segunda-feira, 28 de dezembro de 2009

O poste dos fíos é árbore morta


Fago unha nova excepción. Está moi ben achado, amigo Xaquín! Sería pavero se non fose triste.

O Sr. Feijoo e o “sensus plenior” do Bosque Animado

XAQUÍN CAMPO FREIRE, 25-12-2009.

Os eséxetas desenvolveron a comezos do século pasado un criterio de interpretación bíblica coñecido como o sensus plenior: Nas páxinas do AT existe un sentido escondido, máis pleno ou máis profundo, da Escritura, que aínda non se nos ten revelado e que se nos vai ir desvelando no acontecer do decorrer do tempo.

Nos textos literarios é corrente que, detrás dos “nuda facta”, dos «feitos espidos» do primeiro nível, o do sentido literal, haiba tamén outro sentido máis profundo que o autor non sempre pretendeu ou acadou, e porén está á vez expresado e velado polo primeiro sentido, máis superficial e obvio. Eu, nestes días, despois de cincuenta anos, non sei ben por que (si o sei), volvín ler a Wenceslao Fernández Flórez. Un autor galego de corte conservador. Un bo literato. E descubrín algo na Fraga.

Na Estancia Primeira do Bosque Animado hai un “sensus plenior” do que lle acontece á Galiza co Sr. Feijoo, na súa teima por destruír a lingua galega. Sigamos o autor por pasos axeitados. (Recomendo que vexan o texto literal).

“Este é o libro da Fraga de Cecebre”. A descrición coincide co que é a Galiza total, onde, “se alguén quere”, poderá atopar a tenrura necesaria para gustar das súas historias.

Nesta Fraga, Galiza, as árbores loitan a diario por sobrevivir, porque a vida é unha loita. Honrada pero loita rexa.

“E tamén chegou á Fraga, (Galiza), unha personaxe solemne con alma desdeñosa e seca. Veredes”:

“As árbores exercitan distraccións tan inocentes como son elas mesmas”. Gustan de cantar e mesmo falan o seu idioma, que, como son desta Fraga, Galiza, non é outro que o galego.

“Un día chegaron uns homes á Fraga, abriron unha furada e chantaron un poste. Asegurárono ben con pelouros e terra ao seu arredor. Logo prendéronlle varios fíos metálicos e liscaron de alí para continuar tendendo a liña”.

Na Fraga correu unha voz. Temos unha árbore nova na Fraga, na Galiza. Un novo Presidente.

“Como é? Como é el? Como será? É moi elegante! Moi elegante!”, dixeron algúns. E as súas follas son moi delgadas, mesmo coma fíos que non se ve onde acaban. (Algúns maliciosos lembraron “los hilillos” de Rajoy cando aquilo do Prestige). “Penso que quizabes non sexa esta a época axeitada de agromaren os seus xenos", opinou un. "Endexamais vin cousa tal coma esta árbore”.

“Ninguén se atrevía a dirixirse a el, así tan teso e ríxido, que non parecía ter reparado nas presencias alleas.

Pasaron días. Por fin alguén decidiu abrir camiños de diálogo e o piñeiro (Ramón Piñeiro?), moi cortés e agasalleiro, falou así: "Non gustaría o señor de cantar ou mesmo estar de leria connosco, falando coma nós?"

“Eu non canto nunca. E menos falar nesa lingua inútil. Se achegan os seus ouvidos a min, decataranse duns murmurios de conversas. Por min pasan as altas conversas dos importantes. É marabilloso! Eu vivo consagrado á ciencia. Eu son a ciencia! Canto vostedes están a facer nas miñas contornas, son lilainas e sentimentalismos. Decateime ben axiña cando por un intre cometín o erro de abaixarme das miñas abstraccións e analicei esas vosas brincadeiras inúteis”.

As opinións do recentemente chegado foron coñecidas rapidamente por todos na Fraga. Xa ninguén ousou nunca máis falarlle no idioma da Fraga a unha personaxe que vivía tan “a escala universal.” “E os pareceres daquel veciño tan raro e solemne influíron profundamente nas árbores”. “Mesmo o castiñeiro deixou secar as súas follas porque se avergoñaba de ser tan frondoso. E moitas outras árbores consentiron en deixárense morrer para comezaren a seren ‘úteis’. E todo o bosque, grave e entristecido, parecía enfermo, a tal punto que xa nin os paxariños viñan aniñar aquí en toda esta floresta."

“Pasou un tempo. E volveron ao lugar outros homes semellantes a aqueles que o chantaran outrora. Examinárono bourándolle duro cunhas ferramentas e comprobaron que todo el estaba fofo por dentro, comido da couza, e derrubárono. Tan minado estaba que ao caer esnaquizou el só."

Na Fraga, encomendáronlle ao Piñeiro que observase detidamente o sucedido e informara axeitadamente a todos. E o Piñeiro analizou de novo.

- Que tiña dentro? -preguntaron todos ávidos de saberen.

- Couza.

- E que máis?

-- Po.

- E que máis?

--Morte. Xa estaba morto. Sempre estivo morto!

“A Fraga ( a Galiza) recuperou de golpe a súa alma inxenua” e a súa fala, a súa doce fala. A Fraga acadou o “sensus plenior”. E soubo daquela que toda a ciencia consiste en saber que, de canto se pode ver, facer ou pensar sobre a terra, o máis prodixioso, o máis profundo, o máis grave é isto: VIVIR!” “Vivir como galegos”, di o anuncio.

Fican uns interrogantes: descubrir quen está a facer de Xan de Malvís, quen será o Fiz de Cotovelo e cantos forman na estadea da morte daquel poste chantado no Bosque Animado. Quen son a súa Santa Compaña?

Eu seino. Mas prefiro, con moito, que cadaquén o descubra en por si. É moito máis pedagóxico.

Bo Ano 2010 para toda a Fraga. Tamén para vostede, Sr. Presidente! E mil primaveras máis para a ‘inutil’ fala galega. Que, mal que lle pese, no concerto universal de todas as outras, é a nosa.


quarta-feira, 23 de dezembro de 2009

Contra o decreto da cordialidade


Facendo unha excepción aos propósitos expostos na última entrada, encolo aquí esta chamada á alerta. Porque cómpre estarmos vixiantes ante o ataque inminente, o prometido agasallo envelenado do Nadal 09.

Prezados/as amigos/as

Como sabedes, é máis que previsíbel que o anuncio do contido do decreto que derrogará o 124/2007 e que reducirá as porcentaxes de uso do galego no ensino por baixo do 50% que establece o aínda vixente, debemos estar preparados para darmos unha resposta colectiva.

É probábel que o decreto saia estes días de vacacións para dificultar as posibilidades de actuación da plataforma Queremos Galego polo que debemos ser áxiles ter prevista unha resposta rápida e visíbel.

Por este motivo desde a Plataforma Queremos Galego, acodouse a nivel nacional que é necesario ter previstos actos para o día seguinte do anuncio do decreto que poderían ser os seguintes:

A nivel nacional: Concentración o mesmo día pola mañá diante de San Caetano.

A nivel comarcal: nas cidades, no noso caso en Vigo, habería que organizar concentracións e actos de protesta, que poderían ser no Marco, ás 20 horas.

Esta convocatoria urxente ten a dificuldade de que non é posíbel anunciala con suficietne antelación sabendo o día exacto, mais é necesario facer o esforzo de ter sobre aviso a todas as organizacións e persoas integrantes da plataforma das concentracións, e tentar que sexan o máis numerosas posíbeis.

Estes días recibiremos un correo electrónico cun manifesto para lermos en todas as concentracións que se convoquen.

Para estes días de Nadal editouse unha postal para dirixir ao Presidente da Xunta coa intención de que no vindeiro ano do 2010 el tamén QUEIRA GALEGO, podedes recollelas nos locais da CIG e do BNG.

Saúdos cordiais

Marta Dacosta

quarta-feira, 2 de dezembro de 2009

Xa non vai ben (ter)


Xa sabedes o da FAES e El Rei, non si?
Destapouse así unha afinidade deica agora oculta, ou que?
Veloaí na cociña da ideoloxía máis resesa en dereitismo e en nacionalismo español,
e inimiga enrabexada non xa dos "nacionalismos periféricos",
senón de todo sinal de identidade diferenciada no concerto dos pobos de España,
nomeadamente o sinal das súas linguas propias.
Esqueceulle o principio da prudencia, seica!
Que se busca? Avalar unha ideoloxía concreta e unha opción política,
partidista por moi maioritaria que se considere?
E os demais que? Declarados marxinais, excluídos,
condenados ao exilio interior, proscritos, desleixados?
Non era isto! Non era isto!!!

E,de por parte, proseguen GB e GL coas súas teimas de persecución á lingua galega
en nome mentireiro dunha falsa liberdade contra unha inexistente imposición.
Só o noxo e o odio a todo o galego os move.
Non vos chegaría por aí unha pps que pon os galegos a feder e caír dun burro?
A min si. Estoutro día, hai menos dunha semana.
Pode haber persoas tan ruíns entre nós, na nosa sociedade de cotío,
capaces dun odio potencial e radicalmente xenocida?
Pois habelas hainas e xa demos con elas.
Ou cos seus feitos, pensamentos e actitudes,
que aínda é peor.

Con estes avíos e esoutros casos,
pobres de nós!

Neste blogue quixen conxugar a crítica e o humor.
Para este xa estou sen ánimo nin folgos.
A crítica sen humor seméllame aceda.
Non quero que me entristeza a vida.
Deixarei por un tempo de escribir nesta bitácora,
quizais meses.
Se me quixerdes ler sobre outros temas, atoparedes artigos meus
nestoutros blogues:

http://blogdemeu.blogspot.com >sobre crítica cultural e da ideoloxía
http://demeublog.blogspot.com > sobre temas de lingua galega
http://boavila.blogspot.com >sobre temas relacionados coa vila de Pontevedra

No segundo deles deixara de escribir ao encetar Breve-rías. Pareceume daquela necesario
defender a lingua do perigo de extinción por abandono e proscripción antes que atender á súa pureza e integridade como código diferenciado. Voltarei a me entreter nestes temas. É máis agradecido.

Deica outra, amigos!