quarta-feira, 12 de agosto de 2009

Eles realistas e nós ilusos

Nós, os ilusos, varremos para fóra o lixo e mais o ouro.
Eles, os realistas e aproveitados, todo o varren para dentro
porque entre o lixo sempre pode ir misturado algún cobre
-e nada se debe desprezar.
Eles son a maioría dos membros da clase media -media alta, media media e media baixa-,
e moitísimos dos que chegan a fin de mes con dificultade nas súas economías domésticas,
é dicir, moitos asalariados case pobres.
Neste sector social hai abondos que deixaron o galego polo castelán,
lingua exclusiva que empregan cos seus fillos e netos.
Neste sector social hai bastantes que,
con máis ou menos sacrificios económicos e persoais,
escolarizan os seus fillos e netos no ensino privado concertado,
por coidaren que así os educan mellor,
os introducen xa desde cativos no ambiente das clases altas
e os sitúan nos primeiros banzos para ascender na escada social.
Nós, os ilusos, que sen sermos ricos puidemos con maior facilidade
facer o que eles fan e bastante máis polos nosos fillos,
nós, inspirados por uns principios éticos humanistas, empeñámonos
en os escolarizarmos no ensino público,
en os ensinarmos a compartir en vez de competir,
a se comportaren altruistamente en vez de egoistamente,
a orientaren a vida pensando no servizo e o ben común do pobo
tanto ou máis do que no interese privado, sexa persoal ou familiar.

Os lemas inspiradores da conduta social dos realistas e aproveitados son ben coñecidos.
Nalgúns ditos e refráns exprésanse axeitadamente os seus valores;
coma, por exemplo, nestes dous:
1) Todo o que vén á rede é peixe
2) Al que a buen árbol se arrima, buena sombra le cobija.

Estes son maioría na nosa sociedade. Canto máis materialista, pragmatista e non ilustrada é esta, tanto aumenta o número dos realistas aproveitados. Ao seu incremento colaboran as crises económicas. Este sector social, o menos ilustrado, erra case sempre á hora de identificar as causas das coxunturas socioeconómicas ruíns; por iso acontece, contraditoriamente, que a solución a esperan dos mesmos que causaron o problema. Os realistas aproveitados confían, máis ca nos seus méritos, no favor dos grandes. Dunha boa recomendación esperan o acougo definitivo da loita polo pan e o senso da vida. Non lles fai falla xa a mediación dos caciques. Eles mesmos, directamente ou a través dos medios de comunicación, teñen os seus ollos postos nas mans dos poderosos; non tanto nas dos homes e mulleres donos de inmensas fortunas, pois ben entenden que estas mans máis anuncian do que adoitan dar, senón nas dos seus pregoeiros, militantes significados de certos partidos políticos.

Así, unha parte importante dos asalariados de baixo poder adquisitivo e escasa formación cultural, cuxa conduta se atén, como valores principais, aos do logro persoal e o ascenso social, é un viveiro vizoso de votos para os partidos de dereitas. O futuro da lingua galega e dunha ética social altruísta preséntasenos moi negro mentres este sector se nutra, coma no momento presente, de cada vez máis individuos. A actual crise económica favorece o seu incremento. E nós, os ilusos, que no medio das dificultades presentes ata certo punto imos pasando ben, tamén non nos mobilizamos. E así todo colabora ao deterioro do clima ético e da tensión perfectiva da sociedade galega.

Sem comentários:

Enviar um comentário