo Anxeliños, comedia satánica segundo reza o subtítulo, non lles vai moito por detrás.

            Máis dunha vez tense adscrito unha parte da obra de RVB á corrente do “dirty realism” (realismo sucio) cultivada na literatura norteamericana dos últimos decenios do século XX. Así, por exemplo, Inma López Silva,[13] inducíndoo da condición marxinal dos personaxes. Persoalmente, non vexo tan claramente o realismo; cústame atopar nas obras de Vidal Bolaño moitos dos operadores realistas presentes na narrativa ou o teatro naturalista, contra os que por certo reaxiu Bertolt Brecht opóndolles os recursos tendentes á consecución do chamado efecto de distanciamento ou de estrañamento, destrutores da ilusión escénica. Destoutros elementos, dos que despegan a ficción da realidade e mesmo da verisemellanza, atopo moitos e acho que sobrancean por riba dos primeiros. Acho exaxeracións deica a hipérbole en personaxes e accións, pasaxes grotescas e de farsa, interpolación de cancións, prólogos e epílogos, intermedios  narrativos … O recurso ás sombras e visións subxectivas é un máis destes elementos, que nos aproximarían máis ben ao surrealismo. E, igualmente, as afinidades con Valle-Inclán en canto á deformación da figura dos heroes.

            Porén,  se realismo hai pouco, sucidade hai abonda, mesmo da escatolóxica (Laudamuco). Tamén  da moral. É case imposíbel atopar un personaxe bolañano merecente de xustificación desde esta perspectiva. Os seus heroes, malia as propias connaturais deformacións, amosan de cote algún trazo que os fai en certa medida dignos. Os opoñentes resultan relativamente bastante máis noxentos, ata o punto de se faceren moi noxentos. Porén, case sempre os redime un chisco o ton humorístico con que se enxergan os seus vicios e defectos. Tocante a isto hai algunha excepción. En Saxo tenor,  por exemplo, o Home Serio está visto con xenreira e en Doentes pode acharse algo semellante. Os políticos e outros representantes das clases dominantes levan a peor parte. Mais case ningún deles chega a ser pintado como absolutamente indigno. Ningún, un supoñer, tan ruín e desprezábel coma o Latino de Híspalis de  Luces de bohemia.

            A referencia a este drama de Valle-Inclán vén moi ao caso. Non se pode excluír toda pegada do realismo sucio en Vidal Bolaño, sobre todo sabéndomos – como viamos hai dous anos tratando da poesía de Lois Pereiro ‒ que a influencia de Charles Bukowski (1929-1994), principal representante desta corrente, se espallou un pouco difusamente por todos lados. O certo é tamén que nas pezas de sabor yankee e gangsteril ‒ Saxo tenor e Anxeliños, nomeadamente ‒ percíbense pegadas do cine e da novela negra, e do mundo de perdedores e da inmoralidade, poida que a través de James Thompson, un novelista e guionista de cine máis vello ca Bukowski. Así e todo, boa parte da sucidade moral, e aínda da estética da perda que é posíbel atopar reflectida en RVB, xa estaba na obra de Valle-Inclán. Ou, douscentos anos antes en John Gay, naquel mundo de ladróns, asasinos e prostitutas imperante en The Beggar's Opera (1728) que Vidal Bolaño retoma, a través de  Die Dreigroschenoper (1928) de Bertolt Brecht, e nos achega n’A ópera de a patacón. Esta é, ao meu ver, a máis sucia e dura das súas creacións.

            O das obras de RVB é sobre todo un mundo desesperanzado, con se cadra a pequena excepción das Ledaíñas pola morte do meco, obra de denuncia e concienciación do pobo, que remata albiscando certa posibilidade de superar  a opresión.

            Adoito a morte, con frecuencia a Morte personificada, ofrécese como o único destino aos heroes dos dramas bolañanos. Único desenlace para a trama, única saída para a lea representada, única liberación posíbel para a condición desgraciada da persoa doente ou fracasada. Isto é así en case todas as pezas. En Laudamuco representa a única solución para a grotesca, máis ca tráxica, situación á que abocaron o señor e mais o servo. En Bailadela asistimos á súa exaltación, aínda por riba, en forma de suicidio liberador. Este, o suicidio realizado ao xeito en que se mataban os porcos, achega en Cochos a redención, a reconquista da dignidade para Sebastián Rilo. En Saxo tenor, so a forma de asasinato, a morte constitúese en principio e fin; a que atinxe ao rapaz que ía comprar o saxo na tenda do Xudeu, desencadea a trama principal, e a do Tío Sam por mans do Home da Gabardina, destinatario explícito do relato que aquel lle fai, pecha con xustiza ou sen ela a trama principal e mais a secundaria. N’A ópera de a patacón o asasinato é moeda común nas relacións entre os suxeitos do submundo representado, é a maneira de Mackie o Navallas impor a  súa lei, mesmo ás súas antigas amantes. En Días sen gloria o homicidio inflixido en escena por Ela, a prostituta nova e peregrina, sobre El, o gallofo vello, enmarca circularmente e resolve a acción principal, e por riba, un cadáver, da esposa do gallofo, acompaña silente os protagonistas todo ao longo da súa peregrinación desde terras francesas deica Santiago. En Doentes está a morte axexando unha noite enteira por medio dos agoiros do Vinchas, fai acenos da súa inminencia mentres imos asumindo de que xeito puxo fin ás arelas revolucionarias dos fillos dos protagonistas, e, para acabar, opera con crueldade, diante do coro das monxas de San Paio, na malleira mortal que inflixen a Cañete os rapaces da Falanxe, e mais no estouro das armas da garda do Xeneralísimo que poñen fin á vida de don Valeriano ás portas do templo. N’A burla do galo ten a Morte a palabra derradeira co asasinato de Don Esmeraldino, xa máis galo do que home, e mais coa lección definitiva que imparte na escena final do cemiterio. Á súa centralidade en Anxeliños xa nos referimos enriba. E tamén en Agasallo de sombras: a sombra de Aurelio Aguirre, quen uns anos antes da historia aparecera morto na praia do Orzán, é dos personaxes secundarios o principal, e el é quen disolve a reunión rematando, a disparos da súa pistola, coa presenza das demais sombras participantes. En Rastros, se non se frustrase o suicidio, só a morte satisfaría de vez o desexo, sostido por Esther desde a infancia, de ser libre coma os paxariños. Mesmo n’As actas escuras se entremete: a agonía e pasamento de Don Mauro, frade dominico e home de ciencia autor dun informe negativo sobre a autenticidade das reliquias do Apóstolo, enmarcan circularmente – como adoitado en RVB – a lembranza que o seu sobriño Casiano, lendo o informe nunca entregado, fai das investigacións e controversias que o tío e mais el viviran uns anos antes, na catedral e noutros ambientes composteláns, mentres preparaban o ditame.

            Nun mundo tal de sucidade e morte, os demais elementos son accidentais e, por coherentes, redundantes. Tolos, borrachos e borrachas, vellos, putas, ladróns, gángsters, ricos porcos, mendigos, tísicos e enfermos de varias doenzas, coxos e outros eivados; traizóns, mentiras, trapelas, hipocrisía, infidelidade, estraperlo e demais negocios escuros; beatos e beatas falsas, frades fanáticos, cóengos con lendias e ideas curtas na cabeza, monxas mandonas, cregos untuosos, cregos desamañados; rexedores, comerciantes, capitáns, políticos miserábeis trunfando ou podrecendo na oposición clandestina. Uns e outros, todos lixados en distintos graos e perfectamente adaptados a esa atmosfera profunda de sucidade e morte. Nada estraño, pois logo, ten que a noite, o inverno, a brétema constitúan, con xusta pertinencia simbólica, a atmosfera física onde con frecuencia os personaxes se moven e os acontecementos se producen. Igual relevancia simbólica adquire a compoñente espacial. Un retrete é o espazo único en Laudamuco, unha grande gaiola de reixas case cortello de porcos en Cochos, un camarote de terceira con cinco persoas confinadas dentro durante días en Mar revolto, un cuarto estragado e enzoufado de sangue en Rastros. Un vertedoiro de lixo e esterco en varias secuencias de Anxeliños e d’A ópera de a patacón, cantinas e tabernas de mala morte en Doentes e Saxo tenor, prostíbulos en Integral e A burla do galo (e en secuencias de Doentes e Días sen gloria), un cemiterio (unha vez en Doentes e varias n’ A burla do galo). Ou, resumindo, “esa clase de sitios onde, se é que non che permiten cuspir no chan da túa casa, podías ir e facelo.”[14]

            E Santiago, unha rexión dese mundo

            Propón Inma López Silva[15] a agrupación de tres pezas de RVB baixo a etiqueta dun “ciclo xacobeo”, aquelas que coida atinxiren ao tema das reliquias do Apóstolo e ás peregrinacións. Nel non inclúe Doentes, peregrinación nocturna de dous vellos “esperpentos” ‒ calco intencionado de Luces de bohemia ‒ por unha ducia de ambientes representativos da Compostela dos anos 50 do século XX, entre eles o tellado da catedral. Porén dá a entender un pouco máis embaixo que ben se podería facer unha agrupación diferente, incluíndo nela todas as obras que inciden sobre o tema xacobeo, entendido este adxectivo como relativo á cidade tanto ou máis do que ao santo.[16]

            Persoalmente coido que, adrede máis do que por sorte, RVB creou un conxunto de dramas históricos sobre a súa cidade, co fin non tanto de trazar o devir dela ao longo dos séculos, canto de a entender nos trazos que mellor a caracterizan sincronicamente. O grupo comprende: Xubileu, Días sen gloria, As actas escuras, A burla do galo e Doentes. Poden incluírse, con menos propiedade, Agasallo de sombras e mais Rastros.

            O primeiro trazo compostelán que tira a atención do autor, é o de  obxecto e destino das peregrinacións xacobeas. Abórdase o seu senso e discútese a súa validez, primeiramente en Xubileu (estreada en 1982) e logo en Días sen gloria (1992), en nova versión, unha das mellores obras do autor. A acción ocorre nun fusco inverno da primeira Idade Moderna, coa cabalería a se degradar e o fenómeno das peregrinacións nas últimas dun proceso de decaemento tanto relixioso coma económico. Ecoan as obxeccións da “devotio moderna” e a sentenza “Qui multum peregrinantur, raro sanctificantur.” Curiosamente, o vello gallofo, un falso peregrino e ladrón inveterado, deféndese das obxeccións que lle pon a moza que el guía, e retórcese contra o crego que atopan nalgures tentando disuadir os peregrinos de seguiren o camiño. Coma se fose xa o único que cre nos milagres de Santiago, fai a súa derradeira viaxe e, nun arrouto de contraditoria enormidade, a única que emprende con fe, pois espera a resurrección da súa muller, cuxo cadáver carrexa secretamente dentro dun carro de man. Por desventura, o único que consegue é a propia morte. Nin economicamente á mesma Compostela lle interesan xa os peregrinos; supóñenlle máis un perigo que cómpre afastar, ca o vello negocio do que se aproveitar, polo que só lles permite permanecer na cidade un máximo de tres días, incluídos o da chegada e o da saída.

            N’As actas escuras enxérgase o tema da autenticidade das reliquias apostólicas. A acción relaciónase historicamente coas escavacións dirixidas por López Ferreiro so o pontificado do arcebispo Payá y Rico contra 1878-79. A cuestión resólvese máis ben en senso contrario. O arcebispo e o cabido catedralicio son pintados como axentes do escurantismo. O sabio frade don Mauro, de quen se solicitaba un informe positivo, evolúe deica a dúbida e  finalmente redacta un ditame negativo, que, porén, non ousa entregar ao arcebispo. Aparte dos ámbitos eclesiásticos ‒ a cripta, a sancristía da catedral, o pazo arcebispal, etc. ‒ preséntansenos outros ambientes da cidade, como o dos cafés, a fonda onde se hospedan don Mauro e o sobriño, as rúas de día e de noite, a estación ferroviaria, a cuberta da catedral onde se acubilla Xan de Nartallo,  a prensa tradicionalista e a liberal … A peza obtivo o premio Camiño de Santiago 1994 e non foi estreada, debido a unha especie de censura, ata 2010. Hai críticos que a consideran a mellor obra do autor. Ao meu entender, aínda que ten secuencias e transicións moi logradas, adoece de longas disquisicións e debates de tipo filosófico e histórico, que, se no espectáculo se poden disimular bastante cunha boa interpretación, na lectura resultan abondo cargosos.

            N’A burla do galo (2000) sométese a proba a santidade de Compostela. A virtude milagreira do apóstolo sae mal parada des que foi capaz de sandar o corpo do Galo de Portugal, devolvéndoo á súa condición de home, e mais non consegue sandalo espiritualmente, xa que Don Esmeraldino segue recalcitrante e demoníaco, tanto ou máis do que antes. Con todo, o verdadeiramente salientábel da peza é que nela se vai desvelando aos poucos a falsidade da santidade das mulleres e homes máis representativos da sociedade compostelá, aquela que se reúne no casino; todos, mesmo a mocidade, andan enzoufados en adulterios, desexos inconfesábeis, traizóns, mentiras e hipocrisías. A persoa máis casta, virtuosa e santa da cidade, a muller do Rexedor e irmá única de sete frades, réndese tamén ela ás artes demoníacas do burlador e derrétese toda perante a tentación. Os sete frades fanáticos asasinan por mor da relixión. Primeiro queiman a muller do Capitán polas relacións adúlteras que mantiña co Rexedor, e despois a Don Esmeraldino por suporse que domeara a castidade da irmá, trapela argallada en realidade polo seu criado Porfirio baixo disfrace e lección do amo.

            Doentes (1998) é o gran drama compostelán de RVB. A máis negra e nocturna Compostela aí se nos dá a ver. O medo, os negocios sucios, a represión política, a extorsión, a impotencia dos desconformes, a imposibilidade de toda reacción, o desespero e a morte como únicas saídas. Ninguén é de fiar, nin sequera os heroes, agás se cadra o  infeliz Cañete. E a igrexa, coas mans lixadas e a mente inconsciente,  amósase perfectamente adaptada ao sistema. Nótese que o protagonista, don Valeriano, é un crego excedente e persoa pouco de fiar, como el mesmo recoñece; cuxos defectos son notorios e no que apenas se achan virtudes. Alén diso, está o crego de conduta extravagante, hóspede habitual de casas de mala nota nas que pretende exercer un benéfico labor de apostolado.  E, de  por parte, o cura relambido e ortodoxo, amigo do poder e xustificador do elemento represor. Este tipo é vello na dramaturxia de Vidal Bolaño; así, o crego que tenta desmobilizar a protesta en Ledaíñas pola morte do meco. En Animaliños presentaranos aínda outro tipo, o que fala moito e non di nada que teña sentido.

            Compostela tamén se nos amosa como o lugar onde as arelas de liberdade agroman unha e outra vez sen que acaden a florecer e frutificar. Así acontecería coas da mocidade romántica de mediados do século XIX, de cuxo fracaso serían vítimas sinaladas Rosalía e mais Aurelio Aguirre (Agasallo de sombras). Así tamén, un século e pico máis tarde, coas da mocidade libertaria ou revolucionaria do 68 e da transición do postfranquismo á democracia. As vítimas destoutra frustración están representadas por Esther e os seus tres amigos, en Rastros.




PRINCIPAL BIBLIOGRAFÍA CONSULTADA

ALONSO GIRGADO, L. e MONTEAGUDO, T. (1999), Homenaxe ó profesor Manuel           Quintáns, Follas Novas, Santiago de Compostela.
ÁLVAREZ, Rosario e VILAVEDRA, Dolores, eds. (1999), Cinguidos por unha arela común. Homenaxe ó profesor Xesús Alonso Montero, Universidade de Santiago de Compostela.
BECERRA SUÁREZ, Carmen (2000), “A coherente aventura teatral de Roberto Vidal Bolaño”, en VIDAL BOLAÑO, Roberto (2000), pp. 57-89.
BECERRA SUÁREZ, Carmen e VILARIÑO PICOS, Mª Teresa.eds. (2002), Roberto Vidal Bolaño, escritor escénico, TrisTram, Lugo.
BOULLÓN AGRELO, Isabel e TATO PLAZA, Fernando R. (1989), “Introducción”, en OTERO PEDRAYO, Ramón,  pp.7-33.
FERNÁNDEZ CASTRO, Xosé Manuel (2011), A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño, Xunta de Galicia, Edicións Laiovento, 592 pp.
GUEDE OLIVA, Manuel (2000), “Imposible outro alento”, en VIDAL BOLAÑO, Roberto (2000), pp. 15-16.
LÓPEZ SILVA, Inmaculada (2001), “Roberto Vidal Bolaño na (re)construcción do teatro   galego. De Abrente a Mar Revolto”, en VIDAL BOLAÑO, Roberto (2001), pp. 47-134.
OTERO PEDRAYO, Ramón (1989), Teatro de máscaras, Esquemas e proxectos, Galaxia, Vigo, [1934].
PAZ GAGO, Xosé María (1999), “Teatro da subversión. As tradicións do antroido no Teatro Galego Contemporáneo”, en ÁLVAREZ, Rosario e VILAVEDRA, Dolores, eds. (1999), pp. 1125-1138.
QUINTÁNS SUÁREZ, Manuel (1992), “Camiños do teatro galego actual”, en VIDAL BOLAÑO, Roberto (1992 b), pp. 5-15.
QUINTÁNS SUÁREZ, Manuel (2003),  “Tradición e modernidade na dramaturxia de   Vidal Bolaño”, en VIDAL BOLAÑO, Roberto (2003), pp. 41-103.
VIDAL BOLAÑO, Roberto (1977 a), Laudamuco, señor de ningures, en Idem, Laudamuco, señor de ningures, Ledaíñas pola morte do Meco, Pico Sacro, Santiago de Compostela.
VIDAL BOLAÑO, Roberto (1977 b), Ledaíñas pola morte do Meco, en Idem,   Laudamuco, señor de ningures, Ledaíñas pola morte do Meco, Pico Sacro, Santiago, 1977, pp. 61-113.
VIDAL BOLAÑO, Roberto (1992 a), Bailadela da morte ditosa (Sete baileretadas de  amor e unha morte), Sotelo Blanco, Santiago de Compostela.
VIDAL BOLAÑO, Roberto (1992 b), Agasallo de sombras (Romaxe de feridas e de medos en dous actos e dezanove escenas),  Editorial Compostela, Santiago de Compostela.
VIDAL BOLAÑO, Roberto (1992 c), Cochos. Relatorio valeroso en dous tempos, un    prólogo e un epílogo, para porca e actor en cativerio. Sotelo Blanco, Santiago de Compostela.
VIDAL BOLAÑO, Roberto (1992 d), Días sen gloria, Editorial Deputación Provincial, A Coruña.
VIDAL BOLAÑO, Roberto (1993), Saxo tenor (Desgracia arrabaldeira improbable     entre loucos, chourizos, gángsters, chulos, currantes e putas), Edicións Xerais de Galicia, Vigo.
VIDAL BOLAÑO, Roberto (1998 a), A ópera de a patacón, Versión libre para charanga e comediantes pouco ou nada subsidiados, arredor de textos de John Gay e de Bertolt Brecht, Edicións Xerais de Galicia, Vigo.
VIDAL BOLAÑO, Roberto (1998 b), Doentes, Editorial Deputación Provincial, A Coruña.
VIDAL BOLAÑO, Roberto (1998 c), Rastros. Desgracia en catro tempos e unha presada de recordos,  Edicións Positivas, Santiago de Compostela.
VIDAL BOLAÑO, Roberto (1999), “Teatro con T maiúsculo. (Acerca do teatro de Don Ramón Otero Pedrayo)”, en ALONSO GIRGADO, L. e MONTEAGUDO, T. (1999), pp. 257-264.
VIDAL BOLAÑO, Roberto (2000), A burla do galo, IGAEM, Santiago de Compostela.
VIDAL BOLAÑO, Roberto (2001), Mar Revolto, CDG-IGAEM, Santiago de Compostela.
VIDAL BOLAÑO, Roberto (2002 a), Anxeliños!, en BECERRA SUÁREZ, Carmen (2002) e VILARIÑO PICOS, Mª Teresa (eds.), pp. 295-395.
VIDAL BOLAÑO, Roberto (2002 b), “Perspectivas do teatro galego actual”, en http://bvg.udc.es.
VIDAL BOLAÑO, Roberto (2002 c), Integral, Edicións Embora, Ferrol.
VIDAL BOLAÑO, Roberto (2003), Animaliños, Follas Novas, Santiago de Compostela.
VIDAL BOLAÑO, Roberto (2005), As actas escuras, Concello de Santiago e A Nosa   Terra, [1997: AS-PG e A Nosa Terra].
VIEITES, Manuel F., ed. (1998), Do novo teatro á nova dramaturxia (1965-1995),  Xerais, Vigo.



[1] Vidal Bolaño, 2002 b.
[2] Guede, 2000,  p. 15.
[3] Ibidem.
[4] Cfr. p. 12.
[5] Cfr. Paz Gago, p. 1127.
[6] Segundo M. Quintáns 2003.
[7] M. Quintáns 2003, p. 53.
[8] Otero Pedrayo,  p. 142.
[9] Vidal Bolaño 1992 b, p. 87.
[10] Vidal Bolaño 1999, p. 257; citado en M. Quintáns 2003, p. 52.
[11] Vidal Bolaño1998c, p. 13.
[12] P. 45.
[13] Cfr. p. 93.
[14] Vidal Bolaño 1993, p. 7. A cita é de Jim Thompson.
[15] L. c.
[16] Cfr. p. 106.

quinta-feira, 7 de março de 2013

O TEMPO PERDIDO ou A VOLTA ATRÁS


Copio e encolo sen outro comento ca o de chamar a pensar o que nos acontece, agora precisamente, cando aquilo polo que tanto se loitou nos derradeiros tempos do franquismo e na transición, se está e derrubar con volta á témera situación daquela en vigor.


O TEMPO PERDIDO

XAQUÍN CAMPO FREIRE.- FONTE DA CRUZ, 10-03-2013

            Aquel profesor, D. Simplicio, era malo, malo a rabiar. A alumna, Sofía (Sabedoría), lista coma un pemento, un pouco inqueda e un moito, un moito reivindicativa. Por iso xa nin lle preguntaba. Mantíñaa en ‘offside’, fóra de xogo.
Diga vostede, alumno Rústico, cantos son os tempos verbais. Pasado, presente e futuro, dixo de cor. Moi boa a resposta, aprobou D. Simplicio.  
Moi mala, retrucou Sofía, sometida ao silencio. Fáltalle un, o máis importante. O tempo do que fala a tía Sabina de Agramonte, a nosa costureira. O tempo perdido, que con vostede á fronte vén ser o máis del.
Nin que dicir ten que aquilo non rematou así.

            Porén, se meditamos na sociedade actual, nos seus dirixentes e nas distintas institucións, non hai hoxe unha sensación xeneralizada de que o único tempo imperante é precisamente o “tempo perdido”? Vexamos.
            Ollando cara ao pasado. Cantas loitas, cantas mortes, cantas causas ficaron en puros intentos fronte aos ‘rodillos’ esmagantes do poder e dos intereses dominantes, que mesmo parece que sempre saen coa súa? Aí está o “10 de Marzo”, de FERROL 1972. Terá sido todo un tempo perdido?
            Tampouco o presente “dá moito máis de yes” como afirman, moi “orondos”, os bilingüístas harmónicos,  mostrándose  gozosos dos fracasos do informe Pisa. A culpa é sempre do galego na escola.
Non dá máis de si! Que atrasados estamos! Non si? Falando así, non pasamos máis alá dos páramos do Courel. Hai que modernizarse. Que se note que xa comezamos a falar correctamente inglés. Agora dise “dar de yes”. Que é máis  fino e distinguido, verdade?
Mas, descúbranse! Chegou o tempo do futuro perfecto. O de desasnaren as incultas masas, os pobres Calibans de A Tempestade de Shakespeare, e xa está aquí. Xa chegaron os novos profetas. Xa se está a notar. Collidas das mans e cantando triunfantes cara ao sol, chegan as leis Wert e o decreto antigalego de D. Feijoo e un tal Sr. Vázquez, que, para darlle maior timbre de honra, vanlle encamiñar agora cara ao Supremo un merecido recurso. E lembro aquilo: “Yo tenía un camarada”. Para iso, para gañar tempo, adiantándose, xa queimaron os libros de texto en galego. Para non contaminárense. “Limpia, fija y da esplendor”. Porque, con eses libros nefastos, xa “non se daba máis de yes”. E todos os outros avances de axuda social xa os pasaron pola incineradora de moda.
Ben mirado, estes, coma aquel profesor de Sofía, malo a rabiar, fannos descubrir agora o cuarto tempo verbal, o da costureira, a  tía Sabina de Agramonte: O tempo perdido. Pois con estes persoeiriños, certamente,  xa “non se dá máis de yes”.

Esperta do teu sono, Fogar de Breogán, porque os teus tempos son chegados. Non te deixes engaiolar. Aprende da tía Sabina. Volve en serio ao pasado, traballa o presente desde a verdadeira realidade túa e prepara un futuro que sexa de verdade ‘un futuro’ para todos. Sae dunha vez do tempo perdido!
E Sofía, como aprendera da tía Sabina de Agramonte, ergueu a súa voz de muller nova  berrando con rabia: Amén!

segunda-feira, 22 de outubro de 2012

Eleccións galegas 2012

Que foi! Que foi o que pasou?

Hai quen non o entende. Polo que, con pena e sorpresa, xorde en moitos esta pregunta. Vou tentar de entender, e explicar quizais a outros, que foi o que pasou.

As vellas herdanzas

Para comezar, nada se pode explicar se non o referirmos a uns pousos ou antecedentes que aí están, vellos, seculares. Galicia vén sendo material e mentalmente sometida desde hai séculos á economía, a política e a ideoloxía españolistas. Non hai volta de folla. Os de alá entraron acá desde o século XIV e foron paulatinamente facéndose cos bens, coas ideas e coas persoas, principalmente coa pequena parte de poboación urbana autóctona, pois esta, por interese ou por engano, mesturouse –mestizouse– e consolidouse, fíxose unha, cos que viñeran de fóra mandar en nós e aproveitarse. A maior parte da “pobre” burguesía galega é herdeira desa vella herdanza.
En segundo lugar, esta mestiza poboación urbana e a súa mentalidade, incluídas a lingua e ideoloxía, acadaron a admiración e o desexo de imitación e conquista por parte das camadas suburbanas e rurais de Galicia. Aínda hoxe, fágase  a proba de preguntar: Quen, pertencente a esas clases baixas, rexeita a súa asimilación ou inclusión na sociedade chic dos vilegos e vilegas e dos a eles asimilados en diñeiro, modos de vida, poder e lingua –a lingua castelá, claro está?
Alguén se encontrará, sen dúbida. Unha minoría, porén. Persoas con boa capacidade de análise social, asunción de valores igualitarios e vontade de crítica e cambio das vellas estruturas de dominación. Esas persoas, as conscientes e humanitarias, en primeiro lugar. Tales condicións, de seu, non poden ser senón escasas, minoritarias.
Logo, alguén se encontrará tamén que non se deixe levar daqueles desexos de asimilación,  por algunha outra razón, como podería ser unha ideoloxía esquerdista inducida sen demasiada conciencia ou, se cadra, tamén un negativismo radical máis ou menos fundamentado.
O caso é que tanto a burguesía brevemente descrita enriba como a grande masa dos admiradores dos seus valores e ideoloxía tenden, por coherencia de uns co seu status e de outros  coas súas aspiracións, a se sentiren protexidos só ou moi preferentemente polos partidos españolistas de dereitas ou de centro esquerda. E tal tendencia é de raíz ideolóxica principalmente. 
Secundariamente hai motivos doutro tipo. Entre estes están os de relación clientelar e caciquil, que se manifesta na consecución por vías irregulares de: asfaltado de camiños e campos de festa, subvencións das deputacións a asociacións veciñais ou culturais e ás comisións de festas, colocacións dos fillos en postos de traballo, recomendacións en oposicións, etc. A rede así tecida é constrinxente e influente. Aínda que isto poida soar a que describimos unha situación pretérita e predemocrática, cómpre recoñecer con máis ou menos vergoña que é real e podente hoxe en día, e sobre todo aquela que depende ou se nuclea arredor do Partido Popular. O carrexo de votos, fenómeno evidente e innegábel, opera no interior desta rede; aínda que na eficacia da rede en canto á atracción de votos, a atribuíbel ao carrexo supón soamente unha pequena parte. 
Finalmente, debe entenderse que os medios de comunicación e os demais instrumentos de creación de opinión están, e desde hai uns anos moito máis, nas mans daquela burguesía. Así que, por estoutra banda, ben se ve que influencias se pode esperar deles en canto a orientar o voto popular. E logo, a igrexa galega institucional. Pois xa se sabe con quen está, cos que non a contradín; aínda que logo fagan o contrario do que din. É dicir, en Galicia, co PP.

A mala experiencia do bipartito

A verdade completa é que non foi unha experiencia tan mala como pareceu nin, moito menos, como pregoou daquela, e aínda onte, o PP. Mais non foi boa, hai que o recoñecer. 
As diferenzas entre o sector do PSOE e o do BNG no goberno bipartito non foron tantas nin tan obtusas como a lectura interesada do PP lle fixo ver á xente. Algunhas certamente foron soadas, por culpa dos propios conselleiros, secretarios e subsecretarios. Despois os medios de comunicación encargáronse de as airear e avultar.
Unha delas, a máis prexudicial polo ruído e pola proximidade ás eleccións de 2009, foi a referente ao concurso eólico. O candidato do PSOE a estas do 2012 rexía a consellería que máis receos e atrancos opuxo, e isto sen ningún disimulo, ás decisións do seu propio goberno referentes a aquel concurso eólico convocado desde a de Industria rexida polo BNG.  Tal concurso, segundo as posteriores avaliacións económicas, ía ser moi beneficioso para Galicia e, segundo as sentencias xudiciais que recaeron tras a súa denuncia e anulación polo goberno de Feixoo, resulta que as súas adxudicacións eran plenamente legais. Por aquel PSOE e este PP, Galicia deixou de ser dianteira na produción de enerxía eólica e por riba aínda vai haber que pagar indemnizacións millonarias ás empresas que gañaran o concurso.
As diferenzas e contradicións do bipartito foran gravemente esaxeradas pola propaganda do PP. Sobre todo na campaña pouco limpa e moi mentireira que este partido fixo para o 2009, con grande éxito, xa se viu. Desta vez non fixo falta tanta mentira. Mais a vella vacina aínda era activa no corpo de moita xente. A simple suxestión de que a alternativa ao PP sería outro goberno bipartito, mesmo multipartito –falaron a eito de un formado por cinco partidos, aínda que como moito seríao de tres candidaturas– foi eficaz. Así conseguiron que moitísimos votantes potenciais do PSOE se abstivesen ou votasen por Alternativa Galega de Esquerdas.
O relativo éxito desta nova candidatura é facilmente explicábel. Recibiu varias achegas ou contribucións de grupos de votantes. Un deses grupos é o de votantes anteriores do PSOE, de tendencia máis esquerdista do que centrista e que, na súa maioría, irían a Esquerda Unida se esta non formase parte da Alternativa Galega de Esquerdas.  O dos fieis tradicionais de EU tamén os conto, claro está; aínda que coido que a súa achega foi a máis feble. Outro grande grupo, coido que o continxente maioritario, foi de antigos votantes do BNG,  persoas que cambiaron o seu voto ou por seren partidarios de Beiras e os Irmandiños na liorta pola que estes deixaran o Bloque, ou porque entenden que Beiras fará unha oposición moi efectiva e potente, ou porque –estes serían os menos– desconfiaban, ou ata renegaban, dun posíbel bipartito.
Referente a esta última razón, fun hai unha semana testemuña e ata partícipe de certa conversa entre varias persoas que, segundo sei ou confesan, adoitan votar BNG. Discorría a leria entre eles sobre as previsións do que podería pasar se o PP perdese a maioría absoluta. Dábase por suposto que Beiras acadaría un bo resultado, uns seis ou sete escanos segundo lle atribuían as últimas enquisas. Consideráronse todas as posibilidades. Excluíuse case con seguridade a de Beiras entrar no goberno, prevendo que o multipartito resultante sería disfuncional. Temíase un bipartito PSOE-BNG porque, á marxe das diferenzas entre eles, dificilmente poderían aturar unha dura oposición pola dereita e outra forte e intelixente pola esquerda. Conclusión que se tirou daquela conversa e hoxe vexo máis clara: que un goberno de esquerdas nestas circunstancias podía resultar moito peor para Galicia do que a repetición do goberniño de Feixoo, e faría excelente o suposto bigoberno de Touriño. Así o dixo de forma expresa un dos participantes na conversa, e os demais, con maior ou menor convencemento, asentimos ou pouco menos.

A solución menos mala, que pode ser terríbel

Segundo vimos discorrendo, podemos dar por feito que o resultado foi finalmente a solución menos ruín de todas as que podían saír. Isto de ser a menos mala, aínda que mala, dío o mesmo pobo e dino particularmente os propios votantes potenciais do PP, pois unha parte importante deles preferiu absterse antes ca revalidar o seu triunfo. Se aínda así venceu, foi porque moitos máis votantes do PSOE tamén se abstiveron, quizais levados da mesma convicción, a de que a solución PP era a menos mala nas actuais circunstancias. Aquí está con seguridade o quid da explicación. A abstención dos votantes oscilantes, centristas, do PSOE fixo posíbel a vitoria do PP, a solución menos mala para eles e poida que para moitos outros cidadáns.
O peor do caso é que esta solución pode ademais ser terríbel. Se non, convido o lector a moi rapidamente avaliar os danos padecidos por Galicia nos tres anos e medio de goberno de Feixoo. Desde a súa chegada aumentou o paro en maior porcentaxe do que a media do Estado e cada mes están emigrando uns 2000 mozos galegos relativamente ben formados. Nestes tres anos a débeda pública de Galicia case se triplicou e os beneficios non se viron. Nestes tres anos desapareceron unha chea de subvencións culturais ou diminuíron moitísimo, non así outras relacionadas co mantemento da rede clientelar do PP. Nestes tres anos desapareceron a maioría dos poucos, aínda que necesarios, medios de comunicación en galego; se os medios en castelán nunca deixaran de ser asoballantes en dominio, agora son practicamente os únicos, como o eran antes da transición democrática. Nestes tres anos coutouse a promoción pública da lingua galega, aínda que nunca fora grande, contra o que se mentiu desde o goberno de Feixoo e desde a súa base urbana burguesa e empresarial. Durante este goberno e baixo a súa supervisión perdemos as caixas de aforros, e o banco resultante da súa evolución ou dexeneración ten moi malas perspectivas. Nestes tres anos e pico tomáronse graves decisións gobernativas referentes á sanidade e tendentes á súa privatización e empeoramento.
E cando estes e outros moitos males se incrementaren, de quen se queixarán os que os viren? De nós, seguramente, que non o soubemos facer mellor. Porén, como enriba se expuxo, as causas profundas remiten a tempos máis antigos, aqueles en que os nosos devanceiros se deixaron levar á horta sen apenas resistencia. Aínda que nós temos a nosa parte na lea e cada vez está máis claro que non acertamos a desenleala. Pobre de nós e dos que veñan tras nós!



sábado, 28 de julho de 2012

É HORA DE REBELARNOS

Máis unha vez copio e encolo un artigo do amigo Xaquín, esta vez alertándonos de ata que punto a lingua galega se está perdendo, en canto ao seu uso e en canto ao coñecemento dela, que na manifestación nacionalista do 25 de xullo había moitas persoas que nin nesa ocasión se expresaban en galego. Non me estraña; en ocasións e ambientes semellábeis teño ben de veces, e desde hai anos, percibido ese fenómeno.


É HORA DE REBELARNOS

XAQUÍN CAMPO FREIRE. FONTE DA CRUZ, 26-07-2012.

Fun ao 25 de Xullo do 2012. Vou sendo maior e quero testar. Lego, como herdo sagrado, a lingua e cultura galegas. Mas non sei a quen deixarllas. Non vexo herdeiros. Nin todos os da familia. As últimas vontades son sagradas, se hai quen as respecte.
Nos anos setenta uns rapaces novos, Fuxan Os Ventos, traballadores e universitarios, recuperaban con fachenda a conciencia colectiva de quen eran, de onde viñan, quen eran eles mesmos. E botáronse ao mundo a cantar e proclamar con honra as súas utopías, mentres estudaban duro e arreo para cambiaren a sociedade nas distintas profesións para as que se preparaban. Eran un modelo de vida. Puñan os pelos de punta con aquilo de: “Meu pai é labrego, labrego naceu. Meu pai é labrego, labreguiño eu son. Meu pai é labrego, tamén meus avós. Toda a miña xente de labregos foi.” E cumpría non sermos desertores. E hoxe?
Con eles ía o escudo de honra da lingua galega naquelas presentacións na voz grave de Mini que che removían a alma. Saías de alí absolutamente desacougado na conciencia persoal. Outras veces, eran os mariñeiros ou o mundo obreiro quen aparecían na escena. Tamén os emigrantes e os fillos deles. Sempre con dignidade. Na súa fala, na súa cultura, na súa longa historia de sufrimento. Eu tamén tomei conciencia: Eu son fillo dese labrego, da súa cultura, da súa honradez, da súa clase. E vaia honor!
Mas todo aquilo mudou. Agora, la gente guapa, bilingües de toda la vida, las elites super urbanitas de la cultura dominante, los  birretes de los grandes saraos, fixeron de todos nós uns parvos. Somos la indecente boina. Clase de tropa, dixo aquel señor. E nós e as nosas xuventudes, xeneralizando un pouco, tragamos o anzol. Vivimos dominados, sen valorar o autóctono.
Por que avergoñarse dos devanceiros, Sra. Lago y  demás? Tan malos “lles” foron? Porque eran galegos, non si? Desprézanllos os de Madrid? Pois xa é unha peniña non estar a ben cos que nos deron a vida e o ser  por un pobre complexo deses. Que diferenza con aquel revulsivo que se operou en Fuxan. Teño esperanza nas minorías selectas e asisadas que irán marcando novas rutas.
Hai que rebelarse. Non falo de ningunha revolta violenta, na que sempre volven gañar os mesmos. Falo dunha verdadeira revolución de mentes, pensamentos e modos de vida de todos nós. Non falo de ningunha toma de poder. Para facelo mal xa están os que están, e os de antes. Falo, ao estilo de Xesús de Nazaré, dun cambio sincero de mentes e corazóns. Dunha conversión. Somos nós, o pobo, quen te de reaccionar e facer un verdadeiro cambio en maneiras de ser e estar, de concibir a vida e relacionarnos. Non lle botemos a culpa a ninguén. O galego, a galeguidade, todo o que ten que ver con nós, se non van ben, a grande culpa é nosa. E non haberá solución mentres non haxa reaccións transformadoras no colectivo común, empezando por abaixo. No día da Patria Galega, nin todos falabamos no de nós. E sentín verdadeira mágoa.
Temos de recuperar as propias raíces, a riqueza que como pobo nos asiste e desde aí abrirnos a todo o mundo. Non fai falta levar broches de ouro nos puños e estar tocando neles arreo liberando ansiedade por estar convencidos de enganar a xente. Os dos bancos, os bispos e toda a xente guapa lócenos ostentosamente. Por que será?
Pobre xente acomplexada que só sabe destruír! Que fixeron de positivo? Transmitir as súas miserias conceptuais. Queimar arreo libros de texto coma os mellores inquisidores? Non se decatan, Sr. Vázquez e Sr. Lorenzo, que os libros arden mal? Puxeron Galiñas Azuis, e agora xa están a meterlles chave, porque son para os fillos do pobo, e se fican sen escola, mellor, serán uns sen voz, unhas pobres galiñas azuis. Un ferrollo inmisericorde caeu para Preescolar na Casa, Galescolas, Parvularios ou xardíns de infancia. Todo vai fechar. Pero as aulas dos poderosos, esas, engordáronas. Eu nunca quixera pasar á memoria sendo tan nefasto coma vostedes. Non lles pediremos contas algún día? Os banqueiros xa empezan a ser chamados.
Sr. Feijoo, non é estraño que o idioma se degrade. Vostede deturpa todo o de nós. Elimina as leis reguladoras, que non xa protectoras, do propio idioma. Cando fala no de nós, delátase. Non lle quere. Vostede non é ningún modelo. Un mínimo de amor propio e decencia. E logo anda a chorar polas silveiras adiante que non sabe inglés. Pois estúdeo, señor Presidente, que o seu correlixionario Aznar presume de telo dominado en seis meses e de conferenciar na anglofonía. Vostede é menos intelixente do que el? En moi pouca estima se ten. E de ser así, quizais non serve para o cargo, no que sempre aparece tan estirado, onde semella que todos lle ficamos pequenos ou mesmo lle debemos a vida. En tres anos destruíu vostede o labor de máis de mil de todo un pobo. Que conciencia!
Pero a culpa é nosa. No 25 de xullo nin todos falabamos galego. Eu estiven alí. É hora de rebelarnos, empezando por nós mesmos.
E eu quero testar. A quén llo deixo?

quinta-feira, 5 de julho de 2012

Un ano despois, volve o Calixtino


       Apareceu por fin o Codex Calixtinus. O acontecemento inspiroulle -é esta a palabra?- a Xaquín Campo Freire esta atinada comparanza e reflexión. Terá razón. Como non! Porén, Xaquín, non sabías que os monumentos funerarios son máis prezados do que as persoas donas dos corpos que naqueles dormen o sono eterno?! Así lle dixo a musa ao noso amigo:


O CODICE CALIXTINO E A LINGUA GALEGA 1

XAQUÍN CAMPO FREIRE. Fonte da Cruz.10-07-2012.

A tía Sabina de Agramonte, a nosa costureira cando ficamos sen nai, era unha muller sumamente intelixente. Hai que saber ler para hoxe e para o futuro, dicía. Coleccionaba historietas dos cegos. Catro por unha peseta na feira de Parga. E logo sacáballe punta a todo. Velaquí, en síntese, dúas delas e uns ganduxos de reflexión para chegarmos ao fondo da vida
Había unha vez un sitio, Galiza, que tiña un tesouro. Estaba na Catedral de Santiago. Uns polos outros, aquilo non estaba seguro. Un electricista facía choiadas alí e tivo a feliz idea de levalo un ano para a súa casa. Todos a laiar a inmensa perda do Códice. Descubrírono e botáronse, coma tolambróns, contra del e da súa familia.
Reflexión da tía Sabina: Fixo máis por ese tesouro o electricista do que todos os xerifaltes civís e eclesiásticos, pobo galego incluído. Non son de loanza os métodos. Porén, dado que o coidou, non o vendeu, nin lle fixo dano, grazas a el e á súa familia todos soubemos de que tiñamos un tesouro moi antigo e de moito valor. Antes, só catro sabidos enchían a boca falando del para darse o pote e deixarnos pampos coas súas palabras requintadas. Agora está de novo na Catedral.
Por eses mesmos tempos había un pobo, Galiza, que tiña lingua e cultura de seu. E chegou un señor chamado Feijoo e comezou a desprestixiala, mesmo a atacala. “Se eu chego a mandar, eliminarei as leis que regulan esa lingua.” E escolleu a un tal J. Vázquez que tivo a feliz idea de destruír milleiros de libros de matemáticas e outros do ensino, para que os mestres non puidesen aprenderlles por eles aos nenos. E fixo moitas outras cousas. Os meniños ata os cinco anos non debían escoitar nunca esa lingua dentro dos centros de ensino. Axudoulle un señor Lorenzo que disque era moi entendido nesa lingua e nesa cultura. Andaban todos eles moi amoucados. Tiñan detrás, por arriba e por abaixo, un sector moi sectario que sempre tiveron a menos aos seus devanceiros que só falaran nesa ‘maldita’ lingua de clases populares dese país. Cando dicían algo “en país”, eran patéticos: “Desván de los Monjes”, bilingüismos harmónicos e outras andrómenas, como as dunha tal Lago con Los Caramiñales y Las Ribeiras. Porén, o pobo, salvadas as minorías, tragou o anzó de non lle dan valor ao tesouro e repetían o retrouso: “E total o galego non val para nada”. Xa o dixeron os da Xunta. E o mesmo Valedor do pobo censurou a un profesor por escribir que a lingua propia da Galiza é o galego. Tiña escrito que o pobo é o único que fala, cando menos, dous idiomas. Pero só eles. Non lle valeu de nada. 
Reflexión da tía Sabina. O electricista pagou duro por facer máis famoso o Códice Calixtino. Conservouno intacto, sen rompelo nin manchalo. Temos o tesouro. Aí está de novo na Catedral. El fixo que todo aquel pobo da historieta soubese que desde moi antigo había un camiño famoso polo que se chegaba Á Galiza, a Jacobusland.
Os do segundo cantar de cego esnaquizaron o tesouro da lingua, xa sen posibilidades de reparación. Non só destruíran o tesouro. Tamén destruíron a catedral: o pobo falante. Xa non hai pobo onde deixala de novo. Non a valora, non a estima, non a fala. El, que foi quen a creou, fixo medrar e foi transmitindo esa riqueza: O patrimonio espiritual de poder ter fala de seu en calquera lugar.
Estes fóronse para as súas casas sen que ese pobo se decatara da riqueza destruída. Coma no mito de Esaú: E todo por unha cunca de lentellas. O poder corrompe.
Vós non sexades así. Aprendede a valorar e gardar os verdadeiros tesouros que temos. Grazas, tía Sabina. Sabe máis a costureira da aldea do que mil deses fantoches.

segunda-feira, 30 de abril de 2012

Unhas sondaxes en Valentín Paz Andrade


Velaí xa próximo o Día das Letras Galegas 2012 dedicado a Valentín Paz Andrade, lerezán e pontevedrés de nacenza, ocorrida aquí ao lado do lugar onde eu resido desde hai vinte e sete anos. Este artigo conto con que saia impreso na revista Encrucillada, que mo pediu. Porén non aparece na súa versión dixital. Para que poida tamén quen queira lelo por Internet, velaquí o copio e encolo.


UNHAS SONDAXES EN VALENTÍN PAZ ANDRADE

Por Xesús Portas Ferro

            A figura de Valentín Paz Andrade (1898-1987) é tan complexa, que se fai imposíbel neste espazo un tratamento axeitado das facetas e angueiras da súa longa vida. Enxergalas na súa extensión, sequera todas as  importantes, levaríanos a incorrer en superficialidade. Así é que determinei escolmar unhas poucas para nelas detérmonos cun pouco máis vagar. O lector poderá moi doadamente achar allures aqueloutra información que máis lle interesar.

            O HOME

             O moinante de Lérez
            Conversándomos unha vez sobre Paz Andrade, contábame Engracia Vidal que tiña ouvido falar de don Valentín como “o moinante de Lérez”. Sospeitei que o alcume tería un senso negativo. Consulteino con Xosé Álvarez Castro, profesor de historia veciño de Lérez, e non me confirmou a sospeita. Fíxome notar que, como Lérez levaba a sona de ter unha abondosa colonia de moinantes, non lle estrañaba que a un lerezán os que non o eran lle puxesen, máis ben en broma, un alcume así.
            De alí a pouco, lendo a biografía de Castelao escrita por Paz Andrade (Castelao, p. 430), vin confirmada a hipótese de Pepe Álvarez. A don Valentín non lle despracía o alcuño de moinante. Poida que o propio Castelao llo puxese, de maneira semellante a como –cóntao tamén Paz Andrade– lle puxo “Cañoto” a Núñez Búa no xantar galeguista da Barxa, en 1930.
            Ao conto! Vivindo en Estados Unidos, Castelao  viaxou a Cuba para unha estadía duns tres meses na illa. Certo día uns amigos fórono buscar ao hotel da Habana onde paraba, e achárono enviso deitado por riba da cama. Preguntado por un deles: “En que matinas?”, respondeu:
            –Pois mirade, andaba a soñar con Vigo. Ou, máis ben, en cando vivía en Pontevedra e ía á estación a despedir ao moinante de máis vontade do mundo, cando marchaba para Vigo.
            E aclara entre parénteses: “Referíase ao autor deste libro”. Da anécdota  soubo Paz Andrade por unha carta do rianxeiro, en novembro do 39, desde Nova Iork a Rodolfo Prada, en Buenos Aires.
            Lérez soa aínda hoxe como terra de carteiristas. Cunha sorna especial, trazo que don Valentín considera, asemade coa lingua, un dos máis característicos do galego adulto (Imaxe, pp. 47 e ss.), contaba que da derradeira vez que estivo preso, en 1957, emprazaba os carteiristas encarcerados canda el a que lle roubasen a carteira. Estes, despois de o intentaren en van, remataban dicíndolle: “Mire, con vostede non se pode… porque é de Lérez” (A memoria, p. 267).

            Os de Paz e os Andrade
            Alfonso Paz-Andrade Rodríguez, escribindo hai uns anos sobre a vida de seu pai, fala de dous tíos deste que exerceron sobre el decisiva influencia: o tío materno Juan Bautista Andrade, poeta, introduciríao no tocante á literatura; un tío paterno, Roque Paz, encamiñaríao nos aspectos social e político. De Roque Paz escribe que era “republicano convicto e confeso, persoa afable, de trato aberto e plural que o levaba a se relacionar con xentes de toda índole: políticos, comerciantes acomodados e de influencia, moinantes e, se cadraba, coa mesmísima Pepa a Loba, coñecida xefa dunha banda de bandoleiros que cabalgaba polos montes da provincia.” E prosegue: “Do primeiro herdou a paixón polas letras e o periodismo, do segundo o compromiso coa sociedade” (O alento, p. 215).
            Supoño que Alfonso Paz-Andrade mesturaría referencias que escoitara de neno. Nas conversas con Tucho Calvo, o relativo a Pepa a Loba  e á facilidade de entendemento con todo tipo de persoas refíreo don Valentín ao seu avó por parte de pai. Érallo don Manuel Paz Torres, o da casa do Cristo, no lugar lerezán da Santiña, case estremeira co barrio do Burgo Pequeno. O neto apenas o coñeceu e pouco máis del lembra ca o espectáculo da condución do seu cadaleito –di Valentín que ocorrería tendo el aínda non cinco anos. Foi este Manuel Paz o patrucio dunha familia podente na zona do Burgo e metade sur da parroquia de Lérez, propietarios de valiosos predios urbanos e rústicos deica casemente o día de hoxe. Roque Paz non debeu de existir. Don Valentín cóntalle a Tucho Calvo que un tío político seu chamado Roque Rodríguez Castro interveu –á xunta con Francisco Paz, seu pai, e con Juan Bautista Andrade–  a prol de matriculalo en Dereito, e non en Medicina como pretendían, falecida moi nova súa nai, as demais mulleres da parentela. Pepe Álvarez faime saber que un tal Roque, pertencente a esta familia, foi tido polos agrarios como un cacique.
            Semella máis prezada aínda, para don Valentín, a influencia dos seus ascendentes por parte da nai. Co avó materno conviviu máis preto e máis tempo. Érallo don Manuel Andrade Carlín, pequeno fidalgo oriúndo de Brandomés (Brandariz, Vila de Cruces), onde posuía un pazo coidado por caseiros. Foi home “pacífico e sentencioso”, recolle Tucho Calvo. Maior “arrufo” tiña a avoa Rosario, sobriña do derradeiro prior do mosteiro bieito de Lérez e primeiro párroco tras a exclaustración, frei Juan Arribas. Deste conta que loitara na terceira guerra carlista e que deixou en herdanza á familia as armas que nela usara.
            Tanto súa nai Matilde coma Juan Bautista, irmán dela, naceran e criáranse no antigo mosteiro, casa reitoral xa daquela.  En cambio, Valentín e mais súas irmás naceron xa no lugar do Socorro, que estrema polo norte co da Santiña. Alí o crego Arribas erguera dúas casas xemelgas adheridas, a onde se retirou e morreu. Nunha vivía a familia Paz Andrade e na outra, o tío Juan Bautista, casado coa mestra de Lérez que lle ensinará as primeiras letras ao cativo do sobriño.
            Foi Juan Bautista Andrade poeta en castelán, ben prezado no seu tempo. A súa poesía e a de Amado Carballo teñen puntos de contacto. Deuse un bo entendemento entre el a Castelao e a especial amizade entre Paz Andrade e o rianxeiro seica arraigou a través do tío poeta. O sobriño, que o caracteriza como seguidor de Alfredo Brañas e nacionalista democristián, confesa que lle debe “o sortilexio das letras e a paixón por Galiza” (A memoria, p. 19).

            Con Deus e co demo
            Conta Paz Andrade que, despedíndose unha vez dun labrego seareiro do seu bufete porque estaba a piques de iniciar unha das súas delongadas viaxes por América, vai e dille o paisano:
            -Pois logo, xa que para tan lonxe se encamiña, que Deus lle dea a súa compaña. E mailo demo, pois é ben certo que un sin o outro non se apañan (A galecidade, p. 156).
            Paz Andrade anda a identificar nas obras do novelista brasileiro Guimarães Rosa restroballos da lingua e  ethos galegos, conservados no interior do Brasil. Un pouco máis enriba do parágrafo citado, quén sabe se referíndose aos personaxes das novelas rosianas ou á idiosincrasia do pobo galego –se cadra, testemuñando máis ben a propia experiencia–, escribía: “Agora, aínda que sexa de esguello, cómpre botar unha ollada ao demo. Mentras Deus impón pacificamente súa lei, non pasa outro tanto coa contrafigura. Ao primeiro acátase, reverénciase, adóurase… Co segundo un esguéirase, loita ou chega a un pauto... Mais sempre a dicotomía asim trabada anda a presidir a procisión dos nosos días” (A galecidade, pp. 155-156).
            Non é o caso de nos determos moito espazo a considerar a relixiosidade do cidadán Valentín Paz Andrade, xa que a outra parte enxergamos. Porén algo diremos da súa relixiosidade.
            Tratándose dun home que se definiu claramente como liberal e republicano, nalgún momento puido sentir certa desafección verbo das crenzas e prácticas relixiosas da familia. Semella, porén, que non a levou nunca a cabo, senón que con maior ou menor adhesión se mantivo na fe recibida. Na súa correspondencia epistolar recorre por veces a fórmulas feitas como “grazas a Deus”. Este seu Deus era un Deus galeguista; segundo lemos nunha carta de xuño de 1977 ao P. Isorna, forman parte da divina compaña Castelao e mais Otero e Rosalía: “Deus fixo o demais. Deus e aquela constelación que vai de Rosalía a Ramón Otero, con Castelao no meio, e que desde o Ceo vela por nós, como esteos da Galiza que eles ensoñaron” (Epistolario, p. 206).
            Referíndose á reacción de Castelao tras a escisión da Dereita Galeguista por obra de Filgueira Valverde e outros cristiáns do PG pontevedrés, Paz Andrade remarca, coma quen as compartise, estas razóns do rianxeiro: “Quixera demostrar que un galeguista verdadeiramente cristián non ten por que arredarse do noso Partido, nin para preservar o cristianismo da súa Terra, nin para salvar a súa propia alma” (Castelao, p. 347). Dun xeito semellante, é dicir, nun ton de aprobación, refire que, ao que Castelao se instalou, en Buenos Aires, no apartamento da rúa Belgrano que lle buscaran os amigos, fixo substituír o crucifixo convencional que encontrou no dormitorio, por un cadro no que unha imaxe sedente de Cristo glorioso enchía, á maneira dunha miniatura, a primeira letra románica destes versos de Cabanillas (Castelao, pp. 446-447):
                        Bendecide, Señor, nosa Terra e noso fogar
                        e mantede por sempre encendida
                        a fogueira do espírito na vida
                        e a fogueira do lume no lar.
            Porén Osorio Tafall, cando conta que, a petición de Valentín e máis ben por compromiso, conseguiu a través doutros unha audiencia con Pío XII para aquel e a súa dona Pilar, dá e entender que o interese e mais o entusiasmo co que volveron, foron cousa sobre todo de Pilar e que só ela rezou aquel día (Homenaxe, p. 17).

            A arte da negociación e o entendemento
            Boa falta lles fixo a axuda de Deus e a de moitas persoas. Que unhas veces acadaron e outras lles faltou. Contra a fin da súa vida seica don Valentín se queixaba –cóntao Osorio Tafall (Homenaxe, p. 18)– de que, tras o levantamento militar do 36, moitos dos que lle debían favores e amizade, o deixaran illado. O certo é que Paz Andrade antes, entón e despois soubo bandearse entre os “outros” con máis sorte ca desventura.
            Para iso non dubidaba en acudir a quen for. Así, nos primeiros días do levantamento valeuse dun seu amigo e seareiro, nomeado polo novo réxime alcalde de Salvaterra, para pasar a Ramón Martínez López a Portugal. Así, anos despois, faltando poucos días para unha viaxe de traballo a América e vendo que no goberno civil lle estaban denegando o visado, recorreu directamente ao ministro Solís Ruiz con inmediatos resultados satisfactorios.
            Seica tiña unha arte especial para o trato con persoas de diferentes posicións políticas e ideolóxicas, máis ou menos afastadas das súas. El, de por parte, tendía a procurar a integración das diferenzas. Nesa capacidade e valentía deberon de reparar os que na transición do réxime franquista á democracia o escolleron para os representar en diversos organismos e plataformas, incluída a candidatura ás cortes constituíntes ou a Comisión dos Dez representantes da oposición para negociar con Adolfo Suárez certas liñas do proceso de transición.
            Da referida arte viña dando amosas desde moi novo. Ao que lle suspenden o xornal Galicia durante a ditadura de Primo de Rivera, ás poucas horas colle o tren e xa en Madrid, canda dous amigos partidarios do réxime, preséntase diante do propio ministro de gobernación, o xeneral Martínez Anido. Consegue no momento que este ordene ao gobernador civil deixar sen efecto a orde de suspensión. Pouco lle había de servir, así e todo, tal revogación.
            Toca moi próxima ao noso tema a estreitísima relación que mantivo con Portela Valladares. Paz Andrade houbo de acadar a acta de deputado para as constituíntes da República, a carón de Castelao; por certa xogada do Partido Radical non a acadou. Ás eleccións de febreiro do 36 presentouse dentro da candidatura de Portela Valladares, unha opción de centrodereita, des que os galeguistas lograran meter un só nome, o de Castelao, na coalición esquerdista da Fronte Popular. Na biografía de Castelao non se refire para nada a este episodio; si constata os votos cos que saíron elixidos Castelao e Portela. El quedou outra vez sen acta. Nas conversas con Tucho Calvo esténdese abondo sobre o caso (A memoria, pp. 119-120). Di que lle pediu consello a Castelao e que este llo aprobou. Non por iso se afastou do PG; mais, coidando inconveniente asistir á V Asemblea Nacionalista, que se celebrou daquela, confioulle a Afonso Daniel o difícil papel de explicar aos irmáns o acordo ao que entrambos chegaran. Seica, ao que comezou a explicación, Castelao rompeu a chorar e xa non puido seguir, senón que contaxiou aos demais o seu desacougo.
            Debeu de ter fondura a súa relación con Portela Valladares. É o que deita da frecuencia e o teor da correspondencia epistolar entre ambos, sostida deica a morte do ex ministro (Epistolario, passim). Na biografía de Castelao, o biógrafo leva o lector a prezar grandemente El Pueblo gallego, que, a partir de 1927, cando Portela o tomou nas mans, acollera moitas plumas de orientación galeguista que primeiro escribiran no Galicia. De por parte, as aproximacións de Portela ao galeguismo son salientadas nese mesmo libro con ocasión e sen ela: participación no pacto de Barrantes, asistencia á recepción dos deputados galeguistas pola Generalitat de Cataluña, compromiso afouto co Estatuto do 36…
            Máis un caso de bo entendemento de Paz Andrade cos representantes doutras opcións é a amizade que o ligou a Bibiano Fernández Osorio Tafall, significado militante da ORGA e de Izquierda Republicana, abondo distante do galeguismo; segundo confesión deste, toda a vida habían manter entre eles frutíferas discusións referentes ás súas diferenzas de visión política. Con Osorio Tafall mantivo adoito correspondencia e encontros. Foi este quen o puxo no camiño de se facer especialista nos problemas da economía da pesca, des que o convidou a participar como profesor nos cursos de capacitación pesqueira que organizaba sendo director rexional da FAO para América Latina.
           
            DÚAS ANGUEIRAS SOCIOPOLÍTICAS

            O xornal Galicia
            En 2003 a sección de comunicación do Consello da Cultura Galega realizou un xeitoso estudo deste periódico. No limiar do libro que sobre el publicaron, Xosé López García, coordinador do equipo, resume así o seu sentido: “O xornal Galicia non só constituíu un dos medios máis modernos do seu tempo, senón un dos máis reivindicativos, feito que implicou non poucos problemas para os seus responsables, pero que foi un dos chanzos ascendidos cara ás liberdades de prensa e expresión, tal como as coñecemos na actualidade” (O alento, p. 5). E máis embaixo, introducindo a análise critica do xornal, asina con Rosa Aneiros Díaz estoutro xuízo: “O seu nacemento supuxo un paso adiante no proxecto de modernidade que o galeguismo defendía nun momento en que a maioría dos medios de comunicación existentes apenas realizaban achegas de innovación xornalística” (o.c., p. 71). Galicia. Diario de Vigo converteuse de contado no terceiro en difusión entre os moitos xornais que se editaban en Galicia, a pouca distancia tras o Faro e La Voz.
            Valentín Paz Andrade dera moi cedo os primeiros pasos no xornalismo. Estudando en Santiago, colaboraba xa en distintos periódicos. Desde África, onde estivo mobilizado pouco despois de acabar Dereito, enviaba crónicas da vida na milicia. Ávolta, viviu un tempo na Coruña. Alí, na dirección de El Noroeste, xurdiu a idea de fundar en Vigo un xornal semellante e Paz Andrade ía ser o redactor xefe. En realidade, pasou a ser o director desde o segundo número, por dimisión da persoa en quen se pensara para o cargo. O xornal saíu por primeira vez á rúa o 25 de xullo do ano 1922 e Valentín non tiña máis ca vinte e catro. A competencia recibiu o Galicia como “ese periódico dirigido por un menor de edad” (Castelao, pp. 209).
            Porén o invento foi avante e tirou moi ben. O director e o seu equipo, ao que pertencían Roberto Blanco Torres e o redactor xefe Manuel Lustres Rivas, sabían ben o que querían. Independencia, liberalismo e galeguismo eran os principios inspiradores do seu labor. Desde o primeiro editorial estableceuse como un dos principais obxectivos o de crear e potenciar a vida espiritual de Galicia. De por parte, prometía converterse nun medio imparcial e sereno, aberto ás terras unidas á nosa por vencellos de natureza e  civilización –España e Europa– e polos de sangue e alma –Portugal e América. Outros elementos formais e de contido facíano senlleiro. Os demais xornais de Galicia saían sen editorial; entre os españois soamente o introducira El Sol, xornal liberal de Madrid. Editorial, caricatura e artigo humorístico eran elementos que non debían faltar en cada número.
            Castelao e Juan Bautista Andrade abriron a nómina de colaboradores asiduos do xornal; aquel, coas súas caricaturas, cousas e retrincos; este, coas súas prosas poéticas. O amplo elenco de colaboradores incluíu as mellores plumas galegas, especialmente as máis significadas dentro do galeguismo. Aínda que escrito maioritariamente en castelán, acolleu colaboracións en galego: as de Castelao, as “lerias” de Vicente Risco e os poemas e prosas de diversos autores coma Otero Pedrayo e mais Ramón Cabanillas, quen durante unha tempada exerceu asemade como administrador do xornal.
            A cousa, como adiantamos, non rematou ben. A irrupción da ditadura en 1923 e a independencia editorial do medio verbo dos valedores daquela foron as causas do comezo do declive. A censura case non os deixaba traballar. A revogación da suspensión gobernativa de 1925 permitiu que o esmorecemento transcorrese máis a modo; mais o pechamento chegou por inanición económica, interpostos asemade serios conflitos co persoal empregado, en 1926.
            Porén Valentín Paz Andrade non remata aquí o seu labor no xornalismo. Desde principios dos 40 deica o solpor dos seus días, dirixirá a revista Industrias pesqueras. De por parte, colaborará arreo en distintas publicacións periódicas, non só galegas, senón tamén de ámbito español e mesmo americano. A simple relación das súas “colaboracións, artigos, reseñas e participacións en obras colectivas” preparada por Charo Portela Yáñez para a bibliografía introdutoria ao Epistolario ocupa nada menos que once páxinas (o. c., pp. 47-57).

            A militancia galeguista
            Tamén é temperá a militancia galeguista de Paz Andrade. Asistiu á II Asemblea Nacionalista (1919) en Santiago. Ao remate organizouse un mitin tendente á extensión da idea entre os escolares universitarios. Destes, el e mais Eugenio Montes foron os elixidos para falar no acto. O seu froito foi a creación inmediata do Grupo Autonomista Universitario, con Paz Andrade como presidente.
            Tras a fin da ditadura de Primo de Rivera, celébrase a IV Asemblea Nacionalista (1930) na Coruña. Aquí tómase, entre outras resolucións, a de promover a constitución dun partido á parte das Irmandades da Fala, unha vez desbotada como saída máis oportuna a tendencia, encetada por algúns membros notábeis destas, a militar politicamente na ORGA (Organización Republicana Gallega Autónoma). Secundando a nova liña de acción, Paz Andrade asumiu un rol dianteiro ao crear na cidade de Vigo o Grupo Autonomista Galego, promotor principal dos actos centrais do Día de Galicia daquel ano, o primeiro que se celebraba desde 1923. Reuníronse en Vigo os persoeiros das organizacións de filiación galeguista da provincia de Pontevedra e mais algúns de fóra, coma Otero Pedrayo e Cuevillas. Pola mañá un gran mitin presidido por Cabanillas encheu o teatro García Barbón. Como oradores interviñeron Otero, Castelao e Paz Andrade.  Ramón Piñeiro, andando o tempo, ponderará moi positivamente a intervención deste e cualificará o acto como “a manifestación máis xurdia do renacer galeguista daquel tempo” (Homenaxe, p. 91). Á tarde foi o xantar da Barxa, inmortalizado polo inspirado poema, auténtico credo do galeguismo, que nel recitou Cabanillas.
            Foi Valentín Paz Andrade un afervoado orador político. El mesmo se gaba de apurrar en Castelao tanto a se presentar ás eleccións para deputado das constituíntes (1931) como a vencer o seu receo a falar nos mitins. Un a carón do outro fixeron animadísima campaña electoral por todo o territorio provincial, falando ao pobo nos adros e nos eirados, ao aire libre.
            Tras as eleccións, uníronse as distintas organizacións locais e constituíron o Partido Galeguista, do que Castelao foi nomeado secretario político. Co chamado Bienio Negro  producíronse os traslados forzosos de Castelao e do secretario de organización Bóveda, funcionarios públicos ambos, fóra de Galicia (1934). Desde Badalloz Castelao escribiu a Valentín propóndolle que asumise temporalmente o desempeño da secretaría política. Teño lido en moitas partes que Paz Andrade aceptou e cumpriu o encargo. Non tal. Respondeulle por carta que non podía nin debía. Castelao escribiulle de volta facéndolle saber que, aínda que non a entendía ben, aceptaba a escusa e que xa lle escribira a Antón Vilar Ponte para que o substituíse el (Epistolario, pp. 80-81 e 257).
            Do ocorrido na V Asemblea Nacionalista, tocante á súa inclusión na candidatura de Portela Valladares, abondo fica dito enriba. Isto afrouxou a súa actividade na organización. Ramón Piñeiro entende que daquela causou baixa no partido; Paz Andrade afirma o contrario. Desde unha posición derradeira participou na campaña a prol da aprobación do Estatuto de Autonomía, votado o 28 de xuño do 36, na que tamén se implicaron decididamente Portela Valladares e El Pueblo Gallego. Escribirá anos despois Paz Andrade: “As forzas políticas galegas deron un exemplo de visión e solidariedade, no que aínda se non chegou a recuncar” (Castelao, p. 363).
            Nos meses seguintes ao estalar da guerra, o home político tivo abondo con protexerse e protexer a outros da cadea ou da morte, ás veces con suceso e ás veces en van, como aconteceu cos seus intentos de evitar a execución de Alexandre Bóveda. De alí a pouco chegoulle o desterro en distintas localidades da provincia de Ourense desde setembro do 36 a decembro do 37.
            Tras a constitución do Consello de Galiza en Montevideo (1944), Castelao escribiu senllas cartas de idéntico teor a Otero Pedrayo e a Paz Andrade: tentaba de buscar persoas que se organizasen para apoiar no “interior” a estratexia que se planeaba no exilio. As cartas chegaron aos seus destinatarios de man en man, último elo as de Ramón Piñeiro. A Valentín entregoulle a súa no Hotel Gran Vía de Madrid. A Otero levoulla persoalmente a Ourense e asistiu á lectura. Salienta o recadeiro que don Ramón se emocionou grandemente mentres a lía. Finado Paz Andrade, Piñeiro contou o caso como un sinal de que “Castelao no exilio conservaba a confianza política en Valentín” (Homenaxe, p. 91). A carta achéganola este, comentada, na súa biografía de Castelao (Castelao, pp. 454-456).
            Non eran tempos para arriscarse abertamente a unha acción política contra as forzas imperantes. A acción cultural semelloulle unha liña máis eficaz e prudente á maioría dos que estaban dispostos a facer algo, algúns xa abondo escarmentados de probaren outra cousa. Logo ocorreu o pasamento de Castelao (1950). Despois de que Otero Pedrayo o fose ver (1947), Paz Andrade prometeu e proxectou facerlle unha visita;  mais non chegou a tempo.
            Este, cadrando coas súas viaxes e estadías  en América desde a ano 1950 en diante, unhas veces como técnico da FAO e outras expresamente convidado polos galegos no exterior, estableceu unha densa rede de relacións cos nosos exiliados e emigrados naquelas repúblicas. Coma se quixese suplir a falta do finado Daniel. Con moitos deles mantivo abondosa correspondencia.
            Durante unha desas ausencias, reuníronse os futuros fundadores da editorial Galaxia. Aínda que lle ían editar Sementeira do vento, semella que Paz Andrade sentiu sempre certo receo ante este grupo e a súa actividade. Poida que fose porque apenas contaron con el: a Tucho Calvo queixóuselle de que só se lembraban del para lle pedir cartos. Poida que fose porque asemade disentía bastante da liña que seguían; parecíalle pouco a busca da recuperación de Galicia co tratamento de temas literarios e filosóficos –o moi barallado culturalismo ou, como el dicía, o lirismo–, preterindo a contribución esencial das accións e os estudos socioeconómicos. Na súa correspondencia (cfr. Epistolario, pp. 125, 128, 138…)  lense breves críticas indirectas ao grupo e ao seu labor. Na autobiografía conversada é moito máis directo. Porén foron fluídas as súas relacións con Ramón Piñeiro, incluídas as epistolares, e mais con Fernández del Riego; con quen non debeu de se entender ben nin mal, foi con García-Sabell.
            A atención preferente ao eido socioeconómico foi unha teima permanente de Paz Andrade. Nunha carta a Núñez Búa matina en xustificar tal necesidade e a de lle sacrificar outras dedicacións, entre elas a creación literaria (Epistorlario, p. 179). Ao parecer, era tamén a liña preferida por un grupo importante de exiliados e emigrados, ou así o salienta Díaz Pardo (Homenaxe, pp. 53-56). Dentro do largo e heteroxéneo elenco da militancia galeguista, Paz Andrade formou na clase dos que, sen rexeitaren o pensamento nin as accións culturais ou directamente políticas, se comprometeron na teoría e na práctica –mesmo como empresarios– co desenvolvemento socioeconómico do país. Pódese, pois logo, encadrar no grupo de persoeiros do galeguismo onde caberían Enrique Peinador, Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo.
            Nas negociacións da transición á actual etapa democrática Paz Andrade tivo unha notábel intervención. Semella que chegou a se ilusionar bastante diante das perspectivas que se abrían. Finalmente experimentou unha inmensa decepción. A necesaria unión de todas as forzas democráticas galegas, incluída a reconstitución do Partido Galeguista, medios que el propugnou abertamente, resultaron imposíbeis. Cando finalmente se funde en Poio un raquítico PG, aínda que asista á convención, non se sumará.
            O seu obxectivo maior para Galicia, nesta altura coma outrora, pasaba por unha grande converxencia das mellores forzas e persoas de valer que, como se pretendera xa na convocatoria da II Asemblea Nacionalista (1919), aínda que non se sentisen  nacionalistas, visen claramente a necesidade da descentralización e dunha vigorosa actuación cidadá en procura da “redención espiritoal, política i económica” de Galicia (Castelao, p. 167). Porén, nin antes se lograra –e láiase expresamente da exclusión dos agrarios– nin finalmente na transición do franquismo á democracia, esta vez pola “teimosía da oposición en se presentar á loita (electoral) esmigallada” (A memoria, p. 423) e pola formación das listas da UCD con persoas irrelevantes ou recuperadas do réxime franquista.
           
            O ESCRITOR

            Obra abondosa e diversa
            O artigo periodístico breve, o ensaio curto integrado en obras colectivas, o tratado extenso sobre temas sociais e económicos, as conferencias pronunciadas en tribunas moi diferentes, a oratoria política e a xurídica. En todos estes xéneros foi abondosa a contribución de Valentín Paz Andrade dentro da cultura galega. Enriba quedan feitas referencias soltas a algunhas producións súas neses xéneros. Deterémonos un pouco máis nestoutros: o ensaio de crítica literaria e biobibliográfica e a creación lírica.
            En canto ao primeiro, son sobranceiros os libros nos que estuda as primicias da obra de Valle Inclán, os trazos de galeguidade na narrativa de Guimerães Rosa e, finalmente, a vida e a obra de Castelao. Maiormente este último, Castelao na luz e na sombra. Trátase dunha obra de grande alento. Achéganos nela o Castelao vivo e encadrado no discorrer da intrahistoria e no ambientes artístico, social e político que o rodearon. Outra dimensión da obra é a autobiográfica, como ben se decatou Filgueira (Homenaxe, p. 29).
            Segundo Ramón Piñeiro (Homenaxe, pp. 94-95), a necesidade de cubrir a falta dunha biografía completa de Castelao fora barallada nunha conversa entre Paz Andrade, Rafael Dieste, el mesmo e outros. Alguén apuntou que Dieste e Paz Andrade serían os máis indicados para a escribiren. Propúxoselle en firme e  Paz Andrade seica se escusou con  que era moi difícil e desatendeu a angueira. Mais ao cabo duns anos, remata Piñeiro, apareceu o libro.
            A cousa non debeu de ser tan así. En primeiro lugar, porque, aínda que a elaboración do libro ocorreu entre os anos 1980 e 1982, o proxecto concibírao Paz Andrade moito antes. En 1969 expúñalle o plan a Rodolfo Prada e pedíalle que, asemade con Núñez Búa, recadase en Buenos Aires o material para a obra (Epistolario, p. 198). De por parte, o mesmo Ramón Piñeiro foi sabedor da elaboración desde os inicios, quizais en marzo de 1980, cando se lle pide colaboración (Epistolario, p. 220). A sorpresa, se a houbo, sería polo resultado.

            A poesía
            Paz Andrade foi precoz en case todas as súas actividades. Home de acción ante todo –como remarcou Blanco Amor no prólogo a un dos seus libros (Anunciación, p. 8)–, tamén ao pensamento e á palabra acudiu como medios para a acción. Coma se, antes de Austin e da teoría dos actos de fala, comprendese que unha das funcións da linguaxe é a de ser un instrumento para a acción. Porén hai un uso da linguaxe onde, se cadra, a vertente pragmática é menos importante. Refírome á poesía. No referente á creación poética a actividade de Paz Andrade é ben serodia.
            De feito, hai que esperar a 1955 para, tras a publicación de Pranto matricial en Buenos Aires, probarmos as primicias do seu “robusto e sonoro estro épico” (Ferrín, p. 57). Trátase dun canto elexíaco á morte de Castelao, “solemne y bellísimo” a sabor de Blanco Amor (Anunciación, p. 9). Ao longo de seis poemas vai deitando o sentimento solidario do pobo, da terra e do mar, desde os galegos deica os de América, pola dobre ausencia de Daniel, na espera do seu retorno. Velaquí, como proba, un treito do titulado “Door da paisaxe” :

Das augas deloridas, doce pranto
que escorra pola faz das alboradas
deica a raís das herbas,
distilado na pinga dos orballos,
e dea seu latexo a noite e día
nas rezadoras choivas que soerguen
o canto-chao das tellas,
i o responso románico das gárgulas
sobor das pedras mortas de Sant Yago.
            A recepción foi moi boa, sobre todo entre os exiliados e emigrantes. Tal suceso houbo de o animar, pois xa desde 1956 irá compondo aos poucos varios poemas coa mesma combinación métrica de hendecasílabos e heptasílabos que usara no pranto. Esta combinación viña sendo empregada por Lorenzo Varela nalgún dos seus poemas máis célebres, coma “María Pita” ou “Compañeiros da miña xeración mortos ou asesiñados”.
            Neses mesmos anos Paz Andrade retoma e revisa parte dos versos que, cando o desterro na serra de Queixa, escribira para matar o tempo de vagar. Estoutros, cando non moi mudados, revelan unha maneira distinta de compoñer: usa sobre todo o octosílabo, aproxímase ao neopopularismo característico dalgúns poetas do 27 español e algunha vez ás fórmulas características de Amado Carballo e os seus imitadores. Tamén estoutras fórmulas serán aproveitadas por Paz Andrade para algúns dos poemas novos que escriba entre 1956 e 1967, como se pode ver na “Cantiga matinal de Samil”, cuxa primeira cobra é esta:
                                   Bañado na onda do mare
                                   e peneirado na brisa
                                   entre as palmas do mencer
                                   entrou en coiros o día.
            Núñez Búa, que mediara en Buenos Aires para a publicación do pranto, debeu de coñecer os novos poemas e encirrar no autor a publicar outra vez. Tal é o senso da carta de decembro de 1964 onde, desaprobándolle o escaso cultivo das súas capacidades para a creación literaria, o emprazaba a se emendar aínda que fose con mingua da prosa xurídica e a dos negocios (Cfr. Epistolario, p.178). Escusouse Paz Andrade coas adversas circunstancias do pasado, que tal cultivo impediran, e reafirmouse na necesidade de se entregar ás tarefas que o ocupaban. Porén á hora da verdade fixo o contrario. En 1966 Blanco Amor puido ler xa a maior parte dos poemas que ían formando Sementeira do vento (1968) e valoralos como “goterones maduros de una vida de alta condensación, (que) tienden a formar caudal y a correr juntos en el cauce de un libro” (Anunciación, p. 9). No libro inclúense, como  derradeira sección, os poemas de Pranto matricial. Ademais destes, contén algúns outros bastante logrados.
            Na década seguinte, a penúltima da vida do autor, este irá preparando a súa derradeira entrega lírica, Cen chaves de sombra (1979). A segunda sección, con nove composicións, vén sendo a principal do libro. As oito primeiras de tal sección, escritas todas en 1976, semellan compostas adrede para rememorar feitos notorios de morte e represión padecidos polos demócratas galegos na guerra civil. A terceira sección, “Romanceira de Casteligo”, está formada na maior parte por romances narrativos escritos en 1937, durante o desterro en terras ourensás, e traídos acá sen, ao que parece, importante revisión.  Con todo, ao meu entender, os mellores poemas están na primeira sección, introdutoria ao conxunto, e na cuarta e derradeira. Esta contén os oito poemas breves que compoñen a elexía pola morte de Otero Pedraio, titulada Agora eres canzón.  Velaquí o derradeiro:
                       
                 Agora eres canzón de ronda eterna
                 que se repón á morte e remanece
                 no ronsel do teu pulso polifónico,
                 nos ecos que devolve o teu falar,
                 dos “señores da terra” na memoria.
                 Eres canzón da fonte das galaxias
                 pra unha Galiza que te dou no tarde,
                 alongando no tempo a súa voce
                 para a deixar na túa mesturada,
                 de sorte a ser hora tras hora ouvida
                 na lira das estrelas
                 polos que somos sombra dos camiños.
            Cen chaves de sombra constitúe o testamento lírico dun loitador. Segundo o seu prologuista Lorenzo Varela, trátase dunha poesía cívica na corrente de Curros e de Pondal. Coido eu que algo máis próxima á do propio Lorenzo Varela; non tanto, sobre todo no contido, á poesía social de Celso Emilio e moito menos, sequera formalmente, á de Luís Seoane.

                                            Xesús Portas Ferro

           
           
BIBLIOGRAFÍA UTILIZADA

CALVO, TUCHO, (A memoria): Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX,  Biblos Clube de Lectores S. L., Cesuras, 2011 [Ediciós do Castro, 1998].
LÓPEZ GARCÍA, XOSÉ (ed.), SECCIÓN DE COMUNICACIÓN DO CCG, (O alento): O xornal Galicia (1922-1926). O alento da modernidade, Consello da Cultura Galega, Promocións Culturais Galegas S. A., Vigo, 2003.
MÉNDEZ FERRÍN, X. L., (Ferrín): De Pondal a Novoneyra, Xerais, Vigo, 1984.
PAZ-ANDRADE, VALENTÍN, (Anunciación):  La anunciación de Valle-Inclán, Akal, Madrid, 1981 [Buenos Aires, 1967].
PAZ-ANDRADE, VALENTÍN, (Sementeira):  Sementeira do vento, Galaxia, Vigo, 1968.
PAZ-ANDRADE, VALENTÍN, (A galecidade):  A galecidade na obra de Guimarães Rosa, Ediciós do Castro, Sada, 1978.
PAZ-ANDRADE, VALENTÍN, (Cen chaves): Cen chaves de sombra, Ediciós do Castro, Sada, 1979.
PAZ-ANDRADE, VALENTÍN, (Castelao):  Castelao na luz e na sombra, Ediciós do Castro, Sada, 1982.
PAZ-ANDRADE, VALENTÍN, (Imaxe):  Galiza lavra a sua imagen, Ediciós do Castro, Sada, 1985.
PORTELA YÁÑEZ, CHARO e DÍAZ PARDO, ISAAC (editores), (Epistolario): Valentín Paz-Andrade. Epistolario, Ediciós do Castro, Sada, 1997.
VV. AA., ACADEMIA GALEGA DE CIENCIAS, (Homenaxe):  Homenaje a Valentín Paz Andrade, Diputación Provincial de Pontevedra, Vigo, 1991.



sexta-feira, 30 de dezembro de 2011

O primate que fala


Definitio fit per genus proximum et differentiam specificam
horismós ek génous kaì diaforôn ésti
ὁρισμός ἐκ γένους καὶ διαφορῶν ἔστι 

O animal racional,
o animal social, o animal político (segundo outra tradución),
o mono núo, o mono en coiro, o mono espido (tres traducións),
o primate que fala,
o primate que fala galego,
o primate que fala español,
o primate que fala inglés,
o primate que fala inglés variedade iankee.
Ben se ve que non sempre o home
-e a muller-, a persoa humana,
ten a mesma esencia.
Para uns o xénero próximo é algo tan xeral
-o xénero sempre é xeral, xa a palabra o di:
xeral, adx., 'referente ao xénero'-, digo que
para eses o xénero é unha nota moi xeral
como a animalidade, un supoñer, isto é,
a condición de pertencente
ao reino dos animais, distinto do das plantas,
dos seres micolóxicos e dos minerais.
Para outros o xénero próximo é próximo de verdade:
a condición de mono ou condición piteca,
a condición de primate, cumio da piteca,
por que non a condición pitecantrópica?
O "home simplemente" é o xénero para a bioloxía divorciada da filosofía;
a persoa humana, esta da que coetaneamente temos experiencia,
é un homo sapiens malia a experiencia nos estar a dicir adoito e continuo
que a sabencia non se lle ve á maior parte dos seus individuos
senón por azar ou por milagre algunha vez.

Mais isto da sabencia xa se refire á diferenza específica,
isto é, a aquela nota pola que a persoa humana se diferenciaría
dos demais seres que comparten con ela o xénero considerado,
supoñamos, a animalidade, a condición piteca,
a de primate, a pitecantrópica ou de homínido.
A definición "primate que fala" vén sendo empregada
pola filosofía próxima á sociobioloxía.
Agora ben, a de "falante" é unha diferenza específica auténtica,
verdadeiramente importante e pertinente,
razón de autenticidade, nobreza e plena humanidade?
Os nacionalsocialistas coidaban que o importante non é
a condición de falante, senón máis ben a da lingua que se fala.
Os "gallegos" de hoxe, fieis ás ensinanzas dos seus formadores e políticos,
pensan que non é persoa humana auténtica
-polo que apenas se diferencia doutros primates ou homínidos-
aquel home ou muller que non fale ben o español e medio fale o inglés americano;
o de tamén falar galego é o de menos,
algo absolutamente prescindíbel.