terça-feira, 30 de junho de 2009

Pois que noticia!

A quen lle estrañou nunca que un can -ou cadela-
lle mordese a alguén, persoa ou irracional?
A ninguén!
A estupenda noticia sería que a un can lle mordese
unha muller, un home, un neno... Entón veriades
os xornalistas correr e, pois o can nada lles diría, veriades tamén
de onde tirarían os datos por onde responderen ás preguntas "w".
Velaí!

Algo está cambiando neste país cando
se fai noticia que a alguén lle neguen o seu dereito
a ser atendido, oralmente ou por escrito, en lingua galega.
Non é o tradicional e adoitado desde hai cincocentos anos?
A quen se lle ocorre a estas alturas do século XXI
e da globalización mundial so a éxida da lingua dos anglos
vir enredar con estas patochadas! Rigor! Vigor! Eultreia!

Atendamos máis ben a redimir da escravitude da imposición lingüística
os meniños dos castelanfalantes a quen uns pérfidos (im)puxeron
aprenderen en galego as Matemáticas, a Física, a Química
-veuse algures tamaña iniquidade algunha vez?
Non se queixe ninguén de que nunha igrexa, nunha clínica, nunha oficina da administración
se neguen a vehiculizar en galego o servizo que aló for procurar;
xa bo é se o atenden, nunha lingua ou sen lingua, pois iso
é do que se trata, de que lle boten unha misa ou lle tramiten un papel;
outras cuestións son ganas de enredar, teimas "nacionalistas"
que só interesan a un mínimo "dez por cento dos galegos". Os demais
conformémonos sabiamente coa submisión vedraia, a de sempre, a de noso;
que por algo somos quen somos e, coma os nosos antergos,
se non estamos conformes, emigrar debemos. Coma carneiriños
levados mansamente ao matadeiro. É tradición. É lei!
Dereito consuetudinario...

http://www.xornal.com/artigo/2009/06/29/politica/dous-medicos-negan-atencion-galego-paciente-ferrol/2009062922145931775.html

A Igrexa..., xa se sabe!

Con Fernández Albor e con Fraga Iribarne
iniciouse un proceso de normalización lingüística,
todo o tímido e temesiño que se queira,
en certos ámbitos da sociedade galega:
administración autonómica, administración municipal,
centros de ensino público, de primaria, secundaria e universitarios,
por esta orde... e despois case hai que parar o conto.
A penas incidiu na xustiza, na industria e no comercio,
nos medios de comunicación...
Onde menos incidiu
foi na Igrexa, cuxos máximos representantes nin sequera
tiveron o detalle de axeitar os seus usos á toponimia oficial,
fieis a aquela corrente de deturpación que ela mesma, a Igrexa,
contribuíu a implantar e reforzar desde os tempos escuros
dos arcebispos Fonseca.
Iso chámase coherencia e continuidade!

E agora vai resultar que a Igrexa estaba no camiño dos vencedores.
O novo goberno da Xunta veulle dar a razón
ao corrixir a política lingüística de Fernández Albor e de Fraga,
non a do bipartito -por moito que digan-, que nin tempo houbo
de que se levase á práctica.
Xa é hora de, dunha vez, comezarmos
a ver e dicir os acontecementos tal como foron
e non unha cousa por outra. Que hai diferenza abonda
entre botar por ela, que significa "exaxerar",
e dicir unha cousa por outra que significa
"vestir a falsidade cunha capa de verdade".

http://www.xornal.com/artigo/2009/06/23/polItica/igrexa-instituto-cervantes-camino-pasa-mellid/2009062222323038603.html

segunda-feira, 29 de junho de 2009

As contas non dan..., ou dan!

Venden os autos que mercaron os seus. Ou eles mesmos.
Din que para aforrar. Xa, xa...!

Anulan o Plan de Normalización da Lingua Galega
aprobado polo Parlamento, e tan louvado no seu tempo polo goberno da Xunta,
cando eles mesmos gobernaban, hai non máis de cinco anos.
As ruindades que agora nel ven, póñenllos na conta ao bipartito,
eses indecentes autores da imposición lingüística.

Eliminan e afean o sistema de empréstimo
na gratuidade dos libros de texto,
aducindo o motivo do aforro e -oh demagogos, aprendede aquí!-
o fin de ser máis xustos, favorecendo así aos máis débiles,
fuxindo do inxusto "café para todos" de inspiración bipartita
que privilexiaba innecesariamente as grandes fortunas do país.
Dicindo por riba ou dando a entender que foi o bipartito
quen instaurou o sistema de empréstimo:
que inmensa falsidade!
Coma outras que eles suscitan e os medios afectos airean.

O sistema de empréstimo non o instaurou o bipartito:
foi o goberno da Xunta presidido por D. Manuel Fraga!

O que fixo Touriño foi, en canto accedeu á presidencia,
estendelo a todos os alumnos do ensino obrigatorio,
pois o anterior goberno víñao establecendo gradualmente
e había uns poucos niveis académicos aínda non atinxidos
para os que as familias debían mercar os libros.

O conto do aforro évos un gran conto.
Por máis que eles o conten e canten, non cabe en maxín intelixente
como se pode aforrar máis pagando todos os libros cada ano
ca pagándoos só cada catro anos, agás os non reutilizábeis!
Estes supuñan menos do vinte por cento; saiban os profanos
que se trata dos textos destinados aos alumnos do primeiro ciclo de Educación Primaria,
polo tanto a dous niveis de dez -seis de EP, catro da ESO-,
nos que por riba o importe total dos libros por alumno é menor.
De onde sae, pois logo, ese aforro do conto?

Sairía de non lle dar axuda ningunha ao sector de familias
cuxos ingresos superan os 9.000 € anuais por persoa,
nin máis do 50 % do custo ao daquelas que perciben ingresos
comprendidos entre 5.400 e 9.000 € anuais por persoa.

9.000 € anuais por persoa supoñen, para unha familia de catro membros,
ingresos anuais iguais ou superiores a 36.000 €. Tantas hai neste país
para tal aforro ocasionaren ao pagaren os libros dos fillos?
Pois, botando contas, imaxinemos o aforro que se obtería
ao retirarlles outros dereitos adquiridos, como o da subvención
ao custo dos medicamentos na farmacia. Fágano os nosos
apañadiños gobernantes se se atreven. Pagaría a pena, non?

De por parte, tal aforro proviría de lles dar só unha esmola,
90 euriños por neno, ás familias cuxos ingresos anuais por persoa
estea entre os 5.400 e os 9.000 €. Que ben! Menos dá unha pedra!

5.400 € anuais por persoa nunha familia de catro membros
son pouco máis de 1.700 € ao mes para todo. Paga hipoteca ou aluguer,
roupa, comida, imprevistos...; ponte na pel, conta o que che sobre a fin de mes.
Os 90 euriños, cando veñan -que esa é outra-,
se for do quince para diante, suporá un alivio
na conta apretada da mensualidade.
E non digamos xa se se ten dous fillos:
coma o subsidio familiar aquel!
-non lembrades os máis vellos?
Que admirábel xustiza!

E finalmente os pobres. Para eles, cando for,
unha axudiña anual de 180 €
por rapaz escolarizado no ensino obrigatorio.
E despois, que hai pobres de pobres!
Todos teñen que adiantar como poidan os cartos dos libros en setembro.
Tamén as familias de pobreza severa, onde se cadra
non entra sequera un ínfimo salario mensual.
Xa buscarán onde poidan eses cartos: en Cáritas, no Clube dos Leóns...
E, ao que veñan os 180 da Xunta,
que festa entón, meus amigos!
E se se ten dous fillos, ou tres, ou catro!?
Que inmensa fartura!
E que efémera!

Cui prodest?
CUI PRODEST?

Favorece aos mellor situados economicamente, por unha parte.
Como non! A satisfacción de estrear libros novos
ben merece pagarse e, no caso, ben se pode asemade.
Que noxo para algúns dos seus fillos manexar
un libro usado por outros rapazolos durante un, dous, tres anos!
Iso antes da gratuidade era unha necesidade que afectaba aos pobres e aos fillos de tacaños:
debían usar os libros que tiveran o ano anterior o irmán, un curmán ou a filla
dunha amiga de mamá. E os moi pobres comprábanllos a outros pobres.
Unha cousa ten boa tamén, dito en serio, o novo sistema:
agora non haberá necesidade de reutilizar libros de texto,
nin sequera por parte dos máis pobres. E con isto, nesta complexa cuestión
que demagoxicamente se quere simplificar, vese ben
máis un dos efectos negativos do novo sistema:
o de desfavorecer a "reutilización",
un dos grandes principios do bo consumo
e da sustentabilidade do desenvolvemento.

CUI PRODEST?

Os que están que non caben dentro deles
son os editores e os libreiros. Á verdade, desque se encetou a gratuidade
-cun goberno popular na Xunta, nunca se esqueza-,
algunhas librarías pasárono moi mal e as editoriais de libros de texto
tiveron que reducir o seu negocio.
A reutilización foi a causa.
Agora acabouse!
Tamén aquela que antes se facía duns irmáns para outros
ou pedindo emprestados por un ano os libros a unha familia veciña.
Agora os libreiros e editores sairán de mal ano,
ou anos. Que ruín foi con eles a consellería do bipartito!
Ah, que a que empezou foi a de Fraga?
Malos , Fraga e mais Celso Currás!
En dous meses, daquela, as librarías que vendían textos,
facían unha caixa equivalente á do resto do ano,
de agora en diante, grazas á consellería de Educación,
farana meirande en menos tempo.
Benvida a época das vacas gordas!
Deus as deixe ir, as fracas bipartitas,
ruinosas e feas!
Sen tempo non era!

A lingua, a silveiral

Recibo este correo de Xaquín Campo Freire,
no que me achega unha nova contribución súa á reflexión
sobre a praga que enriba de nós caeu e da nosa lingua
desque os novos gobernantes da Xunta entraron no seu herdo a cobadazos.
Tamén eu tiven a idea de escribir sobre o tema concreto:
a incoherencia de tanto reloucamento polo da Torre de Hércules
ao mesmo tempo que se deixa que caian para sempre
as pedras vivas do edificio da nosa lingua. E veña lerios
sobre o milagre da conservación do máis antigo faro romano en actividade!
As linguas románicas sono! Son faros romanos en actividade
e focos dunha luz moito máis necesaria para a vida e a dignidade
dos pobos que as falan. Desapareceron desde as raíces nalgunhas terras,
na antiga Dalmacia, un supoñer, atafegadas pola supersición doutras linguas.
En Galicia estase a cumprir unha das derradeiras fases dese proceso.
A lingua galega está a desaparecer atafegada pola superposición da lingua castelá.
Superposición e substitución. Dúas dinámicas cómplices e complementarias.
Foi lento o proceso ata hai unhas décadas. Agora é rapidísimo!
O que dela fica na realidade do pobo, na fala popular,
é xa logo unha morea de cascallos da súa ruína, un pardiñeiro, un silveiral,
de onde estes señores van levar, para certificación definitiva desa ruína,
o blasón mesmo do seu nome, desde onde silentemente reclama aínda
os dereitos da súa dignidade. Coma a torre de Mandiá.
E coma tantas outras! Cómprenos berrarmos tamén nós
e, superándomos a anguria e a mágoa, traballarmos en polo menos
manter un recunchiño das ruínas algo limpo e xeitosiño.
Para refuxio e acobillo dos derradeiros, nós, en canto non morremos.
Escríbeme Xaquín:

Nunca tanto me doeu algo aló no fondo colectivo de min mesmo.
Pásame o mesmo que coa inxustiza, a fame e a miseria do mundo.
Ficaremos calados?
Podemos seguir así?
Cando o noxo é moito, provoca náusea.
Xa é un problema de dignidade do nós.

Perdoa se che fago esta confidencia.
Non aturo máis este desacougo.
Teño de verbalizalo. Dicirllo a alguén, a "Deus fratresque Galleciae".
Algún día haberá outra revolta irmandiña, sen paus nin picañas?


Unha aperta.
E cóidate, que non é ben viver anguriados.

Xaquín.

HAC LUCE! PARABÉNS!

XAQUÍN CAMPO FREIRE. 30-06-2009

O Campus Universitario de A Coruña, que inclúe Ferrol, ten como anagrama A Torre de Hércules e como lema, HAC LUCE!: Con este facho, con esta luz, con este guieiro! Parabéns! Que a UNESCO a teña declarado patrimonio histórico cultural da Humanidade non é só unha honra e fachenda para todos, senón unha grandísima responsabilidade de conservación para todas as xeracións anteriores, actuais e vindeiras e así per saecula saeculorum, polos séculos dos séculos e para as xeracións das xeracións das xeracións.

Canto patrimonio histórico temos derrubado para facer valados ou mesmo para empedrar camiños! Dóeme a alma ollar para o Pazo dos Mandiá, cuberto de silveiral, xa sen paredes. E para colmo, hai coma uns oito anos, alguén, parece que da familia, chegaron e, sen máis responsabilidade, arramplaron co escudo da tal liñaxe, que é do patrimonio histórico de Ferrolterra e da Galiza, empezando por Mandiá. Ulo hoxe o tal escudo? Non hai dereito! Somos un pobo sen autoestima, sen sentido da responsabilidade do común. Así nos vai! Ninguén dixo nin chío.
O mesmo está a pasar co galego: Chegan uns señores e fan con el o mesmo ca os do escudo de Mandiá. Ímolo consentir? “DENANTES MORTOS QUE ESCRAVOS!”

Sr. Presidente da Xunta e Ilustres Conselleiros, Sr.Valedor Pobo, (desvaledor?), Sr. Vázquez “J”esús, Sr. Lorenzo e todos cantos estades perseguindo e esnaquizando a lingua galega, canto me asemellades aos do Pazo de Mandiá: Converter todo nun silveiral! Entrades coma xabarís nas pataqueiras. Esa é a conciencia de herdeiros que tendes? Dilapidar o sagrado patrimonio de xeracións e xeracións. Todos os vosos devanceiros e predecesores, coma os meus, foron creadores e conservadores da máis eximia expresión oral do noso común. Por que esa vergoña, por que ese complexo, por que ese autoodio que fai que cuspades na faciana aos vosos e aos nosos avoengos? O dano e desprestixio que xa fixestes en tres meses é infinitamente superior a cantos ataques puido sufrir a nosa fala en toda a súa historia, incluíndo a Ditadura. Quen lle vai dicir hoxe a un neno ou rapaz que estime a súa cultura cando os persoeiros responsábeis que están á fronte a asoballan de tal xeito?

Enchésevos a boca falando da Torre de Hércules. Pura hipocrisía! Está aí a pesares dos intentos de destrución. Grazas ao mundo do mar. De non ser así, xa habería algún “cordial”, “bilingüe” ou “conciliador” que lle tivese botado o ollo para unha urbanización ultra modernista.

Falades de galeguismo “cordial”, “conciliador”, para mellor darlle morte. Non, amigos. Vós sodes mutantes. Volvéstesvos dextrocárdicos, tendes o corazón ao revés de todo o mundo. Queredes cubrirvos co aquel de que só vós sabedes e cultivades idiomas, que só vós estimades o castelán. Non insultedes para encubrir o voso lingüicidio. Os únicos bilingües, de verdade, somos os galego falantes. Da noxo escoitarvos, como desestruturades a sintaxe galega de sempre, que mal colocades os pronomes átonos, como cambiades sen vergoña os xéneros das palabras, etc., etc.! E facédelo en público, ostentando autoridade. Temos dereito a esixirvos dignidade, respecto e algo de exemplo, non si? Non. Non sodes modelo de nada se non é pola destrución e desestruturación. A lingua galega non é tan importante coma a Torre de Hércules? Non é vosa. É patrimonio da humanidade. Non dos deshumanizadores. É patrimonio de todos, voso tamén. Pero, por iso, é responsabilidade sagrada de todos, vosa tamén. Se as xeracións anteriores fixesen o que vós estades a facer coa lingua non só non habería premio da UNESCO, é que xa non habería nin solar, nin rastro, nin restos históricos. Ímolo consentir? “Denantes mortos que escravos!” Castelao dixit.

sábado, 27 de junho de 2009

Mellor lle fora calar!

Houbo, nestes últimos meses, en certos ámbitos sociais
unha campaña a prol da designación de Carballo Calero
como o escritor homenaxeado no Día das Letras de 2010.
Un dos últimos movementos da campaña
constituíno a carta que as concellarías de cultura
das cidades máis importantes de Galicia
dirixiron á RAG apoiando a súa candidatura.
A carta e a campaña devanditas baseaban a oportunidade
de lle dedicar o Día das Letras do próximo ano, apuntando tres razóns:
1ª) don Ricardo ben merecía o seu Día das Letras, por ser el
un dos bos escritores galegos do século XX, sobre todo como autor
da mellor e máis larga obra ensaística sobre temas de lingua e literatura;
2ª) xa ía sendo hora de recoñecer solemnemente
a súa importante contribución á resistencia
e recuperación da cultura e lingua galegas, sobre todo
tendo en conta que xa logo fai vinte anos que finou;
3ª) en 2010 celebrarase o primeiro centenario do seu nacemento
e non estaría nada mal que coincidisen ambos eventos.

Non sei que confianza había, entre os promotores da campaña,
en que esas razóns serían atendidas pola RAG. Supoño que non moita.
O caso é que finalmente foi designado o poeta Uxío Novoneyra,
ben merecente de tal honor sen dúbida ningunha.
Os académicos decidírono así
seica por unanimidade e mais un voto en branco.
Estamos vendo como se chegou a esta decisión. Supoñemos
intervencións a favor de cada un dos tres candidatos:
Uxío Novoneyra, Carballo Calero e Lois Pereiro. Supoñemos
unhas votacións de sondeo, nas que o primeiro eliminado sería
Carballo Calero, precisamente. Ser santo de devoción dos reintegracionistas
sería a razón confesada ou non confesada de tal feito.
Fica o camiño libre do atranco principal.
Entre Uxío Novoneyra e Lois Pereiro a elección non é difícil.
Sen demérito deste, aquel vai moi por diante en varios aspectos,
maiormente no referente a precedencia e maxisterio.
Despois declararía o presidente da RAG que
Lois Pereiro era un candidato sólido a quen lle toca esperar.
Que quixo dicir?
Seica Carballo Calero non cumpre tal condición
e polo tanto xa nada pode esperar?
Non fora mellor que calase...?
Aínda que o pensase ou coidase expresar así
o sentir do colectivo que preside.

http://www.xornal.com/artigo/2009/06/17/cultura/cidades-apoian-candidatura-calero-dia-das-letras/2009061714153760291.html

http://www.xornal.com/opinions/2009/06/26/Opinion/cadris-funcion-publica/2009062619282979872.html

http://www.xornal.com/artigo/2009/06/27/cultura/dia-das-letras-homenaxeara-novoneyra/2009062713344870434.html

sexta-feira, 26 de junho de 2009

Voluntarismo e posibilismo

Voluntarismo e posibilismo
son dúas actitudes case nunca eficaces.
O rendemento delas adoita ser
quedar a moita distancia dos obxectivos propostos.
O voluntarismo desemboca aí por confundir
os medios que cómpren, co ímpeto do desexo.
O posibilismo, polo irenismo e a confianza semicega
na parte contraria, coma se con boa cara se fose conseguir
que esta se achegue á propia estratexia.
Isto é unha "contradictio in terminis".
Sucederá cando a ra bote pelo.

Voluntaristas e posibilistas, ide con xeito.
Se algunha posibilidade tedes de bo suceso,
será a base de vencerdes ou de convencerdes;
calquera outro rumbo é descamiñado.
Ata agora vencéronvos,
non vos deixedes máis veces.

http://www.xornal.com/artigo/2009/06/26/polItica/equipos-normalizacion-abren-dez-vias-consenso/2009062523361017431.html

quinta-feira, 25 de junho de 2009

Non queren guerras co galego...

Agora veñen e din que non queren guerras co galego!
E logo a que levan dous anos preparando?
E logo a que levan catro meses encirrando?

Cada un fala da feira como lle foi nela;
é o dito popular para explicar que poidan darse versións diferentes
sobre un mesmo feito ou acontecemento.
Aquí avántase un paso máis ou centos de pasos para diante,
un salto cualitativo deses que mudan un ente dado noutra cousa.
Aquí afírmanse feitos inexistentes, sucesos non sucedidos.
Aquí chámase vítima ao verdugo e verdugo á vítima,
en aberta e lavada contravención do principio de non contradición.
Aquí todo vale!
Aquí matínase e martélase coa teima da imposición do galego,
do monolingüismo en galego, do interese dunha minoría...
cando en ningures se viu tal nin nunca nun futuro realista se ía ver:
para empezar, é imposíbel o monolingüismo en Galiza,
tan imposíbel como que en plena noite luza o sol.
Xa que milagres non se produciron,
a única explicación que se pode achar
para os asertos do conselleiro e do compañeiro de partido que lle quixo botar unha man,
é a de que, ao tales xuízos eles emitiren,
se non soñan, é que menten.
Eles son, e mais os seus,
os que encetaron e encirran esta guerra.
Que oxalá se deteña en guerra dialéctica!
Aìnda así, pediránselles contas un día.
Ou cedo ou nunca.
Porque, como saír saian coa súa,
xa non haberá pobre lingua á que valerlle.

http://www.xornal.com/artigo/2009/06/25/polItica/conselleiro-educacion-di-apoio-do-psoe-bng-ao-galego-servia/2009062422570544115.html