sexta-feira, 21 de agosto de 2009

Nin con cola

Nin con cola encola
que se adoutrinase
nunha galescola.

Como ideoloxiza?
Coa bandeira e a lingua
propias de Galiza?

Semellante trola
só unha ideoloxía
di da galescola!

Unha ideoloxía
que é a dominante
e non hai "tu tía".

E o peor do asunto
é que lla cren moitos
de maxín defunto.

Pois siga o enterro!

quinta-feira, 20 de agosto de 2009

O da pita xa non ten nome

O da pita non ten nome.
Onde hai lóxica, aí está a razón
se, coma no caso, asenta sobre o real.
Onde hai barullo, asentado por riba en falsidades
e nunha ideoloxía que se di oposta a toda ideoloxía,
vello defecto consistente en ver a palliña no ollo alleo
e non a trabe que atravesa os propios ollos,
aquí é onde nada se ve, porque non hai peor cego...,
aquí é onde a razón voou e non está.



quarta-feira, 12 de agosto de 2009

Eles realistas e nós ilusos

Nós, os ilusos, varremos para fóra o lixo e mais o ouro.
Eles, os realistas e aproveitados, todo o varren para dentro
porque entre o lixo sempre pode ir misturado algún cobre
-e nada se debe desprezar.
Eles son a maioría dos membros da clase media -media alta, media media e media baixa-,
e moitísimos dos que chegan a fin de mes con dificultade nas súas economías domésticas,
é dicir, moitos asalariados case pobres.
Neste sector social hai abondos que deixaron o galego polo castelán,
lingua exclusiva que empregan cos seus fillos e netos.
Neste sector social hai bastantes que,
con máis ou menos sacrificios económicos e persoais,
escolarizan os seus fillos e netos no ensino privado concertado,
por coidaren que así os educan mellor,
os introducen xa desde cativos no ambiente das clases altas
e os sitúan nos primeiros banzos para ascender na escada social.
Nós, os ilusos, que sen sermos ricos puidemos con maior facilidade
facer o que eles fan e bastante máis polos nosos fillos,
nós, inspirados por uns principios éticos humanistas, empeñámonos
en os escolarizarmos no ensino público,
en os ensinarmos a compartir en vez de competir,
a se comportaren altruistamente en vez de egoistamente,
a orientaren a vida pensando no servizo e o ben común do pobo
tanto ou máis do que no interese privado, sexa persoal ou familiar.

Os lemas inspiradores da conduta social dos realistas e aproveitados son ben coñecidos.
Nalgúns ditos e refráns exprésanse axeitadamente os seus valores;
coma, por exemplo, nestes dous:
1) Todo o que vén á rede é peixe
2) Al que a buen árbol se arrima, buena sombra le cobija.

Estes son maioría na nosa sociedade. Canto máis materialista, pragmatista e non ilustrada é esta, tanto aumenta o número dos realistas aproveitados. Ao seu incremento colaboran as crises económicas. Este sector social, o menos ilustrado, erra case sempre á hora de identificar as causas das coxunturas socioeconómicas ruíns; por iso acontece, contraditoriamente, que a solución a esperan dos mesmos que causaron o problema. Os realistas aproveitados confían, máis ca nos seus méritos, no favor dos grandes. Dunha boa recomendación esperan o acougo definitivo da loita polo pan e o senso da vida. Non lles fai falla xa a mediación dos caciques. Eles mesmos, directamente ou a través dos medios de comunicación, teñen os seus ollos postos nas mans dos poderosos; non tanto nas dos homes e mulleres donos de inmensas fortunas, pois ben entenden que estas mans máis anuncian do que adoitan dar, senón nas dos seus pregoeiros, militantes significados de certos partidos políticos.

Así, unha parte importante dos asalariados de baixo poder adquisitivo e escasa formación cultural, cuxa conduta se atén, como valores principais, aos do logro persoal e o ascenso social, é un viveiro vizoso de votos para os partidos de dereitas. O futuro da lingua galega e dunha ética social altruísta preséntasenos moi negro mentres este sector se nutra, coma no momento presente, de cada vez máis individuos. A actual crise económica favorece o seu incremento. E nós, os ilusos, que no medio das dificultades presentes ata certo punto imos pasando ben, tamén non nos mobilizamos. E así todo colabora ao deterioro do clima ético e da tensión perfectiva da sociedade galega.

domingo, 9 de agosto de 2009

Non hai efecto sen causa

Transcríbese a seguir un comentario, publicado onte en xornal.com, referente a unhas declaracións da presidenta do parlamento galego, nas que, entre outras ideas, se expresaba estas dúas: a) a xente nova galega emprega maioritariamente o castelán, non o galego, e por algo será -engade-; b) o bipartito fíxolle moito dano ao galego, mediante a súa imposición, enténdese.

Co comentario que se transcribe, este blogueiro está totalmente de acordo. Aínda que habería que arrequecer a relación de causas polas que a mocidade galega fala agora maioritariamente en castelán. Os que temos máis anos e levamos feitos, durante xa case medio século, análises e proxectos referentes á situación lingüística e cultural deste país, sabemos moito máis desa realidade do que poida saber unha xeración esnobe que irrompeu ultimamente na sociedade cunha superficialidade directamente proporcional ao poder acadado de resultas do xogo da democracia.

Por algo será...? Pois claro!
Tucho
2009-08-09 16:14:05


Cando di "Por algo será", que busca ou quere dicir? Busca causas, sinala culpas? As causas son múltiples. E as culpas vanlles anexas. Entre aquelas, velaí as tres máis importantes, polo menos se pensamos nos últimos trinta anos. Unha é política lingüística seguida neses anos: tímida, mentida, contraria ao espírito e mesmo á letra da Lei de Normalización... Outra causa, favorecida máis ca contrarrestada pola causa anterior: o incremento da presenza do castelán en Galicia nesas tres décadas a través de medios de comunicación social, produtos da cultura de masas, ámbitos de lecer..., fronte a unha diminución da presenza do galego en todos eses e moitos outros ámbitos. Terceira causa de que os mozos falen cada vez máis castelán e menos galego: a familia, a escola e outros ámbitos onde o neno se forma e socializa lingüísticamente. Por unha banda, os pais e avós que aínda falan galego entre si, na maioría desertaron de o faceren cos seus fillos e netos. No caso da minoría que non desertou, os rapaces pásanse ao castelán como lingua principal de relación fóra da casa, e isto sucede por influencia do ambiente escolar -inmersión en castelán, contra todo o que se diga- e noutros ámbitos onde os rapaces se forman e socializan -igrexas, clubes, grupos de iguais... O que nos quere dar a entender a Sra. Rojo semella ser ben diferente. Coma se a xente nova entendese mellor o que lles convén e o escollesen natural e libremente. Grande erro! As causas non as hai que buscar neles, senón nos adultos e ámbitos sociais responsables da súa socialización. Se se oculta isto e se suxire outra cousa, mal nos seguirá indo. Mentres as causas verdadeiras non se recoñezan, pouca esperanza hai de poder acorrer aos males causados polo proceso de demonización do galego e da súa masiva substitución polo castelán. Outra cousa que habería que notar, é que o bipartito non impuxo o galego. Aínda que quixese, non podería. Non tivo tempo. O decreto que agora se quere derrogar, saíu hai agora dous anos xustos. Sería extraordinario que en ano e medio fixese ese grave dano que o PP di.

domingo, 2 de agosto de 2009

Nós, os iluminados

Nós, os iluminados
Carta aberta ao amigo Xaquín

Benquerido Xaquín

Aínda non saín do abraio que me produciu a lectura do artigo de AP que me enviabas onte. Pasando un pouco á análise, poreiche uns exempliños.

Ti entendes seren ben asisadas expresións coma esa de que "durante cuatro años el gallego ha tenido carácter clasista y perteneció a la superestructura ideológica de la sociedad, siendo instrumento de dominación al servicio de la clase política dominante"? Eu nunca vin un caso semellante de a terminoloxía marxista ser usada con tanta impropiedade, tan estrañamente á maneira clásica de significar e referir. Enténdese porén o que quere dicir. E iso que quere dicir é unha falsidade inmensa. Non houbo tal. Sabe AP o que é iso de "ter carácter clasista"? O carácter clasista connatural á nosa lingua desde hai tempo é aquel polo que se converteu en sinal capaz de identificar a clase baixa da sociedade galega. E o que AP quere dicir é máis ben o contrario. E aínda nin iso. Pois non sabe ben o que di.

De onde sacou el que existen clases políticas, dominantes ou dominadas? As que existen, ou existiron, son as clases sociais. E xa fan falta lentes de moito aumento para poder ter visto nos catro últimos anos a lingua galega desbancando o castelán no aparello ideolóxico de estado, pois supoño que para aí apuntan os seus desatinados tiros ideoloxizados. Non é el mesmo un membro da clase social dominante na Galiza? Abofé que si! O acceso dos partidos socialista e beneguistas ao goberno da Xunta non cambiou, nin podería cambiar por moito que se matasen, a realidade da estrutura e superestrutura da sociedade galega nestes últimos escasos catro anos.

Noutra orde de cousas, que tristén me causou ler o que di do moito que lle quere a "el gallego [...], un elemento de nuestro pasado, digno de ser conocido y apreciado, pero nada más" porque, no seu discorrer, xa non é o instrumento de comunicación para a maioría dos que nacemos ou vivimos en Galiza. E logo, para remachar ben o golpe cun toque de autoridade filosófico-moral, seica hai que ser realistas, por ser "el realismo, punto de partida natural para tomar decisiones éticas adecuadas". Sendo así, cumprirá desistirmos para sempre da máis mínima utopía. O criterio fundamental para decidir o carácter ético dunha conduta, supoño que en todos os eidos -lingüístico, laboral, económico, etc.-, é o "realismo", é dicir, depende de que sexa a ben vista e adoptada pola maioría da sociedade ou, quizais, pola clase social máis poderosa. Valente filosofía moral, de inspiración pretendidamente cristiá, aínda por riba!

E, finalmente, xa non che vou dicir nada da aldraxe que profire ao nos cualificar de "minoría iluminada", sen lle importar un pemento nin cantos somos nin a fasquía crítica e humanista da nosa proposta. Xa fai falta ser ousado e soberbio! A culpa non é del, senón de quen lle fai caso!

Sen máis, saúde e paz. Aburiño