domingo, 2 de agosto de 2009

Nós, os iluminados

Nós, os iluminados
Carta aberta ao amigo Xaquín

Benquerido Xaquín

Aínda non saín do abraio que me produciu a lectura do artigo de AP que me enviabas onte. Pasando un pouco á análise, poreiche uns exempliños.

Ti entendes seren ben asisadas expresións coma esa de que "durante cuatro años el gallego ha tenido carácter clasista y perteneció a la superestructura ideológica de la sociedad, siendo instrumento de dominación al servicio de la clase política dominante"? Eu nunca vin un caso semellante de a terminoloxía marxista ser usada con tanta impropiedade, tan estrañamente á maneira clásica de significar e referir. Enténdese porén o que quere dicir. E iso que quere dicir é unha falsidade inmensa. Non houbo tal. Sabe AP o que é iso de "ter carácter clasista"? O carácter clasista connatural á nosa lingua desde hai tempo é aquel polo que se converteu en sinal capaz de identificar a clase baixa da sociedade galega. E o que AP quere dicir é máis ben o contrario. E aínda nin iso. Pois non sabe ben o que di.

De onde sacou el que existen clases políticas, dominantes ou dominadas? As que existen, ou existiron, son as clases sociais. E xa fan falta lentes de moito aumento para poder ter visto nos catro últimos anos a lingua galega desbancando o castelán no aparello ideolóxico de estado, pois supoño que para aí apuntan os seus desatinados tiros ideoloxizados. Non é el mesmo un membro da clase social dominante na Galiza? Abofé que si! O acceso dos partidos socialista e beneguistas ao goberno da Xunta non cambiou, nin podería cambiar por moito que se matasen, a realidade da estrutura e superestrutura da sociedade galega nestes últimos escasos catro anos.

Noutra orde de cousas, que tristén me causou ler o que di do moito que lle quere a "el gallego [...], un elemento de nuestro pasado, digno de ser conocido y apreciado, pero nada más" porque, no seu discorrer, xa non é o instrumento de comunicación para a maioría dos que nacemos ou vivimos en Galiza. E logo, para remachar ben o golpe cun toque de autoridade filosófico-moral, seica hai que ser realistas, por ser "el realismo, punto de partida natural para tomar decisiones éticas adecuadas". Sendo así, cumprirá desistirmos para sempre da máis mínima utopía. O criterio fundamental para decidir o carácter ético dunha conduta, supoño que en todos os eidos -lingüístico, laboral, económico, etc.-, é o "realismo", é dicir, depende de que sexa a ben vista e adoptada pola maioría da sociedade ou, quizais, pola clase social máis poderosa. Valente filosofía moral, de inspiración pretendidamente cristiá, aínda por riba!

E, finalmente, xa non che vou dicir nada da aldraxe que profire ao nos cualificar de "minoría iluminada", sen lle importar un pemento nin cantos somos nin a fasquía crítica e humanista da nosa proposta. Xa fai falta ser ousado e soberbio! A culpa non é del, senón de quen lle fai caso!

Sen máis, saúde e paz. Aburiño

Sem comentários:

Enviar um comentário