sábado, 24 de outubro de 2009

A laboura continúa

Achégame Xaquín Campo Freire o texto que, tras a manifestacion do 18 de outubro, foi remitido ás asociacións e persoas de Ferrolterra participantes na organización das actividades de Queremos galego naquela bisbarra, preparando a referida manifestación en Compostela. O texto é claro testemuño do éxito acadado; porén ten tanta ou máis importancia nel a chamada a non descansar tras o éxito. E a razón está en que non se escorrentou aínda o perigo.

Estoutro día un amigo, falándomos dos ventos que trouxeron os trebóns que nos abalan, contábame o caso que lles aconteceu a el á súa familia este verán, cando estaban de vacacións por terras de Castellón. Unha mañá chegaron á praia e buscaron, no medio da moitedume que a ocupaba, un espazo onde coubesen catro. De par da exigua superficie que ocuparon, había unha moito máis larga, coutada ou delimitada por toda clase de pezas de vestido, calzado, bulsas, caldeiros... Estrañoulles tanta acaparación. Supuxeron en van que chegasen máis persoas e se instalasen naquel espazo. Ao final da mañá non pisaran alí máis pés ca os das seis persoas do principio, dunha soa familia ao parecer. Nun momento dado, unha das chancletas que facía funcións de marco estremeiro, desprazouse empurrada, con ou sen intención, contra o espazo ocupado pola familia do meu amigo. A dona deste colleuna con mentes de a volver ao seu sitio. Nunca tal fixese. A nai de familia acaparadora reñeulle así: "¡Esa zapatilla es nuestra, por qué la coge usted! " A dona do noso amigo explicoulle en castelán que a collera para lla devolver, non para quedar con ela. Respondeulle a outra: "¡Oiga usted, haga el favor de hablarme en español y no en esa jerga que he tenido que aguantarles toda la mañana!" Observa o meu amigo: "A miña muller faloulle en castelán, aínda que coa entoación con que nós falamos, xa sabes". A dona do meu amigo non ten precisamente unha entoación excesivamente marcada. Nin é unha persoa que fale pouco en castelán. A muller do meu amigo é enfermeira na sanidade pública e ten uns corenta e cinco anos de idade. No rosto da nai acaparadora víase pintado un odio terríbel naquelas súas alcucucións. A dona do noso amigo, á segunda vez, ficou arrepiada e, no canto de responder, ollou preocupada contra o marido. Este acenoulle no sentido de que non fixese caso.

¿Por que e desde cando se explica o feito de se produciren condutas desa clase? Sempre houbo algo diso entre os españois, maiormente nos tempos da ditadura. Porén, nos casos actuais -acontecidos por España adiante e mesmo nas cidades de Galicia-, poida que o fenómeno estea, se non causado, reforzado por unha serie de campañas en contra das linguas "regionales", témeras campañas promovidas desde distintas esferas, entre elas, as de dous partidos estatais (UpyD e PP). Non saben ben o mal que lle están facendo á pacífica convivencia e cooperación dos pobos, no seo de cada un deles e nas relacións duns cos outros.
Mentres tales campañas non cedan e condutas coma a descrita non sexan colectivamente condenadas, os condenados somos nós e a nosa lingua. Por iso está ben claro que a loita continúa. E de momento estamos sós ante ela. O noso goberno autonómico non pensa defendernos, está claramente da outra parte.

Encolo agora o texto que me achega o amigo Xaquín:

Prezada amiga.
Prezado amigo.

Quero agradecer, no nome da plataforma cívica QUEREMOS GALEGO de Ferrolterra, a inestimábel colaboración da vosa asociación na preparación e desenvolvemento da mobilización nacional en defensa do noso idioma propio o pasado domingo.

O rotundo éxito de participación reforza a nosa intención de continuar co traballo de dignificación do noso principal sinal de identificación como pobo. Somos galegos pola existencia do idioma galego!

A nosa sociedade dotouse duns acordos como o Plan Xeral de Normalización, o decreto que regula a presenza do galego no ensino ou a Carta Europea de linguas, apoiados en consensos moi amplos no eido político, sindical, educativo e social en xeral, que se pretenden rebentar para limitar a presenza pública do galego. Non por ser elevada esta presenza, se non por amosar que era posíbel avanzarmos no proceso de normalización da nosa lingua.

Do mesmo xeito que respectamos o dereito a ser o castelán a lingua normal en Castela, defendemos que no noso país é o galego a nosa lingua propia, sen opoñernos en ningún caso a que o castelán goce dunha regulación que garanta a súa cooficialidade no conxunto do estado español.

Continuaremos, tamén, defendendo que se garanta de novo que o funcionariado galego coñeza a nosa lingua (o dereito á ignorancia non é defendíbel) e, en definitiva, saírmos desta detestábel volta ao franquismo lingüístico.

Lembramos que é posíbel manifestar o teu apoio persoal á plataforma cívica QUEREMOS GALEGO e tamén o da asociación da que fas parte a través da páxina web: www.queremosgalego.org A lexitimidade social da plataforma baséase nas máis de 500 entidades de todo tipo que xa se sumaron.

Remato insistindo no noso agradecemento.


Vai a continuación o documento-carta que concordamos en enviar asinado por todos.

Un saúdo.

Xaquin Campo Frreire


QUEREMOS GALEGO AGRADECE A PRESENZA EN COMPOSTELA.

A Coordinadora da Plataforma QUEREMOS GALEGO de Ferrolterra agradece a todos o esforzo manifestado o día 18 de outubro en Compostela a prol da lingua galega. Desta bisbarra estivemos máis de cinco mil.

QUEREMOS GALEGO somos todos. Pero QUEREMOS GALEGO tamén é unha plataforma plural, suprapartidaria e independente que levou o peso da convocatoria e da organizazón da magna MANIFESTAZÓN.

Mesmo por iso QUEREMOS GALEGO diríxese a ti, persoa ou institución, para darche as grazas pola túa participazón, xa que axudaches a facer posíbel esta grande e fermosa homenaxe de defensa da nosa lingua que está sendo inxustamente perseguida, ata tal punto, que tentan facela desaparecer, como demostra polos feitos e a cotío a Xunta da Galiza, quen ten a obriga constitucional e estatutaria de promovela e defendela.

A nosa lingua e a nosa cultura van ser defendidas polos seus fillos e fillas de todas as idades e condicións. Niso vainos a vida e a supervivencia como pobo e como Comunidade Histórica con todas as consecuencias.

A lingua somos todos nós, pobo común. Por iso cómpre animarnos a seguir. A loita vai para lonxe. Todos temos de estar agradecidos.

Ferrol, 24-10-2009.


Sem comentários:

Enviar um comentário