CARTA ABERTA AO DIRECTOR DE BREVE-RIAS NO ANINOVO
Narón, 01-01.2010.
Benquerido Sr. Portas Ferro, Don Xesús:
Un saúdo e felicitacións de Aninovo, de Ano Novo 2010 e polo seu onomástico, que mesmo está a caer, neste ano día 3 de xaneiro.
Vaian tamén os parabéns polo seu medio de comunicación BREVE-RIAS. Modesto, se se quer, mas endexamais “insignificante” e moito menos inútil. Todo o contrario.
Dicía o Catecismo do P. Astete, que para os antigos, coma min, é un punto de referencia habitual, obrigado e mesmo criterio de autoridade moral:
-. “E se alguén xura algunha vez facer unha cousa mala, que lle cómpre facer?
-. “R.- Debe arrepentirse seriamente de ter xurado e non cumprir endexamais o que xurou.”
Nos intres actuais e coa que está a caer, ningunha axuda, ningún medio de expresión, ningunha canle de opinión civilizada e plural é inútil e moito menos “insignificante”.
Reconsidere a decisión de pechar BREVE-RÍAS e deixe aberta esa fiestra a quen queira colaborar.
Por outra parte, que siga nas hemerotecas, pode ser unha fonte de consulta, de información e mesmo de criterio de cita autorizada. Se non existe, non hai tal posibilidade.
Espero que lle dea publicidade a esta misiva interesada, non só por min, que tamén, pero principalmente por Galiza e a súa lingua, á que lle temos de procurar con toda clase de loitas e esforzos lexítimos, as prometidas “mil primaveras máis”
“Deus fratresque Galleciae: Os bos e xenerosos a nosa voz entenden e con arroubo atenden o noso ronco son.”.
Dese rexo e ronco son BREVE-RIAS é un eco saliente e senlleiro. Parabéns!
Sempre seu.
Xaquín Campo Freire
Sem comentários:
Enviar um comentário