segunda-feira, 28 de dezembro de 2009

O poste dos fíos é árbore morta


Fago unha nova excepción. Está moi ben achado, amigo Xaquín! Sería pavero se non fose triste.

O Sr. Feijoo e o “sensus plenior” do Bosque Animado

XAQUÍN CAMPO FREIRE, 25-12-2009.

Os eséxetas desenvolveron a comezos do século pasado un criterio de interpretación bíblica coñecido como o sensus plenior: Nas páxinas do AT existe un sentido escondido, máis pleno ou máis profundo, da Escritura, que aínda non se nos ten revelado e que se nos vai ir desvelando no acontecer do decorrer do tempo.

Nos textos literarios é corrente que, detrás dos “nuda facta”, dos «feitos espidos» do primeiro nível, o do sentido literal, haiba tamén outro sentido máis profundo que o autor non sempre pretendeu ou acadou, e porén está á vez expresado e velado polo primeiro sentido, máis superficial e obvio. Eu, nestes días, despois de cincuenta anos, non sei ben por que (si o sei), volvín ler a Wenceslao Fernández Flórez. Un autor galego de corte conservador. Un bo literato. E descubrín algo na Fraga.

Na Estancia Primeira do Bosque Animado hai un “sensus plenior” do que lle acontece á Galiza co Sr. Feijoo, na súa teima por destruír a lingua galega. Sigamos o autor por pasos axeitados. (Recomendo que vexan o texto literal).

“Este é o libro da Fraga de Cecebre”. A descrición coincide co que é a Galiza total, onde, “se alguén quere”, poderá atopar a tenrura necesaria para gustar das súas historias.

Nesta Fraga, Galiza, as árbores loitan a diario por sobrevivir, porque a vida é unha loita. Honrada pero loita rexa.

“E tamén chegou á Fraga, (Galiza), unha personaxe solemne con alma desdeñosa e seca. Veredes”:

“As árbores exercitan distraccións tan inocentes como son elas mesmas”. Gustan de cantar e mesmo falan o seu idioma, que, como son desta Fraga, Galiza, non é outro que o galego.

“Un día chegaron uns homes á Fraga, abriron unha furada e chantaron un poste. Asegurárono ben con pelouros e terra ao seu arredor. Logo prendéronlle varios fíos metálicos e liscaron de alí para continuar tendendo a liña”.

Na Fraga correu unha voz. Temos unha árbore nova na Fraga, na Galiza. Un novo Presidente.

“Como é? Como é el? Como será? É moi elegante! Moi elegante!”, dixeron algúns. E as súas follas son moi delgadas, mesmo coma fíos que non se ve onde acaban. (Algúns maliciosos lembraron “los hilillos” de Rajoy cando aquilo do Prestige). “Penso que quizabes non sexa esta a época axeitada de agromaren os seus xenos", opinou un. "Endexamais vin cousa tal coma esta árbore”.

“Ninguén se atrevía a dirixirse a el, así tan teso e ríxido, que non parecía ter reparado nas presencias alleas.

Pasaron días. Por fin alguén decidiu abrir camiños de diálogo e o piñeiro (Ramón Piñeiro?), moi cortés e agasalleiro, falou así: "Non gustaría o señor de cantar ou mesmo estar de leria connosco, falando coma nós?"

“Eu non canto nunca. E menos falar nesa lingua inútil. Se achegan os seus ouvidos a min, decataranse duns murmurios de conversas. Por min pasan as altas conversas dos importantes. É marabilloso! Eu vivo consagrado á ciencia. Eu son a ciencia! Canto vostedes están a facer nas miñas contornas, son lilainas e sentimentalismos. Decateime ben axiña cando por un intre cometín o erro de abaixarme das miñas abstraccións e analicei esas vosas brincadeiras inúteis”.

As opinións do recentemente chegado foron coñecidas rapidamente por todos na Fraga. Xa ninguén ousou nunca máis falarlle no idioma da Fraga a unha personaxe que vivía tan “a escala universal.” “E os pareceres daquel veciño tan raro e solemne influíron profundamente nas árbores”. “Mesmo o castiñeiro deixou secar as súas follas porque se avergoñaba de ser tan frondoso. E moitas outras árbores consentiron en deixárense morrer para comezaren a seren ‘úteis’. E todo o bosque, grave e entristecido, parecía enfermo, a tal punto que xa nin os paxariños viñan aniñar aquí en toda esta floresta."

“Pasou un tempo. E volveron ao lugar outros homes semellantes a aqueles que o chantaran outrora. Examinárono bourándolle duro cunhas ferramentas e comprobaron que todo el estaba fofo por dentro, comido da couza, e derrubárono. Tan minado estaba que ao caer esnaquizou el só."

Na Fraga, encomendáronlle ao Piñeiro que observase detidamente o sucedido e informara axeitadamente a todos. E o Piñeiro analizou de novo.

- Que tiña dentro? -preguntaron todos ávidos de saberen.

- Couza.

- E que máis?

-- Po.

- E que máis?

--Morte. Xa estaba morto. Sempre estivo morto!

“A Fraga ( a Galiza) recuperou de golpe a súa alma inxenua” e a súa fala, a súa doce fala. A Fraga acadou o “sensus plenior”. E soubo daquela que toda a ciencia consiste en saber que, de canto se pode ver, facer ou pensar sobre a terra, o máis prodixioso, o máis profundo, o máis grave é isto: VIVIR!” “Vivir como galegos”, di o anuncio.

Fican uns interrogantes: descubrir quen está a facer de Xan de Malvís, quen será o Fiz de Cotovelo e cantos forman na estadea da morte daquel poste chantado no Bosque Animado. Quen son a súa Santa Compaña?

Eu seino. Mas prefiro, con moito, que cadaquén o descubra en por si. É moito máis pedagóxico.

Bo Ano 2010 para toda a Fraga. Tamén para vostede, Sr. Presidente! E mil primaveras máis para a ‘inutil’ fala galega. Que, mal que lle pese, no concerto universal de todas as outras, é a nosa.


Sem comentários:

Enviar um comentário