segunda-feira, 5 de outubro de 2009

Solpor


Nesta hora en que as tebras
ameazan con donas se faceren
das conciencias escuras e cincentas
da xente sen conciencia...

Nesta hora en que seica
vai trunfar, tras a ruína,
a causa dos que a causaron,
botándolles a culpa, coma sempre, da desgraza
xustamente a quen máis a padecen...

Nesta hora funesta, endemoniada,
na que os fillos das tebras e corruptos
son premiados co público favor,
do que eles se aproveitan
para aínda máis comer con comezón
de todos os demos e dos diaños...

Nesta hora de escuridades que escomezan
e sabe deus cando elas findarán...

Nesta hora aínda é hora de bradarmos:
Conciencia, irmás e irmáns!


quinta-feira, 1 de outubro de 2009

Baixará a Igrexa á area?


É DOMINGO DEUS FALA GALEGO.jpg

Recibo do amigo Xaquín Campo Freire a mensaxe que presento e encolo aquí, coa que, por suposto, cadro talmente conforme. A Igrexa, desde o século XV, estivo case sempre do lado dos perseguidores ou ocultadores da nosa lingua e cultura. As veces que axiu doutro xeito, fíxoo tan tímida, covarde e inconsecuentemente...! Mentireiramente, case estou por dicir! Que vai facer agora, cando a situación é crítica?

Encolo a mensaxe de Xaquín:

VALE MÁIS ACENDER UNHA PEQUENA LUZ QUE MALDICIR AS TEBRAS

Fronte á campaña de destrución da nosa querida lingua e cultura, eu quero ir acendendo pequenas luces. Velaí un cartaz apropiado para as nosas igrexas. Non llo copiamos a ninguén. O orixinal é de Tori. Conviría darlle cores axeitadas. Os nenos saben facelo moi ben. Pódense facer fotocopias e repartilo na catequese para que lle dean cor e logo faise unha catequese de como Deus tamén apousa connosco:

"É domingo, día de festa, día do Señor, e El fala coma nós. Mellor: Nós falamos coma El, GALEGO. O GALEGO TAMÉN VOS É COUSA DE DEUS. A PALABRA DE DEUS TAMÉN ACONTECE EN LINGUA GALEGA. LOADO SEXA DEUS. Ten algo que ver o de GALILEO? Tampouco de alí podía saír cousa boa, disque!

Non teremos que render contas de ter cooperado desde a Igrexa cos destrutores do de nós? Non somos nós mesmos deses perseguidores? O Concilio Pastoral de Galicia di así:

"11.1.- O C.P.G. pídelle a todos os cristiáns, Bispos, Curas e Leigos, cadaquén según a súa especifica misión,que participen na promoción da lingua galega,por ser un valor humán que está asociado coa liberación do home galego e, por ende, coa evanxelización."

Os do Concilio Galego non eran ningúns tolos nin "políticos", nin estremosos. Se de algo pecaban era de seren excesivamente conservadores e abondo timoratos. Como Igrexa de hogano, estámolo a facer? O Bispo Araúxo cumpriu:

"A FE CRISTIÁ ANTE A CUESTIÓN DA LINGUA GALEGA".

E sufriu persecución política, e tamén desde dentro da Igrexa e dos eclesiásticos. Podo testemuñalo persoalmente. Era maio, Festa da Pentecoste do 1975. Pero era crente e por iso falou e falou palabras de vida. Acendeu a súa luz. E o seu brillo segue aí coma un facho ben esplendoroso. Benia á súa teoloxía e ao o seu compromiso de home de Deus.

"Vós sondes a luz do mundo. Vós sondes o sal da terra"

VALE MÁIS ACENDER UNHA PEQUENA LUZ QUE MALDICIR AS TEBRAS


Non o ïamos querer...!, que mal nos fixo?


É preciso dicir que o queremos,
estimamos, amamos, precisamos!
Cómpre xa comprometérmonos
con el perante a xente e as persoas:
as persoas que o queren e o aman
como nós o amamos e queremos;
a xente masa que naceu daquela
que, enganada acaso, del descreu
por si ou por algún dos seus antergos.
É preciso que saiban os perseguidores
que somos moitos os dispostos
a defender un ben que nos define,
arrequece, enriquece e enaltece.
Negámonos a darnos, entregarnos,
vencidos para sempre, como escravos.
Con Castelao e os seus diremos: "Antes
mortos que escravos" ante o mundo.
Pois "Queremos galego!"; non o ïamos
querer...!, que mal nos fixo el? Ningún!
Só a graza de nos pór no mundo
entendéndoo, entendéndonos!

domingo, 13 de setembro de 2009

Non é para tirar foguetes

O evidente fracaso das Jornadas Bilingües organizadas pola Deputación de Pontevedra en comuñón con GB, que por riba deixaron unha mancha de vergoña no historial prestixioso do Museo de Pontevedra, non é razón para saltarmos de contento ou tirarmos foguetes ao ceo estrelado. É, pola contra, motivo abondo para comenzarmos a pedir contas aos que con suma inxustiza e senrazón están contribuíndo, por medio de actividades coma esa, a atizaren o lume do conflito lingüístico existente desde hai tempo no país. É preciso seguir denunciando cada intento de dividir o noso pobo en dous, aínda que resulte un fracaso. Cómpre pór en evidencia a inxuria a Galiza e á súa xente cando se promove a desafección, mesmo o noxo verbo do seu pasado, da súa lingua e da súa graza.


Se o que pretenden é deixar ben patente a existencia de dúas comunidades lingüísticas no país, iso xa case o teñen conseguido; coa impagábel axuda do PP, por certo. Se, non conformes con iso, tencionan enfrontar nidiamente esas dúas comunidades lingüísticas e de as faceren impermeábeis, a ruindade da proposta é imperdoábel. Non hai modo de entender que esa fractura se estea a promover desde institucións que, coma a Xunta ou a Deputación, deberían labourar a prol da unidade de Galiza e da comunidade provincial de concellos, respectivamente. Aínda que fose bo aguzar a contradición para facilitar a súa resolución, é ben que sexa a autoridade pública quen o faga?


Aguzar as contradicións e desenmascarar a situación conflitiva non nos semella conveniente, cando menos no momento actual. Ben sei que algunhas voces, desde a parte favorábel á lingua galega, se pronunciaron en senso contrario nestes meses, pensando que só así tomaremos cumprida conciencia da situación real e, consecuentemente, nos disporemos a afrontala coa estratexia e os medios axeitados. Se cadra, levan razón. Aínda no caso, tratándose de realidades tan íntimas e sagradas, relativas á identidade e á convivencia, coido que lle hai que esixir á autoridade non intervir. Ou intervir o menos posíbel.


Alguén me poderá obxectar que unha das funcións dos partidos políticos é tomar postura perante as contradicións sociais e tentar de acadar a resolución que lles parece mellor. Pódese engadir que, cando están no goberno, é o momento apropiado para a poren en práctica. Así e todo, en cuestións fundamentais para a unidade e identidade do pobo, cómpre andar con moitísimo tino. O gobernante, unha vez elixido, debe mirar ante todo polo ben do suxeito colectivo, isto é polo pobo sobre o que goberna e exerce a súa autoridade. Se o levar a cabo o programa do seu partido trae aparellada, como un dos seus efectos buscado ou non, a destrución do pobo ou un grave enfrontamento civil no seu seo, o auténtico servidor público debe depoñer o programa do seu partido a fin de preservar a entidade, identidade e unidade do seu pobo. Semella un principio fundamental da deontoloxía do gobernante.


No referente á lingua, a inclusión foi a orientación sabiamente escolleita na Lei de Normalización Lingüística. A inclusión sociolingüística tende a facer das dúas comunidades lingüísticas case unha soa, imbricándoas e interrelacionándoas de tal xeito que se facilite ás persoas monolingües, ou bilingües con desequilibrio, o paso de unha á outra comunidade sen privilexio nin desigualdade para ninguén. A consecución deste obxectivo faise imposíbel sen que toda a poboación, como ideal -ou tan sequera a súa parte meirande e máis visíbel, en realidade-, coñeza abondo as dúas linguas, as poida empregar espontanea e libremente -calquera das dúas e en calquera ocasión- e de feito faga uso efectivo desa capacidade.


A actual política do goberno galego e, como se ve, tamén da Deputación de Pontevedra, busca, con máis ou menos conciencia do que fai, unha resolución do conflito lingüístico que favorece a exclusión, xebramento e inimizade entre as dúas comunidades lingüísticas existentes en Galiza. Aparte da ruindade de tal empeño -pola ruína que vai supór para a unidade do pobo-, é evidente a súa inxustiza, debido á total irreciprocidade que o caracteriza. A comunidade galegofalante terá menos dereitos do que a castelá, pois os seus individuos, ademais de estaren obrigados a aprender o castelán, non se poden librar de o empregaren pasiva e activamente. Por forza, a comunidade galego falante é unha comunidade inmensamente permeábel verbo da castelán falante. O inxusto da irreprocidade está aquí. Se vai adiante a política lingüística do actual goberno autonómico, a comunidade lingüística de castelán falantes galegos xebrarase cada vez máis da galego falante e farase impermeábel á nosa lingua. É totalmente inxusto! Cómpre denuncialo.

quarta-feira, 9 de setembro de 2009

Tira para alá, que me lixas


Pois vai agora e resulta
que o bipartito e o franquismo
son condenados por inmersores
ou afogadores e atafegadores
de falantes e de linguas. E quen son os que o afirman?
Os inmersores en castelán, herdeiros nesa angueira
do franquismo e moitos -ismos:
enriquismo-tamarismos, fernandismo-isabelismos,
carlismo-primeirismos e filipe-segundismos,
fernandismo-setimismos, aznarismos
e outras herbas. Oh vergoña,
ubinam gentium moras?
Ai verdade, u-la túa casa,
pois xa non moras na irmaindade?

terça-feira, 8 de setembro de 2009

Que saberán estes de lingüística!


Ai vós, os que pasades sen mirardes,
atendede e dicide
se hai senrazón maior do que esta nova
que coa lingua de Galicia fan Feijoo e o seu goberno!
E sae o conselleiro de Cultura defendendo
o que non ten defensa. Que sabe el
de conflito e de lingüística? Nin res!
El e mais outros
están aí postos polo goberno -nunca mellor
dito!-
mellor lles fose en ocasións calar
a boca! Líbrase entón un de dicir
palabras que denotan que non sabes
nin do que falas!
E logo esoutras
que bota por un cano Ruiz Rivas
mareando perdices e coellos,
perito en converter os enunciados verdadeiros
en restas de palabras nas que locen falsidade ou sen sentido.
Ai que monstros de lóxica e linguaxe
produce a ideoloxía cando coce
en mentes onde a crítica e o rigor non rexen!

segunda-feira, 7 de setembro de 2009

A RAG, desenganada, asegunda

A RAG xa non a enganan, hora era.
Seica, despois daquel primeiro valente manifesto,
desde a Xunta lles deron algunha esperanza
de que o león era menos fero do que semellaba.
Moitos sabiamos que era fero,
tanto que a fereza lle vén de lonxe e fóra,
de Rajoy e Génova, da FAES e dos "media" nacionalistas españois,
todos eles con embaixadas entre nós,
con axencias e axitadores entre nós,
e eses non ceden nin cesan de remachar no cravo,
e Feijoo, e Vázquez, e Negreira, e López Chaves, e Ruiz Rivas e moitos máis
son os axentes encargados de facer esa política:
"Delenda est lingua galaica!"
E a iso chámanlle liberdade.
Liberdade, a dos que saibamos dicirlles "Non!"
Non a dos que nos queren facer calar.